DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 11 de abril de 2006 Páx. 5.739

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de marzo de 2006 pola que se determinan as funcións de asesoramento e inspección dos médicos destinados na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por Orde do 10 de maio de 1989 determináronse as funcións de asesoramento e inspección dos médicos destinados na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A experiencia acadada na aplicación da citada orde aconsella a súa modificación, para outorgar a esta inspección médica unha especial responsabilidade na xestión das licenzas por enfermidade, capacitándoos para darlles altas e baixas aos funcionarios docentes non incluídos no ámbito de aplicación da Seguridade Social e creando unha comisión de inspectores médicos, constituída polos médicos destinados nas delegacións provinciais das catro provincias, que informarán sobre todos aqueles expedientes nos que se considere necesaria unha opinión ou decisión colexiada.

Así mesmo, parece oportuno que estes inspectores médicos teñan atribuídas competencias para a elaboración de estatística sobre as enfermidades dos funcionarios docentes e poidan realizar propostas concretas sobre o recoñecemento de enfermidades profesionais, así como sobre as medidas de prevención que, en materia de saúde laboral, a súa experiencia lles indique convenientes.

Na súa virtude, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.

1. Serán competencia dos inspectores médicos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en relación cos funcionarios e persoal dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, incluído no réxime especial da Seguridade Social dos funcionarios públicos, entre outras, as seguintes:

a) Emitir informe de todas as solicitudes de licenzas por enfermidade común ou profesional, accidente, sexa ou non de servizo, e maternidade, así como promover a súa revisión ou confirmación, ou a correspondente alta, se é o caso.

b) Facer o seguimento de todos os procesos de curación existentes, realizando para os efectos as comprobacións ou visitas que consideren oportunas ben en centros asistenciais ou no propio domicilio dos interesados, ou ben citalos para efectuar as prácticas dos correspondentes recoñecementos médicos ou entrevistas que se consideren necesarias. As funcionarias ou funcionarios terán obriga de acudir as

citacións que lles sexan notificadas pola Inspección Médica.

c) Requirir novos criterios facultativos, exploracións ou revisións que ao seu xuízo fosen procedentes.

d) Solicitarlle á interesada ou ao interesado os informes, resultados de distintas probas, exploracións e a práctica doutras novas que considere que permitan un mellor coñecemento do actual proceso de curación.

e) Excepcionalmente, outorgar altas e baixas médicas, de oficio, do persoal docente e non docente incluído no réxime especial de Seguridade Social dos funcionarios públicos, logo de informe, se é o caso, da Comisión de Inspectores Médicos da comunidade autónoma, no modelo oficial de Muface, informando a Xunta de Persoal.

f) Propoñerlle ao delegado provincial a iniciación do expediente de xubiliación forzosa por incapacidade permanente naqueles supostos que consideren procedentes e, en todo caso, ao chegar o funcionario ao 18º mes de licenza por enfermidade, informando a Xunta de Persoal.

g) Emitir informe naqueles expedientes de xubilación por incapacidade permanente na que exista discrepancia entre os informes médicos existentes no expediente e o ditame da unidade de valoración de incapacidade.

h) Emitir informe sobre a procedencia ou non de concesión de comisión de servizos por razóns de saúde.

i) Realizar proposta de concesión de comisión de servizos ou, de ser o caso, emitir informe sobre a procedencia da concesión desta, nos supostos aos que fai referencia a disposición adicional primeira do Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro, polo que se regulan os concursos de traslados de ámbito nacional para a provisión de prazas correspondentes aos corpos docentes.

j) Realizar as estatísticas das enfermidades dos funcionarios docentes da provincia e propoñer, se é o caso, o recoñecemento de enfermidades profesionais.

k) Propoñer, se é o caso, aquelas medidas de saúde laboral que consideren convenientes.

l) Informar as iniciativas de avaliación do estado de saúde física, psíquica ou sensorial tanto do persoal docente como non docente dos centros de ensino, en todos os expedientes promovidos de conformidade co establecido na Lei de sanidade escolar.

m) Emitir, se é o caso, calquera informe sanitario solicitado pola delegación provincial, ou pola propia consellería.

n) Colaborar e, se é o caso, asesorar os delegados de prevención nos temas de saúde laboral.

2. Será competencia, así mesmo, dos inspectores médicos propoñer a intevención da Inspección Médica dependente da Consellería de Sanidade, nos casos nos que se considere necesario, especialmente nos supostos de presunción de fraude na baixa médica do persoal docente e non docente incluído no ámbito de aplicación do réxime xeral da Seguridade Social.

Segundo.-Co fin de facilitar o labor destes facultativos, o órgano competente dará traslado, no prazo de cinco días, dos partes de baixa por enfermidade, maternidade, accidente e outros, que se cursen polos funcionarios e persoal dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como tamén das resolucións de iniciación de expediente ou solicitude de xubilación por incapacidade física ou psíquica ou ben por diminución apreciable das súas facultades, que teñan que ser tramitadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro.-Cando a enfermidade ou accidente do funcionario ou persoal dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria motive o seu traslado fóra do seu domicilio habitual, deberá comunicarllo á delegación provincial respectiva ao cursar o correspondente parte de baixa, consignándose o centro hospitalario ou novo domicilio ao que se traslada.

Cuarto.-Créase a Comisión Autonómica da Inspección Médica Educativa, constituída por todos os inspectores médicos destinados nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Quinto.-Correspóndelle á comisión autonómica emitir ditame naqueles supostos nos cales se considere conveniente unha opinión colexiada, por petición da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou dunha das súas delegacións provinciais.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 10 de maio de 1989 pola que se determinan as funcións de asesoramento e inspección dos médicos destinados na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria