DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 2006 Páx. 5.461

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 2 de marzo de 2006 pola que se crea o ficheiro de datos de carácter persoal que conforma o Rexistro de declaracións de actividades e intereses e de bens patrimoniais de altos cargos da Xunta de Galicia.

A Constitución española, no seu artigo 18.4º, dispón que a lei limitará o uso da informática para garantir o honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.

Neste sentido, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, así como os reais decretos 428/1993, 1332/1994 e 994/1999, en tanto non se leven a efecto as previsións regulamentarias necesarias para a aplicación e desenvolvemento da devandita lei e, en canto non se opoñan a ela, regulan o tratamento de datos de carácter persoal, así como o uso posterior destes datos polos sectores público e privado. Neste marco, é obxecto desta regulación a garantía e protección dos dereitos fundamentais e liberdades públicas das persoas físicas, e especialmente do seu honor e intimidade persoal e familiar.

O artigo 20.1º da devandita lei dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio dunha disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente.

A Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, dota a Xunta de Galicia e a súa Administración autonómica dun réxime propio de incompatibilidades dos seus responsables públicos, que adaptado ás peculiaridades da súa organización, garante un servizo aos intereses xerais de Galicia, conforme os principios constitucionais.

Segundo o artigo 8 da citada Lei 9/1996, o alto cargo está obrigado a efectuar dúas declaracións que inclúen información de carácter persoal, declaración de actividades e intereses, e de bens patrimoniais.

A posta en marcha dun sistema de información que automatizará na Xunta de Galicia este Rexistro de declaracións de altos cargos, fai necesaria a creación deste ficheiro, co obxecto de regularizar e adecuar este á normativa legal vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a creación do ficheiro Rexistro de declaracións de altos cargos da Xunta de Galicia que se detalla no anexo.

Artigo 2º.-Órgano responsable do ficheiro.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza responsable deste ficheiro adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a confidencialidade, os dereitos e as obrigas recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Artigo 3º.-Finalidade e uso do ficheiro.

Os datos de carácter persoal rexistrados no devandito ficheiro só serán utilizados para os fins previstos na Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que se ater ao disposto na normativa vixente respecto desta materia.

Artigo 5º.-Medidas de seguridade.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas exerce as funcións de responsable de seguridade do Rexistro de altos cargos da Xunta de Galicia, funcións definidas no Real decreto 994/1999, do 11 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de medidas de seguridade dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal.

As medidas de seguridade do ficheiro están especificadas no correspondente documento de seguridade.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas haberá que aterse, ademais, ao disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Ficheiro: Rexistro de declaracións de altos cargos da Xunta de Galicia.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto: Rexistro de declaración de altos cargos da Xunta de Galicia que automatiza a xestión e seguimento do réxime de incompatibilidades de actividades e intereses así como dos bens patrimoniais aplicable aos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica e das entidades de dereito público vinculadas ou dependentes desta.

b) Medidas de seguridade: nivel medio.

c) Estrutura básica: base de datos.

d) Tipo de datos:

* Datos de carácter identificativo: nome e apelidos, DNI, enderezo postal, teléfono.

* Datos profesionais e detalles de emprego: declaración de actividades e intereses, datos referidos aos cargos públicos desempeñados, postos, profesións ou actividades tanto no ámbito público como privado.

* Datos de circunstancias sociais: participación en entidades culturais ou benéficas.

* Datos económicos e financeiros. Declaración de bens patrimoniais, dereitos e obrigas patrimoniais que posúan os valores ou activos financeiros negociables, as participacións societarias, o obxecto social das sociedades de calquera clase nas que teñan intereses, as sociedades participadas polas que sexan obxecto de declaración.

e) Órgano responsable do ficheiro: Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

f) Persoas e/ou colectivos afectados: altos cargos da Xunta de Galicia e da Administración autonómica e das entidades de dereito público vinculadas ou dependentes desta, segundo a Lei 9/1996.

g) Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que figuran no ficheiro poderán exercerse, se é o caso, ante a unidade ou dependencia responsable do ficheiro, sita nos edificios administrativos de San Caetano, 15704 Santiago de Compostela.

h) Procedemento de recollida de datos: os datos persoais correspondentes a cada afectado obteranse a partir das solicitudes de «declaración de actividades e intereses de altos cargos» e «declaración de bens patrimoniais de altos cargos» aprobadas pola Orde do 8 de novembro de 1995. Transmisión electrónica.

i) Cesión de datos: non se prevén.