DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 07 de marzo de 2006 Páx. 3.337

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2006, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se convocan probas para a obtención e renovación do certificado CE de conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril.

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, relativa á designación e á cualificación profesional de conselleiros de seguridade para o transporte por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable de mercadorías perigosas, exixe, como medida de seguridade preventiva, que as empresas que realicen tales transportes e as que efectúen operacións de carga ou descarga a eles vinculadas dispoñán dun ou varios conselleiros de seguridade. O Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro (BOE nº 251, do 20 de outubro), incorpora a citada directiva ao ordenamento xurídico interno, para o efecto de regular a obriga das empresas que transporten mercadorías perigosas ou realicen operacións de carga e descarga ligadas aos ditos transportes, de designar conselleiros de seguridade, as funcións encomendadas a eles, a cualificación profesional exixida e o procedemento que se seguirá para avaliar a formación requirida.

A Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro (BOE nº 59, do 9 de marzo), de desenvolvemento do citado Real decreto 1566/1999, sobre obtención do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridade no transporte de mercadorías perigosas, establece as distintas modalidades de certificado e o contido dos exames, así como o procedemento de renovación dos devanditos certificados, dispoñendo igualmente que as probas serán convocadas polo órgano competente da comunidade autónoma onde se celebren, na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.

Convócanse probas para a obtención e renovación do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, de conformidade cosas bases que seguen, para os modos de transporte por estrada e ferrocarril para as especialidades seguintes:

-Clase 1 (materias e obxectos explosivos).

-Clase 2 (gases).

-Clase 7.

-Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9. Materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo europeo para o transporte internacional de mercadorías perigosas (ADR).

-Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno).

Bases

Primeira.-Ámbito das probas.

Os exercicios de capacitación para a obtención e a renovación do certificado CE de formación para conselleiros de seguridade, versarán sobre o coñecemento das materias incluídas no programa que figura como anexo do citado Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro.

O ADR sobre o que versarán os exercicios será o publicado no BOE nº 18, do 20 de xaneiro de 2005.

Segunda.-Obtención do certificado por primeira vez.

Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura e forma de cualificación serán as establecidas na devandita Orde FOM/605/2004, reguladora das probas citadas.

Os exames constarán de dúas probas: unha de 50 preguntas tipo test, valorándose cada resposta acertada con 2 puntos e sendo necesario acadar un mínimo de 50 para superar a proba. As respostas erróneas ou en branco non puntúan. Os aspirantes disporán de 60 minutos para realizar a proba.

Outra proba consistente na realización dun suposto referido ao modo do transporte e á especialidade correspondente, que versará sobre as tarefas e obrigas que deberá realizar e/ou cumprir o conselleiro. Os aspirantes disporán de 30 minutos para a realización desta proba, permitíndose a consulta de textos sempre que non figure neles a resolución de supostos. Esta segunda proba puntuarase ente 0 e 100 puntos, sendo necesario acadar un mínimo de 50 para superar a proba.

Terceira.-Renovación de certificados.

Poderán solicitar a renovación do certificado, aqueles aspirantes que teñan o seu certificado expedido no ano 2002.

O exame constará dunha proba de 50 preguntas tipo test, valorándose cada resposta acertada con dous puntos e sendo necesario acadar un mínimo de 50 para superar a proba. As respostas erróneas ou en branco non puntúan. Os aspirantes disporán de 60 minutos para realizar o exercicio.

Cuarta.-Solicitudes.

1. A instancia na que se solicita tomar parte nas probas debidamente cuberta, de conformidade cos modelos que se xuntan a esta resolución (anexo I para obtención do certificado por primeira vez, e anexo II para a renovación), presentarase no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sita no edificio administrativo de San Caetano, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes desde a publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

2. Á solicitude deberase xuntar a fotocopia do DNI vixente, achegando, se é o caso, xustificante acreditativo da súa renovación, e o impreso de taxa autoliquidación correspondente á Administración.

No suposto de solicitar a renovación do certificado, deberase achegar copia del.

3. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que corresponda.

Quinta.-Dereitos de exame.

1. De conformidade co anexo 2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro (DOG nº 240, do 11 de decembro) e a Lei 8/2003, do 23 de decembro (DOG nº 251, do 29 de decembro), os dereitos de exame fíxanse na cantidade de vinte euros con sete céntimos (20,07 A), por cada unha das clases mencionadas, que serán cen euros con trinta e cinco céntimos (100,35 A), no suposto de presentarse a todas as especialidades dun modo, e ingresaranse logo de cubrir os impresos de taxas (Consellería de: PTOPT, Cód.: 06; Delegación de: SSCC, Cód.: 13, Servizo de: Transportes, Cód.: 02; Denominación: dereitos de exame probas transportista; Clave: 31.01.06), que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, nos servizos provinciais de Transportes ou nas delegacións provinciais da citada consellería.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas, procederá á súa revisión.

Ultimado o proceso, exporase nos taboleiros de anuncios dos organismos a que fai referencia o punto anterior, a relación provisional de admitidos e excluídos con indicación do motivo da súa exclusión.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da exposición da citada lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

4. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o citado tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncia a exposición pública da lista definitiva de admitidos e excluídos nos organismos á que fai referencia o punto 1º da base quinta.

5. Devolveranse os dereitos de exame aos solicitantes excluídos definitivamente das probas, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución citada no punto anterior e o soliciten co modelo que figura na presente resolución como anexo III.

Sexta.-Tribunal, datas e lugar dos exames.

1. O tribunal cualificador das probas estará constituído polos seguintes membros da Dirección Xeral de Transportes:

Presidente: David González Coalla.

Presidente suplente: Carlos González Rodríguez.

Vogais:

Javier de Bidegain García.

Alberto Eiras Martínez.

Antón García Río.

Vogais suplentes:

Luísa García Vilela.

Mar Estévez Mosquera.

Rodrigo López Asorey.

Secretario: Jesús Magariños Negreira.

Secretaria suplente: Pilar Méndez Vázquez.

2. Calendario, horario e lugar.

As probas terán lugar o día 30 de setembro de 2006 no Pazo de Congresos, avda. San Lázaro, s/n-Santiago de Compostela. Os horarios dos exercicios publicaranse xunto coa relación definitiva de admitidos.

Sétima.-Domicilio e requisitos dos aspirantes.

1. Os aspirantes presentaranlle ao tribunal correspondente no momento do comezo dos exercicios o orixinal do seu documento nacional de identidade, debendo estar o domicilio que figure neste incluído no ámbito territorial ao que se estenda a actuación do citado tribunal.

2. Só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que aparece no dito documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Que o aspirante acredite mediante o certificado de empadroamento, no que deberá figurar a data de alta no padrón municipal, que tivo o seu domicilio en lugar distinto polo menos 185 días naturais do último ano, contados ata o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás probas.

b) Que o aspirante acredite que, aínda que tivese o seu domicilio en lugar distinto menos de cento oitenta e cinco días do último ano, viuse na obriga, por razóns familiares ou profesionais de cambiar a súa residencia. Esta derradeira circunstancia non se entenderá cumprida cando se trate dunha estadía temporal nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada. A asistencia a unha universidade, escola ou centros docentes non implicará o traslado da residencia habitual. Nestes supostos, xunto co certificado orixinal de empadroamento, presentarase a documentación oportuna (a título de exemplo: certificado do centro de traballo ou copia do contrato de traballo).

3. O domicilio que figure na solicitude considerarase como único válido para os efectos de notificación, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante, tanto o erro na súa consignación, como a comunicación á Dirección Xeral de Transportes de calquera cambio del.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2006.

José Carlos Baños Márquez

Director xeral de Transportes