DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2006 Páx. 4.631

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 20 de marzo de 2006 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas de carácter individual, en réxime de concorrencia competitiva, para facilitar o acceso á sociedade da información das persoas con discapacidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e se procede á súa convocatoria.

A Consellería de Innovación e Industria, segundo o Decreto 552/2005, do 20 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, asume as competencias en materia de sociedade da información e do coñecemento. Ten, polo tanto, a obriga de impulsar dun xeito decidido a incorporación de toda a sociedade galega aos novos recursos tecnolóxicos da información e da comunicación. Esta obriga adquire especial relevancia cando os cidadáns dos cales estamos a falar son persoas con dificultades de acceso á comunicación por problemas derivados dunha discapacidade.

A velocidade de desenvolvemento da sociedade do coñecemento e as súas tecnoloxías asociadas pode provocar que os diferentes colectivos que integran a nosa sociedade se atopen con dificultades para acceder ás tecnoloxías da información e ás comunicacións, quedando polo tanto en perigo de exclusión nos diferentes ámbitos sociais.

Co obxectivo de que a sociedade da información sexa unha oportunidade para a integración e cohesión social, a Consellería de Innovación e Industria por medio da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, pretende fomentar a accesibilidade dos cidadáns galegos con discapacidade ás novas tecnoloxías, co fin de mellorar a súa calidade de vida, impulsar a súa integración, aprendizaxe e emprego, e evitar a exclusión social que podería derivarse da falta de igualdade de oportunidades de acceso ás devanditas tecnoloxías.

En consecuencia e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas públicas de carácter individual, en réxime de concorrencia competitiva, para facilitar o acceso á sociedade da información das persoas con discapacidade da Comunidade Autónoma de Galicia, cun grao de minusvalidez recoñecido polo Equipo de Valoración e Orientación de Minusvalideces (EVO), igual ou superior ao 33%, e proceder á súa convocatoria para o ano 2006.

Artigo 2º.-Aplicación orzamentaria.

Para a concesión das axudas, propias das actuacións que se convocan e que terán a modalidade de sub

vención, destinarase o crédito global correspondente á aplicación orzamentaria que se menciona:

-Aplicación: 10.04.712-B.781.1.

-Denominación: integración de colectivos desfavorecidos na sociedade da información.

-Ano 2006: 400.000 A.

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios aquelas persoas físicas que, como consecuencia dalgunha discapacidade cun grao de minusvalidez recoñecido polo Equipo de Valoración e Orientación de Minusvalideces (EVO) igual ou superior ao 33%, necesiten de periféricos especiais e/ou software específicos para o acceso á interacción cos equipos informáticos.

Os beneficiarios deberán ter fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os beneficiarios deberán reunir os requisitos que fundamentan a concesión así como os demais que se prevexan nesta orde. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

Artigo 4.-Actuacións subvencionables.

As actuacións subvencionables obxecto desta orde inclúen:

-Adquisición de periféricos especiais que permitan o acceso de persoas con discapacidade á interacción cos equipos informáticos. Dependendo do tipo de discapacidade, as adaptacións tamén poden consistir na adquisición do software específico que facilite a interacción co equipo informático.

-No caso de que o solicitante non conte con equipos informáticos (ordenador persoal e/ou impresora), tamén se considerará actuación subvencionable, ademais da descrita no punto anterior, a adquisición destes esquipos informáticos.

Artigo 5º.-Gastos subvencionables.

Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubitada respondan á natureza da actividade subvencionable, e se realicen dentro de prazo establecido nesta orde.

Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado dentro do prazo de finalización do período de xustificación.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

No caso de que o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 A, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben, agás que polas especiais caracerísticas dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse xunto coa solicitude de subvención, realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

No caso de que o crédito existente na aplicación orzamentaria sinalada no artigo 2º non fose suficiente para a concesión de axudas a todos os solicitantes, os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

1. Nivel de renda da unidade familiar de convivencia.

2. Grao en que a actuación subvencionable permita suplir ou diminuír as limitacións ou carencias funcionais das persoas con discapacidade.

3. Grao de minusvalidez.

Artigo 7º.-Contía das axudas.

No caso da adquisición de periféricos especiais e software específicos necesarios para a adaptación da discapacidade de que se trate, as axudas poderán acadar unha contía máxima do 100% do seu custo de compra (IVE non incluído).

No caso da adquisición de equipos informáticos (ordenadores persoais e impresoras), as axudas poderán acadar unha contía máxima do 40% do seu custo de compra (IVE non incluído).

Artigo 8º.-Ámbito temporal.

Poderán acollerse a esta orde as actuacións que se describen no seu artigo 4º, sempre que se realicen con posterioridade á data de presentación das solicitudes e antes da data de xustificación dos investimentos establecido no artigo 16º desta orde.

Artigo 9º.-Solicitudes e documentación.

Os solicitantes deberán presentar, no rexistro central da Consellería de Innovación e Industria, ou por calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación, por duplicado exemplar, incluíndo orixinal ou copia compulsada e unha copia:

a) Formularios normalizados de solicitude, compostos polos anexos I, II e III a esta orde de convocatoria.

Estes formularios atópanse tamén dispoñibles no enderezo da internet: http//www.xunta.es/conselle/in/, oficina virtual, internetexpres, procedemento IN 521 B.

Presentaranse debidamente asinados polo solicitante ou o seu representante legal.

Recoméndase cubrir a solicitude a través da internet por razóns de axilidade do procedemento.

b) Fotocopia cotexada do DNI en vigor (por ambas as caras) ou da tarxeta de residencia en vigor do solicitante e, de ser o caso, do seu representante legal, achegando tamén neste caso, documento do poder con que actúa o representante.

c) Certificado de empadroamento do solicitante.

d) Certificación do grao de minusvalidez.

e) Certificado da declaración do IRPF de todas as persoas físicas con ingresos da unidade familiar de convivencia (en caso de ter obriga de presentar declaración ou de non tela e ter solicitada devolución), expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

No caso de non ter a obriga de presentar declaración e non ter solicitada devolución, achegarase un certificado de imputacións de renda, expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Os certificados a que se refiren os puntos anteriores corresponden ao ano fiscal 2004.

A presentación dos devanditos certificados poderá ser substituída pola autorización que figura no anexo III desta orde para que a Consellería de Innovación e Industria solicite da Axencia Estatal de Administración Tributaria os datos relativos á renda dos membros da unidade familiar de convivencia que perciban ingresos.

f) Orzamento que xustifique o custo da axuda solicitada (IVE non incluído).

g) Breve xustificación, na cal se especifiquen as necesidades e os beneficios que a axuda solicitada reportaría para mellorar a relación co contorno, promover o seu desenvolvemento persoal ou para a súa formación, de acordo co tipo de discapacidade do solicitante (anexo I, folla 2).

h) Declaración responsable do solicitante ou do seu representante legal de non estar incurso en ningún dos supostos recollidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (anexo II).

i) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes, consonte o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (anexo II).

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e

do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación xurídico administrativa que xa se atope en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada; esta identificación leva consigo a autorización para que o órgano xestor teña acceso a esta documentación.

No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior ou se constate a súa non validez, o órgano competente poderá requirir do solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, sobre protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Innovación e Industria garante a confidencialidade dos datos recollidos na documentación prevista para as solicitudes de axuda.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases, así como a autorización ao órgano xestor para comprobar de oficio o cumprimento das obrigas tributarias e sociais coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 43 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 10º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de abril de 2006, ambos inclusive.

No caso de que non se esgote o crédito existente na aplicación orzamentaria sinalada no artigo 2º unha vez resolta esta convocatoria, a Consellería de Innovación e Industria poderá acordar a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 11º.-Emenda de solicitudes.

Se a documentación presentada fose incompleta ou tivese erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con advertencia de que, se non o fixese terase por desistido da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e cos efectos previstos no artigo 42.1º da citada lei.

En ningún caso se considerará emendable a presentación de formularios non válidos e a súa manipulación.

Artigo 12º.-Instrución e selección de solicitudes.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información a instrución

do procedemento de concesión de subvencións, que desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

Co obxecto de cumprir o principio de concorrencia competitiva, conforme o disposto no artigo 3.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración que se axustará aos preceptos contidos no título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esta comisión estará constituída polos seguintes membros:

Presidente: o/a subdirector/a de Promoción Industrial, da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información.

Vogais:

-O/a xefe/a do Servizo de Equipamentos e Promoción da Accesibilidade, da Dirección Xeral de Acción Social.

-O/a xefe/a do Servizo de Desenvolvemento da Sociedade da Información, da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información.

Secretario/a: un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información.

A directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información designará os correspondentes suplentes.

Esta comisión, tendo en conta os criterios de avaliación recollidos no artigo 6º, emitirá un informe razoado en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. Neste informe incluirase unha relación ordenada dos solicitantes que reúnan os requisitos para seren beneficiarios da subvención, no que se incluirá unha proposta de orzamento para estes, que será determinado segundo criterios de máxima eficiencia na asignación de recursos, e unha relación de solicitantes que non reúnan os devanditos requisitos, con indicación expresa dos motivos que concorran.

A Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, en vista do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada.

Artigo 13º.-Resolución.

En vista da proposta de resolución, o conselleiro de Innovación e Industria ou, de ser o caso, o delegado provincial, ditará a resolución que proceda, motivada, con indicación do obxecto e importe do solicitante subvencionado, a porcentaxe de axuda concedida e a contía desta.

De acordo co establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orza

mentario de Galicia, delégase esta competencia nos delegados provinciais, ata o límite dos créditos que se desconcentren.

O prazo máximo para resolver e notificarlles aos interesados a resolución expresa será de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que finalice o prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Procederase á publicación dunha reseña da resolución de concesión das subvencións no enderezo da internet: http//www.xunta.es/conselle/in/

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas inicialmente e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá solicitar a modificación que proceda antes do 31 de agosto de 2006.

A conformidade expresa da Consellería de Innovación e Industria ás mencionadas modificacións requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, e só será outorgada cando non alteren significativamente a actuación inicial e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a modificación da actividade estea comprendida dentro da finalidade desta orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da subvención.

b) Acreditar, ante a entidade concedente, a realización da actividade que fundamente a axuda así como dos requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou excepcionalmente o que se sinale na reso

lución cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso potestativo de reposición.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

d) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de dous anos desde a súa concesión.

Artigo 16º.-Xustificación do investimento.

O beneficiario terá de prazo ata o 30 de setembro de 2006.

Para o libramento da anualidade, o beneficiario deberá presentar no rexistro central da Consellería de Innovación e Industria a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención. Poderase tamén presentar a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentará por duplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e unha copia), constará dos seguintes documentos:

a) Solicitude de libramento da subvención.

b) Xustificante dos investimentos: facturas dos provedores en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude e a data límite de xustificación do investimento.

c) Xustificación dos pagamentos: transferencia bancaria, certificación bancaria orixinal ou extracto de pagamento comprendido entre a data de presentación da solicitude e a data límite da xustificación do investimento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

d) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento na cal conste o nome e apelidos e o DNI do seu titular así como o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

f) Calquera outro documento que se requira durante a tramitación do expediente para a verificación do investimento.

Artigo 17º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servizos técnicos da Consellería de Innovación e Industria verifiquen a documentación xustificativa de cumprimento da realización da actividade subvencionada e dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión.

Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto.

Artigo 18º.-Concorrencia de axudas públicas.

As axudas reguladas nesta orde serán compatibles con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de maneira que, en ningún caso, o seu importe sexa de tal contía que, illadamente ou en concorrencia, supere o custo da actividade subvencionada, ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 19º.-Reintegro da axuda.

Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida e mais os xuros de demora percibidos desde o seu pagamento nos supostos previstos no punto 10 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable que se estableza.

O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

As cantidades que os beneficiarios deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 20º.-Fiscalización e control.

A concesión das axudas reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Os beneficiarios estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como os órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro, que para este fin terán as facultades que lle outorga o punto 11 do artículo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 21º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas e subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 22º.-Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

E todo isto sen perxuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 23º.-Normativa aplicable.

En todo o non recollido nesta orde, aplicarase o disposto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do establecido nesta orde.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria