DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2006 Páx. 3.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 28 de decembro de 2005 pola que se lle outorga a aprobación definitiva ao proxecto da modificación puntual número 15 das normas subsidiarias de planeamento regulación da alteración de rasante no ámbito do SAU-7 Rans, do Concello de Nigrán. (Expediente PO-04025).

O Concello de Nigrán conta con normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo con data do 16-5-1991.

O obxecto deste proxecto refírese a:

-Modificación da epígrafe 3.2.2 Condicións xerais de volume e hixiénicas no que se engade o punto 4, e do punto 3.6.7 Solo apto para a urbanización de Rans SAU-7, nos que se puntualiza a definición de rasante.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido con data do 10-12-2004, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno do concello, o 28-1-2005, acordou a aprobación inicial, publicada en prensa e no DOG do 4 de marzo, co resultado da fase de información pública que consta no expediente tramitado e aprobado provisionalmente polo Pleno do concello o 29-4-2005.

Revisado o documento relativo ao proxecto da modificación puntual nº 15 das normas subsidiarias de planeamento regulación da alteración de rasante no ámbito do SAU-7 Rans, do concello de Nigrán, e analizados os aspectos sinalados no artigo 85.7º da Lei 9/2002 (LOUG), polo que atinxe ás competencias desta consellería non se formula ningunha obxección á modificación proposta.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación

urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto de modificación puntual nº 15 das normas subsidiarias de planeamento. Regulación da alteración de rasante no ámbito do SAU-7 Rans, do concello de Nigrán.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2005.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes