DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 2006 Páx. 4.194

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 15 de marzo de 2006 pola que se ditan as normas de habilitación para exercer as profesións de enólogo, técnico especialista en vitivinicultura e técnico en elaboración de viños.

A Lei 50/1998, do 30 de decembro, no seu artigo 102, regula as profesións de enólogo, técnico especialista en vitivinicultura e técnico en elaboración de viños, e prevçé así mesmo as situacións transitorias das persoas que exercerán as profesións con anterioridade á entrada en vigor da lei, posibilitando a súa habilitación para continuar desempeñándoas.

Por outra banda, o Real decreto 595/2002, do 28 de xuño, regula a habilitación para exercer as profesións de enólogo, técnico especialista en vitivinicultura e técnico en elaboración de viños. No seu artigo 10 establece o procedemento para a habilitación, correspondéndolles ás comunidades autónomas a súa instrución e resolución.

Así mesmo, a Resolución do 7 de xullo de 2004, da Subsecretaría do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, establece a publicación do Acordo do 29 de xuño de 2004, da Comisión de Análise prevista no artigo 8 do Real decreto 595/2002, do 28 de xuño, onde se establecen os criterios para a emisión dos certificados de habilitación para exercer as profesións de enólogo, técnico especialista en vitivinicultura e técnico en elaboración de viños.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega encargado de propor executar as directrices do Goberno galego en materia de agricultura, a teor do disposto no Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que é competente para efectuar esta convocatoria.

Xa que logo, tras a consulta cos sectores afectados, e de acordo coas atribucións que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer, de acordo co disposto no artigo 102.4º da Lei 50/1998, do 30 de decembro, e no Real decreto 595/2002, do 28 de xuño, o procedemento para obter a habilitación para o exercicio das profesións de enólogo, técnico especialista en vitivinicultura e técnico en elaboración de viños no ámbito da Comunidade Autonóma de Galicia, por aquelas persoas que carecendo da titulación académica legalmente exixida cumpran as condicións establecidas.

2. A habilitación a que se refire o punto anterior faculta exclusivamente para o exercicio da correspondente profesión.

Artigo 2º.-Habilitación para o exercicio da profesión de enólogo.

1. Poderán ser habilitados para o exercicio da profesión de enólogo as persoas que, carecendo da titulación legalmente exixida, acrediten fidedignamente ter realizado durante un período mínimo de cinco anos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1999 unha actividade profesional que se encontre comprendida entre as descritas no anexo I do Real decreto 595/2002, do 28 de xuño.

2. Igualmente, poderán ser habilitados para o exercicio da profesión de enólogo:

a) As persoas que impartisen docencia en materias relacionadas coa viticultura ou enoloxía durante un período mínimo de cinco cursos académicos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1999, en facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores, escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas ou centro de formación profesional de grao superior ou segundo grao, legalmente recoñecidos.

b) As persoas que desenvolvesen durante un período mínimo de cinco anos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1999 unha actividade técnica en materia de viticultura e enoloxía que se encontre comprendida entre as descritas no anexo I do Real decreto 595/2002, do 28 de xuño, en centros dependentes ou vinculados ás distintas administracións públicas, tales como consellos reguladores das denominacións de orixe, centros de experimentación, estacións enolóxicas, Consello Superior de Investigacións Científicas ou outros similares.

Artigo 3º.-Habilitación para o exercicio da profesión de técnico especialista en vitivinicultura.

Poderán ser habilitados para o exercicio da profesión de técnico especialista en vitivinicultura aquelas persoas que, carecendo da titulación legalmente exixida, acrediten fidedignamente o desenvolvemento durante un período de tempo mínimo de cinco anos, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1999, dunha actividade profesional que se encontre comprendida entre as descritas no anexo II do Real decreto 595/2002, do 28 de xuño.

Artigo 4º.-Habilitación para o exercicio da profesión de técnico en elaboración de viños.

Poderán ser habilitados para o exercicio da profesión de técnico en elaboración de viños aquelas persoas que, carecendo da titulación legalmente exixida, acrediten fidedignamente o desenvolvemento durante un período de tempo mínimo de cinco anos, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1999, dunha actividade profesional comprendida no

anexo I do Real decreto 2023/1996, do 6 de setembro, polo que se establece o certificado de profesionalidade da ocupación de elaborador de viños.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación da solicitude de habilitación para o exercicio profesional.

1. Os interesados en obter a habilitación para o exercicio das profesións de enólogo, técnico especialista en vitivinicultura e técnico en elaboración de viños que carezan da titulación legalmente exixida e teñan o seu domicilio en Galicia ou exerzan a súa profesión neste ámbito territorial, deberán presentar a súa solicitude de acordo co modelo do anexo desta orde no rexistro da Consellería do Medio Rural, así como nos demais lugares e formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 6º.-Documentación que hai que presentar coa solicitude.

a) As solicitudes deberán acompañarse da documentación xustificativa de ter desenvolvido durante un período mínimo de cinco anos a actividade profesional. O período de tempo de exercicio profesional requirido para a obtención dos certificados de habilitación poderá xustificarse mediante un ou varios dos documentos seguintes:

1. Nóminas ou proba documental das retribucións, que estarán en función da categoría profesional coa que fose contratado.

2. Documentos de cotización á Seguridade Social, nos que aparecerá o réxime no que estivese dado de alta o interesado; o grupo de cotización ao que pertencese (enxeñeiros e licenciados, titulados medios, etc.) e as bases de cotización polas que a empresa ou el, se é o caso, cotizase.

3. Contrato de traballo por conta allea ou como autónomo, mediante un contrato de arrendamento de servizos ou de obra.

4. Titulación académica, no caso de que se teña:

4.1. Os interesados que estivesen en posesión de título académico de licenciatura ou diplomatura universitaria nalgunha das materias relacionadas coa enoloxía ou a viticultura, e que tivesen dificultade para acreditar a categoría profesional na que desenvolveron a actividade profesional, poderase considerar que foi realizada como enólogo, durante o período dos cinco anos do que dispuxesen da dita titulación.

4.2. Os interesados que soliciten a súa habilitación como técnico especialista en vitivinicultura e esti

vesen en posesión dalgún título de formación profesional de grao superior en materias relacionadas coa viticultura ou a enoloxía, e que tivesen dificultade para acreditar a categoría profesional na que desenvolveron a actividade profesional, poderase considerar que foi realizada en concepto de técnico especialista en vitivinicultura durante o período dos cinco anos dos que dispuxeran da dita titulación.

O establecido no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do dereito de tales interesados de solicitar a súa habilitación como enólogo e de acreditar que o seu exercicio profesional foi realizado neste concepto.

4.3. Os interesados que soliciten a súa habilitación como técnico en elaboración de viños e estivesen en posesión dalgún título de formación profesional de grao medio en materias relacionadas coa viticultura ou a enoloxía, e que tivesen dificultade para acreditar a categoría profesional na que desenvolveran a actividade profesional, poderase considerar que foi realizada en concepto de técnico en elaboración de viños, durante o período dos cinco anos dos que dispuxeran da dita titulación.

O establecido no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do dereito de tales interesados de solicitar a súa habilitación e de acreditar que o seu exercicio profesional foi realizado en concepto dalgunha das outras dúas profesións comprendidas no Real decreto 595/2002, do 28 de xuño.

Para os efectos indicados neste punto, será relevante a achega de títulos de postgrao, diplomas de especialización superior en viticultura e enoloxía e o mestrado de viticultura e enoloxía, expedidos por universidades.

5. Outros documentos: certificacións da empresa ou da Administración pública onde desempeñasen as súas funcións, ben como traballador por conta allea, ben por medio dun contrato de arrendamento de servizos ou autónomo. As certificacións expediranse polos órganos competentes da organización na que prestase os seus servizos.

6. Informe de vida laboral, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, mediante o cal o interesado poderá acreditar o tempo de permanencia en determinadas empresas.

b) Igualmente xuntarase á solicitude unha declaración xurada do solicitante na que consigne o seu compromiso á presentación desa única solicitude, respecto a que é a da comunidade autónoma da súa elección.

Artigo 7º.-Emenda e mellora da solicitude.

Se a solicitude de habilitación ou a documentación achegada non reúne os requisitos exixidos, requirirase o interesado na forma establecida na

Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que, nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, previa resolución ditada para o efecto.

Artigo 8º.-Comisión de avaliación.

O exame e avaliación das solicitudes presentadas, así como a proposta de recoñecemento da habilitación, será levada a cabo por unha comisión de avaliación constituída no seo da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, que terá a seguinte composición:

-Presidente: o titular da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria ou pola persoa en quen delegue.

-Vogais:

* Un representante da Asociación Galega de Enólogos, designado polo seu presidente.

* Un representante da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, designado polo seu director xeral.

* Un representante da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, designado polo seu titular.

-Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, designado polo seu titular.

Artigo 9º.-Criterios que se aplicarán para a resolución das solicitudes e a emisión dos certificados de habilitación profesional.

Para a resolución das solicitudes e a emisión dos certificados de habilitación profesional regulados nesta orde, a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria terá en conta:

-No que respecta ás profesións de enólogo e de técnico especialista en vitivinicultura, os criterios acordados o 29 de xuño de 2004 pola Comisión de Análise prevista no artigo 8 do Real decreto 595/2002 e publicados no BOE nº 179, do 26 de xullo, por Resolución do 7 de xullo de 2004, da Subsecretaría do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

-No que respecta á profesión de técnico en elaboración de viños, os criterios establecidos no Real decreto 2023/1996, do 6 de setembro.

Artigo 10º.-Resolución das solicitudes.

1. O órgano competente para resolver sobre a habilitación para exercer as profesións de enólogo, técnico especialista en vitivinicultura e técnico en ela

boración de viños, será o titular da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución expresa das solicitudes de habilitación será de seis meses, contados desde a data na que a solicitude entrase no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, sen prexuízo da posterior publicación das estimadas.

Contra as resolucións que se diten poderá interpoñerse recurso de alzada, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

3. As resolucións polas que se conceda a habilitación profesional publicaranse no Diario Oficial de Galicia e comunicaráselle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a relación das persoas ás que se lles concedese a habilitación profesional, para os efectos da constancia no Rexistro de Habilitacións.

Artigo 11º.-Certificado de habilitación profesional.

Unha vez resolta a solicitude, o titular da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria emitirá o certificado de habilitación para o exercicio da profesión correspondente e remitirao ao interesado.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cómputo do período de exercicio profesional.

Os cinco anos de exercicio profesional necesarios para a obtención do certificado de habilitación deberán entenderse referidos a cinco campañas ou vendimas e poderán consistir nun período de tempo continuado ou na suma de prazos de menor duración ata completar o período de tempo exixido.

Segunda.-Eficacia dos certificados de habilitación.

Os certificados de habilitación terán eficacia retroactiva e ampararán toda a actividade profesional que os seus posuidores desenvolvesen desde o 1 de xaneiro de 1999, á data de entrada en vigor da Lei 50/1998, do 30 de decembro, até a data de emisión do certificado de habilitación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as resolucións necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural