DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 10 de abril de 2006 Páx. 5.650

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 58/2006, do 30 de marzo, polo que se crea e regula o funcionamento da Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Entre os obxectivos programáticos da Xunta de Galicia en materia de política lingüística está prevista unha comisión interdepartamental de seguimento e impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004.

Co fin de lle dar cumprimento ao dito acordo, procédese, mediante o presente decreto, á creación da Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, á cal, como comisión interdepartamental e baixo a autoridade da Secretaría Xeral de Política Lingüística, lle corresponde o impulso e seguimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Na súa virtude, por iniciativa do vicepresidente da Igualdade e do Benestar e do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de marzo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza.

Créase a Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega como comisión interdepartamental para o impulso e seguimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004.

Artigo 2º.

A Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega exercerá as seguintes funcións:

a) Consensuar o deseño e aplicación das políticas da Xunta de Galicia no marco do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

b) Impulso, desenvolvemento e seguimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

c) Realización de propostas á Secretaría Xeral de Política Lingüística en todas as funcións que a esta se lle atribúen na súa estrutura orgánica.

d) Estudar e emitir informes sobre iniciativas que se lle propoñan á Secretaría Xeral de Política Lingüística desde outras institucións.

e) Emitir informe sobre os proxectos de decretos, ordes, plans de actuación e desenvolvemento e liñas estratéxicas da Secretaría Xeral.

f) Emitir informe sobre os proxectos de decretos, ordes e plans que no ámbito da lingua impulsen as diferentes consellerías.

Artigo 3º.-Composición.

1. A Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega estará composta por un/unha presidente/a e catro vogais.

2. Asistirá ás reunións da comisión un/unha secretario/a.

3. A comisión poderá acordar a incorporación de asesores e técnicos, que non terán a condición de membros da dita comisión.

Artigo 4º.-Nomeamento, cesamento e renovación.

1. O presidente será o/a secretario/a xeral de Política Lingüística. No caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outras causas de imposibilidade, poderá ser substituído/a pola persoa que represente a subdirección dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística con competencias en materias correspondentes ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

2. Os vogais serán nomeados dous pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e dous pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. De igual forma disporase o seu cesamento.

3. O/a secretario/a será un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral de Política Lingüística nomeado/a polo/a secretario/a xeral, que actuará con voz, pero sen voto.

4. Por cada membro da comisión nomearase un membro suplente.

Artigo 5º.-Competencias do/a presidente/a.

Correspóndelle ao/á presidente/a da comisión:

a) A representación da comisión, que poderá delegar en calquera outro membro da comisión.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a determinación da orde do día, tendo en conta as propostas dos demais membros da comisión.

c) Presidir e levantar as reunións e mais moderar o desenvolvemento dos debates.

d) Dirimir as votacións no caso de empate.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos da comisión.

f) Velar pola correcta execución dos acordos adoptados pola comisión nos termos que esta acorde.

g) Velar polo cumprimento das disposicións deste decreto.

h) As demais propias do presidente dun órgano colexiado, segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Competencias dos vogais.

Correspóndelles aos vogais:

a) Asistir ás reunións e participar nos debates.

b) Exercer o seu dereito a voto.

c) Propoñerlle ao presidente, a través da secretaría da comisión, a inclusión de asuntos na orde do día e formular rogos e preguntas.

d) Solicitar e recibir a información necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas.

e) Propor iniciativas encamiñadas ao desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, así como velar polo cumprimento das actividades de impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Artigo 7º.-Competencias do/a secretario/a.

1. Correspóndelle ao secretario:

a) Realizar a convocatoria das sesións, así como as notificacións e citacións por orde do presidente.

b) Redactar e asinar, co visto e prace do presidente, as actas das reunións.

c) Facilitarlles aos vogais a información e a asistencia técnica necesarias para o correcto desenvolvemento do seu traballo.

d) Expedir certificacións das consultas, acordos e ditames aprobados, co visto e prace do/a presidente/a.

2. O/a secretario/a contará cun/cunha suplente, funcionario/a da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que o/a substituirá nas reunións da comisión a que este/a, por causas xustificadas, non poida asistir.

Artigo 8º.-Funcionamento da Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

1. A Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega funcionará en pleno. Tamén poderá actuar en comisións de traballo cando así se decida.

2. A comisión reunirase, como mínimo, catro veces ao ano ou, cando a convoque o/a presidente/a, por iniciativa propia ou por solicitude dun terzo dos seus membros.

Artigo 9º.-Convocatorias.

1. As sesións serán convocadas polo presidente con oito días naturais de antelación, agás por razóns de urxencia, caso en que poderán convocarse con 48 horas de antelación.

2. As convocatorias deberán indicar o día, a hora e o lugar da reunión así como a orde do día.

3. Coa convocatoria achegarase a documentación correspondente a cada un dos puntos da orde do día.

4. Na citación para a primeira convocatoria incluirase a hora da citación da segunda.

Artigo 10º.-Constitución e réxime de acordos.

1. A Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega quedará validamente constituída cando asistan os dous terzos dos seus membros en primeira convocatoria ou o presidente ou persoa que o substitúa e dous dos seus membros en segunda convocatoria.

2. Só se poderán adoptar acordos sobre puntos que figuren incluídos na orde do día, agás que, estando presentes todos os membros da comisión, sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

3. A Secretaría Xeral de Política Lingüística executará os acordos que tome a comisión.

4. Para a válida adopción de acordos requirirase o voto favorable da maioría dos membros asistentes.

5. De cada sesión levantarase acta, que relacionará as persoas asistentes, a orde do día, as intervencións, o lugar e a data e os puntos principais da deliberación, a forma e os resultados da votación e o contido dos acordos.

Os vogais poderán facer constar na acta a súa desconformidade co acordo adoptado ou a súa abstención xunto cos motivos que as xustifiquen.

As actas serán redactadas e asinadas polo/a secretario/a, co visto e prace do/a presidente/a, e aprobaranse na seguinte sesión. Xuntaranse á convocatoria da seguinte sesión.

6. O/a secretario/a da comisión expedirá certificación dos acordos adoptados nas súas reunións cando así o solicite algún dos seus membros. Esta certificación deberá asinala o secretario, co visto e prace do/a presidente/a.

Artigo 11º.-Sede.

A Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega terá a súa sede na sala de reunións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en Santiago de Compostela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar os actos e as normas necesarios para a aplicación e desenvolvemento do establecido no presente decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de marzo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA