DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2006 Páx. 4.787

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 53/2006, do 9 de marzo, polo que se derrogan os decretos 344/1999, do 23 de decembro, 171/1999, do 27 de maio, e 134/2001, do 7 de xuño, polos que se establecen, respectivamente, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento.

Os programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego naceron para darlles resposta a unhas altas taxas de desemprego con baixos niveis formativos e graves problemas non só de inserción laboral senón tamén de integración social. Neste sentido, estes programas véñense recollendo nos plans de Acción para o Emprego do Reino de España, elaborados de acordo coas directrices de emprego europeas, como unha das accións dirixidas a mellorar a capacidade de inserción profesional das persoas desempregadas, consolidándonse, desde a súa creación, como unha eficaz medida de política activa de emprego para fomentar a empregabilidade das persoas desempregadas, a través da cualificación e profesionalización do alumnado-traballador mediante a formación en alternancia co traballo e a práctica profesional en ocupacións ou actividades de utilidade pública ou interese social.

De acordo co Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 29.1º, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral, correspondéndolle á Xunta de Galicia, en virtude do Decreto 289/1997, do 9 de outubro, de asunción das transferencias en materia de políticas activas de emprego, a xestión e execución destas políticas.

No citado marco estatutario, a regulación autonómica dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego, está constituída por tres normas con rango de decreto que, respectivamente, establecen as liñas básicas de cada programa, así como polas respectivas ordes anuais de convocatoria que os desenvolven e que establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións para cada exercicio.

Esta regulación, pola rixidez e falta de flexibilidade que a caracteriza, non semella a canle normativa máis axeitada para posibilitar unha ordenación desta materia. Por un lado, trátase dunha regulación que desenvolve a normativa básica estatal e acomádaa ás especialidades derivadas da propia organización; por outro, o mercado de traballo actual caracterízase por estar nun proceso de continuo movemento e adaptación. Tendo en conta ambas consideracións, resulta máis oportuno a súa regulación a través de ordes anuais de convocatoria.

Por outra banda, os programas e medidas de políticas activas vixentes ata a data foron aprobados nun contexto socioeconómico determinado que experimentou nos últimos anos importantes cambios,

estando, nestes momentos, nun proceso de negociación -tanto cos interlocutores sociais como coas comunidades autónomas- e de reformulación dos aspectos definitorios e esenciais de cada programa que serán de obrigada aplicación en todo o territorio do Estado, consonte coa súa competencia en materia de lexislación laboral. Por maior abastanza, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e por impulso do novo Goberno da Xunta de Galicia, está levándose a cabo, paralelamente, un proceso de negociación cos axentes sociais, no marco do diálogo social, co fin de acadar un gran pacto por un emprego estable e de calidade.

Todas estas circuntancias aconsellan derrogar os decretos polos que se establecen, respectivamente, os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento, co fin de acometer unha nova regulación cun rango normativo máis flexible que permita unha máis áxil acomodación ao devir dos acontecementos e ás exixencias e mutacións da evolución do mercado de traballo.

Como consecuencia de todo o anterior é polo que, por proposta do conselleiro de Traballo, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica e da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de marzo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Quedan derrogados os decretos 344/1999, do 23 de decembro, 171/1999, do 27 de maio, e 134/2001, do 7 de xuño, polos que se establecen, respectivamente, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de marzo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo