DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2006 Páx. 3.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 28 de decembro de 2005 pola que se lle outorga a aprobación definitiva ao proxecto da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento relativa á regulación do uso hoteleiro, do Concello de Nigrán. (Expediente PO-05003).

O Concello de Nigrán conta con normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo con data do 16-5-1991.

A documentación remitida consta de expediente administrativo e proxecto técnico da modificación proposta.

O obxecto do presente proxecto refírese á modificación da normativa relativa á regulación de uso hoteleiro.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente para o informe preceptivo desta consellería, que foi emitido con data do 3-3-2005, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno do concello, o 25-5-2005, acordou a aprobación inicial, publicada en prensa e no Diario Oficial de Galicia do 6-7-2005, co resultado da fase de información pública que consta no expediente tramitado e aprobado provisionalmente polo Pleno do concello o 28-10-2005.

Revisado o documento relativo ao proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento relativa á regulación do uso hoteleiro, do concello de Nigrán (Pontevedra), e analizados os aspectos sinalados no artigo 85.7º da Lei 9/2002 (LOUG), procede sinalar que no que se refire ás competencias desta consellería, non se atopan impedimentos para a modificación que se pretende.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, dispoño:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento relativa á regulación do uso hoteleiro, do concello de Nigrán.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2005.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes