DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 2006 Páx. 5.466

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 57/2006, do 9 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da obra de acondicionamento da estrada LU-651 Quiroga-Seoane do Courel. Treito: Quiroga-Folgoso do Courel. Clave LU/01/087.01.

Con data do 28 de setembro de 2004 o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, aprobou o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da obra de acondicionamento da estrada LU-651 Quiroga-Seoane do Courel. Treito: Quiroga-Folgoso do Courel. Clave: LU/01/087.01.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, considerándose xustificada a referida declaración pola súa especial incidencia tanto na seguridade viaria como no desenvolvemento económico da zona. O acondicionamento desta estrada facilitará a circulación dos camións dedicados ao transporte de lousa, principal industrial da zona, que actualmente transitan por unha estrada moi estreita e sinuosa.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do nove de marzo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído para efectos de expropiación no proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da obra de acondicionamento da estrada LU-651 Quiroga-Seoane do Courel. Treito: Quiroga-Folgoso do Courel. Clave: LU/01/087.01.

Santiago de Compostela, nove de marzo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes