DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 2006 Páx. 4.198

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o Programa de vivenda en aluguer.

Exposición de motivos:

O compromiso da Consellería de Vivenda e Solo de manter o fomento do aluguer como alternativa para o acceso a unha vivenda digna dos grupos sociais con maiores dificultades vese materializado coa aprobación deste decreto.

O obxectivo primordial deste programa é o de dinamizar o mercado de vivenda en aluguer, tentando atraer parte do elevado número de vivendas deshabitadas ou baleiras existentes na nosa comunidade autónoma, coa intervención decidida da Administración pública, que ademais a través deste programa as poñerá á disposición das unidades familiares ou convivenciais que máis o precisen.

Créase, así, un sistema que, axudándolles a familias e unidades convivenciais con dificultades de acceso á vivenda, dinamizará o mercado de aluguer, ofrecerá servizos de alta calidade tanto a inquilinos como a propietarios, e liberará estes últimos de todos os inconvenientes que poidan atopar para integrar as súas vivendas baleiras no mercado de aluguer.

Dunha banda regúlanse as subvencións para o pagamento das rendas de aluguer destinadas a arrendatarios con ingresos ponderados comprendidos entre 0,7 e 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Doutra banda, este programa quere incidir especialmente naqueles sectores sociais especialmente desfavorecidos ou en risco de exclusión social, no entendemento de que a garantía de acceso a unha vivenda digna axudará a atenuar os efectos de determinadas circunstancias sociais e económicas, así como, conxuntamente coas políticas doutros departamentos, contribuirá a poñer as bases onde apoiar o necesario cambio das ditas situacións.

Neste sentido, regúlanse as especialidades das axudas que sexan concedidas a estes grupos sociais. Esta regulación vén adecuar as subvencións a cada circunstancia económica ou social que se trata de paliar, establecendo nestes casos a concesión da subvención na súa cuantificación máxima.

Este programa, levarao a cabo a Consellería de Vivenda e Solo a través das catro sociedades públicas de xestión urbanística de Galicia, ás cales se lles encomendará a súa xestión.

Por último, no que atinxe ao programa da bolsa de vivenda en aluguer, regulado polo Decreto 199/2002, do 6 de xuño, e en particular, no referido aos inquilinos, tendo presente que as subvencións establecidas no referido decreto se conceden por doce meses, é decisión desta consellería, diante da existencia de crédito na consignación orzamen

taria que sustenta a bolsa de vivenda en aluguer, e co único fin de facilitarlles o necesario período de adaptación aos actuais beneficiarios, recoller no dereito transitorio deste decreto a posibilidade de lles conceder novas subvencións por unha única vez aos beneficiarios en calidade de arrendatarios aos cales lles venza a anterior, por un prazo doutros doce meses. Esta concesión estará limitada ao esgotamento definitivo do crédito orzamentario existente e destinado a sustentar o programa regulado no Decreto 199/2002, do 6 de xuño.

En virtude de todo o anterior, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de febreiro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto o establecemento das condicións básicas do Programa de vivenda en aluguer, que pretende conseguir que as vivendas de titularidade privada que se encontran deshabitadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sexan postas no mercado da vivenda en aluguer en beneficio de quen as precise, así como a fixación das bases reguladoras das subvencións enmarcadas no referido programa.

Artigo 2º.-A xestión do programa.

Este programa levarao a cabo a Consellería de Vivenda e Solo a través das sociedades públicas de xestión urbanística das catro provincias galegas, que actuarán como entidades colaboradoras.

Artigo 3º.-Financiamento do programa.

1. Este programa será financiado cos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e completado con fondos do Ministerio de Vivenda ao abeiro do convenio asinado entre o dito Ministerio e a Comunidade Autónoma no marco do plan vivenda 2005-2008.

2. O volume total de subvencións que se concederá dentro de cada exercicio non excederá a contía máxima establecida na orde de convocatoria anual que se publicará con posterioridade á entrada en vigor deste decreto, e que especificará as aplicacións orzamentarias ás cales se imputarán as subvencións. Nela acordarase de forma simultánea a realización de varios procedementos de concesión ao longo de cada exercicio orzamentario. Nesta convocatoria deberá concretarse o número de resolucións sucesivas que deberán recaer e, para cada unha delas:

a) O importe máximo que se outorgará.

b) Último día en que deberá recaer cada unha.

c) O prazo en que, para cada unha delas, se poderán presentar as solicitudes.

O importe máximo que se outorgará en cada período fixarase atendendo á súa duración e ao volume de solicitudes previstas.

Cando finalizado un período se concedesen as subvencións correspondentes e non se esgotase a totalidade do orzamento destinado a este programa, poderase trasladar a cantidade non aplicada ás posteriores resolucións que recaian.

Unha vez recaída a resolución de orixe, o órgano concedente deberá acordar expresamente as contías que se van trasladar e o período en que se aplicarán.

Artigo 4º.-Condicións mínimas das vivendas para a súa incorporación ao programa.

1. Para a súa incorporación e participación no Programa de vivenda en aluguer as vivendas deberán cumprir as seguintes condicións mínimas:

a) Non estar ocupadas nin arrendadas, nos seis meses anteriores á presentación da solicitude, salvo para o caso de vivendas de nova construción e as vivendas que estivesen á disposición da Bolsa de Vivendas en Aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo nos termos establecidos nas disposicións transitorias deste decreto.

b) Non estar sometidas a ningunha limitación derivada da súa cualificación como de protección ou promoción pública que impida arrendala.

c) Que a superficie útil da vivenda non exceda 120 metros cadrados.

d) Ter unha renda de mercado taxada pola sociedade pública xestora que non sexa superior a 450 euros ao mes (catrocentos cincuenta euros).

e) Reunir as condicións esenciais de habitabilidade.

2. Quedarán excluídas todas aquelas edificacións que non teñan como uso escriturado o de vivenda.

3. Non se admitirán no Programa de vivenda en aluguer as vivendas que, a criterio da sociedade pública xestora:

a) Se sitúen en concellos ou comarcas en que non exista demanda suficiente de aluguer.

b) Non reúnan as condicións esenciais de habitabilidade aínda incluíndo as posibilidades de reforma.

c) Teñan un contorno que as faga dificilmente alugables.

Artigo 5º.-Xestión das vivendas.

1. A xestión das vivendas incorporadas ao programa, realizarase mediante a sinatura cos seus titulares, dun contrato de xestión da vivenda para o seu arrendamento, de cesión da vivenda ou do contrato de arrendamento, arrendamento directo, ou calquera outro título válido en dereito e por un prazo non inferior a cinco anos, co obxecto de que sexa arrendada pola sociedade pública xestora nos termos deste decreto e disposicións do seu desenvolvemento.

2. Excepcionalmente e cando as circunstancias concorrentes así o aconsellaren, como ocorre no caso de persoas con minusvalideces oficialmente recoñecidas ou similares, nas condicións que serán fixadas na normativa de desenvolvemento deste decreto, poderán incorporarse contratos de arrendamento directamente concertados entre o titular da vivenda e o inquilino, sempre que cumpran os requisitos deste decreto, excepto o de encontrarse baleiras.

Artigo 6º.-Dereitos dos propietarios.

1. Os propietarios aos cales lles sexan admitidas e alugadas as vivendas no marco do Programa de vivenda en aluguer, terán dereito a:

a) Unha renda periódica, que se calculará segundo os prezos medios do mercado, unha vez deducidos os gastos de xestión, sen que se poida superar a renda de aluguer taxada pola correspondente sociedade xestora. A dita renda de aluguer taxada debe encontrarse dentro dos parámetros establecidos no artigo 15 e concordantes do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, no artigo 9 e concordantes do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008, e, de ser o caso, no artigo 45 do real decreto antes referido.

Esta renda periódica pagaráselle mensualmente ao propietario desde o momento da sinatura do primeiro contrato de arrendamento, e mentres a vivenda estea integrada no programa de vivenda e aluguer independentemente de que a vivenda estea ocupada ou non. Neste último caso o pagamento será asumido por unha entidade aseguradora contratada para o efecto.

b) Un seguro multirisco de fogar.

c) Un seguro de asistencia xurídica para posibles reclamacións.

2. O propietario da vivenda poderá alleala, pero o adquirente desta deberá respectar os contratos asinados.

3. A inclusión das vivendas no programa non excluirá os seus titulares de poder ser beneficiarios de axudas públicas que puidesen percibirse para o desenvolvemento da mesma actuación convocadas por outras administracións, sempre que o montante total non supere o 100% dos custos do arrendamento, reducíndose a subvención se isto ocurrise, ata o límite máximo correspondente, e, en todo caso, coa excepción das previstas para a rehabilitación de vivendas na sección quinta do capítulo VI do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, sempre coa limitación establecida no artigo 78.8º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7º.-Demandantes de vivenda en aluguer.

Calquera persoa física, unidade familiar ou convivencial que cumpra os requisitos establecidos nos

artigos 18.1º e 19 poderá inscribirse na lista de demandantes de vivenda en aluguer, no prazo que para tal efecto se publique na orde de desenvolvemento deste decreto.

Os demandantes de vivenda deste programa non poderán ser propietarios nin titulares dun dereito real de uso ou desfrute sobre outra vivenda. Salvo as excepcións xustificadas, debidamente apreciadas, como o caso das mulleres maltratadas que acrediten a dita condición e casos similares.

A incorporación na dita lista non outorgará ningún dereito económico.

Artigo 8º.-Principios de adxudicación de vivendas.

A adxudicación das vivendas dispoñibles dentro do Programa de vivenda en aluguer realizarana as entidades colaboradoras co cumprimento estrito dos seguintes principios:

-Transparencia.

-Obxectividade.

-Máxima adecuación da vivenda dispoñible ás necesidades das persoas ou unidades familiares ou convivenciais.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios das axudas.

1. Acreditar perante a entidade concedente o cumprimento dos requisitos que determinan a concesión da axuda.

2. Con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da subvención, os beneficiarios deberán acreditar que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 41.1º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006.

Así mesmo, non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención mentres os beneficiarios non cumpran co establecido no parágrafo anterior.

3. Os beneficiarios están obrigados a lle comunicar á entidade concedente toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

4. Os beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 10º.-Modificación da resolución da concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obten

ción concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total o parcial, da subvención percibida nos supostos previstos no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 12º.-Órganos competentes e recursos.

A conselleira de Vivenda e Solo, ou persoa en que delegue, logo de proposta realizada polos delegados provinciais desta consellería, ditará resolución expresa debidamente motivada sobre a procedencia do outorgamento da subvención ou, de ser o caso, sobre a súa denegación, sempre dentro dos límites previamente xustificados. A resolución que se dite poñerá fin á vía administrativa.

En caso de non recaer resolución no prazo que se estableza na convocatoria anual, as solicitudes de subvención entenderanse desestimadas.

En ningún caso poderán concederse subvencións sen que exista crédito orzamentario para iso. No caso de denegarse a concesión de subvención polo dito motivo, o beneficiario poderá solicitala na seguinte convocatoria.

Contra a resolución que se dite poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Vivenda e Solo, nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións pública e do procedemento administrativo común, ou interpoñer directamente recurso contencioso administrativo perante o órgano xurisdicional competente, nos termos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Capítulo II

Subvencións á rehabilitación de vivendas

Artigo 13º.-Obxecto.

Serán obxecto destas subvencións as obras e actuacións de reforma que, de ser o caso, resulten necesarias na vivenda para o cumprimento das condicións esenciais de habitabilidade e sexan imprescindibles para facer posible o seu aluguer como vivenda.

Artigo 14º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención para rehabilitación os propietarios que teñan solicitado a incorporación da súa vivenda ao Programa de vivenda en alugueiro sempre que esta cumpra os requisitos establecidos no artigo 4º deste decreto.

Antes da súa incorporación ao programa, a vivenda será obxecto de inspección, co fin de que se emita

un informe onde se poñerá de manifesto a adecuación da vivenda, e en caso contrario, se fixarán as obras necesarias.

Artigo 15º.-Contía.

A contía da subvención será o importe das obras e actuacións realizadas cun máximo de 6.000 A. En ningún caso a dita subvención poderá superar o custo da obra realizada.

Artigo 16º.-Pagamento.

O pagamento da subvención efectuarase logo da xustificación das obras e actuacións realizadas, e tras o aluguer da vivenda nas condicións establecidas neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento.

A mera incorporación da vivenda ao programa non outorgará ningún dereito económico.

Capítulo III

Subvencións aos inquilinos

Artigo 17º.-Obxecto.

1. O obxecto da subvención ao inquilino consistirá na diferenza entre a renda anual do aluguer e o trinta por cento dos ingresos ponderados anuais da persoa, unidade familiar ou convivencial, dentro dos límites establecidos no artigo 18º.

En ningún caso procederá a subvención cando o importe anual da renda de aluguer non supere o trinta por cento dos ingresos ponderados da persoa, unidade familiar ou convivencial.

En calquera caso, para os beneficiarios cualificados regulados no artigo 19 a subvención consistirá sempre na porcentaxe fixada para cada un dos colectivos.

2. A subvención terá unha duración de doce meses.

Poderá solicitarse unha nova axuda cando finalice o período; neste caso o solicitante terá que acreditar o cumprimento dos requisitos. De existir crédito orzamentario para tal fin, poderá concederse esta nova axuda.

En ningún caso poderán encadearse axudas por períodos superiores a cinco anualidades.

3. Os beneficiarios que gozasen de concesións encadeadas ata o tope máximo de cinco anos non poderán volver a solicitar unha nova subvención ao aluguer ata pasados dous anos. O dito prazo contarase desde a data de vencemento da última subvención outorgada.

4. O beneficiario deberá destinar a vivenda alugada á súa residencia habitual e permanente durante a vixencia do contrato de aluguer.

Artigo 18º.-Beneficiarios e contías.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas destinadas a facilitar o pagamento da renda de aluguer as persoas, unidades familiares ou de convivencia que formalicen un contrato de arrendamento de vivenda no marco deste programa, e cuxos ingresos anuais

ponderados estean comprendidos entre 0,7 e 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), calculados segundo os criterios establecidos no artigo 7 do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda para o período 2005-2008, e o artigo 11 do decreto polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008. Para estes efectos consideraranse ingresos anuais os de todos os ocupantes da vivenda.

2. Ás persoas, unidades familiares ou de convivencia cuxos ingresos ponderados estean comprendidos entre 0,7 e 1 veces o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima de 325 euros (3.900 euros/ano). Nestes supostos, a subvención non poderá superar nunca o 60% da renda de aluguer.

3. Ás persoas, unidades familiares ou de convivencia cuxos ingresos ponderados estean comprendidos entre 1 e 2 veces o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima de 403 euros (4.836 euros/ano). Nestes supostos, a subvención non poderá superar nunca o 50% da renda de aluguer.

4. Ás persoas, unidades familiares ou de convivencia cuxos ingresos ponderados estean comprendidos entre 2 e 2,5 veces o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima de 450 euros ( 5.400 euros/ano). Nestes supostos, a subvención non poderá superar nunca o 50% da renda de aluguer.

Artigo 19º.-Beneficiarios cualificados e contías.

1. Terán a consideración de beneficiarios cualificados os pertencentes aos colectivos sociais especialmente necesitados que se establecen a continuación:

a) Mulleres que acrediten ser vítimas da violencia de xénero e non teñan ingresos ponderados superiores a 2,5 IPREM.

Poderá acreditarse a dita condición mediante orde de protección xudicial a favor da solicitante, informe dos servizos sociais correspondentes ou o do centro de acollida, resolución xudicial ou informe do Ministerio Fiscal.

As mulleres que acrediten ser vítimas de violencia de xénero, non terán que acreditar ingresos mínimos. Poderán recibir unha subvención que oscilará entre o 60% e o 80% da renda de aluguer, segundo tramos de ingresos. Os ditos tramos serán establecidos pola normativa de desenvolvemento desta normativa. Este colectivo terá prioridade na adxudicación das vivendas do Programa de vivenda en aluguer.

b) Persoas, unidades familiares ou convivenciais con ingresos ponderados inferiores a 0,7 IPREM.

Para a concesión da axuda ao aluguer, deberán acreditar, na maneira que se estableza na normativa de desenvolvemento deste decreto, encontrarse nunha situación de risco de exclusión social, e ter uns ingresos mínimos, ou ben percibir axudas públicas ou de institucións privadas suficientes para poder pagar a parte de aluguer non subvencionado. A dita subvención será, en todo caso, do 60% da renda de aluguer.

c) Ás persoas con discapacidade recoñecida oficialmente, e con ingresos ponderados comprendidos entre 0,7 e 2,5 IPREM.

Nestes casos poderáselles conceder unha axuda do 60% do prezo do aluguer, sempre que os ingresos ponderados da súa unidade familiar ou convivencial estean comprendidos entre 0,7 e 1 veces o IPREM, e do 50% sempre que estean entre 1 e 2,5 veces o IPREM.

Para este colectivo poderán concederse subvencións a contratos de arrendamento en vigor, sempre que estes cumpran os requisitos establecidos neste decreto, con excepción da necesidade de que a vivenda estea baleira.

d) Familias numerosas, e persoas maiores de 65 anos, e con ingresos ponderados comprendidos entre 0,7 e 2,5 IPREM.

Nestes casos poderáselles conceder unha axuda do 60% do prezo do aluguer, sempre que os ingresos ponderados da súa unidade familiar ou convivencial estea comprendida entre 0,7 e 1 veces o IPREM, e do 50% sempre que estea entre 1 e 2,5 veces o IPREM.

e) Familias monoparentais, e con ingresos ponderados comprendidos entre 0,7 e 2,5 IPREM.

Nestes casos poderáselles conceder unha axuda do 60% do prezo do aluguer, sempre que os ingresos ponderados da súa unidade familiar ou convivencial estean comprendidos entre 0,7 e 1 IPREM, e do 50% sempre que estean entre 1 e 2,5 veces o IPREM.

2. Ás persoas, unidades familiares ou convivenciais, pertencentes a algún dos colectivos regulados no punto anterior, cuxos ingresos ponderados sexan inferiores a 1 vez o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima de 325 euros.

3. Ás persoas, unidades familiares ou convivenciais, pertencentes a algún dos colectivos regulados no punto 1 deste artigo, cuxos ingresos ponderados estean comprendidos entre 1 e 2 veces o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima de 403 euros.

4. Ás persoas, unidades familiares ou convivenciais destes grupos sociais regulados no punto 1 deste artigo, cuxos ingresos ponderados estean comprendidos entre 2 e 2,5 veces o IPREM poderánselles adxudicar vivendas cunha renda mensual máxima de 450 euros.

5. En ningún caso os diferentes tipos de subvencións previstas neste artigo serán acumulables entre si, nin coas establecidas no capítulo II deste decreto.

6. Os solicitantes pertencentes aos colectivos regulados neste artigo terán prioridade na adxudicación das vivendas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Terán a condición de entidades colaboradoras as sociedades de xestión urbanística das catro provincias galegas, que serán receptoras dos fondos públicos, colaborarán na xestión, e distribuirán os fondos, tendo as obrigas e dereitos que se establecerán mediante convenios de colaboración asinados entre a Consellería de Vivenda e Solo e cada unha das sociedades referidas, estando suxeitas ao disposto no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-A subvención quedará condicionada á vixencia da relación arrendaticia así como a que os ingresos ponderados do arrendatario non superen o limiar de ingresos máximos establecidos neste decreto.

En ningún caso se concederá ningunha subvención sen que exista crédito suficiente.

Terceira.-A partir da publicación deste decreto, non se admitirán máis solicitudes de entrada no programa da bolsa de vivenda en aluguer regulado no Decreto 199/2002, do 6 de xuño, en calidade de arrendatarios.

Do mesmo xeito, tampouco se formalizarán máis compromisos de posta á disposición das vivendas polos arrendadores ao abeiro do dito decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Aqueles solicitantes en concepto de arrendatarios que, cumpridos todos os trámites e requisitos do programa de vivenda en aluguer, tivesen cita para a sinatura do contrato de arrendamento, poderán, a partir da publicación deste decreto, asinalo co propietario asignado e solicitar a subvención correspondente, que se concederá, se é o caso, nas condicións reguladas no Decreto 199/2002, do 6 de xuño, e ata o esgotamento definitivo do crédito orzamentario que lle dá soporte financeiro ao programa da bolsa de vivenda en aluguer regulado no decreto antes referido, sempre que as vivendas cumpran cos requisitos establecidos no artigo 44 do antedito decreto sobre o prezo de aluguer.

Segunda.-As solicitudes por parte dos inquilinos de novas subvencións da bolsa de vivenda en aluguer cando rematen os doce meses daquela que xa teñan concedida, outorgaranse conforme a regulación do Decreto 199/2002, do 6 de xuño, por unha única vez, e ata o esgotamento definitivo do crédito orzamentario que lle dá soporte financeiro ao programa regulado polo referido decreto.

Cando as vivendas incorporadas ao programa regulado no Decreto 199/2002, do 6 de xuño, non cumpran cos requisitos sobre topes máximos de prezo de aluguer establecidos no artigo 44 do dito decreto, as novas subvencións aos arrendatarios referidas no parágrafo anterior, concederanse mediante a súa estimación parcial, calculándose a subvención que corresponda sobre o límite máximo de prezo de aluguer permitido polo referido artigo.

Terceira.-Os inquilinos e propietarios de vivendas que teñan un contrato asinado no marco da bolsa de vivenda en aluguer, poderán optar de mutuo acordo a partir da entrada en vigor deste decreto, por integrarse no novo programa cando venza a subvención ao aluguer de doce meses que teña concedida o inquilino ao abeiro do Decreto 199/2002, do 6 de xuño. A dita integración será posible sempre que cumpran con todos os requisitos e nas condicións establecidas neste decreto, incluídas a renda familiar ou convivencial establecida no artigo 18º.1, a renda de aluguer máxima establecida no artigo 4º d) deste decreto, e coa excepción de estar en baleiras nos seis meses anteriores. A vivenda permanecerá no programa mentres o inquilino perciba a subvención.

A subvención calcularase segundo as normas deste decreto, tendo en conta, en calquera caso, os topes máximos desta por tramos de renda familiar establecidos no artigo 18º deste decreto (60% ou 50% da renda de aluguer), sen que poida superar en ningún caso a que viña desfrutando o inquilino ao abeiro do Decreto 199/2002, do 6 de xuño.

Os límites de prezo de aluguer por tramos de renda familiar, establecidos para o caso de adxudicación das vivendas no artigo 18º, non serán tidos en conta.

A integración deberá solicitarse antes de 30 días para o vencemento daquela que teñan concedida no programa da bolsa de vivenda en aluguer. O dito prazo quedará excepcionado para o caso das subvencións que rematen os 40 días seguintes á entrada en vigor deste decreto.

Nestes casos contabilizará o tempo de percepción da subvención concedida ao inquilino ao abeiro do programa regulado no Decreto 199/2002, do 6 de xuño, para os efectos do cumprimento do tope máximo de cinco anos de percepción encadeada de subvencións anuais establecida no artigo 17º.3 deste decreto.

Cuarta.-As solicitudes de entrada en calidade de arrendatarios, presentadas no programa da bolsa de vivenda en aluguer nas cales aínda non se expedise a declaración a que se refire o artigo 49 do Decreto 199/2002, do 6 de xuño, e aquelas que teñan expedida esta declaración na data de publicación deste decreto, poderán ser tramitadas de conformidade coas condicións e os requisitos regulados neste decreto a partir da súa entrada en vigor.

Quinta.-As solicitudes de entrada no programa da bolsa de vivenda en aluguer presentadas polos pro

pietarios nas cales non se tivese formalizado o compromiso de ofrecemento da vivenda a que se refire o artigo 53 do Decreto 199/2002, do 6 de xuño, e os propietarios que na data de publicación deste decreto xa tivesen formalizado o compromiso de ofrecemento referido, no prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto, poderán incorporarse no novo Programa de vivenda en aluguer, nas condicións e con todos os requisitos que se establecen neste decreto, incluída a renda de aluguer máxima.

No caso de terse formalizado o compromiso de ofrecemento antes referido, a incorporación ao novo programa poderá ser polo tempo necesario para completar os cinco anos fixados no dito compromiso.

Sexta.-Os propietarios que formalizasen o compromiso de ofrecemento da vivenda a que se refire o artigo 53 do Decreto 199/2002, do 6 de xuño, tendo ademais asinado un contrato de arrendamento ao abeiro do programa da bolsa de vivenda en alugueiro, se antes da entrada en vigor deste decreto quedase extinguido o dito contrato, quedarán incorporados ao novo programa regulado neste decreto, conservando o prezo de aluguer establecido no compromiso de ofrecemento, sempre que se encontre dentro dos parámetros sobre prezos de aluguer máximos establecidos no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo. A incorporación ao novo programa durará ata completar o prazo de cinco anos fixado no compromiso de ofrecemento antes referido.

No caso de que a extinción do contrato de arrendamento se producise con posterioridade á entrada en vigor do novo decreto, a incorporación no programa realizarase desde a extinción do citado contrato.

Se o prezo de aluguer mensual superase o límite de 450 euros establecido no artigo 4º deste decreto, as ditas vivendas serán adxudicadas, en todo caso, aos tramos de renda familiar comprendidos entre 2 e 2,5 veces o IPREM.

Sétima.-As solicitudes de subvención para a rehabilitación da vivenda xa presentadas polos propietarios segundo a regulación do Decreto 199/2002, do 6 de xuño, serán atendidas con base na dita normativa e en función do crédito existente para sustentar o programa establecido polo referido decreto.

Disposición derrogatoria

Cando se publique este decreto quedará derrogado o capítulo VII do Decreto 199/2002, do 6 de xuño, excepto o establecido no citado decreto para os efectos da concesión de novas subvencións aos inquilinos que tivesen esgotado a anterior, que quedará derrogado 15 días despois da entrada en vigor deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A conselleira de Vivenda e Solo poderá ditar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-As referencias aos importes máximos e mínimos de rendas previstos neste decreto poderán actualizarse automaticamente conforme o IPC.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor aos dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, coa excepción do establecido na disposición transitoria primeira, segunda, sétima e disposición derrogatoria única que entrarán en vigor o día da publicación deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e tres de febreiro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo