DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 2006 Páx. 3.941

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 20 de febreiro de 2006 pola que se aproba o Plan de inspección urbanística autonómica.

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, no seu artigo 208, configura a inspección urbanística como a actividade que os órganos administrativos competentes en materia de edificación e uso do solo teñen que realizar coa finalidade de comprobar que unha e outra se axusten ao ordenamento urbanístico.

O Regulamento de disciplina urbanística, aprobado polo Decreto autonómico 28/1999, do 21 de xaneiro, actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, regula no seu título V as funcións e o procedemento de actuación da inspección urbanística e, na súa disposición adicional, faculta o conselleiro para ditar as ordes e resolucións oportunas referentes á organización e funcionamento da dita inspección autonómica.

Así mesmo, en virtude do Decreto 319/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, quedaron atribuídas a este departamento as competencias autonómicas no ámbito da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre entre as cales se inclúe a potestade sancionadora e de reposición da legalidade por infraccións tipificadas na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, e en exercicio das competencias atribuídas pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e a disposición adicional do Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar o Plan de inspección urbanística autonómica que se insire como anexo a esta orde.

Artigo 2º

Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras

Públicas e Transportes

ANEXO

Plan de inspección urbanística autonómica

I. Xeneralidades.

1. Obxecto do plan.

1.1. O Plan de inspección urbanística autonómica ten por obxecto programar e coordinar a actuación da

Dirección Xeral de Urbanismo e dos servizos provinciais de Urbanismo e Inspección Territorial e de Protección do Litoral coa finalidade de velar polo cumprimento da legalidade, previndo e combatendo as infraccións en materia de urbanismo e de costas, especialmente as que se poidan cometer sobre terreos clasificados como solo rústico de especial protección ou na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

1.2. Este plan de inspección estará vixente durante os anos 2006 e 2007.

2. Actuacións programadas.

As actuacións da inspección urbanística que se van desenvolver.

A. Vixilancia e control do territorio.

a) Vixilancia dos espazos naturais.

b) Vixilancia do litoral.

c) Vixilancia das ribeiras dos ríos Miño e Sil.

d) Vixilancia do Camiño de Santiago.

e) Vixilancia das zonas verdes.

f) Seguimento de expedientes de autorización autonómica en solo rústico.

g) Seguimento de expedientes de modificación do planeamento urbanístico.

B. Investigación de posibles infraccións urbanísticas.

a) Expedientes informativos incoados de oficio.

b) Expedientes informativos incoados por instancia dos cidadáns.

C. Reposición da legalidade urbanística vulnerada.

a) Expedientes de reposición da legalidade.

b) Execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas.

c) Execución subsidiaria por parte da Administración á custa do obrigado.

D. Impugnación de licenzas ilegais.

d) Sanción aos responsables de infraccións urbanísticas.

E. Protección do litoral.

a) Expedientes sancionadores e de reposición da legalidade.

b) Execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas.

c) Execución subsidiaria por parte da Administración á custa do obrigado.

F. Formación do persoal da Inspección.

G. Información e asesoramento.

II. Actuacións de vixilancia e control do territorio.

1. Vixilancia de espazos naturais.

1.1. Obxectivo: detectar as posibles infraccións urbanísticas moi graves ou graves cometidas nos ámbitos suxeitos ao réxime do solo rústico de especial protección

de espazos naturais, segundo o disposto polo artigo 32.2º f) da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

1.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Percorrer o ámbito de cada espazo natural para detectar posibles infraccións.

b) Inspeccionar as obras en curso de execución que se detecten e requirir do encargado ou responsable a exhibición da licenza urbanística e da preceptiva autorización autonómica; se é o caso, levantar acta de inspección advertindo das posibles infraccións detectadas.

c) Constatar e denunciar as posibles infraccións urbanísticas detectadas.

d) Elaborar informe sobre o resultado da vixilancia de cada espazo natural visitado e remitir copia á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes.

1.3. Programación para cada servizo: cada mes percorrerase o ámbito dun espazo natural.

1.4. Responsables: os vixilantes urbanísticos dos servizos de Urbanismo e Inspección Territorial, nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

2. Vixilancia do litoral.

2.1. Obxectivo: detectar posibles infraccións tipificadas na Lei 22/1988, de costas, na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, así como posibles infraccións urbanísticas no ámbito do solo rústico de especial protección de costas a que fai referencia o artigo 32.2º e) da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

2.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Percorrer a franxa litoral de cada municipio para detectar posibles infraccións.

b) Inspeccionar as obras en curso de execución que se detecten e requirir do encargado ou responsable a exhibición da licenza urbanística e da preceptiva autorización autonómica e, se é o caso, levantar acta de inspección advertindo das posibles infraccións detectadas.

c) Constatar e denunciar as posibles infraccións detectadas.

d) Elaborar informe sobre o resultado da vixilancia de cada tramo costeiro visitado e remitir copia á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes.

2.3. Programación para cada servizo: cada mes percorrerase a franxa litoral dun municipio costeiro.

2.4. Responsables: os servizos provinciais de Protección do Litoral da Coruña, Lugo e Pontevedra, nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

3. Vixilancia das ribeiras dos ríos Miño e Sil.

3.1. Obxectivo: detectar posibles infraccións urbanísticas moi graves ou graves que poidan cometerse no dominio público e nas marxes dos ríos Miño e Sil, suxeitos ao réxime do solo rústico de especial protección de augas, segundo o disposto polo artigo 32.2º d) da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

3.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Percorrer as marxes dos ríos Miño e Sil para detectar posibles infraccións.

b) Inspeccionar as obras en curso de execución que se detecten e requirir do encargado ou responsable a exhibición da licenza urbanística e da preceptiva autorización autonómica; se é o caso, levantarase acta de inspección advertindo das posibles infraccións detectadas.

c) Constatar e denunciar as posibles infraccións urbanísticas detectadas.

d) Elaborar informe sobre o resultado da vixilancia de cada tramo de ribeira visitado e remitir copia á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes.

3.3. Programación para cada servizo: cada mes percorrerase un tramo fluvial.

3.4. Responsables: os vixilantes urbanísticos dos servizos de Urbanismo e Inspección Territorial de Lugo, Ourense e Pontevedra, nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

4. Vixilancia do Camiño de Santiago.

4.1. Obxectivo: detectar posibles infraccións urbanísticas moi graves ou graves que poidan cometerse no ámbito de protección do Camiño de Santiago, sinalado no artigo 30.3º das Normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais, aprobadas definitivamente pola Orde do 3 de abril de 1991.

4.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Percorrer o Camiño Francés para detectar posibles infraccións.

b) Inspeccionar as obras en curso de execución que se detecten e requirir do encargado ou responsable a exhibición da licenza urbanística e da preceptiva autorización autonómica; se é o caso, levantar acta de inspección advertindo das posibles infraccións detectadas.

c) Constatar e denunciar as posibles infraccións urbanísticas detectadas.

d) Elaborar informe sobre o resultado da vixilancia de cada tramo visitado e remitir copia á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes.

4.3. Programación para cada servizo: cada mes percorrerase un tramo do Camiño Francés.

4.4. Responsables: os vixilantes urbanísticos dos servizos de Urbanismo e Inspección Territorial da Coruña e Lugo, nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

5. Vixilancia de zonas verdes.

5.1. Obxectivo: detectar posibles infraccións urbanísticas moi graves ou graves que poidan cometerse sobre terreos cualificados polo planeamento como sistemas xerais de zonas verdes ou espazos libres públicos (artigo 53.1º d) da Lei 9/2002, do 30 de decembro).

5.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Inspeccionar os ámbitos cualificados como sistemas xerais de zonas verdes ou espazos libres públicos.

b) Inspeccionar as obras en curso de execución que se detecten e requirir do encargado ou responsable a exhibición da licenza urbanística municipal; se é o caso, levantar acta de inspección advertindo das posibles infraccións urbanísticas detectadas.

c) Constatar e denunciar as posibles infraccións urbanísticas detectadas.

d) Elaborar informe sobre o resultado da vixilancia de cada zona verde visitada e remitir copia á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes.

5.3. Programación para cada servizo: cada mes visitaranse os espazos cualificados como sistema xeral de zonas verdes e espazos libres dun municipio.

5.4. Responsables: os vixilantes urbanísticos dos servizos de Urbanismo e Inspección Territorial, nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

6. Seguimento de expedientes de autorización en solo rústico.

6.1. Obxectivo: comprobar que as obras executadas e os usos implantados se acomodan ás condicións da autorización autonómica outorgada pola Dirección Xeral de Urbanismo.

Cando a autorización solicitada fose denegada o obxectivo será comprobar que non se realizaron as construcións nin se implantaron os usos denegados.

6.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Inspeccionar as parcelas obxecto de expedientes de autorización autonómica resoltos pola Dirección Xeral de Urbanismo durante os anos 2003 a 2005, tanto no suposto de que a resolución recaída outorgase a autorización solicitada como no suposto de denegación.

b) Levantar acta de inspección advertindo das posibles infraccións urbanísticas detectadas.

c) Constatar e denunciar as posibles infraccións urbanísticas detectadas.

d) Elaborar informe sobre o resultado de cada inspección e remitir copia á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes.

6.3. Programación para cada servizo: cada mes visitaranse polo menos 4 parcelas obxecto de expedientes de autorización autonómica resoltos durante os anos 2003 a 2005, a metade correspondente a construcións autorizadas e a outra metade a construcións denegadas.

6.4. Responsables: os vixilantes urbanísticos dos servizos de Urbanismo e Inspección Territorial, nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

7. Seguimento de expedientes de modificacións do planeamento urbanístico cualificadas.

7.1. Obxectivo: detectar posibles infraccións urbanísticas moi graves ou graves cometidas sobre solo rústico ou sobre terreos cualificados como sistemas xerais de zonas verdes ou espazos libres públicos, que pretendan legalizarse a través da modificación do planeamento urbanístico (artigos 94.4º e 95º da Lei 9/2002, do 30 de decembro).

7.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Inspeccionar o ámbito obxecto de modificación do planeamento urbanístico que afecte solo rústico ou a sistemas xerais de zonas verdes.

b) Inspeccionar as obras en curso de execución que se detecten e requirir do encargado ou responsable a exhibición da licenza urbanística municipal; se é o caso, levantar acta de inspección advertindo das posibles infraccións urbanísticas detectadas.

c) Constatar e denunciar as posibles infraccións urbanísticas detectadas.

d) Elaborar informe sobre o resultado de cada inspección e remitir copia á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes.

7.3. Programación para cada servizo: cada mes inspeccionarase o ámbito das modificacións do planeamento urbanístico en tramitación no Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial.

7.4. Responsables: os vixilantes urbanísticos dos servizos de Urbanismo e Inspección Territorial, nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

III. Investigación de posibles infraccións urbanísticas.

1. Expedientes informativos incoados por iniciativa propia.

1.1. Obxectivo: investigar, nos termos establecidos polo artigo 116.1º do Regulamento de disciplina urbanística, as infraccións urbanísticas denunciadas polos vixilantes urbanísticos.

1.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Incoar expediente informativo como consecuencia da denuncia formulada polos vixilantes urbanísticos.

b) Solicitar información do concello, nos termos establecidos polo artigo 116.2º do Regulamento de disciplina urbanística.

c) Practicar cantas actuacións resulten necesarias para a obtención da información.

d) Elaborar informe sobre os extremos sinalados no artigo 116.1º do Regulamento de disciplina urbanística.

e) Formular proposta de resolución, nos termos establecidos polo artigo 118 do Regulamento de disciplina urbanística.

f) Cargar os datos na correspondente aplicación informática.

g) Remitir á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes o expediente completo, con toda a súa documentación orixinal, debidamente ordenada e numerada correlativamente en todas as súas follas.

1.3. Programación para cada servizo: cada mes concluiranse e remitiránselle á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes polo menos 4 expedientes informativos incoados como consecuencia das denuncias formuladas polos vixilantes urbanísticos.

1.4. Unidades responsables: os servizos de Urbanismo e Inspección Territorial, nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

2. Expedientes informativos incoados por instancia dos cidadáns.

2.1. Obxectivo: investigar, nos termos establecidos polo artigo 116.1º do Regulamento de disciplina urbanística, as infraccións urbanísticas detectadas como consecuencia da acción pública exercida polos cidadáns ao abeiro do disposto na disposición adicional cuarta da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

2.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Solicitar información do concello, nos termos establecidos polo artigo 116.2º do Regulamento de disciplina urbanística.

b) Practicar cantas actuacións resulten necesarias para a obtención da información.

c) Elaborar informe detallado sobre os feitos constatados directamente polos vixilantes urbanísticos (artigo 208.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro).

d) Elaborar informe sobre os extremos sinalados no artigo 116.1º do Regulamento de disciplina urbanística.

e) Formular proposta de resolución, nos termos establecidos polo artigo 118 do Regulamento de disciplina urbanística.

f) Cargar os datos na correspondente aplicación informática.

g) Remitirlle á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes o expediente completo, con toda a súa documentación orixinal, debidamente ordenada e numerada correlativamente en todas as súas follas.

2.3. Programación para cada servizo: cada mes concluiranse e remitiránselle á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes polo menos 4 expedientes informativos incoados como consecuencia da acción pública exercida polos cidadáns ou por entidades públicas ou privadas.

2.4. Unidades responsables: os servizos de Urbanismo e Inspección Territorial, nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

IV. Reposición da legalidade urbanística.

1. Expedientes de reposición da legalidade.

1.1. Obxectivo: comprobar se as obras e usos realizados son compatibles ou non co ordenamento urbanístico de aplicación e, se é o caso, adoptar as medidas necesarias para restaurar a legalidade urbanística vulnerada.

1.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Tramitar os expedientes de reposición da legalidade urbanística segundo o establecido polos artigos 209 a 215 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, e correspondentes do Regulamento de disciplina urbanística.

b) Emitir informe xurídico sobre os recursos presentados e colaborar no seguimento dos expedientes en vía contenciosa.

c) Cargar os datos na correspondente aplicación informática.

1.3. Programación para cada servizo: cada mes concluirase a tramitación de polo menos 8 expedientes de reposición da legalidade, dos cales, como mínimo, 4 corresponderán a expedientes iniciados como consecuencia de denuncia presentada polos vixilantes urbanísticos.

1.4. Unidades responsables: os servizos de Inspección Urbanística da Dirección Xeral de Urbanismo.

2. Execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas.

2.1. Obxectivo: lograr a execución material, por parte do suxeito obrigado, da orde de demolición ou restauración da realidade física alterada, mediante a imposición de multas coercitivas nos termos establecidos polo artigo 209.6º da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

2.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Preparar a resolución de imposición de multa coercitiva.

b) Emitir informe xurídico sobre os recursos presentados.

c) Instar da Consellería de Economía e Facenda o cobramento da multa imposta pola vía de constrinximento, se é o caso.

d) Cargar os datos na correspondente aplicación informática.

2.3. Programación para cada servizo: en caso de incumprimento da orde de demolición impoñerase como mínimo unha multa coercitiva cada dous meses ata lograr o cumprimento efectivo.

2.4. Unidades responsables: os servizos de Inspección Urbanística da Dirección Xeral de Urbanismo.

3. Execución subsidiaria por parte da Administración á custa do obrigado.

3.1. Obxectivo: executar materialmente as ordes de demolición e restauración da legalidade urbanística.

3.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Preparar a resolución de execución subsidiaria por parte da Administración á custa do obrigado.

b) Emitir informe xurídico sobre os recursos presentados.

c) Xestionar a contratación para redactar o proxecto técnico e executar as obras.

d) Xestionar o cobramento anticipado dos gastos, danos e prexuízos a cargo do suxeito obrigado.

e) Xestionar a execución material das obras de demolición.

f) Cargar os datos na correspondente aplicación informática.

3.3. Programación para cada servizo: durante o ano xestionaranse polo menos 4 expedientes de execución subsidiaria de ordes de demolición.

3.4. Unidades responsables: os servizos de Inspección Urbanística da Dirección Xeral de Urbanismo.

4. Impugnación de licenzas ilegais.

4.1. Obxectivo: anular licenzas municipais que poidan dar amparo a infraccións urbanísticas moi graves ou graves.

4.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Solicitar do concello información sobre a licenza outorgada e o proxecto técnico que lle serviu de base (artigo 64 da Lei de bases do réxime local en relación co artigo 92.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro).

b) Elaborar informe sobre o contido da licenza e do proxecto técnico.

c) Elevar á Subdirección Xeral de Disciplina e Informes a proposta de requirimento de anulación da licenza ilegal.

4.3. Programación para cada servizo: cando con ocasión dos expedientes informativos en tramitación se aprecien indicios de que o contido da licenza poida incorrer en infracción urbanística moi grave ou grave, axilizarase a investigación atendendo aos prazos establecidos pola lexislación de réxime local.

4.4. Unidades responsables: os servizos de Urbanismo e Inspección Territorial, nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

V. Sanción aos responsables das infraccións urbanísticas.

1. Obxectivo: sancionar os responsables de infraccións urbanísticas tipificadas como moi graves ou graves, cando a competencia estea atribuída aos órganos urbanísticos autonómicos.

2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Tramitar os expedientes sancionadores segundo o establecido polos artigos 216 a 223 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, e correspondentes do Regulamento de disciplina urbanística.

b) Emitir informe xurídico sobre os recursos presentados.

c) Instar da Consellería de Economía e Facenda o cobramento da sanción imposta pola vía de constrinximento, se é o caso.

d) Cargar os datos na correspondente aplicación informática.

3. Programación para cada servizo: cada mes deberá concluírse a tramitación de polo menos 8 expedientes sancionadores.

4. Unidades responsables: os servizos de Inspección Urbanística da Dirección Xeral de Urbanismo.

VI. Protección do litoral.

1. Expedientes sancionadores e de reposición da legalidade.

1.1. Obxectivo: sancionar os responsables de infraccións tipificadas na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, no ámbito da servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, así como restituír as cousas e repoñelas ao estado anterior á comisión da infracción.

1.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Tramitar os expedientes sancionadores e de reposición da legalidade consonte o disposto na Lei 22/1988, do 28 de xullo, e no Regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei de costas, aprobado polo Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro.

b) Emitir informe xurídico sobre os recursos presentados e colaborar no seguimento dos expedientes en vía contenciosa.

c) Instar da Consellería de Economía e Facenda o cobramento da sanción imposta pola vía de constrinximento, se é o caso.

d) Cargar os datos na correspondente aplicación informática.

1.3. Programación para cada servizo: cada mes concluirase a tramitación de polo menos 16 expedientes, dos cales, como mínimo, 8 corresponderán a expedientes iniciados como consecuencia de denuncias formuladas polo persoal do propio Servizo de Protección do Litoral, polos vixilantes urbanísticos ou polo Ministerio de Medio Ambiente.

1.4. Unidades responsables: os servizos de Protección do Litoral da Coruña, Lugo e Pontevedra, nos seus respectivos ámbitos territoriais.

2. Execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas.

2.1. Obxectivo: lograr a execución material por parte do suxeito obrigado, da orde de demolición ou restauración da realidade física alterada, mediante a imposición de multas coercitivas nos termos establecidos no artigo 107 da Lei 22/1988, de costas.

2.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Preparar a resolución de imposición de multa coercitiva.

b) Emitir informe xurídico sobre os recursos presentados.

c) Instar da Consellería de Economía e Facenda o cobramento da multa imposta pola vía de constrinximento, se é o caso.

d) Cargar os datos na correspondente aplicación informática.

2.3. Programación para cada servizo: en caso de incumprimento da orde de reposición impoñerase como mínimo unha multa coercitiva cada dous meses ata lograr o cumprimento efectivo.

2.4. Unidades responsables: os servizos de Protección do Litoral da Coruña, Lugo e Pontevedra, nos seus respectivos ámbitos territoriais.

3. Execución subsidiaria por parte da Administración á custa do obrigado.

3.1. Obxectivo: executar materialmente as ordes de demolición e restauración da legalidade na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

3.2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Preparar a resolución de execución subsidiaria por parte da Administración á custa do obrigado.

b) Emitir informe xurídico sobre os recursos presentados.

c) Xestionar a contratación para redactar o proxecto técnico e executar as obras.

d) Xestionar o cobramento anticipado dos gastos, danos e prexuízos a cargo do suxeito obrigado.

e) Xestionar a execución material das obras de demolición.

f) Cargar os datos na correspondente aplicación informática.

3.3. Programación: durante o ano xestionaranse polo menos 4 expedientes de execución subsidiaria de ordes de demolición.

3.4. Unidade responsable: o Servizo de Protección do Litoral da Dirección Xeral de Urbanismo.

VII. Formación do persoal da inspección.

1. Obxectivo: mellorar a formación do persoal da Inspección urbanística autonómica e harmonizar os criterios de actuación.

2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Curso de formación dirixido exclusivamente ao persoal da Inspección autonómica.

b) Reunións de coordinación para harmonizar os criterios de actuación.

3. Programación: realizarase un curso anual de formación e as reunións de coordinación que se consideren necesarias.

4. Unidade responsable: Subdirección Xeral de Disciplina e Informes.

VIII. Información e asesoramento.

1. Obxectivo: propiciar o cumprimento da normativa urbanística vixente.

2. Actuacións que se van desenvolver:

a) Elaborar informe sobre as consultas formuladas polos concellos.

b) Recompilar a lexislación e a xurisprudencia en materia de urbanismo e de costas.

3. Unidade responsable: o Servizo de Ditames e Informes.

IX. Execución e seguimiento do plan de inspección urbanística.

1. Dirección e supervisión.

O director xeral de Urbanismo dirixirá e supervisará a execución do Plan de inspección urbanística e, para estes efectos, está facultado para.

a) Ditar as ordes e instrucións necesarias para a mellor execución do plan.

b) Revisar a programación e a distribución de funcións contidas no Plan de inspección.

c) Ordenar a tramitación preferente de expedientes en relación con determinados feitos.

d) Ordenar calquera outra actuación de inspección urbanística, aínda que non estea prevista neste Plan de inspección.

2. Distribución de funcións.

2.1. O subdirector xeral de Disciplina e Informes coordinará as actuacións da Inspección urbanística autonómica e, para estes efectos.

a) Elevará ao director xeral de Urbanismo a proposta de resolución dos expedientes de reposición da legalidade urbanística.

b) Dará as instrucións necesarias ao persoal da Inspección para a mellor execución do plan.

c) Confeccionará modelos de documentos e protocolos de actuación para axilizar e normalizar a actuación da Inspección.

d) Elaborará informe anual sobre o resultado da execución do plan.

2.2. Os xefes dos servizos de Urbanismo e Inspección Territorial coordinarán a inspección urbanística no seu correspondente ámbito territorial e, para estes efectos.

a) Programarán as actuacións de control e vixilancia do territorio provincial.

b) Determinarán a orde de tramitación dos expedientes informativos atendendo aos criterios sinalados neste plan.

c) Elevarán ao subdirector xeral de Disciplina e Informes, ao finalizar o ano, informe detallado sobre o cumprimento do plan no ámbito da súa provincia.

d) Daranlle as instrucións necesarias ao persoal ao seu cargo para a mellor execución do plan.

2.3. Os xefes dos servizos de Protección do Litoral da Coruña, Lugo e Pontevedra coordinarán a inspección do litoral e, para estes efectos.

a) Programarán as actuacións de control e vixilancia do litoral.

b) Determinarán a orde de tramitación dos expedientes atendendo aos criterios sinalados neste plan.

c) Elevarán ao subdirector xeral de Disciplina e Informes, ao finalizar o ano, informe detallado sobre o cumprimento do plan no ámbito da súa provincia.

d) Daranlle as instrucións necesarias ao persoal ao seu cargo para a mellor execución do plan.

2.4. Os xefes dos servizos de Inspección urbanística son responsables de xestionar e tramitar os expedientes de reposición da legalidade urbanística; da execución forzosa das ordes de demolición e restauración física alterada; e dos expedientes sancionadores por infraccións urbanísticas.

2.5. Os xefes das seccións de Disciplina dos Servizos de Urbanismo e Inspección Territorial da Coruña e de Pontevedra son responsables de tramitar os expedientes informativos e de elaborar informe sobre os extremos sinalados no artigo 116.1º do Regulamento de disciplina urbanística. .

2.6. Os vixilantes urbanísticos desenvolverán as funcións de vixilancia e control dos actos de edificación e uso do solo e, para estes efectos.

a) Desenvolverán as actuacións de vixilancia e control do territorio previstas neste plan de inspección e elaborarán informe sobre o resultado das actuacións realizadas.

b) Inspeccionarán as obras e usos do solo para comprobar o cumprimento da legalidade urbanística.

c) Levantarán acta de inspección na forma que establece o artigo 113 do Regulamento de disciplina urbanística, advertindo das posibles infraccións urbanísticas detectadas.

d) Investigarán as posibles infraccións urbanísticas que son obxecto de expedientes informativos e elaborarán o correspondente informe.

e) Denunciarán as posibles infraccións urbanísticas moi graves ou graves que detecten no desempeño das súas funcións.

f) Realizarán as visitas de inspección e emitirán os informes técnicos que lle soliciten os responsables da tramitación de expedientes de disciplina urbanística.

g) Executarán as ordes de precinto das obras.

h) E, en caso de urxencia, practicaranlles notificacións aos responsables de actuacións urbanísticas ilegais.

3. Orde de preferencia na tramitación dos expedientes.

Dado o gran número de expedientes que se tramitarán, o xefe de servizo correspondente determinará a orde de preferencia na tramitación dos expedientes, atendendo aos seguintes criterios.

a) Gravidade da infracción atendendo á tipificación establecida no artigo 217 da Lei 9/2002, do 30 de decembro ou no artigo 91 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, segundo corresponda.

b) Magnitude das obras.

1. En solo rústico ou en solo de núcleo rural:

I) Edificacións con máis de 300 m construídos en planta ou con máis de dúas plantas sobre rasante.

II) Grandes movementos de terra que alteren a topografía natural dos terreos.

2. En solo urbano: edificacións que excedan en máis do 20% a altura ou o volume máximo permitidos.

c) Impacto territorial e paisaxístico por incumprimento das normas de aplicación directa establecidas no artigo 104 da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

d) Indicios de delito contra a ordenación do territorio tipificado polos artigos 319 e 320 do Código penal.

e) Alarma social creada pola infracción.

f) Orde do director xeral de Urbanismo.