DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 01 de marzo de 2006 Páx. 3.089

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2006 pola que se convocan as Xornadas internacionais: as conurbacións galegas desde unha perspetiva comparada.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2006 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a OCDE as Xornadas internacionais: as conurbacións galegas desde unha perspetiva comparada, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Galicia é unha rexión cun poderoso sistema urbano, cuxas pezas fundamentais se atopan no corredor atlántico. Nesa franxa destacan dúas grandes conurbacións establecidas arredor das cidades da Coruña e Vigo.

A articulación política, administrativa e económica deses espazos metropolitanos funcionais, con respostas institucionais adecuadas á súa realidade, resulta fundamental non só para unha mellor coordinación do planeamento e dos grandes servizos nesas áreas, senón tamén para fortalecer eses territorios urbanos na competencia nacional e internacional.

Estas xornadas diríxense a fomentar a necesaria análise desta cuestión esencial para o futuro inmediato de Galicia, contando coa participación de recoñecidos expertos internacionais na materia e coa inestimable colaboración da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), que vén situando a gobernanza territorial entre os temas centrais das súas análises e preocupacións.

Tamén se especifica que, na terminoloxía da OCDE, son cidades-rexión ou cidades medias con vocación metropolitana aquelas que se atopan por baixo da barreira do millón de habitantes e que articulan un espazo urbano e territorial máis amplo.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Tendencias e potencial económico das cidades-rexión e das cidades medias con vocación metropolitana.

-A metropolitanización, entre a competencia e a cooperación: ¿que políticas de desenvolvemento económico para as cidades-rexións e as cidades medias con vocación metropolitana?

-¿Que gobernanza para a coordinación e a xestión de servizos nas cidades-rexión e as cidades medias con vocación metropolitana?

-Áreas metropolitanas para cidades medias e cidades-rexión: experiencias comparadas.

-¿Que leccións sacar para a realidade metropolitana de Galicia?

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Escola Galega de Administración Públicas (EGAP), sita no Polígono das Fontiñas, Rúa Madrid, 2-4, en Santiago de Compostela, o 30 e o 31 de marzo de 2006.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 28 de marzo de 2006.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, Rúa Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 29 de marzo, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate das xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2006.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCIÓN NÚMERO UN

DE PADRÓN