DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2006 Páx. 4.786

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 52/2006, do 30 de marzo, polo que se modifica parcialmente o Decreto 43/1989, do 2 de marzo, polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional e en centros residenciais docentes.

O artigo 10 do Decreto 43/1989, do 2 de marzo, polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional e en centros residenciais docentes establece que á fronte do centro residencial docente haberá un xerente, que será nomeado mediante convocatoria pública por libre designación entre funcionarios de carreira dos grupos A ou B.

Pola súa banda, por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de setembro de 1998, publicado no Diario Oficial de Galicia do 28 de novembro de 1998, aprobouse a relación de postos de traballo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, suprimíndose nela os postos de xerentes dos centros residenciais docentes, polo que non parece oportuno manter o nomeamento nestes centros docentes dunha ou dun xerente, e si establecer a figura de director cun nomeamento que se realizará logo de selección por concurso de méritos. Asemade, tratándose dun centro docente, é conveniente limitar o exercicio da dirección aos funcionarios docentes que impartan ensinanzas escolares, excluíndo, consecuentemente, os funcionarios non docentes.

Nos centros residenciais docentes é preciso ter sobre o alumnado unha vixilancia e tutela permanente, que xustifica a súa clasificación como tipo A para os efectos retributivos do equipo directivo, con independencia do número de alumnos residentes.

Por todo isto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de marzo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 10º do Decreto 43/1989, do 2 de marzo, polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional e en centros residenciais docentes, queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 10º

1. Á fronte do centro residencial docente haberá unha directora ou director, nomeada/o pola Dele

gación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por un período de catro anos, renovable por períodos de igual duración, seleccionada/o previamente por concurso público de méritos entre os funcionarios de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas non universitarias. A renovación estará condicionada polos resultados dun proceso de avaliación do exercicio da súa actividade.

2. A avaliación será realizada por unha comisión presidida pola/o delegada/o provincial ou persoa na cal delegue, e da que formarán parte a/o inspectora/or-xefe provincial, e dúas/dous funcionarias/os designadas/os pola/o delegada/o provincial. Actuará como secretaria/o, con voz e voto, a/o secretaria/o da delegación provincial.

Así mesmo, formará parte da comisión, con voz e sen voto, un representante de cada unha das organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria.

Disposición adicional primeira.-Os centros residenciais docentes catalóganse como centros tipo A.

Disposición adicional segunda.-Resultará de aplicación ás/aos directoras/es dos centros residenciais docentes a consolidación parcial do complemento específico regulada no Decreto 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros escolares públicos.

Disposición transitoria.-As/os actuais directoras/es dos centros residenciais docentes manterán o seu nomeamento ata que se realicen e resolvan as convocatorias de selección por concurso de méritos.

Disposición derrogatoria.-Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira.-Facúltase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de marzo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria