DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 07 de marzo de 2006 Páx. 3.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 20 de febreiro de 2006 pola que se denega a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Boqueixón.

O Concello de Boqueixón remitiu o Plan Xeral de Ordenación Municipal solicitando a súa aprobación definitiva, de acordo co previsto no artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes:

1. O Concello de Boqueixón dispón na actualidade dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas con data do 15-5-1996.

2. Con data do 23-2-2004, o director xeral de Urbanismo (ao abeiro da orde de delegación de competencias do 6-3-2003) emitiu informe previo á aprobación inicial, segundo o previsto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

3. O concello aprobou inicialmente o plan o día 6-10-2004, e someteuno a información pública mediante anuncios nos xornais El Correo Gallego do 13 e 14 de outubro e La Voz de Galicia do 12 e 13 de outubro, así como no DOG do 28-10-2004. Simultaneamente deuse audiencia aos concellos da Estrada, Vila de Cruces, O Pino, Santiago de Compostela, Silleda, Touro e Vedra.

4. Segundo consta no expediente administrativo remitido, foron emitidos os seguintes informes de carácter sectorial:

- Da Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, con data do 19-7-2005, favorable.

-Da Dirección Xeral de Obras Públicas desta consellería, do 23-3-2005, en sentido favorable pero condicionado á corrección dunha serie de cuestións.

-Da Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento, con data do 14-2-2005, favorable.

-Da Deputación Provincial da Coruña, do 18-1-2005, favorable.

-Do organismo Augas de Galicia, do 23-2-2005, salientando consideracións para corrixir.

-Da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, do 24-1-2005, desfavorable, e outro do 18-4-2005 favorable.

5. Constan no expediente os informes emitidos pola secretaria municipal e pola arquitecta municipal, ambos con data do 9-9-2005.

6. O plan xeral foi aprobado provisionalmente polo concello en sesión plenaria do 14-9-2005.

7. A documentación remitida polo Concello de Boqueixón está integrada polo expediente administrativo e un exemplar do Plan Xeral de Ordenación Municipal, subscrito pola empresa Estudio Técnico Gallego, datado en setembro de 2005 e con dilixencias nas que se

fai constar que se trata do documento que foi aprobado provisionalmente polo concello o 14-9-2005.

II. Consideracións e fundamentación:

II.1. Segundo o informe-proposta elaborado pola Dirección Xeral de Urbanismo o 20-2-2006, o Plan xeral de ordenación municipal aprobado provisionalmente polo Concello de Boqueixón o 14-9-2005 presenta as seguintes deficiencias:

A) Tramitación do plan xeral.

1. No expediente administrativo que remitiu o Concello de Boqueixón non consta o informe da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento (que foi solicitado polo concello por medio dun escrito que tivo rexistro de saída do concello o 17-12-2004, pero do que non consta que tivera entrada no Ministerio). Tampouco consta ningunha certificación coa que, de ser o caso, se acredite que o devandito informe non fora emitido dentro do prazo legalmente establecido.

2. Non se cumpriron a totalidade das condicións que impuxera o informe emitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas o 23-3-2005.

B) Cuestións de carácter xeral.

1. O PXOM establece un modelo de ordenación municipal no que se potencian fortemente os tres asentamentos residenciais existentes (O Forte, Camporrapado e Lestedo) e se prevén desenvolvementos industriais en dous deles (Camporrapado e Lestedo) e na zona da Susana. Esta solución, que implicaría o desenvolvemento simultáneo de varios núcleos, carece da necesaria xustificación, coa que acreditar que o devandito modelo é o máis axeitado para o Concello de Boqueixón, atendendo á súa actual configuración pero tamén aos principios de desenvolvemento sustentable, coordinación dos sistemas xerais e funcionalidade e racionalidade das infraestruturas.

Ao antedito cómpre engadir que o PXOM non se limita a acoller unha gran potencialidade de desenvolvemento dos tres núcleos principais, senón que ademais fai unha xenerosa previsión de áreas de expansión nos núcleos rurais, de xeito que en bastantes casos se amplían en relación co planeamento vixente, acollendo terreos que na actualidade están clasificados como solo rústico.

Como consecuencia, a capacidade residencial total prevista polo PXOM (1.149.138 m, segundo a súa memoria, sen contar co solo urbanizable non delimitado) daría cabida a unhas 7.600 vivendas, o que significa multiplicar por cinco o actual parque inmobiliario (sen contar o solo urbanizable non delimitado previsto tamén nos catro asentamentos principais). Todo isto sen que o PXOM achegue ningún dato ou estudo fundamentado no que se exprese a dinámica que cómpre esperar para o futuro, razóns polas que non se pode considerar xustificado que o contido do PXOM se axuste ao disposto nos puntos 2º e 3º do artigo 52 da Lei 9/2002.

2. Cómpre resaltar que aínda que no informe previo á aprobación inicial emitido por esta consellería o 23-2-2004, xa se comentara a desproporción do PXOM e o seu desaxuste cos criterios de clasificación do solo urbanizable, o plan que agora se eleva para aprobación definitiva prevé máis solo urbanizable, incrementa as delimitacións dos solos urbanos e intensifica a ordenación no solo urbano de Lestedo.

3. Tampouco se achega a debida xustificación do modelo de usos que se formula para Camporrapado. Aínda que neste núcleo conviven xa o uso residencial e zonas de uso industrial, o PXOM non fai ningunha proposta de racionalización desta convivencia, pois a ordenación prevista implica o mantemento de usos industriais a ambas as marxes do tecido residencial, sen que se deixen resoltas cuestións como a accesibilidade viaria ou un réxime de usos limitado aos compatibles co residencial.

C) Estrutura xeral e orgánica do territorio e dotacións públicas.

1. As zonas verdes de sistema xeral ZVX-3 e ZVX-4, coas que se dotaría os núcleos do Forte e Camporrapado, respectivamente, sitúanse en posicións perimetrais e de difícil accesibilidade, en contraposición co que establece o artigo 47.3º da Lei 9/2002. Pola súa banda, o principal elemento do sistema xeral de espazos libres e zonas verdes (ZVX-5) sitúase completamente afastado dos tres asentamentos residenciais, no extremo sueste do concello.

2. De acordo co punto 2.12.2.1 da memoria, o sistema de abastecemento de auga actualmente previsto foi deseñado de acordo co contido das NSP vixentes, e expresa que non serían precisos reforzos se tampouco se prevén incrementos de intensidade de uso. Pero o PXOM si prevé un incremento das intensidades globais de uso, ao incrementar as superficies de solo urbanizable e intensificar o solo urbano, o que debe conducir ao reestudo do sistema de abastecemento e á previsión dos reforzos ou ampliacións que resulten precisos.

D) Solo urbano.

1. Obsérvase que o PXOM incrementa o ámbito do solo urbano das NSP vixentes en diversas zonas perimetrais dos núcleos do Forte, Camporrapado e Lestedo, e na Susana, sobre terreos que nas citadas NSP están clasificados como solo rústico ou solo apto para urbanizar. Estes incrementos non teñen xustificación, tendo presente que o planeamento vixente non é aínda moi antigo (ten menos de 10 anos de antigüidade). Para estes efectos, lémbrase que o cauce para a transformación de solo urbanizable en urbano é o seu desenvolvemento por medio do planeamento parcial e a execución das obras de urbanización previstas, e que non cabe a transformación directa de solo rústico en solo urbano.

Concretamente na zona da Susana, os terreos clasificados como solo urbano non dispoñen das redes de servizo ás que se refire o artigo 11 da Lei 9/2002, de acordo cos planos de información do propio PXOM. Nin tampouco (tal como se delimita o ámbito) presentan a consolidación das 2/3 partes a que se refire o devandito artigo 11.

2. Ademais do antedito, noutras zonas, aínda que se atopan incluídas dentro do solo urbano polas NSP vixentes, as súas actuais condicións e a ordenación prevista para elas polo PXOM obrigan á súa inclusión na categoría de solo urbano non consolidado, como ocorre por exemplo ao nordés dos polígonos PL-02 e PL-03 (os datos que achega o anexo á memoria, nos que se expresa que nesta zona se aprobou un instrumento de equidistribución e se aprobou un proxecto de urbanización, non fan máis que confirmar que, actualmente, se trata de solo urbano non consolidado).

3. A ordenación establecida nos ámbitos cualificados coa ordenanza 1 non é congruente coas edificacións existentes, pois en diversas zonas prevense alturas superiores ás actuais, e tipoloxías impropias do contorno, caracterizado principalmente por vivendas unifamiliares.

4. A ordenanza 10ª «de conservación», coa que se cualifica unha única parcela, constitúe unha determinación singular, contraria ao disposto nos artigos 3.1º d) e 101.2º da Lei 9/2002.

E) Solo urbanizable.

1. O criterio xeral de clasificación do solo urbanizable que se expresa no punto 3.1 da memoria do PXOM non se axusta axeitadamente ao disposto nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2002, pois se ben o solo urbanizable se define dun modo residual, cómpre resaltar que os terreos cuxo desenvolvemento urbanístico non fora congruente cos principios de sustentabilidade e utilización racional do solo deben clasificarse como solo rústico, non como solo urbanizable, razón pola cal o PXOM ten a obriga de prever a clasificación do solo urbanizable nunha cantidade que dea axustada pero suficiente resposta ás necesidades de expansión que motivadamente determine sobre a base das dinámicas socioeconómicas estimadas.

2. Ademais do antedito criterio xeral de clasificación do solo urbanizable, cómpre destacar outros aspectos:

-O planeamento vixente prevé solo apto para urbanizar de uso residencial nos tres núcleos principais, así como de uso industrial na Susana. Deles, só se desenvolveu un plan parcial de uso industrial na Susana. A pesar desta mínima dinámica de desenvolvemento urbanístico, e sen que o PXOM achegue ningún dato co que motivar o seu contido a este respecto, preséntase un incremento do solo urbanizable, tanto de uso residencial coma industrial.

-Varios dos ámbitos que se propón clasificar como solo urbanizable atópanse actualmente clasificados como solo rústico, e de feito polas súas condicións físicas e de situación responden a algún dos supostos establecidos polos artigos 15 e 32 da Lei 9/2002:

-A maior parte dos solos urbanizables propostos atópanse en zonas que foron obxecto de concentración parcelaria, o que evidencia a súa potencialidade agropecuaria.

-Os terreos do sector SP-01 e parte dos solos urbanizables que rodean O Forte están clasificados polo planeamento vixente como solo rústico de protección forestal.

-Diversos ámbitos de solo urbanizable atópanse desvencellados dos agregados urbanos, illados no solo rústico (como é o SP-01) ou lindantes con núcleos rurais (como son o SD-01, SL-01, SL-05, SL-06, AUND-01 e AUND-02). Lémbrase que de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 9/2002, o crecemento dos núcleos rurais, de ser xustificadamente necesario, se debe producir por medio de áreas de expansión.

-O sector SD-01 carece da precisa xustificación. A preexistencia dun centro xeriátrico non motiva nin a clasificación do solo urbanizable nin tampouco que neste solo se prevexa a execución de vivendas unifamiliares adosadas, nun contorno de solo rústico e de núcleos rurais cos que as devanditas determinacións non gardan a debida congruencia.

3. Polo que atinxe ás determinacións de ordenación establecidas no solo urbanizable, cómpre indicar o seguinte:

-En varios sectores (SC-02, SC-03, SF-02, SF-03, SL-01, SL-04, SL-05, SL-06 e SP-01), o PXOM prevé unha certa porcentaxe de edificabilidade para vivenda colectiva, cando se trata de ámbitos nos que pola súa localización e polas condicións do seu contorno, tal tipoloxía non é congruente.

-Nos sectores SS-01 e SS-02, o PXOM remite algunhas das súas determinacións ao contido dun convenio urbanístico, en contra do que establece o artigo 235.4º d) da Lei 9/2002.

-O PXOM debe establecer as determinacións que exixe o artigo 57 da Lei 9/2002, sen prexuízo de que poida incorporar o contido de figuras de planeamento anteriormente vixentes, pero non ten xustificación que se remite a figuras en tramitación (como fai no SS-01).

-A ordenación pormenorizada do sector SF-01 non se axusta, polo que atinxe ás zonas verdes e espazos libres, ao que dispón o artigo 47.3º da Lei 9/2002.

4. No expediente administrativo que remitiu o concello non hai constancia de que existan e se teñan tramitado, conforme o artigo 237 da Lei 9/2002, os convenios nos que se fundamentaría a posibilidade de que o PXOM estableza a ordenación pormenorizada do solo urbanizable sen necesidade de plan parcial (artigo 57.2º da Lei 9/2002), para os sectores SD-01 e SF-01. En consecuencia, o PXOM non pode establecer a citada ordenación pormenorizada.

F) Solo de núcleo rural.

1. O recoñecemento e delimitación dos núcleos rurais por parte do PXOM non se axusta aos principios que establece o artigo 13 da Lei 9/2002:

-Especialmente nas parroquias de Sergude e Lestedo, a análise e identificación dos núcleos e a delimitación das súas áreas de expansión non segue os patróns propios do rural. Trátase máis ben de recoñecer amplas zonas con potencialidade edificatoria, abranguendo moitas veces terreos actualmente clasificados como solo rústico.

-As delimitacións dun considerable número de núcleos exceden da distancia máxima de 50 metros desde as edificacións tradicionais (por exemplo A Eirexe, Maravexás, Ardesende, A Granxola, A Raíña, Reguengo, Xiadás, Villalapaz, Deseiro-Gándara, Pazos, Ramil, etc.).

-Noutros casos non se acada a consolidación do 50% (por exemplo A Pichina, Vilaboa, Lamas, Cusanca, etc.).

-En diversos casos as áreas de expansión exceden da dimensión máxima de 200 metros (por exemplo Gándara, Cachosenande, Milleirós, A Picota-Lestedo, etc.).

2. En xeral, obsérvase que o PXOM amplía as delimitacións dos núcleos rurais que recollen as vixentes NSP, fundíndoos entre si en agregados máis amplos que desvirtúan o modelo de asentamento tradicional.

G) Solo rústico.

1. O plan non achega ningún tipo de xustificación sobre a clasificación do solo rústico de protección ordi

naria. Obsérvase, sen embargo, que nuns casos porque se trata de terreos situados dentro da faixa de 100 metros de policía de augas, polo que se deben incluír en solo rústico de protección das augas. Noutro caso, trátase da prolongación sueste da cornixa do Pico Sacro, zona con interese paisaxístico que cómpre atender aínda a pesar da existencia de explotacións mineiras a ceo aberto. Noutras zonas, os terreos teñen unhas características que, en principio, son semellantes aos do seu contorno, polo que non se motiva que se inclúan nunha diferente categoría de solo rústico. Semella, polo tanto, que esta clasificación atende máis ben a cuestións de proximidade cos agregados urbanos que ás condicións intrínsecas dos solos, en contra do disposto nos artigos 15 e 32 da Lei 9/2002.

2. O número 3 do punto 11.1.4 da normativa establece unha regulación singular para os serradoiros existentes que vulnera o réxime que lles é de aplicación conforme o disposto nos artigos 33 e seguintes e 103 da Lei 9/2002.

II.2. De conformidade co artigo 89 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De conformidade co punto 5 c) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, denegar a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Boqueixón, considerando que as deficiencias expresadas no anterior punto II.1 obrigan, para a súa emenda, a un conxunto de modificacións que afectan substancialmente o contido do plan xeral, polo que este se considera inviable na súa actual configuración.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes