DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 13 de marzo de 2006 Páx. 3.607

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 43/2006, do 2 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten ensinanzas escolares da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

A Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, no seu artigo 29, establece os criterios en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, concibida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección de persoal que deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

O artigo 28 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, determina que o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar, por proposta da consellería competente na materia e co informe favorable da Consellería de Economía e Facenda, a convocatoria de prazas vacantes que considere que poidan afectar o funcionamento dos servizos públicos esenciais.

A disposición adicional décima primeira da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade de educación, establece que o sistema de ingreso na función pública docente será o de concurso-oposición convocado polas respectivas administracións educativas e o Real decreto 334/2004, do 27 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes que imparten as ensinanzas escolares do sistema educativo e no corpo de inspectores de educación, dispón, como requisito previo ás convocatorias para provisión de prazas, a publicación polas administracións educativas das respectivas ofertas de emprego.

Polo anterior, e tendo en conta a planificación educativa e as prazas vacantes nos distintos corpos docentes que imparten as ensinanzas escolares do sistema educativo, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa aos corpos docentes, no ano 2006.

Na súa virtude, consultada a mesa sectorial docente non universitaria, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, e logo de informe favorable da Consellería de Economía e

Facenda e deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de marzo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes.

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas escolares do sistema educativo para o ano 2006 nos termos que se establecen neste decreto, e de conformidade co disposto no artigo 29.6º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Artigo 2º.-Cuantificación da oferta de emprego público

Corpo de mestres: 360.

Corpo de profesores de ensino secundario: 272.

Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas: 15.

Corpo de profesores de música e artes escénicas: 39.

Artigo 3º.-Reserva para persoas con discapacidade.

Do total de prazas ofertadas reservarase unha cota do 7% do conxunto delas para ser cubertas por pesoas cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%. A distribución da dita reserva por corpos e especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. As prazas que queden vacantes da quenda de discapacidade non se acumularán ás convocadas pola quenda libre.

Artigo 4º.-Admisión do persoal con discapacidade.

1. Nas probas selectivas para o acceso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións cos demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas establecerase, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a realización. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Artigo 5º.-Promoción interna.

Do total de prazas convocadas para o corpo de profesores de ensino secundario reservarase unha cota do 15% para promoción interna. A distribución da dita reserva por especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. As prazas que

queden vacantes da quenda de promoción interna non se acumularán ás convocadas pola quenda libre.

Artigo 6º.-Adquisición doutra especialidade.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá, ademais, convocar o procedemento para que os funcionarios docentes que dependen directamente dela poidan acadar unha nova especialidade dentro do corpo ao que pertencen.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de marzo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria