DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 06 de marzo de 2006 Páx. 3.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2006 pola que se crea a revista Administración & Cidadanía.

Dentro do Plan de actividades da EGAP para o ano 2006 aprobado polo Consello Reitor o 23 de xaneiro de 2006 está prevista a creación dunha nova revista que substitúa a Revista Galega de Administración Pública (Regap).

A creación desta nova revista de Administración e cidadanía na nosa comunidade autónoma vén cubrir unha lagoa que existía neste sentido; o enfoque de Public Policy, dado o seu carácter multidisciplinar, é máis conveniente para o estudo da realidade da Administración pública actual, pois á hora de estudar os procesos de intervención pública ten en conta aspectos como os económicos, os sociolóxicos, os xerenciais e os administrativos, etc., analizando estes procesos como resultado da interacción

entre política e Administración, e á súa vez entre diversos actores entre si.

Deste modo, ao levarse a cabo unha análise multidisciplinar, poderase contribuír a que a actividade administrativa sexa máis eficaz e a que se lle ofrezan uns servizos de maior calidade ao cidadán.

A utilidade de analizar os fundamentos da actividade política e administrativa, así como a implantación, xestión e avaliación desta actividade, é evidente, e contribuirá á modernización da Administración pública galega. Non podemos esquecer tampouco que a Escola Galega de Administración Pública é un centro de formación de funcionarios públicos e a nova revista debe ser tamén un instrumento ao servizo das actividades formativas da escola, servindo de complemento aos cursos, aos seminarios e ás xornadas que nela se organizan.

A Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, que no seu artigo 3.1º g) sinala como un dos fins desta institución a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

Por todo isto, en execución do acordo do Consello Reitor da EGAP polo que se aproba o Plan de actividades para 2006, e en uso das atribucións que me confire o artigo 9 da devandita Lei 4/1987 e o artigo 15 do Decreto 306/1990, do 24 de maio, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento da EGAP, esta dirección

RESOLVE:

1. Crear a revista Administración & Cidadanía en substitución da Revista Galega de Administración Pública (Regap).

2. A estrutura e contido da revista determinaraos un comité científico e un director nomeados polo director da EGAP que será o presidente da revista.

3. O director da revista encargarase da coordinación científica e técnica dos traballos que se publicarán nela.

4. O comité científico, que estará constituído por expertos dos eidos relacionados coa Administración pública, terá como funcións a orientación e determinación das liñas básicas de investigación da revista, seleccionará os contidos de cada número, avaliará os seus resultados e promoverá a revista no seu ámbito de influencia.

Así mesmo, poderán asesorar respecto a outras publicacións por instancia do director da EGAP.

5. O director e membros do comité serán retribuídos de acordo co previsto na instrución relativa ás colaboracións nas actividades da escola, con independencia do que lles puidese corresponder como autores de traballos para publicar na revista.

6. Esta resolución deixa sen efecto a Resolución do 19 de decembro de 1990, da Escola Galega de Administración Pública, pola que se crea a Revista Galega de Administración Pública (Regap), modificada por Resolución do 23 de marzo de 1992.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2006.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega

de Administración Pública