DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2006 Páx. 3.750

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 8 de marzo de 2006 pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, recolle, no seu artigo 74, a obriga de incluír anualmente na redacción dos seus orzamentos as contías necesarias para atender os gastos derivados do exercicio das competencias que o artigo 26 desta lei lle atribúe á Administración autonómica. Os artigos 75, 76 e 77 establecen a obrigatoriedade por parte das deputacións e concellos de incluír nos seus orzamentos unha partida específica destinada ao mantemento dos servizos sociais.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, de conformidade co establecido no Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da dita Vicepresidencia, é o departamento da Xunta de Galicia ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de política de servizos sociais, sen prexuízo das competencias expresamente atribuídas a outras consellerías.

Nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006 existe crédito adecuado e suficiente para as subvencións previstas nesta orde nas aplicacións orzamentarias 05.31.212A.460.1, 05.31.212A.460.2, 05.31.212D.460.1, 05.31.212D.460.3, 05.31.212D.460.5, 05.31.212A.760.0, 05.31.212A.760.9, 05.31.212A.761.0, 05.31.212D.760.1 e 05.31.212D.760.3. Está efectuada a pertinente retención de crédito.

Esta orde regula a convocatoria de subvencións ás corporacións locais para o financiamento de programas sociais de atención primaria incluídos no Plan concertado de prestacións básicas de servizos sociais e dun primeiro nivel de atención a sectores de poboación con problemáticas diferenciadas, de conformidade co establecido na normativa estatal básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, tendo en conta as modificacións das que foi obxecto esta norma (especialmente as introducidas polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, a consecuencia da aprobación da nova normativa estatal básica

da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións), e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, atendendo, en todo caso, aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade e igualdade e non-discriminación.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e desenvolvida polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, e mais o Decreto 517/2005, do 6 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións ás corporacións locais para o financiamento total ou parcial de servizos sociais e proceder á súa convocatoria.

Artigo 2º.-Servizos sociais subvencionables.

Terán o carácter de subvencionables os seguintes servizos sociais:

1. Servizos sociais de atención primaria que desenvolvan programas e presten axudas favorecedoras da participación, integración e benestar social das persoas ou grupos, dentro do medio máis próximo ao usuario e ao seu contorno. Estes servizos sociais comunitarios prestaranse nos seguintes equipamentos:

-Centros de servizos sociais.

-Centros de acollida.

-Albergues.

-Outros equipamentos de apoio ao traballo social de atención primaria (centros de día, centros ocupacionais, etc.).

2. Dentro das actividades que se desenvolvan nos centros de servizos sociais, serán obxecto de financiamento os seguintes programas básicos de actuación: información, orientación e asesoramento; de atención no fogar e apoio á unidade de convivencia; de prevención e inserción social; de aloxamento alternativo; de fomento de cooperación social e todos aqueles que se poidan levar a cabo desde o primeiro nivel de atención.

3. Financiarase, nun primeiro nivel, a atención a sectores de poboación con problemáticas diferenciadas, sendo enumerados os seguintes servizos, equipamentos e programas financiables a título enunciativo:

-Servizos, equipamentos e programas na área dos maiores.

-Servizos, equipamentos e programas nas áreas da discapacidade e da atención temperá.

-Servizos, equipamentos e programas na área da drogodependencia, alcoholismo e outras dependencias (ludopatía, anorexia, consumo compulsivo, etc...).

-Servizos, equipamentos e programas na área para a prevención da delincuencia.

-Proxectos destinados a garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras.

-Aqueloutros que respondan de forma estable a situacións carenciais de sectores de poboación con problemáticas diferenciadas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar as subvencións que se regulan nesta orde as corporacións locais galegas que desexen implantar ou teñan a titularidade dos centros ou servizos que se mencionan no artigo anterior, para o que deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Artigo 4º.-Tipos de subvencións.

Os tipos de subvencións que se poderán solicitar son as seguintes:

a) De mantemento de servizos sociais de atención primaria.

b) De realización de programas básicos de actuación de carácter comunitario, destinados á poboación en xeral e a sectores de poboación con problemáticas diferenciadas.

c) De investimento:

-Adquisición de inmobles.

-Construción de nova planta.

-Reforma, ampliación, mellora ou acondicionamento de edificios e instalacións.

-Accesibilidade e supresión de barreiras.

-Equipamento e mobiliario.

Artigo 5º.-Obxectivos prioritarios.

Considéranse obxectivo de financiamento prioritario para o exercicio do 2006 as subvencións outorgadas aos concellos para o mantemento de servizos sociais de atención primaria durante o exercicio de 2005, de conformidade coas seguintes condicións:

a) A contía referente aos gastos de persoal calcularase en función da concedida para o ano 2005, cun incremento igual ao sinalado no proxecto da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006, respecto ao persoal ao seu servizo.

b) A contía do programa de axuda no fogar será a que resulte de multiplicar 901,52 euros, polo número de unidades familiares atendidas e xustificadas no ano 2005, sen que en ningún caso o importe resultante supere ao da subvención concedida no pasado exercicio para esta finalidade.

Será condición indispensable para volver a obter a condición de beneficiario das subvencións correspondentes ás novas concesións de usuarios de axuda no fogar outorgadas no exercicio 2005, de acordo coa orde que regulou estas subvencións nese exercicio económico, dar conta do cumprimento do programa nunha relación específica que se incluirá na avaliación xustificativa de execución de programas realizados no ano 2005.

c) Para a concesión da subvención no exercicio 2006 será necesaria a presentación, con carácter previo, da avaliación do ano 2005, segundo o modelo que se facilitará. Este modelo segue as clasificacións do Sistema de Información de Usuarios de Servizos Sociais (SIUSS), ficha social informatizada que deberán implantar de forma progresiva todos os concellos galegos, para o que contarán co apoio técnico da Dirección Xeral de Acción Social.

Artigo 6º.-Financiamento.

1. Para a concesión das subvencións reguladas nesta orde, existe crédito adecuado e suficiente previsto nos orzamentos xerais da comunidade autónoma:

a) Para o ano 2006, por un importe total de 17.987.375,47 A, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, de conformidade coa seguinte distribución:

-Transferencias correntes, cap. IV (para financiamento de mantemento e realización de programas):

05.31.212A.460.1 por importe de 600.000,00 A.

05.31.212A.460.2 por importe de 15.388.081,00 A.

05.31.212D.460.1 por importe de 640.812,00 A.

05.31.212D.460.3 por importe de 67.300,00 A.

05.31.212D.460.5 por importe de 143.520,94 A.

-Transferencias de capital, cap. VII (para financiamento de investimentos de capital: obras, adquisición de inmobles):

05.31.212A.760.0 por importe de 482.731,57 A.

05.31.212A.760.9 por importe de 6.310,50 A.

05.31.212A.761.0 por importe de 458.278,00 A.

05.31.212D.760.1 por importe de 43.307,16 A.

05.31.212D.760.3 por importe de 157.034,30 A.

b) Se é o caso, poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual de acordo co establecido no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, con cargo aos anos e aplicacións orzamentarias que se citan:

-Ano 2007:

05.31.212A.760.0 por importe de 408.242,40 A.

05.31.212A.760.9 por importe de 11.779,60 A.

05.31.212D.760.1 por importe de 351.152,60 A

05.31.212D.760.3 por importe de 322.174,20 A.

-Ano 2008:

05.31.212A.760.0 por importe de 446.583,60 A.

05.31.212A.760.9 por importe de 10.096,80 A.

05.31.212D.760.1 por importe de 359.999,50 A.

05.31.212D.760.3 por importe de 422.473,60 A

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de subvencións para servizos sociais de atención primaria, tanto de carácter polivalente (aberto á comunidade) como de carácter sectorial (centrados en grupos con problemáticas específicas), formularanse no modelo oficial normalizado que se publica como anexo I da presente orde.

2. As peticións de subvencións para servizos sociais de atención primaria, tanto de carácter polivalente como de carácter sectorial, realizaranse nunha única solicitude, incluídas as derivadas dos obxectivos prioritarios de financiamento establecidos no artigo 5º, á que se xuntará unha memoria individualizada, asinada polo técnico competente, para cada un dos servizos, programas e investimentos para os que se solicite a subvención.

3. A solicitude e a documentación requirida presentarase por duplicado, de conformidade cos modelos oficiais normalizados, nas oficinas de rexistro da Administración autonómica ou en calquera rexistro público, sen prexuízo da resolución ulterior do expediente polo órgano competente, de conformidade co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Documentación.

1. A solicitude para o financiamento dos servizos sociais de atención primaria, tanto de carácter poli

valente como de carácter sectorial, deberá ir acompañada da documentación seguinte:

1.1. Documentación xeral:

a) Certificacións do órgano correspondente da corporación local, nas que conste o seguinte:

-A contía dedicada pola corporación local (ou corporacións locais no caso de compartir o servizo) ao mantemento e desenvolvemento dos servizos sociais de atención primaria, tanto de carácter polivalente como de carácter sectorial, e ao primeiro nivel de atención a colectivos con necesidades específicas financiados a través do plan concertado (segundo o modelo do anexo II).

Terase en conta, en todo caso, o disposto nos artigos 75 a 77 da Lei de servizos sociais.

-Acordo do órgano competente da corporación local para solicitar a subvención e, se é o caso, de prórroga, de que continúa na prestación dos servizos nas mesmas condicións do ano anterior, para garantir a continuidade dos programas e prestacións dos servizos sociais.

-Se a dita solicitude se fixese mediante resolución da Alcaldía ou Xunta de Goberno Local, deberá achegarse certificación do acordo no que se lle dá conta ao Pleno da Corporación Local do contido da citada petición.

b) Declaración do peticionario da subvención na que figure o conxunto das subvencións e axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes para un mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (segundo o modelo do anexo III).

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria xunto coa certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe da subvención concedida (segundo o modelo do anexo IV).

d) Declaración do presidente ou representante legal da corporación local pola que se compromete a adoptar todas as medidas que sexan necesarias para a plena incorporación da ficha social SIUSS (Sistema de Información dos Usuarios de Servizos Sociais) á xestión dos servizos sociais de atención primaria da dita corporación (segundo o modelo do anexo V).

1.2. Documentación específica:

a) Para a subvención relativa á axuda no fogar, os concellos deberán ter aprobada a correspondente normativa municipal, ao abeiro da Orde do 22 de xullo de 1996, pola que se regula o referido servizo.

b) No suposto de solicitudes nas que se inclúan gastos de investimento, xuntarase, ademais, a seguinte documentación:

Adquisición de bens inmobles:

-Certificado do concello no que acredite a súa participación no orzamento da adquisición.

-Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste por parte do vendedor.

-Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade da devandita opción, así como o seu prezo.

-Memoria, asinada polo técnico competente do departamento de servizos sociais da corporación, xustificativa da necesidade e viabilidade do equipamento solicitado para mellorar a prestación dos servizos sociais que lle competen.

Construción, reforma, ampliación, mellora ou acondicionamento (incluídos os proxectos destinados a garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras):

-Certificado do concello no que acredite a súa participación no orzamento da obra que se vaia realizar.

-Certificado do concello que acredite o dominio do solicitante sobre o inmoble ou, se este é alugado ou cedido, certificado do propietario no que se fagan constar as condicións nas que se efectuou esta, e a súa conformidade coas obras que se pretendan realizar.

-Certificado do concello no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

-Memoria e orzamento detallado das obras que se van realizar, asinados polo técnico competente da corporación en materia de proxectos de obras, xustificando a necesidade das obras e o cumprimento do disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e do disposto no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais (fundamentalmente, do relativo aos requisitos xerais que deben cumprir os centros de servizos sociais).

-Memoria, asinada polo técnico competente do departamento de servizos sociais da corporación, xustificativa da necesidade e viabilidade do equipamento solicitado para mellorar a prestación dos servizos sociais que lle competen.

Equipamento:

-Orzamento das adquisicións que se pretendan realizar.

-Memoria, asinada polo técnico competente do departamento de servizos sociais da corporación, xustificativa da necesidade e viabilidade do equipamento solicitado para mellorar a prestación dos servizos sociais que lle competen.

Artigo 9º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Emenda da solicitude.

Os órganos responsables da tramitación comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, requirirase o interesado, para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, e procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Tramitación e comisión de valoración.

1. Unha vez revisados os expedientes e, formalmente completos, remitiranse á comisión de valoración.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

-Presidente: director xeral de Acción Social.

-Vicepresidente: subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais.

-Vogais: dous funcionarios da dirección xeral designados polo vicepresidente da Igualdade e do Benestar por proposta do director xeral de Acción Social. Actuará como secretario un dos vogais.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o seu presidente e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer nun funcionario do mesmo servizo ca o substituído.

3. A comisión de valoración terá en conta, como criterios para a valoración das solicitudes de subvencións, as condicións establecidas polo artigo 7 do Decreto 240/1995, do 28 de xullo, regulador da atención primaria, para a participación da Xunta de Galicia no financiamento dos servizos sociais de atención primaria, isto é: a adecuación dos servizos á planificación da Xunta de Galicia, o cumprimento da normativa en materia de equipamentos e programas básicos, os resultados da avaliación do desenvolvemento das actividades dos servizos

sociais comunitarios, así como o esforzo orzamentario das corporacións locais en materia de servizos sociais (sempre que se superen as porcentaxes establecidas nos artigos 76 e 77 da Lei de servizos sociais). Ademais, terase tamén en conta, como criterio de valoración para a elaboración da proposta de concesión de subvencións, o grao de implantación da ficha social SIUSS (Sistema de Información dos Usuarios de Servizos Sociais) na xestión dos servizos sociais de atención primaria da corporación local solicitante. Os criterios de valoración referidos anteriormente neste parágrafo aparecen enumerados por orde de prioridade.

4. Con anterioridade á reunión da comisión de valoración, o director xeral de Acción Social, como presidente dela, poderá solicitar informe da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Centros acerca do grao de cumprimento da normativa en materia de equipamentos e programas básicos de servizos sociais nas corporacións locais de Galicia.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A resolución de concesión das subvencións, por proposta da comisión de valoración e despois da preceptiva fiscalización pola Intervención Delegada, corresponderalle á secretaria xeral do Benestar, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

Estas subvencións poderán formalizarse, de ser o caso, a través de convenios de cooperación coas corporacións locais. A sinatura destes convenios corresponderalle á secretaria xeral do Benestar, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, mesmo naqueles supostos en que a súa sinatura deba de ser previamente autorizada polo Consello da Xunta de Galicia.

2. As resolucións serán motivadas e notificaránselles ás corporacións locais para a execución da subvención outorgada no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra a resolución, que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de 2 meses, contados a partir do día seguin

te ao da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa; se non o fose, o prazo será de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Non obstante, e de conformidade co disposto no artigo 44 da referida Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderase requirir previamente o órgano que ditou a resolución no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderase rexeitado se non fose contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos do artigo 12.2º do Decreto 287/2000.

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias, cando non fose posible resolver de maneira unitaria ou cando se produza unha ampliación do financiamento pola achega de novos fondos dispoñibles. Neste suposto só se poderán atender solicitudes presentadas dentro do prazo establecido no artigo 9º da presente orde.

3. Será de aplicación aos beneficiarios das subvencións reguladas na presente orde o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de conformidade co procedemento establecido no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Para gastos correntes:

1.1. De conformidade co establecido no Decreto 287/2000 e conforme ao acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de marzo de 2006, o pagamento das subvencións para gastos correntes (persoal, mantemento, axuda no fogar e realización doutros programas) poderá realizarse nos seguintes prazos:

a) O primeiro, do 35% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efec

tivo este anticipo, deberá presentarse certificado da corporación local da achega municipal.

b) O seguinte 45% da subvención, sempre que se presente certificación emitida polo órgano competente (segundo o modelo do anexo VI), de que os gastos realizados en persoal, mantemento, axuda no fogar e realización de programas igualan ou superan o 80% da cantidade concedida para cada concepto, agás no caso de que nesa data se poida xustificar que o concello realizou un gasto igual ou superior á cantidade concedida para cada concepto; neste caso procederase ao aboamento do 100% da subvención, tal como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada polo concello certificación expedida, polo órgano competente, de que foi realizado un gasto igual ou superior á subvención concedida en cada un dos conceptos subvencionados (segundo modelo do anexo VI), ademais da declaración á que se fai referencia no punto 3 deste artigo.

1.2. En todo caso, o concello deberá emitir nun prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación expedida polo órgano competente, acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

1.3. As actuacións subvencionables deberán realizarse dentro do exercicio 2006. Cando algunha das prestacións non se desenvolva na súa totalidade, por circunstancias que se acreditarán nos documentos correspondentes á avaliación do proxecto financiado, os remanentes de crédito que puidesen existir ao remate do exercicio, quedarán adscritos ao mesmo programa de actuación, de forma improrrogable para o exercicio inmediato seguinte.

2. Para gastos de investimento de capital:

2.1. Para as subvencións de investimentos de capital, a data límite de xustificación do investimento é o 30 de novembro de 2006.

2.2. No suposto de subvencións para investimentos de capital que comprendan a realización de obras de construción, reforma, mellora ou acondicionamento, deberase presentar, ademais: certificación ou certificacións de obra, acompañada/s da preceptiva factura, e certificación expedida polo secretario da corporación acreditativa da súa aprobación polo órgano competente. Igualmente, deberase achegar copia do correspondente proxecto de obra, sempre que a súa redacción sexa requirida polas normas específicas aplicables en función da propia envergadura da obra subvencionada, e, en todo caso, cando a contía da subvención supere

os 60.101,21 A, para os fins de facilitar a comprobación material do investimento, requisito indispensable para poder instrumentar o pagamento da dita subvención, de conformidade co disposto no artigo 15.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Nos supostos nos que o concello beneficiario executase a obra subvencionada por administración, deberanse achegar facturas xustificativas dos gastos derivados da adquisición de materiais e, de ser o caso, certificación, emitida polo órgano competente da corporación local, acreditativa dos custos derivados da execución da obra por medio de persoal do concello, e copia do correspondente proxecto de obra, cando a súa redacción sexa requirida polas normas específicas aplicables.

2.3. Para a xustificación das demais subvencións para investimentos de capital, abondará con presentar certificación, emitida polo órgano competente da corporación local, acreditativa da realización do mencionado investimento, dos importes investidos ou executados na acción subvencionada e do destino dos investimentos subvencionados á finalidade de servizos sociais para a que foron solicitados, acompañada das facturas xustificativas dos correspondentes gastos realizados.

2.4. Para os distintos conceptos relativos a gastos de investimento de capital non se realizarán anticipos nin pagamentos parciais.

3. En todo caso, os beneficiarios, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das subvencións e axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes, para un mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (segundo o modelo do anexo III).

4. A falta de presentación de documentación requirida nesta orde, entenderase como renuncia á subvención concedida e, logo de audiencia do interesado, procederase conforme ao disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada polas posteriores modificacións das que foi obxecto esta lei, e ocasionará, ademais, a imposibilidade de prorrogar os proxectos para futuros exercicios.

Artigo 15º.-Obrigas das corporacións locais beneficiarias da subvención.

As corporacións locais beneficiarias destas subvencións estarán obrigadas a cumprir coas obrigas xerais que para os beneficiarios das subvencións

establece o artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción vixente despois da modificación introducida pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Non obstante, ao abeiro do inciso final do primeiro parágrafo do artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e de conformidade co disposto no apartado d) do artigo 41.1º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, pola propia natureza das subvencións reguladas por esta orde, as corporacións locais que resulten beneficiarias destas subvencións quedarán exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas ás que se refire a letra c) do apartado 4º do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción vixente despois da modificación introducida pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 16º.-Reintegro das subvencións concedidas.

1. Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá ao reintegro total ou parcial da contía percibida xunto aos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente procederá ao reintegro do exceso percibido nos supostos no que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas e doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase conforme o disposto no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e ao procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o disposto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 17º.-Control e seguimento.

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, para o seguimento dos proxectos aprobados, co fin de garantir que as prescricións contidas no convenio-programa do Plan concertado para o desenvolvemento das prestacións básicas de servizos sociais sexan respectadas.

2. As corporacións locais beneficiarias de subvencións quedan obrigadas a remitirlle á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, no prazo dun mes desde que lles fosen requiridos, cantos informes e documentos se consideren precisos para acreditar o cumprimento da finalidade obxecto da subvención concedida.

3. Así mesmo, as entidades locais beneficiarias quedan sometidas ao control financeiro que corresponda á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

4. Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio da súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar na secretaria xeral do Benestar, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para asinar os convenios que se poidan derivar da tramitación destas subvencións, e para autorizar e dispoñer os gastos que se deriven da tramitación desta orde e propoñer a ordenación dos correspondentes pagamentos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral do Benestar para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA