DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2006 Páx. 4.646

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO GALEGO DE COOPERATIVAS

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2006 pola que dispón a publicación do acordo do Consello Galego de Cooperativas sobre premios á cooperación.

O Consello Galego de Cooperativas, na súa sesión plenaria do 14 de febreiro de 2006, acordou aprobar as bases reguladoras dos premios á cooperación para o ano 2006.

En uso das atribucións que teño conferidas pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia e polo Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas

DISPOÑO:

A publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo referido.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Presidente do Consello Galego de Cooperativas

Acordo do Consello Galego de Cooperativas, do 14 de febreiro de 2006, polo que se convocan os V premios á cooperación

A Constitución española no seu artigo 129.2º encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma, co encargo de velar polo cumprimento dos principios cooperativos, pola axeitada aplicación da lei e polo respecto das regras dunha xestión correcta e democrática das cooperativas de Galicia.

Coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na comunidade autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, o Consello Galego de Cooperativas considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación.

Polo que antecede, o Pleno do Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión do 14 de febreiro de 2006, acordou:

Único.-Aprobar as bases polas que se regulan os premios á cooperación para o ano 2006, segundo o anexo que se xunta.

ANEXO

Bases polas que se rexerá a convocatoria dos premios á cooperación 2006

Primeira.-Destinatarios.

Poderán optar a estes premios as cooperativas, as súas asociacións e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que realizasen un labor destacado no eido do cooperativismo na Comunidade Autónoma galega.

Segunda.- Modalidades.

Os premios á cooperación convócanse baixo as seguintes modalidades:

Premio aos valores cooperativos.

Premio ao mellor proxecto cooperativo.

Premio á promoción do cooperativismo.

Terceira.-Premio aos valores cooperativos.

1. Outorgaráselle á cooperativa, entidade ou persoa que máis teña destacado no impulso dos valores cooperativos na Comunidade Autónoma galega.

2. O xurado valorará a traxectoria dos candidatos, especialmente as actuacións dirixidas á aplicación práctica dos principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional e a súa adecuación ao marco socioeconómico galego.

3. O premio terá unha dotación económica de 6.000 euros.

Cuarta.-Premio ao mellor proxecto cooperativo.

1. Outorgaráselle ao proxecto empresarial cooperativo de especial relevancia, tanto de cooperativas de nova creación como das previamente existentes.

2. O xurado terá en conta a especial relevancia do proxecto, que pode vir determinada tanto polo seu carácter innovador ou de intercooperación, como por outras características singulares e pola súa repercusión no contorno, especialmente nos eidos económico, social e laboral.

3. O premio terá unha dotación económica de 6.000 euros.

Quinta.-Premio á promoción do cooperativismo.

1. Outorgaráselle á persoa ou entidade que teña destacado especialmente no fomento do cooperativismo, tanto pola súa traxectoria como por actuacións de carácter puntual que resulten particularmente significativas.

2. O xurado terá en conta a actividade ou actividades realizadas polos/as candidatos/as e a súa repercusión na implantación e desenvolvemento do cooperativismo en Galicia, tanto nos seus aspectos cualitativos como cuantitativos, e valorará especialmente os persoeiros do cooperativismo como xeito de recoñecer as súas traxectorias neste eido.

3. O premio terá unha dotación económica de 6.000 euros

Sexta.-Candidaturas, documentación e prazo.

As candidaturas poderán presentarse, asinadas polo candidato ou persoa que o propoña, na secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela) acompañada de memoria explicativa e documentación xustificativa dos valores e méritos alegados.

Poderase requirir dos interesados aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados, particularmente en relación coa aplicación práctica dos principios e valores cooperativos.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de maio de 2006.

Sétima.-Xurado.

Para efectos de concesión dos premios, actuará como xurado a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas e a súa decisión será inapelable.

O xurado poderá declarar os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Oitava.-Entrega dos premios.

A decisión do xurado darase a coñecer no transcurso dun acto público, no cal se procederá á entrega dos premios.

Novena.

A participación nestes premios supón a aceptación incondicional destas bases.