DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2006 Páx. 4.787

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 54/2006, do 9 de marzo, polo que se derroga o Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece o Programa Labora: xuventude con experiencia.

As políticas activas de emprego xorden no marco da Estratexia Europea de Emprego para orientar os esforzos dos poderes públicos cara á adopción de medidas dirixidas á prevención e loita contra o desemprego, sen perder de vista a importancia de promover empregos de maior calidade e melloras na política social e nas relacións laborais.

A persistencia do desemprego xuvenil representa un dos problemas máis graves para a práctica totalidade dos estados membros da unión europea, que exixe o deseño de instrumentos e mecanismos específicos no marco destas políticas, desenvolvendo programas que favorezan ou actualicen a empregabilidade das persoas mozas, dotándoas das competencias profesionais adecuadas e orientándoas cara ao mercado laboral, ao tempo de permitirlles adquirir a experiencia necesaria que as sitúe en mellores condicións de acceso a un posto de traballo, aumentando deste xeito a súa confianza e a súa capacidade de adaptación ao mercado de traballo.

Neste ámbito o Programa Labora: xuventude con experiencia, aprobado polo Decreto 148/2002, do 18 de abril, estableceu unha iniciativa que tiña por finalidade facilitarlles a adquisición de experiencia profesional, a través dun contrato de traballo cunha duración mínima de 12 meses, ás persoas mozas desempregadas que carecesen dela. No entanto, a realidade amósanos a ineficacia desta iniciativa para atallar o problema do desemprego xuvenil. Os resultados confirman aspectos xa coñecidos como as elevadas taxas de paro, a temporalidade e a precariedade laboral que afectan o segmento de poboación moza, con graves consecuencias para o seu desenvolvemento persoal e a súa plena integración social. Así, entre 2002 e 2004, en plena vixencia do Programa Labora, e segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), o paro da mocidade incrementouse en Galicia nun 10,8%, mentres que no Estado, no mesmo período e sen Programa Labora, desecendeu nun 2,4%, co que se pode afirmar que non só non foi quen de

atallar o problema do desemprego das mozas e mozos galegos senón que nin tan sequera foi capaz de manter o ritmo do Estado na súa solución.

Os programas e medidas de políticas activas vixentes ata a data foron aprobadas nun contexto socioeconómico determinado que experimentou nos últimos anos un acelerado e profundo proceso de transformación que aconsellan a elaboración dunha nova estratexia que dea resposta aos actuais retos do mercado laboral aos que se enfronta a xuventude galega.

Neste contexto, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia estase levando a cabo unha profunda revisión dos programas actuais de emprego no marco do proceso de diálogo social actualmente en marcha, co obxecto de elaborar unha proposta aberta, que necesariamente será sometida a unha valoración e redefinición continua, eliminando, modificando ou incorporando novos programas de acordo coa realidade cambiante do mercado laboral cara ao obxectivo final de mellora da empregabilidade da xuventude galega.

Tamén no ámbito estatal, no marco do establecido na Estratexia Europea de Emprego -que define como unha prioridade absoluta das políticas sociais e laborais o aumento do emprego e da participación no mercado de traballo-, e na Declaración para o Dialogo Social asinada o 8 de xullo de 2004 entre o Goberno do Estado, as organizacións sindicais e as organizacións empresariais, estase levando a cabo unha revisión e actualización da normativa existente

en materia de programas de políticas activas de emprego regulando os aspectos definitorios e esenciais de cada programa, adecuándoos ás necesidades de xestión detectadas tanto polas comunidades autónomas como polo Servizo Público de Emprego Estatal, que serán de obrigada aplicación en todo o territorio do Estado, con base na súa competencia en materia de lexislación laboral.

Todo o proceso de cambio anteriormente exposto aconsella derrogar o Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece o Programa Labora: xuventude con experiencia, incorporando dentro das distintas liñas de axudas que anualmente convoca a Consellería de Traballo as novas medidas e programas que, froito da negociación cos axentes sociais e da modificación da normativa estatal básica, se adopten, abarcando o conxunto dos ámbitos nos que é necesaria unha intervención para favorecer e apoiar o emprego xuvenil.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Traballo e unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica e da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de marzo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Queda derrogado o Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece o Programa Labora: xuventude con experiencia, e os decretos 26/2003, do 16 de xaneiro, e 300/2004, do 22 de decembro, que o modifican, así como cantas disposicións normativas de igual ou inferior rango se ditasen ao seu abeiro.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de marzo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo