DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2006 Páx. 3.542

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 38/2006, do 2 de marzo, polo que se modifica o Decreto 294/2002, do 17 de outubro, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia.

No Diario Oficial de Galicia nº 208, do 28 de outubro de 2002, publicouse o Decreto 294/2002, do 17 de novembro, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia.

Coa vixente estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia considera necesario modificar a súa representación no Consorcio Audiovisual de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de marzo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase o número 2 do artigo único do Decreto 294/2002, do 17 de outubro, que queda redactado nos seguintes termos:

O Consorcio Audiovisual de Galicia estará constituído pola Xunta de Galicia representada pola Secretaría Xeral de Comunicación, a Consellería de Economía e Facenda, a Consellería de Cultura e Deporte, a Consellería de Innovación e Industria, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística; pola Compañía de Radiotelevisión de Galicia e polas deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; e goza de personalidade xurídica propia e capacidade suficiente para o cumprimento das súas finalidades.

A composición do Consello de Dirección, no que se refire á representación da Xunta de Galicia, será:

a) Presidente, que será o secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia.

b) Vicepresidente primeiro, que será o director xeral da Comunicación Audiovisual; vicepresidente segundo, que será o director xeral da Compañía de Radiotelevisión de Galicia e vicepresidente terceiro, que será o director xeral de Creación e Difusión Cultural.

c) Seis vogais en representación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que se designarán da seguinte forma: un pola Secretaría Xeral de Comunicación, un pola Consellería de Economía e Facenda, un pola Consellería de Cultura e Deportes, un pola Consellería de Innovación e Industria, un pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e un pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

d) Un vogal en representación da Compañía de Radiotelevisión de Galicia.

e) O secretario será o subdirector xeral de Telecomunicacións e Audiovisual da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual.

En todo caso, nos estatutos do Consorcio Audiovisual, as referencias á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ao seu titular, entenderanse realizadas á Secretaría Xeral de Comunicación e ao seu titular. Igualmente, as referencias á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual e ao seu titular, entenderanse realizadas á Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e ao seu titular.

Artigo 2º.-Modifícase a disposición derradeira primeira do Decreto 294/2002, do 17 de outubro, que queda redactado nos seguintes termos:

Facúltase o secretario xeral de Comunicación para a execución, desenvolvemento e aplicación deste decreto, que abranguirá a publicación no Diario Oficial de Galicia das modificacións dos estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de marzo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza