DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2006 Páx. 4.640

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 3 de marzo de 2006 pola que se acorda a cesión en propiedade dunha embarcación de apoio para transporte en cuberta de cargas especiais xerais no porto e ría da Coruña á Confraría de Pescadores da Coruña.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, no seu artigo 1, define estas como corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar, para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, atribuíndolles entre outros, segundo o artigo 3.3º c) da citada norma legal, a función de xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos polas administracións públicas.

Por outra banda, e tendo en conta a suxeición das confrarías de pescadores á tutela da Administración pública galega, exercida a través desta consellería, cómpre cederlle o uso de bens mobles adscritos a este organismo, para seren destinados por estas corporacións con fins de utilidade pública ou interese social.

Para tal fin, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35 bis, da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Polo exposto e, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22

de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en propiedade a favor da Confraría de Pescadores da Coruña dunha embarcación de apoio para transporte en cuberta de cargas especiais xerais no porto e ría da Coruña e que corresponde coas características seguintes:

Modelo: Aister RPE-750-ZS.

Número de serie: C-26.

Forma do casco: tipo monocasco, con semitubo circundante a modo de flotador.

Material do casco: polietileno de alta densidade.

Eslora total: 7,50 metros.

Manga: 2,75 metros.

Puntal: 1,00 metros.

Propulsión: motor foraborda 100 CV/73,53 kW, marca Yamaha, 4 tempos, modelo F-100DETL e número de serie 6D91001806. O motor é accionado hidraulicamente desde unha consola de goberno situada na parte central da embarcación.

Artigo 2º

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido tal como establecen os artigos 35 bis da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autómona de Galicia, e 96 bis do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamamento, destinarase para fins de utilidade pública ou interese social da confraría cesionaria, concretamente, á mellora das súas condicións técnicas aos confrades e ao sector.

b) Coa cesión outorgaráselle á confraría de pescadores citada a propiedade do ben moble cedido.

c) Se o ben cedido non se aplicase co fin sinalado, se se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

d) Serán por conta da corporación cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

Artigo 3º

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Secretaría Xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2006.

María Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos