DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2006 Páx. 4.644

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO GALEGO DE COOPERATIVAS

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2006 pola que se convoca o concurso de iniciativas de proxectos cooperativos experimentais.

A Constitución española no seu artigo 129.2º encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma, asignándolle entre as súas funcións a de facilitar e colaborar na investigación, planificación e execución dos programas de desenvolvemento e fomento do cooperativismo.

Tendo en conta que as sociedades cooperativas teñen amosado o seu importante potencial para o impulso do desenvolvemento local, en xeral, e rural, en particular, cómpre apoiar o seu aproveitamento integral como elementos dinamizadores da economía local e singularmente creadores de riqueza e emprego, a través do estímulo aos axentes que interveñen

nos procesos de xeración de proxectos empresariais, particularmente aqueles máis ligados ao ámbito local.

Vistas as experiencias derivadas dos instrumentos de colaboración celebrados nos ámbitos competenciais das consellerías de Traballo, Medio Rural e Pesca e Asuntos Marítimos, cómpre darlle continuidade ao concurso de iniciativas contido no programa de actuacións desenvolvidas nese marco. En consecuencia e coa finalidade de fomentar o cooperativismo como fórmula de desenvolvemento local en Galicia, o Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión do 14 de febreiro de 2006, acordou aprobar a convocatoria do concurso de iniciativas de proxectos cooperativos experimentais, correspondente ao ano 2006.

Polo que antecede, en uso das atribucións que teño conferidas pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia e polo Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas,

DISPOÑO:

A publicación das bases do concurso de concurso de iniciativas de proxectos cooperativos experimen

tais correspondente ao ano 2006, e a súa convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As bases reguladoras recóllense no anexo.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Presidente do Consello Galego de Cooperativas

ANEXO

Bases do concurso de iniciativas de proxectos cooperativos experimentais 2006

Primeira.-Poderán participar neste concurso as persoas pertencentes a colectivos tales como axentes de desenvolvemento local, axentes de extensión pesqueira, de extensión agraria, técnicos de emprego, técnicos de grupos de acción local, orientadores educativos e laborais, técnicos das consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos, Medio Rural e Traballo, así como técnicos das asociacións de cooperativas, etc. Así mesmo, o concurso estará aberto a todas as persoas maiores de idade, de calquera nacionalidade, que presenten proxectos orixinais e inéditos escritos en galego ou castelán.

Segunda.-Os proxectos terán por obxecto o impulso e aproveitamento integral dos recursos locais no ámbito galego, a través da fórmula cooperativa, de xeito que poidan incentivar o desenvolvemento local en xeral, e rural en particular. Ademais, deben terse en conta as liñas de acción definidas no Plan estratéxico para o cooperativismo.

Terceira.-Poderán presentarse proxectos individuais ou colectivos. Cada persoa poderá participar nun só proxecto individual e/ou nun só proxecto colectivo. A participación en máis dun proxecto unicamente será admisible cando sexan proxectos de diferente modalidade (individual e colectivo).

Cuarta.-Os proxectos presentaranse antes do 31 de maio de 2006 na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela). Os textos entregados fóra de prazo non serán admitidos no concurso.

Deberá presentarse unha copia de cada proxecto, encadernada, escrita en galego ou castelán, en papel formato A4 (DIN-A4, 210x297), claramente impresa a espazo simple en Century Gothic 12 ou tipo de letra similar e nunha soa das caras da folla. A extensión máxima dos proxectos será de 20 follas (incluíndo no cómputo os anexos). Ademais, será obrigatorio enviar os proxectos en formato electrónico de forma complementaria ao envío en papel.

Quinta.-Cada proxecto presentarase asinado cun pseudónimo na carátula e acompañado por un sobre, debidamente pechado; na súa fronte indicarase o pseudónimo usado polo/s autor/es. No interior dese sobre deben figurar os datos persoais e de contacto do autor para os proxectos individuais e de cada un dos compoñentes do grupo de traballo nos proxectos colectivos: nome e apelidos, DNI ou número de pasaporte, domicilio, teléfono, e enderezo de correo

electrónico, se a tivera/n. Este sobre permanecerá invariablemente pechado, a excepción dos correspondentes proxectos que acaden os premios e daqueles que sexan seleccionados para formar parte dun catálogo de referencia.

Cada proxecto entregado estará acompañado, ademais, dunha nota escrita polo/s autor/es e asinado co seu pseudónimo, na cal aceptará expresamente as bases e condicións do concurso e declarará que a obra é da súa autoría, inédita, que non foi presentada a outro concurso pendente de resolución e que non ten cedidos ou prometidos os dereitos de edición e/ou reprodución en calquera forma con terceiros. No sobre pechado indicado na cláusula 8 incluirase unha certificación asinada co nome e apelido do autor, en que este se fai expresamente responsable da veracidade e exactitude da declaración mencionada nesta cláusula. No caso de faltar este requisito, o proxecto quedará excluído do concurso.

Sexta.-Os proxectos presentados serán avaliados por un xurado composto polos seguintes membros: un representante nomeado polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un representante nomeado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, un representante nomeado pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, un técnico especialista en cooperativismo nomeado pola Consellería de Traballo e a directora xeral de Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta.

Avaliarase a coherencia e viabilidade económica dos proxectos, o seu carácter innovador, a súa achega á posta en valor e ao aproveitamento sustentable dos recursos locais do contorno e a súa adecuación aos obxectivos e liñas de actuación do Plan estratéxico para o cooperativismo.

Todos os premios serán outorgados polo xurado; a decisión tomarase por unanimidade ou, no seu defecto, por maioría de votos e serán inapelables. A resolución darase a coñecer no transcurso dun acto público, en que se procederá á entrega dos premios. O concurso poderá ser declarado deserto.

Sétima.-O/os autor/es do mellor proxecto recibirá/n un único premio de 5.000 euros, dos cales 3.000 se entregarán tras a resolución do xurado, e 2.000 se entregarán tras a presentación dunha memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto; será preciso xuntar a documentación acreditativa que xustifique, como mínimo, a conformación do grupo promotor do proxecto, coa relación de nomes e apelidos e a acta da súa primeira reunión.

Ademais, outorgaranse dous accésit de 1.000 euros, cada un, aos autores dos proxectos considerados como segundo e terceiro mellores. Os proxectos de maior interese incorporaranse a un catálogo de referencia.

Oitava.-O outorgamento dos premios establecidos neste concurso implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte dos autores, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor do Consello Galego de Cooperativas, a reproducir, traducir e

difundir os proxectos premiados nas condicións, cos medios a través dos suxeitos, entidades ou institucións que consideren oportunos.

O Consello Galego de Cooperativas reservarase o dereito a difundir o nome e/ou imaxes dos gañadores, polos medios e formas de comunicación que crean convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que os participantes no concurso prestaron o seu consentimento ao presentar o proxecto.

Os concursantes exoneran de toda responsabilidade o Consello Galego de Cooperativas, no caso de que os proxectos resultaran danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estivesen en poder deste. Os materiais presentados non serán devoltos.

Novena.-A presentación dun proxecto neste concurso implica a aceptación incondicional das presentes bases que teñen carácter administrativo, rexéndose os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas e, no seu defecto, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación. Para o seguimento da súa execución ou coñecemento de calquera cuestión sobre a súa interpretación, modificación, resolución ou efectos destas que poidan xurdir acudirase ao Consello Galego de Cooperativas.