DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2006 Páx. 3.771

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 7 de marzo de 2006 pola que se convocan subvencións para a mellora de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes.

A oferta turística de Galicia comprende unha ampla variedade de establecementos de hostalaría e servizos. En moitos casos por mor da súa situación xeográfica ou pola falta de recursos de variada índole os ditos establecementos demandan accións de mantemento e reforma axeitadas. Estámonos a referir aos cualificados como cafetarías, cafés, bares e restaurantes.

Para os efectos de melloralos e así, deste xeito, axudar á mellora global da oferta turística de Galicia é polo que, con cargo aos créditos orzamentarios da Consellería de Innovación e Industria asignados para esta finalidade, con base no establecido sobre medidas de fomento nos artigos 73 e 74 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo e de acordo co determinado no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas á mellora de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes en funcionamento. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á mellora dos servizos sanitarios e as cociñas de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes que impliquen dar cumprimento, na súa totalidade, ás condicións establecidas no artigo 3º da presente orde.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias

As ditas concesións, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, imputaranse á aplicación orzamentaria 10.06.651A.770.3 e a elas destínase un crédito máximo de 800.000 euros sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

Os proxectos que se contemplan nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata un 40% do investimento subvencionable cun importe máximo de 5.000 euros. No caso de servizos sanitarios e de 9.000 euros no caso das cociñas.

a) Respecto aos servizos sanitarios, o investimento subvencionable non poderá ser inferior a 900 A.

b) Respecto ás cociñas, o investimento subvencionable non poderá ser inferior a 1.800 A.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios de subvencións para a mellora de establecementos de cafetarías, cafés, bares

e restaurantes os titulares (personas físicas, comunidades de bens, etc.) en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes en funcionamento.

O solicitante non debe ter imposta ningunha sanción mediante resolución firme que supoña a perda do dereito a obter subvencións.

O solicitante non debe ter recibido nos últimos 3 anos ningunha axuda das administracións ou organismos públicos ou privados para o mesmo obxecto para o que se solicita subvención.

1. Será requisito imprescindible para acceder á subvención que os establecementos para os que se solicita estean inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia antes do remate do prazo que, para a presentación de solicitudes, se establece na presente orde. Debendo estar inscrito co nome comercial actual do establecemento e a nome do titular que opte á subvención.

2. Os servizos sanitarios, logo da execución do investimento subvencionado, terán que cumprir as seguintes condicións:

a) Serán independentes para donas e cabaleiros.

b) Contarán, como mínimo, coas seguintes dotacións:

1) Un lavabo e un inodoro con descarga automática de auga. No caso de servizos de cabaleiros tamén contarán con urinario.

2) Ventilación directa ou asistida con renovación de aire.

3) As paredes, chans e teitos serán impermeables e estarán revestidos de materiais de doada limpeza.

4) Xabón líquido, toallas dunha soa utilización ou secador de mans.

5) Recipente hixiénico para o depósito do lixo.

3. Respecto das cociñas, poderán ser obxecto de subvención:

-A renovación e mellora de pavimentos e alicatados que deberán ser impermeables e revestidos de materiais de doada limpeza.

-As obras encamiñadas á mellora e garantía da ventilación directa ou forzada en todas as dependencias.

-A instalación de lavamáns de accionamento non manual en zonas de elaboración, manipulación e envasado de comidas preparadas.

-Bens de equipo tales como renovación de cociñas, cámaras frigoríficas, pranchas, aparatos de conservación de alimentos, etc., de uso industrial.

Non se considerará obxecto de subvención a adquisición de viveiros, menaxe, vaixelas o análogo nin a renovación do mobiliario ou adquisición de pequenos electrodromésticos.

4. Os proxectos que se subvencionen non poderán estar comezados antes da visita da Inspección sobre a comprobación do seu estado, e estarán rematados con tempo dabondo para xustificar o investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

Non se computará como subvencionable ningún tipo de imposto, taxa ou prezo público.

Artigo 4º.-Obrigas dos solicitantes.

Os solicitantes das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

1. Someterse ás actuacións de comprobación para efectuar pola Consellería de Innovación e Industria e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

2. Comunicar á Consellería de Innovación e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

3. Realizar a actividade turística que fundamenta a concesión da subvención sen que proceda cambio ou modificación ningunha da actividade para a que se concedeu.

4. Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade subvencionada, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión ou o desfrute da axuda.

5. A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes intereses de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

* Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta orde.

* Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

* Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

* Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que a continuación se especifica presentarase, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria correspondente á provincia onde se atope o establecemento ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de 1 mes contado desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Copia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente ou, no seu defecto, facturas pro-forma ou orzamentos debidamente asinados nos que figure por separado o custo da mellora dos servizos sanitarios e o da cociña. (En calquera dos casos o orzamento deberá especificar se é sen ou con IVE e, neste caso, indicarase o tipo aplicable).

d) Fotografías do estado actual dos servizos sanitarios.

e) Fotografías do estado actual das cociñas.

f) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura cotexada da súa constitución ou modificación, de ser o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil na que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que os estatutos son os vixentes.

g) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde polas distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados naicionais ou internacionais.

h) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao corrente nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ninguna Administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

2. Os interesados emendarán os defectos das solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non facelo teranse por desistidos na súa petición logo de resolución ditada para o efecto.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servizos centrais ou provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 6º.-Facultade de inspección.

Desde o momento da presentación das solicitudes, realizaranse todas as inspeccións o comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou a execución das obras aprobadas.

Artigo 7º.-Selección das solicitudes e resolución

A cada expediente xuntarase informe emitido pola respectiva delegación provincial de Turismo, no que se deberá indicar se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia así como informe do inspector de turismo competente sobre o estado actual dos servizos sanitarios e/ou cociñas e se o establecemento solicitante está a facer as adaptacións pertinentes segundo o establecido na normativa antitabaco.

As solicitudes serán estudadas por unha comisión técnica de valoración constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vogais os xefes de Servizo de

Turismo de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innvovación e Industria, os xefes de Servizo de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, de Inspección e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de Servizo de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes terase en conta como criterio de concesión os investimentos que determinen unhas dotacións superiores ás establecidas como mínimas na presente orde, así mesmo teranse en conta en orde decrecente os seguintes criterios:

1º A localización do investimento atendendo á súa situación e para isto terase en conta: a localización en áreas rurais con tendencia a despoboación; zonas costeiras cunha fisionomía tradicional mariñeira; o interese do espazo en relación a figuras de protección ambiental, a declaración oficial como turístico do municipio ou estar incluído o dito municipio ou localidade nun Plan de Dinamización e/ou Excelencia Turística así como estar situado o establecemento na zona histórica dun municipio.

2º Análise do destino en relación coa calidade dos accesos, coas infraestruturas básicas e coa oferta de servizos de utilización turística.

3º As accións dos solicitantes tendentes a adapatarse a normativa establecida na Lei antitabaco.

4º Que o solicitante sexa beneficiario dun programa de novos emprendedores do Instituto Galego de Promoción Económica ou programas equivalentes.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos e dos que se é o caso considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias formulará ao conselleiro de Innovación e Industria a través do director xeral de Turismo, as propostas de concesión ou denegación adoptados pola mesma. Das ditas propostas redactarase a correspondente acta.

3. O condelleiro de Innovación e Industria ditará as resolucións de concesión ou se é o caso, de denegación de subvencións. Contra as ditas resolucións, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpor potestativamente recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo de 1 mes ou recurso contencioso- administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados ambos os prazos desde o día seguinte ao da recepción da notificación das ditas resolucións.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias determinadas na presente orde.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, o 15 de outubro do 2006.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose

menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento non xustificado.

3. Para percibir a subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo II.

3.2. Facturas relativas á obra executada. En calquera caso, as facturas serán separadas para os servizos sanitarios e a cociña e deberán de especificar os distintos conceptos e prezos unitarios.

3.3. Fotografías do investimento realizado.

3.4. Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao corrente nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ninguna Administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

3.5. Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

3.6. Certificación da entidade bancaria acreditativa do número de conta e do CIF/NIF do beneficiario.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cubrilos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedendo a declarar decaídos no seu dereito aos interesados que non cumpran o disposto neste artigo logo de resolución dictada para o efecto.

Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais

Disposición derradeira

En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as súas disposicións de desenvolvemento, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e demais normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2006.

Fernando X. Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria