DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 13 de marzo de 2006 Páx. 3.606

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 42/2006, do 23 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 145/2005, do 2 de xuño, polo que se crea a Escola Superior de Arte Dramática na cidade de Vigo, que pasa a denominarse Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

O desenvolvemento das ensinanzas artísticas en Galicia, orientado tanto a garantir a formación de futuros profesionais como á formación permanente dos profesionais da escena e doutros eidos da creación escénica e do audiovisual, levou á creación polo Decreto 145/2005, do 2 de xuño, da Escola Superior de Arte Dramática na cidade de Vigo.

Esta escola está chamada a desenvolver un rol trascendental no referente ás ensinanzas artísticas no ámbito da nosa comunidade autónoma, e polo tanto require que a súa denominación sexa reflexo desta realidade.

Como consecuencia, é necesario establecer unha nova denominación que responda ao seu carácter representativo na formación artística en Galicia.

Por todo o que antecede, en virtude das atribucións que me confire a Lei 11/1998, do 20 de outubro, de reforma da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de febreiro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 145/2005, do 2 de xuño, polo que se crea a Escola Superior de Arte Dramática na cidade de Vigo.

O artigo 1 do Decreto 145/2005, do 2 de xuño, pasa a ter a seguinte redacción: créase a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (código 36024586), con sede na cidade de Vigo e adscríbese á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de febreiro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria