DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2006 Páx. 4.647

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO GALEGO DE COOPERATIVAS

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2006 pola que se fan públicas as bases do certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria.

A Constitución española, no seu artigo 129.2º, encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma, tendo entre as súas funcións a promoción da educación e formación cooperativa.

Con esta finalidade o Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión do pleno do 14 de febreiro de 2006, acordou a convocatoria do certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia, correspondente a este ano. A súa concreción e realización levaranas a cabo de xeito coordinado polas consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo.

Polo que antecede, en uso das atribucións que teño conferidas pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e polo Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas,

DISPOÑO:

A publicación das bases do certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia e a súa convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As bases reguladoras recóllense nos anexos I e II.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Presidente do Consello Galego de Cooperativas

ANEXO I

Certame Cooperativismo no ensino dirixido

a centros educativos de educación primaria

e secundaria obrigatoria

Modalidade de debuxo, pintura e/ou vídeo

Modalidade de actividades cooperativizadas

Primeira.-Poden participar neste certame, nas modalidades que se indican, todos os centros educativos da nosa comunidade autónoma con alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria.

Na modalidade de debuxo, pintura e/ou vídeo poden participar as seguintes categorías:

-A: alumnos de 1º e 2º de educación primaria.

-B: alumnos de 3º e 4º de educación primaria.

-C: alumnos de 5º e 6º de educación primaria.

-D: alumnos do primeiro ciclo de ESO.

-E: alumnos do segundo ciclo de ESO.

Na modalidade de actividades cooperativizadas, poderán concursar as categorías D e E, é dicir os alumnos de primeiro e segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria.

Segunda.-Establécense dúas fases:

* 1ª fase: actividades de fomento do cooperativismo no centro escolar.

Os centros que desexen participar deberán desenvolver no seu centro educativo actividades de fomento do cooperativismo, tales como xornadas sobre o cooperativismo, xogos cooperativos, visitas a cooperativas e calquera outra actividade que divulgue a fórmula empresarial cooperativa entre o alumnado do centro educativo.

Tendo en conta que o cooperativismo é recoñecido como a expresión práctica de importantes valores sociais e que a súa práctica fomenta actitudes e valores sociais como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva e a solución de conflitos de forma pactada; as actividades que se realicen deberán potenciar e propiciar estes valores.

Como soporte de apoio ás actividades propostas contarase con material divulgativo en formato electrónico na páxina web: www.cooperativasdegalicia.com.

* 2ª fase: presentación dos traballos dos alumnos ao concurso.

Os centros que realizasen as devanditas actividades poderán presentar a este concurso os traballos realizados polos seus alumnos en calquera das seguintes modalidades:

-Debuxo, pintura e/ou vídeo.

-Actividades cooperativizadas.

En cada proxecto deberán participar como mínimo tres alumnos.

Terceira.-Na modalidade de debuxo, pintura e/ou vídeo, exixiranse as seguintes condicións técnicas:

-Os traballos de debuxo e pintura presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. No reverso do debuxo ou pintura consignarase, en letras maiúsculas, os datos do autor/a, autores (nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar), así como a categoría en que participan.

-No caso de vídeos as producións presentaranse en vídeo VHS, independentemente do formato en que fosen producidas. Tamén poderán ser presentadas en CD, en formato AVI cun tamaño mínimo de 320x240 píxels, audio en 44.1 e codec de compresión Divx. De optaren pola opción de presentación electrónica ou páxina web, presentarase nun arquivo powerpoint (*.ppt), ou a web completa cun arquivo de inicio denominado index.htm nun CD. Tanto as fitas como os CD, non poderán conter máis dun programa e deberán ser entregadas debidamente identificadas. As obras editaranse en galego, a súa duración non poderá exceder 10 minutos, e deberán estar tituladas. En lugar visible deberanse indicar os datos dos autores (nome,

apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar) e categoría en que participa.

-Non se admitirá ningún traballo en soporte distinto dos anteriores ou que non respecte as condicións indicadas.

Cuarta.-Na modalidade de actividades cooperativizadas, poderanse presentar as memorias dos traballos realizados cooperativamente por grupos de alumnos e/ou alumnas, tales como: unha viaxe de ampliación de estudos, un festival de fin de curso, un campionato deportivo, un xornal, unha páxina web, un programa de radio ou unha obra de teatro.

A memoria describirá o proceso de elaboración e realización da actividade de xeito que indique:

-Definición dos obxectivos. Cómpre aclarar as metas que se pretenden acadar, que beneficios de tipo cooperativo vai reportar a actividade, así como poñerlle un título ao traballo que resuma as súas intencións.

-Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para isto é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias, etc.

-Tarefas desenvolvidas. Especificar que tipo de materiais se precisan para levar a cabo a actividade, e cales deles se utilizan. Estes poden ser de tipo documental, gráficos, sonoros, económicos, etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.

-Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordenado hai que celebrar reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, os/as encargados/as de realizalas, e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para isto débense levantar actas das reunións nas cales se deixe constancia de todo.

-Realización final. O traballo debe plasmarse finalmente nun produto dos establecidos para esta modalidade.

Esta memoria terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara escritos en Times New Roman cun corpo de 12 puntos e unhas marxes de 15 mm en cada borde, tendo que entregarse dúas copias en papel e a súa copia en sistema informático. Deberanse engadir, como anexos, o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como fotografías da realización, documentos e materiais realizados, actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto.

Quinta.-Os traballos que participen neste certame serán avaliados por un xurado composto polos seguintes membros: dous representantes nomeados polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un técnico especialista nas materias de debuxo e pintura e un técnico especialista en audiovisual nomeados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a directora xeral de Relacións Laborais ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta. As decisións do xurado serán inapelables.

O xurado valorará nos traballos presentados a orixinalidade e a representación dos valores e actitudes que fomenta o cooperativismo. Particularmente, para a modalidade de actividades cooperativizadas terase en conta o número de persoas participantes, a orixinalidade do tema elixido, a organización do grupo para a realización do traballo de maneira cooperativa e a calidade final do produto elaborado.

Sexta.-Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

Modalidade de debuxo, pintura e/ou vídeo:

-Un premio ao mellor traballo de cada categoría: os autores do traballo premiado en cada categoría recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 1.500 A.

-Un accésit por cada categoría: os autores de cada traballo premiado recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor de 500 A.

Modalidade de actividades cooperativizadas:

-Un premio ao mellor traballo por categoría consistente nunha dotación económica de ata un máximo de 1.500 A, que contribuirá a financiar os gastos de realización da actividade.

Todos os premios serán outorgados polo xurado e procederase a súa entrega no transcurso dun acto público. A relación de premiados e o lugar e a data de entrega dos premios darase a coñecer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web: www.cooperativasdegalicia.com.

Sétima.-Cada un dos centros educativos participantes poderá contar cunha compensación económica para os gastos derivados da realización das actividades de fomento do cooperativismo e da elaboración dos traballos ou memorias, ata un máximo de 1.000 A. No caso de que a dotación orzamentaria prevista non resulte suficiente para satisfacer os gastos realizados, distribuirase a súa contía entre todos os solicitantes en proporción ao gasto realizado por cada un deles.

Para solicitar o pagamento da devandita compensación económica, os centros participantes neste certame deberán presentar, antes do 31 de maio de 2006, certificación emitida polo órgano competente comprensiva de informe das actividades realizadas e relación das facturas dos gastos, achegando copias compulsadas delas, copia do CIF no centro escolar e certificación bancaria en orixinal do número de conta do centro. Os documentos deberanse presentar na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela).

Oitava.-Os traballos dos alumnos debidamente identificados deberanse entregar, así mesmo, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas. O prazo de presentación finaliza o día 31 de maio de 2006. Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega no lugar e no prazo referidos anteriormente. Os centros educativos serviranse dos medios necesarios (mensaxaría urxente e outros) para garantir que os traballos se reciban na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas na data indicada.

Novena.-O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte dos autores, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor do Consello Galego de Cooperativas, a reproducir, traducir e difundir os traballos premiados nas condicións, cos medios a través dos suxeitos, entidades ou institucións que consideren oportunos, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos debuxos e pinturas e vídeos gañadores.

O Consello Galego de Cooperativas reserva para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes dos gañadores, polos medios e formas de comunicación que crean convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obrigación de realizar compensación ningunha. Considérase que os participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentaren os traballos.

Os concursantes exoneran de toda responsabilidade o Consello Galego de Cooperativas, no caso de que os traballos resultasen danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estiveren en poder del. Os centros poderán recoller os traballos que non resulten premiados nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

Décima.-A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo, rexéndose os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas e, no seu defecto, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación. Para o seguimento da súa execución ou coñecemento de calquera cuestión sobre a súa interpretación, modificación, resolución ou efectos delas que poidan xurdir acudirase ao Consello Galego de Cooperativas.

ANEXO II

Certame Cooperativismo no ensino dirixido

a centros de formación profesional

Modalidade de proxectos empresariais cooperativos

Primeira.-Poden participar neste certame e modalidade todos os centros educativos de Galicia que impartan formación profesional específica.

Segunda.-Establécense dúas fases:

* 1ª fase: actividades de fomento do cooperativismo no centro escolar.

Os centros que desexen participar deberán desenvolver no seu centro educativo actividades de fomento do cooperativismo, tales como xornadas sobre o cooperativismo, visitas a cooperativas e calquera outra actividade que divulgue a fórmula empresarial cooperativa entre o alumnado do centro educativo.

Tendo en conta que o cooperativismo é recoñecido como a expresión práctica de importantes valores sociais e que a súa práctica fomenta actitudes e valores sociais como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva e a solución de conflitos de forma pactada; as actividades que se realicen deberán potenciar e propiciar estes valores,

así como promocionar o cooperativismo como saída laboral dos alumnos de formación profesional.

Como soporte de apoio ás actividades propostas contarase con material divulgativo en formato electrónico na páxina web www.cooperativasdegalicia.com.

* 2ª fase: concurso de proxectos empresariais cooperativos.

Os centros que realizasen as devanditas actividades poderán presentar un ou varios proxectos empresariais cooperativos a este concurso. En cada proxecto deberán participar como mínimo tres alumnos, que deberán estar dirixidos na elaboración deste proxecto por un profesor-director.

Os proxectos deberán estar redactados en galego e presentaranse en formato papel e formato electrónico que permita a súa posterior publicación.

Terceira.-Os proxectos presentados serán avaliados por un xurado composto polos seguintes membros: dous representantes nomeados polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un representante nomeado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un técnico especialista en cooperativismo nomeado pola Consellería de Traballo e a directora xeral de Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta.

Avaliarase a coherencia, orixinalidade e viabilidade económica dos proxectos empresariais cooperativos, así como a súa relación co medio onde se desenvolven. As decisións do xurado serán inapelables.

Cuarta.-Os proxectos empresariais cooperativos presentados optarán aos seguintes premios:

Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo, coa seguinte dotación:

-3.000 A que se repartirán entre os alumnos que elaboraron o proxecto.

-Unha viaxe para visitar experiencias cooperativas, por valor máximo de 1.000 A, para o profesor-director do proxecto.

Dous accésits aos proxectos finalistas, coa seguinte dotación:

-1.000 A para cada proxecto finalista, que se repartirán entre os alumnos que elaboraron cada un dos proxectos finalistas.

-300 A en cheques para libros para cada un dos profesores-directores dos proxectos finalistas.

Todos os premios serán outorgados polo xurado e procederase á súa entrega no transcurso dun acto público. A relación de premiados e o lugar e a data de entrega dos premios, darase a coñecer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web: www.cooperativasdegalicia.com.

Quinta.-Cada un dos centros educativos participantes poderá contar cunha compensación económica para os gastos derivados da realización das actividades de fomento do cooperativismo e da elaboración dos proxectos, ata un máximo de 1.000 A. No caso de que a dotación orzamentaria prevista non resulte sufi

ciente para satisfacer os gastos realizados, distribuirase a súa contía entre todos os solicitantes en proporción ao gasto realizado por cada un deles.

Para solicitar o pagamento da devandita compensación económica, os centros participantes neste certame deberán presentar antes do 31 de maio de 2006 certificación emitida polo órgano competente comprensiva de informe das actividades realizadas e relación das facturas dos gastos, achegando copias compulsadas delas, copia do CIF no centro escolar e certificación bancaria en orixinal do número de conta do centro. Os documentos deberanse presentar na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela).

Sexta.-Os proxectos empresariais cooperativos deberán entregarse, así mesmo, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas. Deberá xuntarse aos proxectos o currículo do grupo (nomes, apelidos, idades, estudos dos integrantes do grupo) así como do profesor-director.

O prazo de presentación finaliza o día 31 de maio de 2006. Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega do proxecto no lugar e prazo referidos anteriormente. Os centros educativos serviranse dos medios necesarios (mensaxaría urxente e outros) para garantir que os traballos se reciban na secretaría do Consello Galego de Cooperativas na data indicada.

Sétima.-O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte dos autores, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor do Consello Galego de Cooperativas, a reproducir, traducir e difundir os proxectos premiados nas condicións, cos medios a través dos suxeitos, entidades ou institución que consideren oportunos.

O Consello Galego de Cooperativas reserva para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes dos gañadores, polos medios e formas de comunicación que crea convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obrigación de realizar compensación ningunha. Considerase que os participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentaren o proxecto.

Os concursantes exoneran de toda responsabilidade o Consello Galego de Cooperativas, no caso de que os proxectos resultaran danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estiveren en poder del. Os centros poderán recoller os proxectos que non resulten premiados, nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

Oitava.-A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo, rexéndose os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas e, no seu defecto, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación. Para o seguimento da súa execución ou coñecemento de calquera cuestión sobre a súa interpretación, modificación, resolución ou efectos delas que poidan xurdir acudirase ao Consello Galego de Cooperativas.