DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 2006 Páx. 5.479

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 31 de marzo de 2006 pola que se regula o establecemento de subvencións para a realización de programas destinados a prestarlles atención aos enfermos con trastornos mentais persistentes nos dispositivos de apoio comunitario dependentes das asociacións de familiares de enfermos psíquicos e outras entidades sen ánimo de lucro.

A Constitución española recoñece no seu artigo 43, o dereito dos cidadáns á protección da saúde e responsabiliza aos poderes públicos da organización e tutela da saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia, dentro do marco previsto na Constitución, nos artigos 148 e 149, confírelle a esta comunidade autónoma plena capacidade para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior. No seu artigo 33.1º, recolle como propia da Comunidade Autónoma galega a devandita competencia.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, determina no seu artigo 20, da saúde mental, a integración plena dela no sistema sanitario xeral, indicando que a atención aos problemas de saúde mental da poboación se realizará no ámbito comunitario, potenciando os recursos asistenciais a nivel ambulatorio, os sistemas de hospitalización parcial e atención a domicilio, con redución ao máximo posible da necesidade de hospitalización, e cubrindo os aspectos de prevención primaria e a atención aos problemas psicosociais que acompañan a perda da saúde en coordinación cos servizos sociais.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, no seu artigo 21, sobre competencias da Consellería de Sanidade, establece como propias, entre outras:

-O desenvolvemento e a coordinación da política sanitaria e sociosanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

-A determinación dos criterios xerais de planificación sanitaria e sociosanitaria.

A citada Lei 7/2003, sinala no seu artigo 102.1º, que as atencións á saúde mental e á asistencia psiquiátrica son de base comunitaria e se lle prestará especial atención á rehabilitación psicosocial dos pacientes.

Por outra banda, o artigo 104.1º desta mesma Lei 7/2003, considera a atención sociosanitaria como o conxunto de coidados destinados a aqueles doen

tes, xeralmente crónicos, que polas súas especiais características poden beneficiarse da atención simultánea e sinérxica dos servizos sanitarios e sociais para aumentar a súa autonomía, paliar as súas limitacións ou sufrimentos e facilitar a súa reinserción social. No punto 3º do mesmo artigo, engade que a continuidade do servizo será garantida polos servizos sanitarios e sociais, a través da axeitada coordinación entre as administracións públicas correspondentes.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, ten como obxecto establecer no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia as directrices xerais da actuación na saúde mental e na asistencia psiquiátrica, a regulación dos dispositivos dirixidos á promoción e protección da saúde mental, a prevención das enfermidades psíquicas e a asistencia, rehabilitación e integración dos enfermos mentais.

O artigo 14 do citado Decreto 389/1994, «Dispositivos complementarios», clasifica estes en: unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica e unidades de apoio comunitario, engadindo que «estes dispositivos actuarán na área de rehabilitación e integración comunitaria, en estreita colaboración cos servizos de atención social e cos organismos que teñan incidencia na vida laboral». Por outra banda, o artigo 16, recolle como unidades de apoio comunitario os pisos protexidos e vivendas de transición, as unidades de apoio social intermedio e as unidades residenciais.

De conformidade co Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, esta consellería é a responsable da superior dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que lle corresponden á Xunta de Galicia en materia de sanidade.

O Decreto 46/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, no seu artigo 9º: «A Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias», asigna como funcións propias do programa de saúde mental, a xestión dos plans e programas de saúde mental da comunidade autónoma e a coordinación dos dispositivos previstos no Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, conforme co disposto nos artigos 15 e 18 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, establece unha nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Posteriormente, o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, procede a fixar a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e sinala no seu artigo 9º b) a adscrición do Servizo Galego de Saúde, como organismo autónomo de carácter administrativo, á Consellería de Sanidade. Entre as súas competencias correspóndelle a pro

moción da saúde mental, a proposta e xestión dos plans e programas no ámbito da comunidade autónoma e a coordinación dos dispositivos dedicados á saúde mental.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, establécense os requisitos xerais aplicables ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Finalmente, hai que ter en conta a Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en tanto contén preceptos con carácter de lexislación básica enumerados na súa disposición derradeira primeira, que son de obrigado cumprimento no eido autonómico.

Por todo o anteriormente dito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de acordo co establecido nos artigos 78.3º e 78.6º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento de subvencións económicas ás entidades privadas sen ánimo de lucro que prestan atención aos enfermos con trastornos mentais persistentes nos dispositivos de apoio comunitario, ben sexa centro de rehabilitación psicosocial e laboral, piso protexido, vivenda de transición ou unidade residencial.

A solicitude, tramitación e concesión das subvencións obxecto da presente orde axustarase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar as subvencións contidas na presente orde as asociacións, federacións, fundacións ou calquera outra entidade privada sen ánimo de lucro, que sexan titulares ou responsables na xestión dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos, vivendas de transición ou unidades residenciais, situados na Comunidade Autónoma de Galicia e que realicen actividades destinadas á rehabilitación das persoas con trastornos mentais persistentes.

2. No caso de solicitar axuda para as actividades que se realicen nos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, deberán estar inscritos no Rexistro de Centros, Servizos e Establecementos Sanitarios da Consellería de Sanidade ou ter presentada a correspondente solicitude de inscrición no momento da publicación da orde.

3. No caso de piso protexido, vivenda de transición ou unidade residencial, ter solicitado a súa autorización á Consellería de Sanidade consonte o disposto no Decreto 347/2002, do 5 de decembro, polo que se regulan os pisos protexidos, vivenda de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes.

4. Atendendo ás necesidades de atención aos trastornos mentais persistentes nas diferentes áreas sanitarias da comunidade autónoma, e de acordo coas prioridades asistenciais da Consellería de Sanidade, poderanse outorgar axudas para a creación e apertura de novos recursos de apoio comunitario e/ou aloxamento alternativo á institucionalización no ano 2006.

5. Non poderán obter a condición de beneficiario as entidades en que concorra algunha das circunstancias reguladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axuda que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De contratación de persoal para a realización de actividades e programas específicos para a rehabilitación dos trastornos mentais persistentes, así como para o mantemento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

b) Para a atención, mantemento e xestión do piso protexido, vivenda de transición ou unidade residencial dirixido a prestarlles atención a estes colectivos.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

1. A axuda necesaria para a realización das actividades poderá acordar o financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal maneira que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos percibidas coa mesma finalidade non supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

2. Para a concesión das axudas regulamentadas nesta orde destinaranse 2.564.000 euros, con cargo ás aplicacións orzamentarias 13.01.311A.480.0, e 5001.2223.480.1 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006. A citada cantidade poderase incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

3. As actuacións polas que se vai subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio do ano 2006.

4. As delegacións provinciais ou, se é o caso, os servizos centrais da Consellería de Sanidade poderán

efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento dos requisitos exixidos pola lei.

Artigo 5º.-Solicitudes.

A solicitude de subvención realizarase segundo o modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde, subscrita pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante. Para a súa valoración achegarase a seguinte documentación:

1. Documentos comúns.

a) Memoria descritiva da institución segundo o modelo oficial (anexo II).

b) Certificación bancaria das contas correntes en que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

c) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

d) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal debidamente cotexada.

e) Declaración asinada polo representante da asociación ou entidade do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade ante calquera Administración ou ente público utilizando o modelo que se publica como anexo III.

f) Documentación estatística relativa á institución e aos distintos centros ou servizos xestionados, debidamente cuberta nos modelos oficiais conforme o anexo VIII desta orde.

g) Compromiso expreso de ceder a favor da Xunta de Galicia os dereitos dos resultados obtidos no caso de congresos, reunións científicas, estudos e publicacións, así como de presentar un informe destes.

2. Documentos específicos para cada tipo de axuda.

2.1. De contratación de persoal para a realización de actividades e programas específicos para a rehabilitación dos trastornos mentais persistentes, así como para o mantemento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

a) Documento no que conste a identificación do centro, cadro de persoal coa súa titulación debidamente acreditada mediante fotocopia da titulación cotexada así como a tarefa específica que se realizará no centro (anexo IV).

b) Orzamento desagregado dos gastos previstos, de acordo cos epígrafes de programa e xestión (anexo V).

c) Memoria explicativa do programa específico onde consten os motivos para a súa realización así como os fins que se perseguen e os posibles usuarios que se beneficiarían deste (anexo VI).

2.2. Para a atención, mantemento e xestión do piso protexido, vivenda de transición e unidade residencial dirixido a prestar atención a estes colectivos.

a) Memoria explicativa do programa, gastos derivados da xestión e mantemento do recurso, así como da necesidade de persoal (anexo VII).

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse nun prazo dun mes, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, nas delegacións provinciais ou servizos centrais da Consellería de Sanidade, do Sergas, ou en calquera dos lugares aos que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

Terminado o prazo de presentación de solicitudes, a Secretaría Xeral do Sergas examinará os expedientes para comprobar que reúnen os requisitos exixidos por esta orde, reclamándose por escrito aos interesados os datos, documentos e aclaracións que considere necesarios para completar o expediente, con apercibimento de que se non se fixesen nun prazo de dez días se considerarán desistidos da súa petición, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Completados os expedientes serán remitidos para o seu informe preceptivo á comisión de valoración, que efectuará a proposta de resolución que remitirá á Secretaría Xeral do Sergas.

Para tal efecto constituirase unha comisión composta polos seguintes membros:

a) Presidente:

-O subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependencias.

b) Vogais:

-O responsable do Programa de Saúde Mental do Sergas.

-O responsable da Área de Prevención, Reinserción e Coordinación da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias.

-O xefe da Sección de Programas Asistenciais.

c) Secretario:

-Un técnico da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias.

Artigo 9º.-Criterios de prioridade na concesión das subvencións.

As axudas previstas nesta orde atenderán á seguinte prioridade:

a) Estimación de persoas con trastorno mental persistente da poboación maior de 14 anos e menor de 65 do concello onde se atopa o recurso e limítrofes (puntos=número estimado divido por 10).

b) Gasto efectuado no ano 2005 pola entidade na contratación de persoal por un mínimo de 30 horas semanais para a atención directa aos usuarios no recurso que se solicita (puntos=gasto efectuado dividido por seis mil).

c) Informe favorable da adecuada coordinación cos diferentes dispositivos de saúde mental expresado polo coordinador da área sanitaria do Sergas (5 puntos).

d) Anos de antigüidade de funcionamento do recurso (un punto por cada ano de antigüidade).

e) Entidades que tiñan asinado un convenio de colaboración, debidamente xustificado, coa Consellería de Sanidade ou outros departamentos da Xunta de Galicia para a realización de actividade similar a que se regula na presente orde (10 puntos por cada ano anterior a 1997).

Artigo 10º.-Resolución e formalización das subvencións.

1. Realizado o expediente, o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, por delegación, procederá á súa resolución no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria, tras a proposta da comisión e despois da súa fiscalización preceptiva.

2. Transcorrido o prazo máximo para resolver o procedemento sen que recaese resolución expresa, poderase entender desestimada a concesión da subvención.

3. As resolucións recaídas serán motivadas e seranlles notificadas aos interesados para a execución da subvención outorgada.

4. Poderán ser modificadas as ditas resolucións no caso de alteración das circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente da subvención ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. O importe das subvencións outorgadas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

6. As resolucións recaídas porán fin á vía administrativa e poderán ser recorridas potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes se o acto é expreso ou tres meses se non o é, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administra

tivo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ao pagamento da forma que se indica nos parágrafos seguintes, en función da contía concedida:

a) O primeiro 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo á conta da liquidación.

Para facer efectivo este primeiro pagamento deberase remitir a Secretaría Xeral do Sergas os seguintes documentos:

-Copia cotexada da contratación de/os traballador/es.

-Copia da alta na Seguridade Social, se é o caso.

-No caso de traballadores por conta propia, copia cotexada do NIF ou alta fiscal, así como previsión do número de horas nas que efectuará o seu traballo e a contía anual.

b) Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida.

c) O 20% restante farase efectivo unha vez que o beneficiario xustifique a totalidade da subvención concedida mediante orixinais ou fotocopias cotexadas e por ese concepto.

As certificacións e xustificantes dos gastos remitiranse, antes do 31 de xaneiro de 2007, á Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde (edificio administrativo San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela).

2. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. Así mesmo, a entidade obxecto da subvención deberá presentar, antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a delegación provincial, dirección provincial ou nos servizos centrais, e dirixido á Secretaría Xeral do Sergas, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural, así como unha memoria das actividades realizadas no exercicio. Cumprir este trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

Ademais do establecido nesta orde, e tendo en conta o disposto no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado

polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, os beneficiarios destas subvencións deberán:

a) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Sanidade.

b) Remitir os informes e demais documentación que se reclamen desde a Consellería de Sanidade ou Servizo Galego de Saúde.

c) Autorizar a inspección dos centros e as actividades polos órganos competentes da Consellería de Sanidade.

d) Acreditar ante a entidade concédente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que se determinan na concesión da subvención.

e) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Revogación e reintegro.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade das axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración ou institución, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda ou do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos intereses de demora, segundo o previsto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 14º.-Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia haberá que aterse ao disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o secretario xeral do Sergas para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2006.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade