DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2006 Páx. 5.879

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 31 de marzo de 2006 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para actividades realizadas por escolas de tempo libre e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27.22º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 232/2005, do 11 de agosto, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 1 a estrutura básica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que conta coa Secretaría Xeral do Benestar á que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, desenvolvido polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

Ante a importancia que hoxe adquire a organización de actividades de tempo libre e de utilización do lecer polos mozos e mozas, así como a axeitada formación dos responsables e técnicos de actividades de animación sociocultural, debe apoiarse o traballo que realizan as escolas de tempo libre existentes na nosa comunidade autónoma, na medida en que son centros recoñecidos oficialmente pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para impartir esa formación específica.

A realización de cursos ordinarios para a obtención dos títulos establecidos oficialmente en materia de tempo libre e animación sociocultural, como aqueloutros máis específicos de perfeccionamento e actualización para as persoas xa tituladas, así como outras actividades formativas nesa materia, é cometido das escolas de tempo libre, entidades que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, pretende promocionar coa convocatoria destas axudas.

Esta convocatoria axústase ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no esta

blecido na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, así como ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta disposición ten por obxecto establecer as bases que rexen as axudas para actividades realizadas, desde o 1 de xaneiro de 2006, por escolas de tempo libre, sen ánimo de lucro. Para efectos de xustificación, os gastos subvencionables serán os realizados ata o 15 de outubro, data límite de xustificación da axuda.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes programas de actividades:

a) Cursos de formación para dirixentes ou responsables de asociacións xuvenís.

b) Cursos de directores e monitores en actividades de tempo libre.

c) Organización e participación en conferencias, xornadas e congresos sobre as temáticas de tempo libre.

d) Realización de actividades de carácter socioeducativo dirixidas a tratar as distintas problemáticas que hoxe en día afectan a mocidade.

e) Intercambios técnicos con outras escolas de tempo libre, comunidades autónomas e países estranxeiros.

3. Quedan excluídos, para os efectos de subvención, os programas docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo. Tamén estarán excluídos os gastos derivados do normal funcionamento da escola. Igualmente, en concordancia coa aplicación orzamentaria que financia estas axudas, exclúense os posibles gastos das escolas que se consideren investimento ou sexan destinados a mercar material inventariable.

4. En todo caso, en canto aos gastos subvencionables, haberá que aterse ao disposto no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar financiará as ditas subvencións con cargo á partida orzamentaria 05.32.355B.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, cunha contía de 67.500 A.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvención as escolas de tempo libre sen ánimo de lucro inscritas no rexistro oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (Diario Oficial de Galicia nº 49, do 10 de marzo).

2. Será requisito imprescindible para poder solicitar a subvención ter xustificado debidamente as axudas recibidas no último ano.

3. As escolas de tempo libre que sexan promovidas por persoas físicas ou xurídicas con ánimo de lucro non poderán ser beneficiarias destas axudas.

Artigo 4º.-Documentación.

1. As solicitudes, co formato do impreso de solicitude (anexo), serán dirixidas ao director xeral de Xuventude e Solidariedade, podendo presentarse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Se o expediente se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que a solicitude sexa datada e selada polo funcionario de Correos antes de proceder á súa certificación.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI da persoa que subscriba a solicitude e a acreditación da súa lexitimación como representante da entidade, mediante certificación do secretario da entidade ou fotocopia compulsada da acta na que se recolla a composición do órgano de dirección.

b) Breve memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar.

c) Orzamento de ingresos e gastos da actividade.

d) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 42 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

4. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese se considerará que desistiu da súa petición, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da referida lei.

5. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade poderá demandar do solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude. Deles levantarase acta sucinta, que se incorporará ao procedemento.

Artigo 5º.-Contía máxima de subvención.

1. A contía da axuda concedida non poderá superar o 75% do orzamento total das actividades subvencionadas.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do gasto subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A avaliación dos proxectos presentados farase tendo en conta os seguintes criterios:

1. Número de cursos ofertados, ata 30 puntos.

2. Número de participantes neles, ata 20 puntos.

3. Continuidade na realización de conferencias ou intercambios que xeren unha rede de colaboración, no ámbito do tempo libre, ata 15 puntos.

4. Actividades que promovan a participación social da mocidade, ata 15 puntos.

5. Actividades en que a finalidade formativa, cultural ou de integración social primen sobre as simplemente recreativas, ata 15 puntos.

6. Vocación de formación na xestión das asociacións, tanto na económica como na de proxectos, favorecendo a repartición de responsabilidades entre os seus membros, ata 5 puntos.

Artigo 7º.-Comisión de Avaliación.

As solicitudes admitidas a trámite serán avaliadas pola Comisión de Avaliación, que terá a seguinte composición:

Presidente: o subdirector xeral de Centros e Servizos á Xuventude.

Vogal: o/a xefe/a do Servizo de Promoción de Actividades e Servizos.

Vogal: a xefa do Servizo de Programas.

Vogal: a xefa do Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

Secretaria: a xefa da Sección de Asociacións Xuvenís e Escolas de Tempo Libre.

Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

1. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a comisión elaborará unha proposta de resolución en virtude da puntuación alcanzada pola aplicación do baremo.

3. A proposta seralle elevada pola Comisión de Avaliación ao director xeral de Xuventude e Solidariedade, que resolverá por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

4. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a todos os solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da

publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano que a ditase, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto for expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza, órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses se o acto é expreso, e de seis meses se é presunto, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades e de comprobar a súa execución, cando o considere conveniente, así como de divulgar e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

6. Os solicitantes aos que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo dun mes, contado a partir da recepción da notificación, para retiraren a documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 9º.-Xustificación da subvención.

1. O período que se establece para xustificar as axudas será ata o 15 de outubro de 2006 inclusive.

2. As escolas de tempo libre presentarán para xustificar a axuda:

a) Facturas orixinais ou fotocopias compulsadas ou autenticadas destas, de conformidade coa normativa vixente, referentes a todos os gastos subvencionables realizados para o desenvolvemento dos programas que a entidade levou a cabo. Non se admitirán facturas que xustifiquen gastos en investimentos, material inventariable ou gastos de administración e funcionamento da entidade.

As facturas deberán ser relacionadas, agás que sexa só unha. Na relación figurarán os seguintes datos:

-Nome do que emite a factura, que deberá ser persoa allea á entidade receptora do servizo, e NIF.

-Actividade do proxecto subvencionado a que corresponde.

-Importe, impostos incluídos.

b) Breve memoria, asinada polo representante da entidade, na que se deixará constancia do resultado das actividades realizadas e que foron obxecto de subvención.

3. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Declaración responsable, asinada polo/a representante da escola, acreditando a procedencia do 25% que achega a escola de tempo libre.

Artigo 10º.-Pagamento.

1. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o artigo 9º, poderase proceder ao pagamento da subvención. Aboarase o 75% do gasto realizado con data do 15 de outubro, ata o límite do importe concedido.

2. Para aquelas escolas en que o importe concedido non supere os 6.010,12 A, poderáselles realizar un anticipo de pagamento do 50% e librarase o importe restante no momento da completa xustificación.

3. Para aquelas escolas que superen os 6.010,12 A, poderá acordarse un pagamento parcial ata o 50%, cando a escola xustifique a realización da actividade e o gasto realizado segundo se recolle no artigo 9º.2, e librarase o importe restante no momento da completa xustificación.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións estarán obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar perante a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o gozo da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras desta orde.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas de difusión axustándose aos seguintes principios: publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados, eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

h) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, non ser debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da subvención.

Artigo 12º.-Control e reintegro da subvención.

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.10º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no establecido nesta orde.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo no que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo anterior.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos puntos 4 e 6 do artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade pro

cedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, levará á obriga de devolver as cantidades percibidas. Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

3. As cantidades que deban reintegrarse terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Modificación da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención, de conformidade co disposto no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar no director xeral de Xuventude e Solidariedade, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar