DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 08 de marzo de 2006 Páx. 3.406

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 1.2º establece que a comunidade autónoma, a través de institucións democráticas, asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia. Así mesmo, o seu artigo 32 manifesta que corresponde á nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Neste marco, a Consellería de Cultura e Deporte, configurada ao abeiro do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, asume as competencias que facultarán o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes, así como as facultades e funcións en materia deportiva, consonte o réxime competencial recollido no título II do devandito texto estatutario.

Procede, xa que logo, o desenvolvemento da súa estrutura orgánica básica ata o nivel de xefatura de servizo, distribuíndo as funcións de xeito que permita a máxima eficacia e eficiencia no exercicio delas.

De acordo co exposto, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, co informe previo das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e Economía e Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de febreiro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Competencias.

A Consellería de Cultura e Deporte é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao que lle corresponden as competencias en materia de creación e difusión cultural, patrimonio cultural, os aspectos vinculables á protección do patrimonio cultural da Cidade e dos Camiños de Santiago, e o fomento e promoción da cultura física e o deporte, segundo o establecido no Estatuto de autonomía.

Artigo 2º.-Órganos.

1. A Consellería de Cultura e Deporte desempeñará as funcións da súa competencia a través dos seguintes órganos:

a) A conselleira.

b) A Secretaría Xeral.

c) A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

d) A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

e) A Dirección Xeral para o Deporte.

f) Os órganos colexiados.

g) As delegacións provinciais.

2. Queda adscrito a Consellería de Cultura e Deporte, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia, como organismo autónomo o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, creado pola Lei 4/1989, do 21 de abril.

Artigo 3º.-A conselleira.

A conselleira é a autoridade superior da consellería, e con tal carácter está investida das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Artigo 4º.-A Secretaría Xeral.

Un. A Secretaría Xeral exercerá as funcións sinaladas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, ademais das que lle sexan encomendadas por delegación do titular do departamento.

Dous. Baixo a dependencia directa do secretario xeral existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario.

Exercerá as funcións de xestión de todo o persoal, a coordinación da elaboración do anteproxecto do orzamento, o seu seguimento e control, a xestión da contratación administrativa e económica, a organización do rexistro e os demais aspectos relacionados co réxime interior.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Persoal.

Correspóndenlle a este servizo as funcións de:

a) Tramitación, custodia e arquivo dos expedientes administrativos relativos ao persoal funcionario e laboral dependente da consellería.

b) Xestión e tramitación da nómina.

c) Programación das necesidades de persoal da consellería.

d) Control de asistencia e puntualidade.

e) Aqueloutras actividades relativas ao persoal da consellería que, no seu ámbito de competencia, lle encomende o secretario xeral.

1.2. Servizo de Réxime Interior e Xestión Orzamentaria.

Este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

a) Elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería.

b) Execución, coordinación, seguimento e control do orzamento así como a proposta e xestión das súas modificacións.

c) Habilitación de pagamentos.

d) Rexistro xeral da consellería e réxime interior.

1.3. Servizo de Obras e Contratación.

Correspóndelle a tramitación dos expedientes de contratación sometidos á normativa reguladora dos contratos das administracións públicas, calquera que sexa o seu tipo ou forma de adxudicación, así como o seguimento e control da execución de todos os contratos que non estea expresamente atribuída a outros órganos.

1.4. Servizo de Supervisión de Proxectos.

Correspóndenlle a este servizo as funcións de:

a) Elaboración de instrucións, control e supervisión dos proxectos de obra nova, ampliacións, reposicións e rehabilitacións integrais que execute esta consellería e non lle correspondan a outra unidade.

b) Realización das actas de replanteo.

c) Seguimento e control da execución das obras en todas as súas fases, así como a realización dos informes e actuacións que sexan necesarios, ata a súa recepción.

d) Supervisión e informe de certificacións de obra e honorarios facultativos.

e) Supervisión e visado de Plans de Seguridade e Saúde no Traballo.

f) Tramitación dos expedientes de expropiación instruídos pola consellería.

g) Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

1.5. Servizo Técnico-Xurídico.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos de disposicións de carácter xeral, a elaboración de recompilación de normas e a proposta de refundición de normas emanadas da consellería.

b) O estudo, tramitación e formulación de propostas de resolución dos recursos e reclamacións que debe resolver a conselleira.

c) O estudo, preparación e tramitación dos expedientes que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como o traslado dos seus acordos.

d) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería.

e) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á consellería polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo e institucións similares.

f) O exercicio das funcións que a consellería teña encomendadas en relación coas fundacións de interese galego, sobre as que lle corresponda exercer o protectorado.

g) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo secretario xeral.

2. Dependendo organicamente da Secretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

a) Intervención Delegada.

b) Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto no Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta

de Galicia aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo.

Artigo 5º.-A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

Un. Correspóndelle á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural a dirección e coordinación das atribucións da consellería en materia de promoción cultural, do libro e bibliotecas e entre elas as seguintes:

a) A promoción das relacións culturais en Galicia, a potenciación da creación e a innovación cultural e o apoio ás casas de cultura, centros e entidades socio-culturais.

b) A colaboración no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas.

c) A posta en práctica de medidas de apoio para os artistas e creadores e a súa participación na programación cultural.

d) O establecemento de canles de información e promoción da investigación no eido cultural.

e) O estímulo da creación literaria, artística e musical e das publicacións.

f) A elaboración de plans respecto da política do libro de acordo coas necesidades culturais de Galicia.

g) A execución da lexislación sobre propiedade intelectual e a xestión do depósito legal.

h) As autorizacións para a realización de feiras e exposicións do libro e do material bibliográfico.

i) A orientación do servizo público da lectura para difundir a cultura por medio do libro e os novos soportes dixitais.

j) A organización e aprobación dos expedientes de creación de novas bibliotecas ou servizos bibliotecarios, dos seus regulamentos e concertos e a organización de cursos de formación de bibliotecarios.

k) A promoción e difusión do patrimonio audiovisual galego e das artes da imaxe.

l) O fomento da creación, produción e divulgación cinematográfica, videográfica, audiovisual e multimedia.

m) A programación e realización de exposicións relacionadas coas principais tendencias e ámbitos da creación artística contemporánea e, moi especialmente, a creación artística nacida ou relacionada con Galicia.

n) A coordinación e supervisión das actuacións do Centro Galego de Arte Contemporánea.

ñ) A organización e fomento de iniciativas e actividades orientadas á potenciación da dimensión internacional da cultura galega.

o) O estímulo e impulso á presenza das diferentes manifestacións da identidade cultural galega nas redes telemáticas e nos procesos de integración e intercambio multicultural.

p) A organización e colaboración nas exposicións, congresos, coloquios e cursos de formación, así como a convocatoria de bolsas e axudas, e a preparación de convenios sobre as materias que sexan competencia da dirección xeral.

Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural estrutúrase do seguinte xeito:

1. Subdirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

Correspóndelle a elaboración de normas e a programación e execución das funcións da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural no eido do impulso á creación, á difusión cultural, ao libro e ás bibliotecas, estudos e publicacións e a dirección do Centro Superior Bibliográfico.

Contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Promoción da Creación e Difusión Cultural.

Elaborará as propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos, a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos ou colectivos culturais, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais, así como programar, organizar e coordinar actuacións propias e en colaboración nas actividades de innovación e difusión da cultura.

1.2. Servizo do Libro e Bibliotecas.

Correspóndenlle a este servizo as funcións de:

a) Xestión da política en relación co libro e os novos soportes dixitais: axudas a empresas editoriais, feiras do libro e animación á lectura.

b) Xestión da política bibliotecaria: creación de novas bibliotecas, modernización das existentes, axudas, bolsas, informatización e cursos de bibliotecas.

c) Dirección do Centro Superior Bibliográfico de Galicia nas seguintes cuestións: xestión, organización, elaboración do catálogo colectivo, depósito legal, dixitalización, dirección do préstamo interbibliotecario e catalogación centralizada.

1.3. Servizo de Estudos e Publicacións.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Edición das obras que sexan de interese xeral para a comunidade autónoma.

b) Coordinación da distribución comercial de todas as obras da Xunta de Galicia do intercambio de publicacións coas institucións que fixe a Comisión Permanente de Publicacións.

c) Xestión de todo o relacionado coa adxudicación dos números do ISBN ás publicacións da Xunta de Galicia de acordo coa Axencia Española do ISBN e coas resolucións da Comisión Permanente de Publicacións.

d) Realización de programas, estudos, análises e estatísticas e elaboración de informes e propostas en relación coas publicacións da Consellería de Cultura e Deporte.

e) Coordinación e revisión das publicacións que, directa ou indirectamente, leva a cabo a Consellería de Cultura e Deporte, no ámbito da súa competencia.

f) Estudo e análise dos proxectos relacionados coas publicacións programadas polas diversas unidades desta consellería.

g) Todas aquelas outras que por disposicións legais ou regulamentarias poidan serlle atribuídas.

1.4. Servizo do Rexistro da Propiedade Intelectual de Galicia.

Correspóndelle a este servizo realizar as funcións do Rexistro Territorial integrado no Rexistro Xeral da Propiedade Intelectual. Entre outras, realizará as seguintes funcións:

a) Tramitación e resolución dos expedientes de inscrición e anotación.

b) Práctica das inscricións que procedan.

c) Certificación e publicidade dos dereitos, actos e contratos inscritos.

d) Emisión de informes técnicos nos casos en que proceda.

e) Calquera outra que lle corresponda de acordo coa lexislación en materia de propiedade intelectual.

2. Dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea.

A dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea dependerá organicamente da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e funcionalmente do padroado do centro.

Á dirección, que se poderá prover por persoal funcionario con rango de subdirector xeral ou en réxime de contratación temporal, e sen prexuízo da súa renovación, de conformidade co Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, correspóndelle a dirección, coordinación e planificación da actividade dos departamentos do centro.

A xerencia do Centro Galego de Arte Contemporánea dependerá organicamente da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e funcionalmente do padroado do centro.

O xerente será nomeado pola conselleira de Cultura e Deporte, por proposta do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea. Exercerá o cargo de secretario do padroado, ademais das funcións sinaladas no Decreto 326/1996, do 26 de xullo, de regulamentación do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Artigo 6º.-A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Un. Correspóndelle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de patrimonio histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, artístico, arquitectónico, etnolóxico e documental en todas as súas manifestacións, así como nas materias de arquivos e museos, e especialmente as seguintes funcións:

a) A protección, a conservación, o acrecentamento, a difusión e o fomento do patrimonio cultural de Galicia, así como a súa investigación e transmisión a xeracións futuras.

b) A protección, conservación e recuperación dos Camiños de Santiago, así como a elaboración da normativa xurídica que lle afecte.

c) A elaboración e xestión dos asuntos relacionados co réxime xurídico de protección do patrimonio cultural.

d) A tramitación e xestión dos procedementos para a declaración de ben de interese cultural, e a inclusión no catálogo e no inventario do patrimonio cultural.

e) A promoción e xestión das actuacións arqueolóxicas relacionadas coas competencias da dirección xeral.

f) O informe e a resolución, se é o caso, dos expedientes que afecten, conforme a normativa vixente, ao patrimonio cultural.

g) A realización de informes e estudos que lle sexan requiridos polas autoridades competentes e, en particular, o informe e asesoramento ás autoridades administrativas, cando sexa solicitado, en materia de protección e conservación do patrimonio cultural e na adopción de medidas cautelares, correctivas e sancionadoras que se xulguen convenientes.

h) A dirección e xestión das obras de conservación e restauración no patrimonio cultural promovidas pola consellería.

i) As actuacións necesarias para o exercicio da potestade expropiatoria e do dereito de adquisición preferente en asuntos relacionados co patrimonio cultural.

j) A preparación e xestión de convenios e protocolos relacionados coas competencias desta dirección xeral.

k) A dirección de todas as actuacións dirixidas a velar pola conservación, coidado, promoción e difusión do patrimonio moble e documental de Galicia, especialmente a través dos museos e dos arquivos.

l) A elaboración e edición de publicacións de carácter científico, cultural, educativo e divulgativo relacionadas co patrimonio cultural.

m) A organización de exposicións, coloquios, seminarios e cursos relacionados co patrimonio cultural e dirixidos á formación, a xestión e a difusión dos temas vinculados a este.

Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural estrutúrase do seguinte xeito:

1. Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

Correspóndelle a esta subdirección a elaboración de normas e a programación, coordinación e execución das actuacións relacionadas coa protección e a xestión do patrimonio cultural.

Contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Inventario e Protección do Patrimonio Cultural.

Son funcións deste servizo:

a) A formación e actualización do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

b) A xestión e coordinación dos expedientes de declaración de Ben de Interese Cultural e de inclusión de bens no Catálogo e no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia.

c) A coordinación dos expedientes de protección do patrimonio cultural entre os servizos centrais e as delegacións provinciais da consellería.

d) A coordinación na elaboración de normas e a xestión dos asuntos relacionados co réxime xurídico de protección dos bens culturais.

e) A Secretaría da Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de interese para Galicia.

f) A coordinación das relacións necesarias con outros servizos da consellería nos temas vinculados coa tramitación de recursos administrativos relativos ao patrimonio cultural, sen prexuízo das competencias e funcións daqueles.

g) A tramitación dos expedientes da Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico Artístico e Documental da Igrexa de Galicia, para intervencións no patrimonio cultural de titularidade da Igrexa Católica.

1.2. Servizo de Vixilancia e Inspección do Patrimonio Cultural.

Son funcións deste servizo:

a) A vixilancia e control dos bens de calquera natureza integrantes do patrimonio cultural de Galicia, para os efectos do seu coidado e conservación e a vixilancia do cumprimento da execución da ordenación urbanística municipal no relativo ao patrimonio cultural de Galicia.

b) A comprobación do cumprimento das normas, resolucións e ditames emanados da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

c) O control do rexistro obrigatorio das transaccións realizadas polas persoas ou entidades dedicadas ao comercio de bens integrantes do patrimonio cultural e do cumprimento dos requisitos para o exercicio desta actividade.

d) A coordinación da inspección dos bens, de calquera natureza, integrantes do patrimonio cultural de Galicia e, en particular, as actuacións correspondentes á investigación, comprobación e comunicación sobre os feitos obxecto de reclamacións ou denuncias sobre presuntas afectacións a aquel patrimonio.

e) A tramitación dos procedementos sancionadores por infraccións da normativa vixente en materia de protección do patrimonio cultural, e a realización de informes encamiñados a determinar e avaliar os danos producidos nel, así como a proposta á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de adopción de medidas cautelares e, de ser o caso, sancionadoras por infraccións en materia de patrimonio cultural.

1.3. Servizo de Arquivos e Museos.

Son funcións deste servizo:

a) A coordinación e dirección técnica dos sistemas galegos de arquivos e de museos e das distintas redes que os integran, así como a inspección dos arquivos e museos galegos e o seu patrimonio cultural.

b) A xestión dos arquivos e museos de titularidade autonómica, adscritos a esta consellería e os de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A tramitación e informe dos expedientes para a creación, autorización e cualificación de museos e coleccións visitables segundo a normativa vixente.

d) A elaboración, actualización e control do Rexistro e o Censo de Museos de Galicia así coma do Censo-Guía de arquivos.

e) O control dos movementos, restauracións e reproducións do patrimonio moble e documental custodiado nos arquivos e museos galegos, así como a elaboración e mantemento do seu inventario.

f) O apoio e asesoramento técnico en materia de patrimonio moble e documental e en temas de arquivos e museos de interese para Galicia.

g) A programación, coordinación e xestión das actuacións en materia de incremento, conservación, documentación, investigación e difusión do patrimonio custodiado nos arquivos e museos galegos.

2. Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Correspóndelle a esta subdirección a elaboración da programación, coordinación e execución das funcións de intervención no patrimonio cultural, así coma o estudo e a emisión de informes dos planeamentos que incidan sobre este, no ámbito das súas competencias.

Contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Arquitectura e Etnografía.

Son funcións deste servizo as seguintes:

a) A programación das actuacións necesarias para a conservación, intervención e xestión do patrimonio cultural arquitectónico e etnográfico.

b) A información dos plans, programas e proxectos que poidan afectar ao patrimonio arquitectónico e etnográfico e ao seu contorno, no seu ámbito competencial.

c) A promoción e coordinación das actuacións de prevención, conservación, restauración e posta en valor do patrimonio arquitectónico e etnográfico, cos conseguintes labores de inspección e supervisión.

d) A prestación de apoio e asesoramento técnico, cando así proceda, en proxectos e actuacións que afecten ao patrimonio arquitectónico e etnográfico.

e) A elaboración e mantemento do Inventario do patrimonio arquitectónico e etnográfico, para a súa posterior inclusión no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

2.2. Servizo de Arqueoloxía.

Son funcións deste servizo:

a) A programación das actuacións necesarias para a conservación e xestión do patrimonio arqueolóxico.

b) A información dos planos, programas e proxectos que poidan afectar ao patrimonio arqueolóxico e ao seu contorno, no seu ámbito competencial.

c) A promoción e coordinación das actuacións preventivas de rescate, conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico.

d) A tramitación e información dos expedientes de actuacións arqueolóxicas, cos conseguintes labores de inspección e supervisión.

e) A prestación de apoio e asesoramento técnico, cando así proceda, en proxectos e actuacións que afecten ao patrimonio arqueolóxico.

f) A elaboración e mantemento do Inventario do patrimonio inmoble arqueolóxico, para a súa posterior inclusión no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

3. Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago.

Correspóndelle a dirección e coordinación das actuacións da consellería relativas ao patrimonio cultural vinculado á Cidade e aos Camiños de Santiago, sen prexuízo das competencias da Consellería de Innovación e Industria.

Contará co seguinte servizo:

3.1. Servizo de Conservación e Protección Xacobeas.

Son funcións deste servizo:

a) A delimitación, recuperación, conservación, rehabilitación, sinalización e posta en valor dos Camiños de Santiago en Galicia.

b) A tramitación de expedientes e a xestión do Comité Asesor do Camiño de Santiago.

c) A promoción das actividades e producións relacionadas cos Camiños históricos de Santiago.

d) A divulgación científica e cultural dos Camiños de Santiago, por medio de publicacións, congresos, seminarios, exposicións ou actividades similares.

e) A xestión da participación da consellería en programas ou exposicións relacionadas cos Camiños de Santiago.

Artigo 7º.-Dirección Xeral para o Deporte.

Un. Correspóndelle a esta dirección xeral:

a) O deseño, programación, desenvolvemento e execución da política deportiva de Galicia.

b) A colaboración coas administracións locais na promoción e difusión da cultura física e do deporte. O apoio e promoción das asociacións deportivas, sempre que o seu ámbito de actuación non exceda o propio da comunidade autónoma.

c) A elaboración e execución dos plans de construción de instalacións deportivas propias. En relación cos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, corresponderalle coordinar e supervisar o seu funcionamento e prestarlles a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade.

d) A xestión das prestacións e programas en materias propias da dirección xeral, así como a realización de todas aquelas accións encamiñadas á mellora da actividade físico-deportiva e da infraestrutura deportiva galega.

e) O fomento da presenza do deporte galego no ámbito estatal e internacional.

Dous. Para o desenvolvemento das anteditas funcións, esta dirección xeral estrutúrase como segue:

1. Subdirección Xeral de Deporte.

Exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración e execución de plans de tecnificación deportiva e realización de estudos sobre competicións de deportistas federados.

b) A xestión deportiva do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e a súa coordinación coas federacións deportivas e outras entidades para a súa utilización.

c) A coordinación da actividade deportiva cos plans, programas e actuacións docentes do INEF de Galicia.

d) O rexistro de entidades deportivas.

e) O fomento e promoción do deporte, deporte extraescolar e de tempo libre.

f) A elaboración e coordinación dos plans de instalacións deportivas así como a coordinación e supervisión do funcionamento administrativo dos centros e instalacións deportivas.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Coordinación Deportiva.

Son funcións deste servizo:

a) A dirección dos plans e programas das competicións deportivas.

b) A xestión administrativa da actividade de fomento e promoción deportiva.

c) A coordinación dos plans de formación realizados desde a Escola Galega do Deporte.

1.2. Servizo de Contratación e Xestión Económica.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A execución, coordinación e tramitación dos expedientes relativos á contratación administrativa, axudas e subvencións e convenios relativos aos programas xestionados pola dirección xeral en materia de infraestruturas deportivas.

b) A coordinación e asistencia técnica dos centros e instalacións deportivas para o correcto desenvolvemento da súa actividade.

c) O control de carácter interno da xestión orzamentaria dos capítulos de gasto encomendados á dirección xeral.

1.3. Servizo de Supervisión de Proxectos e Seguimento de Obras.

A este servizo corresponderalle desenvolver as funcións das oficinas de supervisión dos proxectos ás que fai referencia a normativa vixente respecto das obras que teña ao seu cargo a dirección xeral, así como o seguimento destas e das correspondentes a convenios de colaboración que se subscriban coas corporacións locais ou outros entes.

Artigo 8º.-Órganos colexiados.

Co carácter, cometido e funcións establecidas nas súas respectivas normas reguladoras, están constituídos os seguintes órganos colexiados:

Un. A nivel central:

A Comisión Técnica de Arqueoloxía, creada pola Orde do 12 de abril de 1983, e reestruturada polo Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Consello de Bibliotecas, creado pola Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas.

A Comisión Técnica de Museos, regulada polo Decreto 314/1986, do 16 de outubro.

A Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais, creada polo Decreto 112/1992, do 30 de abril.

A Comisión Técnica de Arquivos, creada polo Decreto 307/1989, do 23 de novembro, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia.

O Padroado do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, creado polo Decreto 167/1975, do 23 de xaneiro, e reestruturado polo Decreto 17/1987, do 22 de xaneiro.

O Comité Asesor do Camiño de Santiago, creado pola Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago.

A Comisión do Patrimonio Histórico da Cidade e Camiño de Santiago, regulada polo Decreto 63/1992, do 19 de febreiro.

A Comisión Técnica de Etnografía, creada polo Decreto 41/1992, do 6 de febreiro.

O Padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea, creado polo Decreto 286/1994, do 30 de setembro, e reestruturado polo Decreto 326/1996, do 26 de xullo.

O Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia e a Comisión Permanente de Publicacións, creados polo Decreto 316/1990, do 8 de xuño, e regulados polo Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

O Comité Galego de Xustiza Deportiva creado pola Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia.

A Comisión Galega para a Prevención da Violencia no Deporte creada polo Decreto 116/2004, do 27 de maio.

Dous. A nivel provincial:

As Comisións Territoriais do Patrimonio Histórico Galego, unha por cada provincia da Comunidade Autónoma galega, reguladas polo Decreto 63/1992, do 19 de febreiro.

Artigo 9º.-As delegacións provinciais.

Un. En cada unha das provincias da comunidade autónoma existirá unha delegación provincial da Consellería de Cultura e Deporte, segundo o establecido no Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se

fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, que desempeñará as competencias determinadas nos decretos 5/1987, do 14 de xaneiro, e 87 e 88/1990, do 15 de febreiro, e todas aquelas que lle sexan atribuídas por disposición legal.

O delegado provincial exercerá as funcións establecidas polo Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e aquelas que lle sexan especial e singularmente encomendadas.

Dous. En cada unha das delegacións provinciais existirá unha secretaría, con nivel orgánico de servizo.

Correspóndelle ao secretario provincial, baixo a autoridade e supervisión do delegado, o exercicio das funcións relativas ao réxime interior, á tramitación administrativa, xestión de persoal, elaboración do anteproxecto de orzamento da delegación, e a administración, control contable e xustificación de créditos que se lle asignen e, en xeral, prestar asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao delegado, a quen substituirá nas súas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Tres. Cada delegación provincial contará cos seguintes servizos:

1. Servizo de Patrimonio Cultural.

2. Servizo de Creación e Difusión Cultural.

3. Servizo de Deporte.

As xefaturas de servizo das delegacións provinciais dependerán funcionalmente das direccións xerais da Consellería de Cultura e Deporte dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada centro directivo, sen prexuízo da coordinación xeral que exerzan os delegados, dos que dependerán organicamente.

A Secretaría Xeral poderá ditar instrucións sobre materias de ámbito horizontal da consellería, para a debida coordinación dos distintos servizos das delegacións e un axeitado seguimento na execución orzamentaria.

Artigo 10º.-Outros órganos.

Quedan adscritos organicamente á Consellería de Cultura e Deporte o Centro Galego de Arte Contemporánea, creado polo Decreto 308/1989, do 28 de decembro, e reestruturado polo Decreto 326/1996, do 26 de xullo; o Centro Superior Bibliográfico de Galicia, creado pola Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas; o Centro de Información de Arquivos de Galicia e mais o Centro de Microfilms e Reprografía, creados polo Decreto 307/1989, do 23 de novembro, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia.

Disposición adicional

Existirá un Consello de Dirección que terá como función asistir a conselleira na elaboración das políticas públicas do departamento e no seguimento e execución coordinada delas.

Estará presidido pola conselleira e integrado polo secretario xeral e os directores xerais, asistindo tamén

aqueles funcionarios ou técnicos que a conselleira designe para cada xuntanza.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 136/2005, do 26 de maio, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Cultura e Deporte para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de febreiro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA