DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2006 Páx. 3.764

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 7 de marzo de 2006 pola que se dispón a concesión de axudas a persoas físicas e xurídicas por razón de interese social ou humanitario.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ten establecida unha liña de axudas que, baixo a rúbrica orzamentaria de «a familias e institucións sen fins de lucro», se dedica á cobertura de necesidades xurdidas por razón do seu interese social ou humanitario.

As ditas axudas, fundamentadas no acaecemento de feitos imprevisibles e de urxente atención, teñen carácter meramente paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas que, polas súas circunstancias requiren dunha actuación perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos, sen pretender, segundo os casos presentados, solucións plenas á problemática que poida presentarse. Polos ditos motivos propóñense uns mecanismos de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e resolución sobre as peticións que se formulen.

Na súa consecuencia, tendo en conta a experiencia de anos anteriores, convén introducir nesta convocatoria uns criterios básicos nos que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que non xeren expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón das limitacións dos créditos e da propia índole da convocatoria e, por outra banda, que a consellería estea en situación de facer fronte ao número crecente de solicitudes que se van producindo cada ano.

Por todo iso, en uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro.-A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá conceder axudas económicas por razón de interese social ou humanitario ata un límite de 98.281 A, con cargo á aplicación orzamentaria 06.01.121A.480.0, existindo crédito suficiente na partida indicada no orzamento de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (Lei 7/2005, do 29 de decembro).

Poderán solicitar as devanditas axudas as persoas físicas e xurídicas que cumpran os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria.

Segundo.-A concesión das ditas axudas baséase nos seguintes criterios:

1. Emerxencia dos feitos, demostrados polos peticionarios.

2. Necesidade urxente de recursos económicos para paliar ou solucionar, segundo os casos, as causas sobrevidas.

3. Carencia de medios económicos propios ou dos obtidos por outros medios para facer fronte á situación denotada.

4. Incidencia, se é o caso, no contorno social ou comunitario no sentido ao que se dedica esta convocatoria.

Terceiro.-As solicitudes, formalizadas nos correspondentes modelos que figuran como anexos, poderán acollerse a algunha das seguintes modalidades:

1. Persoas físicas: son axudas destinadas á cobertura de necesidades de orde individual ou familiar. Formularanse no anexo I.

2. Persoas xurídicas: teñen por fin atender as necesidades presentadas polas entidades que teñan como obxectivo o desenvolvemento de accións ou programas de interese social e non dispoñan de axudas a través doutros organismos ou institucións.

Formularanse no anexo II.

Cuarto.-Considéranse situacións de emerxencia individual ou familiar, no referido ás persoas físicas, aquelas que demanden atención económica urxente para cubrir as necesidades de carácter básico e urxente, entre outras similares, as seguintes:

1. As derivadas de perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda individual ou familiar.

2. As destinadas a cubrir necesidades básicas derivadas de problemas de alimentación, vestido, atención sanitaria, educación e outras de natureza análoga non cubertas regularmente polos diferentes sistemas de protección.

3. As encamiñadas a promover a inserción ou recuperación de persoas en situación de marxinación social, que non teñan cuberta esta atención por outros medios.

Quinto.-Os interesados na obtención destas axudas deberán dirixir as súas solicitudes ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mediante a súa presentación no rexistro xeral da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, edificios administrativos San Caetano, s/n, Santiago de Compostela), a través das delegacións provinciais da consellería ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes deberán cubrirse, preferentemente, á máquina ou en letras maiúsculas.

Sexto.-Documentación.

1. Persoas físicas: xuntarán á solicitude, conforme o anexo I, a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI do solicitante.

b) Orzamento dos gastos para os que solicita axuda.

c) Informe social emitido por asistente social que, no caso de non prestar os seus servizos nalgunha das administracións públicas, deberá indicar o número de colexiado (anexo IV).

d) Ficha de solicitude de transferencia bancaria selada e asinada pola entidade (anexo III).

e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma axuda das distintas administracións públicas competentes, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao derradeiro pagamento.

2. Persoas xurídicas: xuntaranlle á solicitude, conforme o anexo II, a seguinte documentación:

a) Memoria e orzamento da acción ou programa para o que solicitan axuda económica.

b) Ficha da solicitude de transferencia bancaria selada e asinada pola entidade (anexo III).

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma axuda das distintas administracións públicas competentes, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao derradeiro pagamento.

Sétimo.-Os defectos, erros ou ausencia na presentación da documentación a que se refire o artigo anterior deberán ser reparados ou completados, se é o caso, no prazo de 10 días a partir da notificación do seu requirimento, quedando sen efecto aquelas solicitudes que non cumpran co referido trámite.

Oitavo.-As solicitudes presentadas por unidade familiar, así como as das persoas xurídicas, excluirán calquera outra presentada separadamente por outros membros destas.

Noveno.-No impreso de solicitude deberá figurar a exposición de motivos que fundamente a petición e as razóns de interese social ou humanitario en que se basee.

Décimo.-Exclusivamente no caso de persoas físicas, a solicitude de axuda poderá ser presentada por terceiras persoas, organismos ou institucións, os cales, para tal fin, cubrirán en todos os seus extremos o impreso de solicitude.

Décimo primeiro.-A Secretaría Xeral desta consellería, á vista das solicitudes recibidas ao abeiro da presente disposición, elevaralle informe e proposta ao conselleiro, que resolverá.

Décimo segundo.-Poderá acordarse no momento de concesión un anticipo de pagamento do 80% e o importe restante aboarase no momento de completar a xustificación (factura).

Décimo terceiro.-Estas axudas son compatibles coas que puidesen percibir para o mesmo concepto doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sempre que a contía non supere o 100% do orzamento remitido.

Décimo cuarto.-O beneficiario terá as seguintes obrigas:

a) Xustificar o emprego da subvención no prazo de 30 días a partir do cobramento desta, mediante o envío das facturas (orixinal ou copia compulsada).

b) O reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas,

no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Décimo quinto.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décimo sexto.-O prazo de presentación das solicitudes queda aberto desde a entrada en vigor desta orde ata o día 1 de outubro de 2006.

Décimo setimo.-De conformidade co disposto polo artigo 43.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en relación co artigo 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común polo que se aproba a relación de procedementos nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios, no caso de non recaer resolución en prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Polo tanto, o recurso de reposición potestativo interporase consonte os artigos 116 e 117 da devandita lei.

O recurso contencioso-administrativo rexerase pola Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e, particularmente no concernente aos prazos para interpolo, polo artigo 46 da dita lei.

Segunda.-No non previsto nesta orde haberá que estar ao establecido pola Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da nosa Comunidade Autónoma para o ano 2006, polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza