DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 07 de abril de 2006 Páx. 5.555

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de marzo de 2006 pola que se regulan as vacacións e o gozo da hora de ausencia ao traballo para as funcionarias e funcionarios docentes que imparten ensinanzas distintas das universitarias e que teñen un fillo menor de nove meses.

O artigo 70.1º e) da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, establece que as funcionarias e os funcionarios cun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo, e que poderá dividirse este período en dúas fraccións ou substituírse por unha redución de xornada dunha hora.

O exercicio deste dereito das funcionarias e funcionarios resulta complexo nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias. Prodúcese unha confrontación entre o dereito do alumnado a recibir docencia e o dereito do profesorado a gozar da hora de ausencia ao traballo por ter un fillo menor de nove meses. Este conflito de intereses vénse resolvendo pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facendo prevalecer o dereito do alumnado fronte ao do profesorado, indicando que esta hora de ausencia ao traballo non tiña necesariamente que ser unha das horas lectivas do horario do profesorado, podendo ser unha das denominadas horas complementarias, de presenza obrigada do profesorado no centro educativo.

Non obstante, esta interpretación da aplicación da norma implica que o profesorado non ten, con carácter xeral, a posibilidade de acollerse todos os días da semana a ausentarse do traballo á mesma hora, ao estar o seu dereito condicionado polo horario lectivo do alumnado ao que deba impartir docencia e ten, ademais, un efecto negativo sobre a calidade do ensino, pois o profesorado afectado non realizará a acción titorial de atención ao alumnado, ás nais e aos pais, así como tampouco participará nas correspondentes reunións dos órganos de coordinación didáctica.

Parece, pois, oportuno, establecer a posibilidade de que as funcionarias e funcionarios docentes poidan optar por substituír, por decisión da nai, o permiso dunha hora diaria de ausencia ao traballo por fillos menores de nove meses por un permiso que acumule en xornadas completas o tempo correspondente.

O artigo 1.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, permite ditar normas especiais para adaptar as normas ás peculiaridades do persoal docente.

Na súa virtude, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.

1. A funcionaria ou funcionario docente que imparte ensinanzas distintas da universitaria, cun fillo

menor de nove meses, con independencia da situación laboral do seu cónxuxe, terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo. Este período de tempo poderá dividirse en dúas fraccións ou substituírse por unha redución da xornada dunha hora.

2. Cando ambos os dous cónxuxes traballen, só un deles poderá gozar da hora de ausencia ao traballo.

3. A nai, durante a licenza por embarazo, poderá decidir a acumulación do permiso dunha hora diaria de ausencia ao traballo, por ter un fillo menor de nove meses, nun permiso retribuído de catro semanas, que será outorgado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. Estas catro semanas de permiso gozaranse inmediatamente despois de rematada a licenza por embarazo.

5. No caso de parto múltiple, o permiso ampliarase en catro semanas máis por cada fillo a partir do segundo.

Segundo.

Cando os dous cónxuxes sexan funcionarios docentes e a nai opte pola acumulación da hora de ausencia ao traballo, será de aplicación ás catro semanas de permiso resultantes, a previsión de que o pai goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, agás que no intre da súa efectividade a incorporación ao traballo da nai supoña un risco para a súa saúde, recollida no punto 4º do artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública.

Terceiro.

Este permiso de catro semanas poderá gozarse no mesmo réxime de xornada que a licenza por embarazo.

Cuarto.

Cando non se produza a acumulación nas catro semanas de permiso, no caso de conflito entre os dereitos do alumnado e do profesorado, a hora diaria de ausencia ao traballo terase que gozar no horario complementario fixo ou de obrigada permanencia no centro.

Quinto.

1. Os funcionarios docentes que imparten ensinanzas non universitarias gozarán das súas vacacións nos períodos non lectivos e, preferentemente, no mes de agosto.

2. Sen prexuízo do anterior, as funcionarias ou funcionarios docentes que estean ou inicien a licenza por embarazo ou o permiso de acumulación das horas diarias de ausencia ao traballo por ter un fillo menor de nove meses no transcurso do mes de agosto, non se considerará que gozaron das vacacións durante o mes de xullo, polo que terán dereito a un mes de vacacións ou aos días que correspondan, segundo

a data de inicio ou de finalización da licenza, unha vez finalizado o devandito permiso por maternidade e, se é o caso, o da acumulación das catro semanas.

Disposición transitoria

As funcionarias e funcionarios docentes que á entrada en vigor da presente orde estean gozando da hora diaria de ausencia ao traballo por ter un fillo menor de nove meses poderán solicitar a súa acumulación nos días que proporcionalmente lles correspondan.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA