DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 09 de marzo de 2006 Páx. 3.478

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

No Decreto 217/2003, do 11 de abril, regúlase a cobertura temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo mentres non se cubran con carácter definitivo; tanto aqueles reservados ao persoal funcionario (artigo 7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia), como os reservados ao persoal laboral (artigo 9 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia).

A experiencia derivada da súa aplicación permitiu detectar disfuncións tales como o cómputo de méritos que non parecen axeitados para o acceso á Administración pública, a coincidencia temporal da actualización de méritos coa presentación de novas solicitudes, o que impide pechar a actualización de listas nos prazos fixados, e listas saturadas onde se segue permitindo a incorporación de novas solicitudes sen posibilidade real do inscrito de ser chamado para a cobertura dunha praza.

Por outra banda, e á vista da diversa casuística xurdida en relación cos diferentes puntos da normativa vixente ata a data e co fin de aproveitar a experiencia na xestión do sistema de cobertura, estímase oportuno modificala en determinados aspectos para permitir unha xestión máis axeitada aos fins que se pretenden conseguir.

Deste xeito, conxugando os intereses da Administración e das/dos interesadas/os en formar parte das correspondentes listas, limítase a presentación de solicitudes a determinados períodos permitindo, ao mesmo tempo ao órgano xestor, valorar a conveniencia ou non da apertura destas en función das necesidades reais.

Co fin de ter en conta os cambios producidos nas circunstancias dos integrantes das listas e evitar os chamamentos errados, inclúese a posibilidade de modificar os ámbitos e os datos persoais así como de solicitar a suspensión temporal destes.

Modifícase o baremo co obxecto de ter en conta tan só aqueles méritos que se consideran máis axeitados para o acceso a función pública, tales como ter superadas probas selectivas e a experiencia na Administración.

Por último, prevese a posibilidade de encomendar a xestión dos chamamentos para postos dependentes delas ás distintas consellerías, co obxecto de axilizar o proceso na medida do posible.

Visto na Mesa Xeral de Negociación e informe favorable da Comisión de persoal, co voto a favor

da Confederación Intersindical Galega (CIG). Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión celebrada en Santiago de Compostela o día dous de marzo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste decreto é a regulación do procedemento para a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo, tanto daqueles reservados a persoal funcionario das administracións xeral e especial, como os reservados ao persoal laboral, mentres non se procede á súa cobertura con carácter definitivo.

Tamén deberá utilizarse para a cobertura das contratacións que se realicen ao abeiro do concepto orzamentario 131 («persoal laboral temporal») do capítulo I da Lei de orzamentos.

Artigo 2º.-Modalidades de vinculación.

As modalidades de vinculación que se aplicarán serán as seguintes:

1. Para a cobertura dos postos reservados a persoal funcionario, o nomeamento previsto no artigo 7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

2. Para a cobertura de postos reservados a persoal laboral, as modalidades contractuais previstas no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e, preferentemente, o contrato de interinidade.

Artigo 3º.-Sistema de lista aberta.

A cobertura temporal dos postos de traballo efectuarase a través dun sistema de lista aberta en que a orde de prelación virá dada pola puntuación obtida trala aplicación do baremo previsto no artigo 9º.

Para estes efectos:

1. Para a cobertura de postos reservados ao persoal funcionario, elaborarase unha única lista por corpo, escala ou especialidade dentro de cada grupo de persoal funcionario.

2. Para a cobertura de postos reservados ao persoal laboral elaborarase unha única lista para cada categoría.

Artigo 4º.-Órganos encargados da elaboración das listas.

Para a elaboración das listas, así como para o seu control e correcta utilización, nomearase unha comisión permanente central e catro comisións permanentes provinciais.

A comisión permanente central será a encargada de resolver todas as cuestións de interpretación e coordinación das distintas comisións referidas ao contido deste decreto.

Ás comisións permanentes provinciais correspóndelles o control e o seguimento das listas, así como

resolver as incidencias que se lle presenten no seu ámbito de conformidade cos criterios emanados da comisión permanente central.

A composición da/s comisión/s permanente/s de selección será a seguinte:

* Presidenta/e:

-Na Comisión Central: titular da dirección xeral competente en materia de función pública ou persoa en que delegue.

-Nas comisións provinciais: o titular da delegación provincial da consellería competente en materia de función pública ou persoa en quen delegue.

* Tres representantes da Administración.

* Dous representantes sindicais.

* Secretario: unha/un funcionaria/o dependente dun servizo con funcións de persoal.

Artigo 5º.-Solicitudes de inclusión.

O persoal interesado en formar parte das listas cubrirá a instancia, segundo o modelo que figura como anexo I, xuntando a esta a documentación que acredite que reúne os requisitos propios da categoría, grupo, escala ou especialidade en que solicita inscribirse.

Así mesmo, fará constar en que ámbito desexa prestar os seus servizos, ata un máximo de tres por cada categoría, corpo, escala ou especialidade, de conformidade coas seguintes posibilidades:

1. Con carácter xeral:

* Para a cobertura de postos reservados ao persoal funcionario:

-Grupos A, B, C e D: servizos centrais, autonómico ou provincial.

-Grupo E: conxunto de municipios segundo se determine na correspondente resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes.

* Para a cobertura de postos reservados a persoal laboral:

-Servizos centrais, autonómico, provincial ou agrupación de municipios.

2. No ámbito da defensa contra incendios forestais e o ambiente:

a) Para a cobertura de postos nos Servizos de Defensa contra Incendios Forestais:

Distrito forestal ou comarca segundo se determine na correspondente resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes.

b) Para a cobertura de postos no ámbito dos Servizos de Conservación da Natureza:

Distrito, comarca, bacía ou parque natural segundo se determine na correspondente resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As novas solicitudes poderanse presentar:

1. Cando se publique a resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte

da dirección xeral competente en materia de función pública e no prazo establecido nela.

2. No caso de listas elaboradas de conformidade co previsto no presente decreto que se atopen en xestión, desde o día 1 de marzo ata o día 15 de xullo de cada ano, elaborándose no período comprendido entre o 1 de setembro e o 31 de decembro do mesmo ano.

Porén, en calquera momento en que a Administración considere que unha determinada lista está saturada por que non se produzan contratacións ou nomeamentos, ou ben por que haxa un excesivo número de inscritas/os, poderá determinar o peche da incorporación de novas solicitudes ata a resolución dun novo proceso selectivo para ese grupo, escala, especialidade ou categoría, coa excepción das/os interesadas/os que superasen algunha proba do último proceso selectivo ou teñan prestado servizos na Xunta de Galicia para a lista correspondente a esa categoría, corpo, escala ou especialidade.

Artigo 7º.-Modificación de ámbitos e datos persoais.

O persoal inscrito nas listas que desexe cambiar de ámbito, ou modificar os seus datos persoais poderá facelo mediante presentación dunha instancia normalizada segundo o anexo II nos seguintes períodos:

1. Cambio de ámbito: no mes de xaneiro de todos os anos, tendo efectos na xestión das listas a partir do 1 de marzo seguinte.

2. Cambio de datos persoais: en calquera momento, producindo efectos na xestión das listas transcorridos 15 días naturais contados desde a data de solicitude de modificación.

Artigo 8º.-Requisitos.

Serán requisitos indispensables para poder inscribirse nas listas posuír a titulación ou formación académica exixida para cada categoría, corpo, escala ou especialidade e os demais requisitos legalmente exixidos para participar na convocatoria pública das correspondentes probas selectivas na data da presentación da solicitude de inclusión na lista pola/o interesada/o en formar parte dela.

Neste sentido, as/os solicitantes deberán posuír para os grupos A, B e C e I , II e III o diploma ou certificado que acredite o grao de perfeccionamento do idioma galego, e para os grupos D, E e IV e V o grao de iniciación do idioma galego.

Só se lles concederá validez aos cursos ou titulacións homologados polo órgano competente en materia de política lingüística.

Artigo 9º.-Baremo.

O baremo aplicable para a elaboración das listas para a cobertura de postos reservados a persoal funcionario e persoal laboral será o seguinte:

a) A suma das notas das probas superadas no último proceso selectivo da Xunta de Galicia para o grupo, escala, especialidade ou categoría na que se solicita

a inscrición na lista ata a ponderación de 40 puntos segundo a seguinte fórmula: suma das notas obtidas nas probas do proceso selectivo multiplicado por 40 e dividido entre a suma das notas máximas posible das probas do proceso selectivo.

A puntuación desta epígrafe porase de oficio a cero con motivo da resolución dun novo proceso selectivo para o mesmo grupo, escala, especialidade ou categoría da lista na que se encontre inscrito a/o interesada/o, incluíndose, así mesmo, de oficio e, de ser o caso, a nova puntuación.

Entenderase resolto un proceso selectivo á publicación do resultado do acto de elección de destino do persoal de novo ingreso.

b) Por cada mes completo de servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría, corpo ou escala: 0,25 puntos, ata un máximo de 20 puntos.

c) Por cada chamamento pola mesma lista, aceptado e rematado sen renuncia ao desempeño do posto: 0,2 puntos, ata un máximo de 3 puntos. Só se terán en conta os chamamentos atendidos polas novas listas elaboradas a raíz da entrada en vigor deste decreto.

En todo caso só se terán en conta os méritos alegados que o solicitante reúna o día 31 de decembro inmediato anterior.

Artigo 10º.-Desempate.

De producirse empate na puntuación, a orde de desempate será a seguinte:

1. A solicitante de sexo feminino con preferencia sobre o de sexo masculino, cando na categoría, corpo ou escala se dean as condicións de infrarrepresentación previstas no artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

2. Puntuación pola orde das letras do baremo.

3. Solicitante de maior idade.

4. Pola letra vixente no resultado do sorteo para participar en procesos selectivos do ano natural anterior, que se aplicará coa actualización de méritos.

Artigo 11º.-Publicidade das listas.

Puntuadas as solicitudes, a comisión competente elevara a listaxe correspondente á Dirección Xeral da Función Pública para a súa publicación é remisión á secretaría xeral da consellería competente en materia de función pública, así como ás súas delegacións provinciais.

O estado das listas poderá consultarse na internet e nas oficinas de información administrativa e atención ao cidadán.

Artigo 12º.-Actualización de méritos.

A actualización de méritos efectuaraa anualmente de oficio a Administración. Para tal efecto, no mes de febreiro de cada ano publicarase a listaxe pro

visional, dispoñendo os interesados dun prazo de dez días para reclamar no caso de non estar conformes con ela.

Artigo 13º.-Procedemento para solicitar a cobertura temporal de postos.

Producida a necesidade de cobertura temporal dun posto, a secretaría xeral ou delegación provincial correspondente dirixirase, á maior brevidade posible, á secretaría xeral da consellería competente en materia de función pública, para os que radiquen nos servizos centrais, ou á delegación provincial da consellería competente en materia de función pública, para os de servizos periféricos, e solicitará a persoa que, segundo a orde de prelación que figura na lista, lle corresponda ser chamada.

Nos supostos previstos no parágrafo terceiro do artigo 14º, a correspondente solicitude dirixirase ao encargado do rexistro da consellería competente en materia de función pública do ámbito territorial correspondente.

As solicitudes faranse polo medio máis urxente, que permita a constancia da recepción, sendo tramitadas por rigorosa orde de recepción nas dependencias correspondentes.

Artigo 14º.-Os chamamentos aos aspirantes.

Os chamamentos faranse polo medio máis urxente que permita ter a constancia da súa recepción.

Nos supostos nos que a necesidade de cobertura dun posto non fose previsible coa antelación suficiente ou polas circunstancias concorrentes no proceso de chamamentos debidamente acreditadas, fose necesario a súa cobertura de xeito urxente para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público, o chamamento poderá realizarse telefonicamente.

De igual xeito, cando a necesidade de cobertura dun posto para un sábado, domingo ou festivo de persoal que preste servizos en institucións sanitarias, residencias da terceira idade, centros asistenciais, centros de ensino, garderías, centros de menores, matadoiros e lonxas xurda fóra do horario de funcionamento dos órganos xestores das listas e a súa non tramitación de xeito inmediato puidese orixinar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público, a citación poderá realizala telefonicamente a/o encargada/o do rexistro da consellería competente en materia de función pública do ámbito territorial correspondente segundo a orde de prelación existente en cada momento.

Nestes supostos, a/o funcionaria/o que as realice fará constar mediante dilixencia a súa realización, e se tiveron ou non resposta.

O representante da parte social na/s comisión/s de selección terá dereito a estar presente en todos os chamamentos e para tal fin a/o encargada/o facilitaralle a información que precise.

Artigo 15º.-Suspensión dos chamamentos.

1. De oficio.

A aceptación dun chamamento para unha categoría, corpo, escala ou especialidade suporá a suspensión dos chamamentos tanto para outros ámbitos da mesma lista como para listas correspondentes a outras categorías, corpos, escalas ou especialidades, coas excepcións que a seguir se indican:

a) Os integrantes dunha lista que se atopen en situación de suspensión por estaren prestando servizos nunha praza non vacante serán chamados para a cobertura de vacantes da mesma categoría, corpo, escala ou especialidade por unha soa vez.

b) Os integrantes das listas que se atopen en situación de suspensión noutras categorías, corpos, escalas ou especialidades por atoparse prestando servizos noutra categoría, corpo, escala ou especialidade serán chamados por unha soa vez para a cobertura de vacantes doutro corpo, escala, categoría ou especialidade.

Para os efectos deste decreto entenderase por praza vacante aquela que careza de titular, excepto as prazas de persoal laboral con xornada igual ou inferior a media xornada en cómputo semanal.

2. Por solicitude do/a interesado/a.

Os integrantes das listas que non se atopen prestando servizos poderán solicitar a suspensión das citacións mediante solicitude para o efecto formulada no modelo normalizado que figura como anexo III.

A dita solicitude, que será irrenunciable, terá efectos suspensivos nas citacións en todas as listas en que estea inscrito o solicitante. Os seus efectos produciranse desde o décimo día natural seguinte contado desde a presentación da solicitude de suspensión no rexistro do órgano competente. O tempo de duración desta, a elección da/o interesada/o, será de dous, seis ou doce meses computados desde a data de efectos da suspensión.

Artigo 16º.-Credenciais.

Unha vez designado pola secretaría xeral da consellería competente en materia de función pública ou delegación provincial correspondente a persoa a que corresponda ser chamada, e constatada a súa dispoñibilidade, expediráselle a correspondente credencial para a súa presentación no posto de traballo no prazo que nela figure.

Artigo 17º.-Situación nas listas.

1. Os integrantes das listas non perderán a orde de prelación que en cada momento lles corresponda nestas ata que se xere o dereito á prestación de desemprego, de tal maneira que se a contratación ou nomeamento para a que son chamados ten unha duración inferior, retornarán ao posto que novamente lles corresponda na lista.

2. Rematada a contratación ou o nomeamento, a/o interesada/o pasará a ocupar o último lugar na lista durante catro meses se xerou o dereito á prestación

de desemprego. Finalizado o devandito período volverá automaticamente ao lugar da lista que, de acordo coa súa puntuación, lle corresponda.

3. Os integrantes das listas que, sendo convocados para facer efectiva a contratación ou nomeamento segundo o disposto no artigo 14º, non se presentaran ou renunciaran a esta, perderán os seus dereitos quedando excluídos da lista por un ano, debendo solicitar de novo a súa inscrición unha vez transcorrido o dito prazo.

A mesma consecuencia terá a renuncia á continuidade no desempeño dun posto de traballo, agás que fose para atender outro chamamento para unha vacante.

4. A renuncia a formar parte dunha lista suporá que non terá efectos unha nova solicitude de admisión nesa lista, ata transcorrido o prazo dun ano desde a data da renuncia.

Disposición adicional

A realización material dos chamamentos ao persoal integrante das listas confeccionadas de acordo con este decreto para a cobertura de postos correspondentes a centros e/ou unidades dependentes dunha/as consellerías en concreto, poderá encomendarse a estas mediante o procedemento e nos supostos previstos no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria

As listas elaboradas ao abeiro do Decreto 217/2003, do 11 de abril, continuarán en vigor ata que a Administración efectúe de oficio a súa adaptación ao presente decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 217/2003, do 11 de abril, e demais disposicións do mesmo ou inferior rango que se opoñan ao establecido no presente decreto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no DOG.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións e adoptar as medidas necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, dous de marzo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza