DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2006 Páx. 3.662

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 28 de decembro de 2005 pola que se lle outorga a aprobación definitiva ao proxecto da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento relativa á zona de entroncamento da rúa Tomás Mirambell, en Panxón, do Concello de Nigrán. (Expediente PO-04008).

O Concello de Nigrán conta con normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo con data do 16-5-1991.

A documentación remitida consta de expediente administrativo e proxecto técnico da modificación proposta.

O obxecto deste proxecto é reaxustar as aliñacións da rúa Tomás Mirambell e incrementar nunha planta a altura máxima edificable do edificio sito no entroncamento da dita rúa coa praza de José Mogines.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido o 10-12-2004, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno do concello, o 28-12-2004, acordou a aprobación inicial, publicada en prensa e no DOG do 24-1-2005, co resultado da fase de información pública que consta no expediente tramitado e aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello o 23-9-2005.

Revisado o documento relativo ao proxecto da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento relativa á zona de entroncamento da rúa Tomás Mirambell, en Panxón, e analizados os aspectos sinalados no artigo 85.7º da Lei 9/2002 (LOUG), considérase que foron emendadas as observacións contidas no anterior informe desta consellería.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento relativa á zona de entroncamento da rúa Tomás Mirambell, en Panxón, do concello de Nigrán, debendo ter en conta que se prohiben os voos sobre as aliñacións.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2005.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes