DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2006 Páx. 3.669

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 14 de febreiro de 2006 pola que se declara de interese galego a Fundación Ceo para el Desarrollo Empresarial e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 18 de novembro de 2005 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 9 de novembro de 2005, pola que se clasifica de interese social a Fundación Ceo para el Desarrollo Empresarial, adscribíndoa á Consellería de Traballo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

O obxecto da fundación, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, é o seguinte:

Fomentar a economía social, desenvolvendo actividades destinadas á creación de emprego, promover a innovación das empresas, fomentando a modernización das estruturas produtivas das empresas e a prestación de servizos e auxilios necesarios para fomentar a mellora da súa xestión e organización, facilitando o acceso ás novas ferramentas de xestión e formando e reciclando os seus traballadores. Actividades enmarcadas dentro do propósito de colaborar no desenvolvemento económico e no progreso e cohesión sociais mediante o fomento, promoción e asistencia da iniciativa privada empresarial.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, e no Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Ceo para el Desarrollo Empresarial, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Ceo para el Desarrollo Empresarial no rexistro de fundacións de interese galego, sección da Consellería de Traballo, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ao disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de darlles publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e xustificar, a través dunha memoria anual, o cum

primento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula, debendo solicitar as preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo