DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2006 Páx. 5.959

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 30 de marzo de 2006 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria para o fomento e realización de actividades de voluntariado e se procede á súa convocatoria para o ano 2006.

No Decreto 517/2005, do 6 de outubro, establécese a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. No seu artigo 6 punto 2.2.b) establécese que lle corresponde á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, a xestión e coordinación das actuacións da Secretaría Xeral do Benestar en materia de voluntariado, así como a elaboración e o seguimento do Plan Galego de Fomento e Promoción da Acción Voluntaria e a xestión do sistema de Rexistro Autonómico das Entidades de Acción Voluntaria. Tamén será a súa función o desenvolvemento das actuacións de promoción, investigación, asistencia e formación en materia de voluntariado e todas aquelas segundo o disposto na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado, actuacións que necesariamente deberán influír no desenvolvemento comunitario.

Esta convocatoria tramítase de acordo co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no establecido na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron concedidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria para o fomento e realización de actividades de voluntariado durante o ano 2006 e dentro do establecido na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios

de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas serán as entidades de acción voluntaria de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2006 e que se desenvolvan dentro das áreas de actuación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

1. Para poder ser beneficiario destas axudas será condición imprescindible que as entidades estean inscritas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Polo contrario non poderán solicitalas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4º.-Contía máxima da axuda.

As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2006.05.32.212F.480.0 (proxecto 2003 00513) por un importe de 445.121,00 A (catrocentos corenta e cinco mil cento vinte e un euros) segundo o establecido na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 5º.-Conceptos subvencionables.

1. Serán conceptos subvencionables os gastos correntes que deriven da realización das actividades de voluntariado recollidas no proxecto presentado e que se leven a cabo antes do 15 de outubro de 2006.

2. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimento.

Artigo 6º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes, xunto coa documentación, dirixiranse ao vicepresidente da Igualdade e do Benestar, presentaranse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre

as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As solicitudes cubertas segundo o modelo do anexo I presentaranse xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do representante legal da entidade.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Certificación orixinal dunha entidade bancaria da conta da entidade onde se fará o ingreso da subvención.

d) Certificación expedida polo secretario da entidade co visto e prace do representante legal (anexo II), que recolla: o acordo do órgano que teña asumida a competencia en virtude da cal se solicita a subvención, a acreditación da persoa que desempeña o cargo do representante legal, así como o conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

e) Proxecto detallado das actividades que incluirá, como mínimo, as seguintes epígrafes:

-Denominación,

-Obxectivos perseguidos,

-Enumeración e descrición das actividades do proxecto, indicando por cada unha delas os seguintes aspectos: número estimado de beneficiarios, lugar e data de realización.

-Recursos humanos: nº voluntarios e de persoal contratado dedicado parcial/totalmente ao proxecto (ou que se prevé a súa implicación no proxecto).

-Orzamento, onde se indicarán os gastos consonte os seguintes conceptos: material funxible, gastos de recursos humanos, gastos da realización da actividade, seguro de voluntarios, outros (especificar).

3. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do devandito requirimento, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se considerará desistido na súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

Artigo 7º.-Instrución e resolución.

1. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, crearase unha comisión de valoración para o efecto que estará presidida polo director xeral de Xuventude e Solidariedade ou a persoa en que delegue. Constituirana ademais o/a subdirector/a xeral de Solidariedade e Participación, a xefa do Servizo de Solidariedade que actuará como secretaria, 2 técnicos da Subdirección Xeral de Solidariedade e Participación e un representante de cada unha das delegacións provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

3. As solicitudes admitidas remitiránselle á comisión de valoración para que, unha vez avaliadas, proceda a propor a concesión ou denegación das axudas seguindo os criterios de valoración establecidos no artigo 8º.

A comisión proporá a contía das axudas correspondentes a cada entidade ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

A valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo 7º. No devandito procedemento teranse en conta os seguintes criterios preferenciais:

a) A calidade técnica na formulación do proxecto, ata un máximo de 10 puntos.

b) A realización de actividades de voluntariado dirixidas a tratar as distintas necesidades que afectan hoxe en día a sociedade, ata un máximo de 5 puntos.

c) A innovación do proxecto presentado, ata un máximo de 10 puntos.

d) A utilización de novas tecnoloxías, ata un máximo de 5 puntos.

e) A programación e execución de actividades de formación do voluntariado, ata un máximo de 10 puntos.

f) A integración da entidade en redes, plataformas, federacións ou calquera outro tipo de entidade similar, ata un máximo de 10 puntos.

g) A cooperación con outras entidades de acción voluntaria de Galicia na programación e realización de actividades do proxecto presentado, ata un máximo de 10 puntos.

h) O grao de cumprimento do solicitante nas subvencións outorgadas en convocatorias anteriores, se é o caso, ata un máximo de 10 puntos.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Á vista das valoracións emitidas pola comisión de valoración e recollidas na acta da reunión o director xeral de Xuventude e Solidariedade elevará unha proposta de resolución e o vicepresidente da Igualdade e do Benestar ditará a resolución de concesión ou denegación da axuda ou subvención solicitada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de nove meses. O prazo computarase a partir da publicación desta convocatoria.

Ao vencemento do prazo máximo sen se ter notificado a resolución aos interesados poderá entenderse desestimada a solicitude de concesión da subvención, por silencio administrativo.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde e nas correspondentes ordes de convocatoria esgotarán a vía administrativa e, contra elas, caberá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, regularora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Xustificación da axuda concedida.

1. A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente pagamento é a que establece a presente convocatoria, é dicir, o 15 de outubro de 2006. Para isto o beneficiario deberá presentar na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou nas delegacións provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e o procedemento administrativo común, a seguinte documentación por duplicado:

1. Certificación expedida polo secretario da entidade co visto e prace do representante legal (anexo III) na que se farán constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto, procedentes das

distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, as actividades realizadas segundo o proxecto presentado.

b) A relación de actividades realizadas.

c) O importe do gasto efectuado (en cifras e letra).

d) O cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención.

2. Acreditar a realización das actividades mediante a entrega dos orixinais ou copias cotexadas de facturas, nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, certificacións bancarias e demais medios establecidos no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación a que se refire o artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro que consideren convenientes. No caso de que o beneficiario non os remitise dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 12º.-Concorrencia de subvencións públicas e modificacións da resolución.

1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditada polo órgano concedente logo da instrución do correspondente expediente.

Artigo 13º.-Pagamento.

As subvencións aboaranse despois da correcta xustificación dos gastos realizados segundo o artigo 11 desta orde e do previsto no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desen

volve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A subvención farase efectiva nun único pagamento ao achegar xustificantes de ter realizadas as actividades segundo o proxecto presentado polo importe total subvencionado, non obstante, poderanse facer pagamentos parciais, de acordo co artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ata un máximo do 80% da contía total concedida na medida en que se vaia xustificando. O restante 20% aboarase cando se rematen totalmente as actividades subvencionadas.

Artigo 14º.-Obrigas do beneficiario.

As entidades de acción voluntaria que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 78.4º do Decreto 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Están tamén obrigadas a cumprir os seguintes requisitos:

a) Non modificar a programación de actividades do proxecto presentado sen autorización expresa do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

b) Facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que vaia efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

d) Remitir unha memoria explicativa das actividades realizadas consonte o proxecto presentado, antes do 31 de xaneiro de 2007, que incluirá, como mínimo, as seguintes epígrafes: obxectivos acadados, descrición das actividades desenvolvidas especificando, por cada unha delas, o lugar e datas de realización, o número de beneficiarios e o persoal implicado na súa execución (voluntariado e persoal remunerado).

Artigo 15º.-Fiscalización e control.

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 16º.-Reintegro das axudas ou subvencións.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora devengados desde o

momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido en supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 17º.-Publicidade.

Unha vez ultimada a concesión das axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da entidade beneficiaria, contía e finalidade da subvención, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de que unha vez ditada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

Segunda.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e demais normas de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA