DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2006 Páx. 3.663

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 7 de marzo de 2006 pola que se convocan subvencións a concellos do litoral para o acondicionamento e mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o baño para o ano 2006.

Galicia como destino turístico conta cunha rica e variada oferta de recursos (patrimoniais, culturais, paisaxísticos...) que a colocan, cada vez máis, como un dos principais destinos elixidos polas persoas interesadas en coñecer novas xentes e lugares.

No marco desta ampla gama turística que ofrece a comunidade galega, debe destacarse o contorno natural do seu amplo litoral costeiro (1.300 km de costa) no que se reparten 708 praias.

A costa é un espazo de ocio cunha gran demanda na época estival co consecuente impacto económico que o seu aproveitamento turístico supón. Mellorar e valorizar este contorno no marco do respecto ao ambiente convértese, polo tanto, nun elemento esencial para captar e consolidar visitantes.

Así, debe ser obxectivo fundamental levar a cabo actuacións en toda a franxa costeira aproveitando basicamente os seus valores paisaxísticos, naturais, culturais e a súa potencialidade para o uso turístico do litoral.

O obxecto das ditas actuacións é por un lado darlle resposta á nova demanda de zonas de ocio e desfrute en enclaves de maior calidade ambiental e por outro potenciar o turismo, tanto foráneo coma local, que opta por lugares que ofrecen posibilidades diferentes aos habituais do turismo de masas.

Trátase de realizar unha explotación organizada e racional do litoral, baseada nas premisas do desenvolvemento sustentable, todo mediante accións que impliquen a preservación e restauración dos distintos recursos e a súa explotación causando o mínimo impacto ambiental.

Con isto preténdese avanzar no proceso de consecución do máis alto grao de calidade nas praias,

tanto desde o punto de vista ambiental, hixiénico-sanitario, de servizos, de accesibilidade etc..., de cara á implantación e posterior certificación de calidade de xestión das praias da costa galega.

No desenvolvemento das actuacións expostas teñen especial relevancia, pola súa importancia e amplas competencias, os municipios e demais entidades locais onde se localizan as praias, por seren estas entidades as que asumen a maior participación no proxecto e a súa execución en cada praia concreta.

Por isto, a Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Turismo, pretende con esta orde colaborar coas anteditas entidades co fin de acadar os obxectivos sinalados.

En consecuencia, e con cargo aos créditos da Consellería de Innovación e Industria asignados para esta finalidade, conforme o establecido sobre medidas de fomento nos artigos 73 e 74 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, e tendo en conta o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas ao acondicionamento e mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o baño para o ano 2006. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, segundo o establecido nesta orde, aqueles investimentos que respecten en todo caso os requisitos exixidos polo ICTE (Instituto para a Calidade Turística Española) para a obtención do sistema de xestión do uso público das praias, dirixidas ao acondicionamento e mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o baño, a través das seguintes actuacións:

1. Proxectos que teñan como obxectivo a mellora dos espazos de uso turístico ou dos servizos destinados á mellora do produto praia, tales como construción, mellora e acondicionamento de accesos ás praias; construción, mellora e acondicionamento dos servizos ofertados, embelecemento de praias e zonas costeiras.

2. Proxectos destinados á conservación dos recursos turísticos de tipo ecolóxico e ambiental.

3. Proxectos destinados á recuperación dos areais dun xeito ecolóxico aproveitando os seus valores paisaxísticos naturais e a súa potencialidade para un uso turístico.

4. Actuacións de sinalización de elementos con valor ambiental (fauna, paisaxe, sendeirismo e outros) como forma de pór en valor a globalidade dos nosos variados atractivos turísticos.

5. Proxectos que teñan como finalidade actuacións consistentes en obras ou reparacións destinadas a desenvolver programas que conduzan á obtención da certificación correspondente de calidade ou de

xestión ambiental das praias turísticas da comunidade galega.

6. Proxectos que teñan como finalidade actuacións consistentes na implantación de infraestruturas adaptadas, así como equipamentos, actividades e servizos que conformen un espazo turístico accesible.

Quedan expresamente excluídas do obxecto desta orde as actuacións seguintes:

a) Accións dirixidas á limpeza das praias, así como a adquisición de material para a dita limpeza; tampouco será subvencionable o equipamento de grellas, mesas de tenis, pimpón, etc.

b) Accións de rehabilitación de estruturas xa existentes, como paseos, camiños, sendeiros, pontes, etc.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

A Consellería de Innovación e Industria concederá as ditas subvencións, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, con cargo aos créditos previstos para o ano 2006 na aplicación orzamentaria 10.06.651 A-760.1, destinándose a estas axudas un crédito por importe de 600.000 A.

Os proxectos que se recollen nesta orde como actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de ata o 50% cun máximo de 60.000 A do orzamento do investimento subvencionable. Non se considera subvencionable ningún tipo de taxa ou imposto.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención, e solicitar a axuda regulada conforme o sinalado nesta orde, os concellos do litoral galego situados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que conten con zonas de praia ou baño utilizadas por residentes e foráneos.

Artigo 4º.-Obrigas dos solicitantes.

Os solicitantes da subvención para o acondicionamento e mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o baño adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

a) Executar o proxecto de total conformidade co presentado ao concurso de subvención ou, de ser o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

b) Asumir todas as responsabilidades que puidesen derivar das actuacións obxecto da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Innovación e Industria e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público, nacional ou internacional.

e) Manter o obxecto da subvención en bo estado de limpeza e conservación axeitada.

f) Xustificar a subvención concedida nos prazos e termos previstos nesta orde.

g) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora percibidos desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

* Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta orde.

* Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

* Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

* Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

Primeiro.-As solicitudes de subvención e a documentación que a continuación se especifica presentaranse por duplicado exemplar, na delegación da Consellería de Innovación e Industria correspondente á localización do investimento, ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I, subscrita polos alcaldes ou presidentes das entidades locais de que se trate.

b) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

c) Certificación do secretario da entidade sobre o acordo adoptado por esta de solicitar a subvención e compromiso de incluír no orzamento o importe do custo da actuación que se vai levar a cabo, asumindo a parte non subvencionada pola Dirección

Xeral de Turismo, ou certificado de existencia de crédito necesario para afrontar os gastos asumidos por parte do concello ou entidade local correspondente.

d) Copia cotexada do DNI do representante do concello ou entidade local, así como acreditación da súa representación.

e) Copia cotexada do CIF do concello ou entidade local.

f) Autorización da Administración estatal ou autonómica que proceda segundo establece a Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e o Decreto 199/2004, do 29 de xullo, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

De non ser necesarias as ditas autorizacións pola natureza da actuación que se vai executar, deberá achegarse certificación acreditativa da súa exención asinada polo alcalde do concello solicitante.

g) Proxecto ou memoria descritiva da actuación que se vai subvencionar, con inclusión de:

1. Achega de datos, se se dispón deles, de caracterización turística: frecuentación de turistas, número e situación de hoteis ou outro tipo de aloxamentos, etc.

2. Situación con respecto á lexislación en materia de costas e portos do lugar onde se pretenda levar a cabo a actuación sobre a que se solicita a subvención, así como descrición do lugar de actuación e os seus parámetros físicos.

3. Orzamento e prazo de execución da actuación que se vai levar a cabo.

4. Obxectivos da actuación dirixidos ás melloras e acondicionamento do lugar de que se trate.

5. Autorizacións pertinenentes respecto á actuación que se vai subvencionar con base no disposto na Lei 22/1988, de costas, e o seu Regulamento 1471/1989; Lei 62/1997, de portos, modificada pola Lei 43/2003, e Decreto 199/2004, do 29 de xullo, sobre competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público terrestre.

6. Fotografías da localización do investimento.

7. Cando sexa preciso, deberase presentar unha maqueta ou a solución máis completa do proxecto obxecto de subvención.

Segundo.-Os interesados emendarán os defectos das solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; de non o facer, teranse por desistidos na súa petición logo de resolución ditada para o efecto.

A Dirección Xeral de Turismo reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta defi

nición, avaliación, seguimento e comprobación do proxecto presentado.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes de subvención serán estudadas por unha comisión técnica de valoración constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vogais os xefes do Servizo de Turismo de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria; os xefes do Servizo de Fomento e Promoción, de Inspección, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, de Ordenación do Turismo e o xefe da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o mencionado xefe do Servizo de Fomento e Promoción.

Os inspectores de Turismo das delegacións provinciais emitirán informe sobre a localización, necesidade ou oportunidade do proxecto que se vai realizar.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta en orde decrecente os seguintes criterios:

Primeiro.-Que no concello solicitante exista un plan de dinamización ou excelencia turística.

Segundo.-Criterios de calidade da actuación presentada.

Terceiro.-Estar catalogado como turístico o concello solicitante.

Cuarto.-Dotación existente nas praias e necesidades formuladas para o seu bo funcionamento.

Quinto.-Grao de investimento efectuado pola entidade local de que se trate nos últimos exercicios.

Sexto.-Actividades de recreo, ocio, esparexemento, educativas ou doutra índole relacionadas co mar que o concello solicitante leve a cabo na zona onde se vai intervir.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos e dos que, de ser o caso, considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, formularalle ao conselleiro de Innovación e Industria, a través do director xeral de Turismo, as propostas de concesión ou denegación adoptadas por ela. Das ditas propostas redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Innovación e Industria ditará as resolucións de concesión ou, de ser o caso, de denegación de subvencións. Contra as ditas resolucións, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados ambos os prazos desde o día seguinte ao da recepción da notificación das ditas resolucións.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para o ano 2006.

4. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, vistos os acordos da comisión técnica e a proposta formulada polo director xeral de Turismo, poderanse conceder subvencións aos expedientes que non a recibisen ou ben, de ser posible, poderanse incrementar os importes das xa concedidas ao abeiro desta orde, sempre que non alcanzasen a porcentaxe máxima do 50% determinado anteriormente.

5. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

Os beneficiarios da subvención deberán:

1. Cumprir o obxectivo e realizar a actuación que fundamenta a subvención.

2. Comezar a posta en marcha da actuación subvencionada durante o ano 2006 e finalizala con tempo suficiente para xustificar o investimento realizado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionadas aquelas accións xa iniciadas ou executadas con anterioridade á publicación, iniciadas en 2006, sempre e cando os solicitantes acrediten o dito investimento.

3. Achegar á subvención concedida o crédito necesario para afrontar os gastos asumidos por parte do concello ou entidade local correspondente para a realización da actuación subvencionada.

4. Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. O pagamento das subvencións realizarase logo de xustificación do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

2. Os beneficiarios das subvencións concedidas en virtude desta orde terán como data límite para a xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co orzamento presentado, a data do 31 de outubro de 2006.

3. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución da concesión da subvención ou coas modificacións ou prórrogas autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao importe xustificado.

4. Para percibir a subvención, os beneficiarios remitiranlle á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento, segundo o modelo do anexo II.

b) Facturas orixinais ou copia cotexada destas xustificativas dos gastos subvencionados realizados en función do orzamento e/ou factura pro forma aceptados para a concesión da subvención.

c) Memoria que detalle as actividades levadas a cabo derivadas dos investimentos subvencionados.

d) Declaración daquelas axudas solicitadas ou concedidas para a actividade obxecto desta orde das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos ou sociedades.

e) Certificación acreditativa orixinal da entidade bancaria do número de conta e CIF do beneficiario.

f) Acta de manifestacións onde se recollan os compromisos aos que se fai referencia no artigo 4º desta orde.

De non ter presentado as autorizacións pertinentes relativas á Lei de costas e á Lei de portos (artigo 5º g)5.) coa solicitude, deberán achegalas coa documentación exposta.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cumprilos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedendo a declarar decaídos no seu dereito os interesados que non cumpran o disposto neste artigo logo de resolución ditada para o efecto.

5. Poderá dar lugar á modificación da resolución de subvención toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposición derradeira

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as súas disposicións de desenvolvemento, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2006.

Fernando X. Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria