DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2006 Páx. 4.314

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 16 de marzo de 2006 pola que se nomea un novo membro do Consello Galego de Saúde.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, dedica o seu título VII á participación comunitaria, como expresión do dereito dos cidadáns a participaren na actividade dos organismos públicos que afecte directamente á calidade de vida ou ao benestar xeral e, en concreto, na formulación da política sanitaria e no control da súa execución, recollido nos artigos 9.2º e 129.1º da Constitución española, e nos artigos 5 e 53 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade. Esta participación instruméntase como un valor social e elemento de cooperación e información do sistema sanitario de Galicia para a mellora da saúde e do benestar dos cidadáns e a súa promoción.

Co obxecto de posibilitar a referida participación, a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia creou o Consello Galego de Saúde como principal órgano colexiado de participación comunitaria no sistema sanitario de Galicia, ao que lle corresponde o asesoramento á Consellería de Sanidade na formulación da política sanitaria e no control da súa execución, segundo dispón o artigo 120 de lei antes citada.

En virtude do disposo no artigo 121 da antedita lei, a determinación dos sitemas de asignación dos representantes entre as distintas organizacións e entidades representadas no Consello Galego de Saúde, así como os mecanismos para a súa designación, realizarase por decreto da Xunta de Galicia (artigo 121.3º). Os seus membros serán nomeados e separados do cargo pola conselleira de Sanidade, por proposta de cada unha das representacións que o compoñen.

Tal e como establece o artigo 3 do Decreto 74/2005, do 14 de abril, no que se regulan os sistemas de asignación de representantes, os doce vogais representantes dos cidadáns e os seus suplentes serán designados na seguinte proporción: oito vogais pola Federación Galega de Municipios e Provincias e un vogal por cada unha das deputacións provinciais da comunidade autónoma.

Así, por Orde do 12 de decembro de 2005, nomeáronse os membros do Consello Galego de Saúde, e concretamente sete dos oito representantes dos cidadáns propostos pora Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), quedando pendente de designación un dos representantes.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 38 de Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e os artigos 2, 3 e 4 do Decreto 74/2005, do 14 de abril, por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias,

DISPOÑO:

Artigo único.-Noméase a persoa que se relaciona no anexo como membro do Consello Galego de Saúde, en representación dos cidadáns, a proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2006.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

ANEXO

Pola Federación Galega de Municipios e Provincias

Aos nomeados mediante Orde do 12 de decembro de 2005, engádese a Luis Milia Méndez.