DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2006 Páx. 4.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 21 de marzo de 2006 pola que se ditan normas para a cesión en propiedade de material para o Plan específico de Protección Civil ante o risco de nevaradas en Galicia (Plan Nega), aos concellos e mancomunidades de concellos galegos.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, alínea c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas, a protección civil, xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia, actividade fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 578/2005, do 29 de decembro, mediante o que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como das necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar dos medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil.

Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, os seus preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira, no Decreto lexis

lativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais das subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo co exposto, preténdese por medio desta orde regular o procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de material aos concellos e mancomunidades de concellos da Comunidade Autónoma galega, para o Plan de Protección Civil ante o risco de nevaradas en Galicia (Plan Nega), que a Xunta de Galicia elaborou no ano 1995 e que foi revisado e actualizado no ano 2002 (DOG nº 143, do 26 de xullo).

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para colaborar e aumentar a eficacia dos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cun medio necesario á protección civil, cederalles en propiedade material quitaneves aos concellos e mancomunidades de concellos galegos que conten con Servizo Municipal de Protección Civil ou Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que estean inscritas no rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder aos beneficios outorgados mediante esta orde, os interesados deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser concellos de Galicia definidos de alto risco no Plan Nega.

b) Dispor de vehículos axeitados para mobilizar o material quitaneves, así como de recursos humanos.

c) Dispor de Servizo Municipal de Protección Civil ou de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil debidamente inscrita no rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

d) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada a temas de seguridade e protección civil.

e) Que o concello teña elaborado, ou estea elaborando o Pemu (Plan de Emerxencia Municipal) e/ou PAM (Plan de Actuación Municipal) ou se comprometa a iniciar a súa elaboración neste ano.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ao que se refire a esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de 43.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.231A.623.0, dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2006, que se dedicarán á adquisición de material quitaneves para cedérllelos en propiedade aos concellos e mancomunidades de concellos.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os interesados en acollerse aos beneficios concedidos nesta orde, presentarán a súa solicitude no prazo de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarán os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello ou polo presidente da mancomunidade:

a) Se é o caso, da existencia de Servizo Municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos do ano 2006 destinados ás funcións de seguridade e protección civil.

c) Relativo ao acordo adoptado polo órgano competente polo que se acorda solicitar a cesión en propiedade regulada nesta orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

d) Se é o caso, da creación da Xunta Local de Protección Civil.

2.3. Memoria asinada polo alcalde, como xefe local de Protección Civil, ou polo presidente da mancomunidade, na que se indiquen:

a) Os riscos potenciais de nevaradas existentes no ámbito territorial do concello ou mancomunidade e limítrofes, conforme o establecido no Plan ante o risco de nevaradas (Nega ) ou de ser o caso, no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu), de telo aprobado.

b) Medios materiais e recursos humanos para a mobilización de material quitaneves do que dispón actualmente o concello ou a mancomunidade e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, especificando tipo de vehículos e as súas matrículas,

e número de efectivos dos que se dispón para estas emerxencias, concretando a súa formación e experiencia.

c) Cumprir os requisitos indicados no artigo 2º, especificando cada un dos puntos.

2.4. No caso de estar elaborando o Pemu (Plan de Emerxencia Municipal) ou un PAM (Plan de Actuación Municipal), unha copia, en soporte informático, do realizado ata o momento da presentación da solicitude.

2.5. No caso de non ter homologado o Pemu ou non estar en proceso de elaboración, acordo do órgano competente no que se recolla o compromiso de inicialo neste ano.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedéndolles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, as delegadas provinciais remitirana á Dirección Xeral de Protección Civil, xunto cun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 4º.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida polo director xeral de Protección Civil ou persoa en quen delegue, e formada polas catro delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Protección Civil que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que conterá unha lista de reserva cara á posible renuncia dalgún beneficiario ou á adquisición de máis equipos, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración da proposta de resolución teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

1. Que se teña homologado ou se estea no proceso de redacción e elaboración do Pemu ou PAM, ata un 30%.

2. Número de colaboracións realizadas en temas de protección civil coa Xunta de Galicia, especialmente co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, e concretamente en actuacións do Plan Nega nos últimos anos, ata un 25%.

3. A situación xeográfica do concello ou mancomunidade e os riscos de nevaradas existentes no seu territorio e nos concellos limítrofes, conforme o establecido no Plan de Protección Civil ante o Risco de Nevaradas (Nega), ata un 15%.

4. Dispor de recursos humanos e medios materiais de titularidade propia que o interesado e, se é o caso, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, poida mobilizar ante a activación do Plan Nega, cun servizo de 24 horas, ata un 15%.

5. Que se teña creada a Xunta Local de Protección Civil, ata un 10%.

6. Cantidade destinada polo interesado nos seus orzamentos anuais, para cumprir coa normativa vixente en materia de seguridade e protección civil, ata un 5%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da comunidade autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, supoñendo a cesión en propiedade do material quitaneves.

2. A notificación da resolución será efectuada pola Dirección Xeral de Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses, contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación e xustificación.

1. O alcalde do concello ou o presidente da mancomunidade ao que se lle conceda o material quitaneves, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunicar a aceptación.

2. Considerase como medio de xustificación, para facer efectiva a entrega do material correspondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade

para a que solicita a axuda, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo referido no número 1 deste artigo sen que se comunique a aceptación, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá anular a resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

Para a formalización da cesión, aplicarase o disposto no artigo 96.bis 4 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da comunidade autónoma, e realizarase mediante acta subscrita polo alcalde ou presidente da mancomunidade ou persoa na que delegue, e o secretario xeral da consellería ou funcionario no que delegue, na que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Os gastos de mantemento e conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, correrán por conta dos concellos ou mancomunidades.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na comunidade autónoma.

1. Se o material cedido non se aplicase ao fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza