DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2006 Páx. 2.919

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2006 pola que se fai público o contido do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras para a habilitación dunha liña de financiamento específica para as Pemes galegas produtoras de mexillón co fin de paliar os prexuízos económicos da paralización temporal da actividade como consecuencia de biotoxinas mariñas.

Con data do 23 de febreiro de 2006 o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras asinaron un convenio de colaboración para a habilitación dunha liña de financiamento específica para as Pemes galegas produtoras de mexillón co fin de paliar os prexuízos económicos da paralización temporal da actividade como consecuencia de biotoxinas mariñas, someténdose ao establecido no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, ás normas específicas contidas no citado convenio e ás que posteriormente se poidan ditar para o seu funcionamento operativo.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12.a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º.a)

do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do Igape.

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio coas entidades financeiras que se anexa a esta resolución e a relación de entidades que o subscribiron que figura como modelo V.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2006

José Antonio Delgado Arce

Director xeral do Instituto Galego de

Promoción Económica

Convenio de colaboración entre o instituto galego de promoción económica (Igape) e ... para a habilitación dunha liña de financiamento específica para as Pemes galegas produtoras de mexillón co fin de paliar os prexuízos económicos da paralización temporal da actividade como consecuencia de biotoxinas mariñas.

Santiago de Compostela, ... de... de...

Este convenio, asinado dunha parte polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Ramón Fernández Antonio e, doutra parte, por ..., (en diante, a entidade financeira) representado por ... con poder suficiente, inscríbese dentro do marco da política de apoio á pequena e mediana empresa emprendida pola Xunta de Galicia ao abeiro do Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Considerando que:

I. Unha das consecuencias económicas máis inmediatas derivadas da paralización temporal da actividade a causa de biotoxinas mariñas, foi a acumulación de stocks en vivo sen recoller nas bateas. O perigo de perda destes stocks aconsella a inmediata recollida do produto, e a súa venda a curto prazo, o que obriga aos produtores a outorgar aprazamentos nos pagamentos ás depuradoras e ás industrias transformadoras. O financiamento dos ditos aprazamentos ameaza con provocar dificultades financeiras extraordinarias aos produtores.

II. O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) asemella ser un instrumento axeitado para facilitar o financiamento de canles de distribución do mexillón cara aos mercados de produto fresco e ás industrias transformadoras, evitándolles aos produtores soportar cargas financeiras que poderían deteriorar gravemente a súa economía.

III. Este convenio é neutral respecto aos mercados e tenta paliar as consecuencias financeiras producidas pola contaminación provocada pola presenza de plancto produtor de toxinas e que obrigou, para a protección da saúde humana, a suspender a cría do mexilón.

IV. Este convenio poderanse adherir aquelas entidades financeiras establecidas en Galicia, que así o soliciten dentro dos dez días naturais seguintes ao da súa publicación no DOG.

Por todo o que antecede, as partes, previamente postas de acordo, conveñen en subscribir este convenio de colaboración con suxeición ás seguintes

Cláusulas:

Cláusula 1ª.-Obxecto.

Este convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas, para a creación e posta en marcha dun mecanismo que lles facilite ás Pemes galegas produtoras de mexillón, directamente ou a través das súas asociacións, o financiamento da venda da súa produción ás depuradoras e á industria transformadora, mediante o desconto bancario de letras de cambio aceptadas e obrigas de pagamento á orde asinada polos seus clientes para o pagamento de facturas emitidas desde o 1 de xaneiro de 2006 ata o 31 de marzo de 2006.

A liña de desconto terá un límite global máximo de 28 millóns de euros e o seu importe distribuirase entre as entidades financeiras participantes.

Cláusula 2ª.-Beneficiarios do financiamento.

Poderán acceder ao mecanismo de financiamento previsto neste convenio aquelas pequenas ou medianas empresas conforme a definición establecida pola Comisión Europea, publicada para os efectos do Igape mediante Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG núm. 11, do 18 de xaneiro de 2005), produtoras de mexillón e con domicilio fiscal en Galicia, directamente ou a través das asociacións de produtores.

Cláusula 3ª.-Destino das operacións financeiras.

3.1. As liñas de desconto bancario deberán dedicarse a adiantar o 100% do importe das letras de cambio aceptadas e das obrigas de pagamento á orde asinadas por razón da venda de mexillón facturado entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de marzo de 2006.

3.2. Os documentos de pagamento presentados a desconto bancario deberán ter un vencemento non superior a cinco meses desde a data da factura, para as vendas a depuradoras, a cocedoiros, a industrias conxeladoras e conserveiras.

Cláusula 4ª.-Características das operacións de financiamento.

4.1. Unha vez aceptada a operación financeira, a entidade adiantará o 100% do importe da factura que conte cun documento de pagamento aprazado aceptado nas condicións establecidas neste convenio, sen repercutir ao beneficiario ningún custo ou dedución da operación, excluídos timbres, aranceis e impostos vinculados á operación de desconto.

4.2. O Igape compensará as entidades financeiras os custos financeiros e de xestión que se deriven destas operacións, operacións cunha porcentaxe do 1,4% do importe descontado a cinco meses, ou un 0,00933% por día natural no caso de descontos a un prazo inferior.

4.3. No caso de que o cliente do beneficiario adiantase o pagamento da venda, a entidade financeira

deberá notificarlle tal circunstancia ao Igape, procedendo ao reintegro da parte proporcional dos custos financeiros non soportados pola entidade colaboradora.

Cláusula 5ª.-Tramitación das solicitudes.

5.1. As empresas produtoras de mexillón interesadas, que reúnan os requisitos establecidos neste convenio, dirixirán a súa solicitude a calquera das entidades financeiras adheridas ao convenio.

5.2. As entidades financeiras analizarán as solicitudes e asumirán o risco das operacións aprobadas. No caso de denegación das solicitudes, notificarán ao Igape os motivos desta, co fin de que o Instituto proceda a notificalo ao solicitante para, de ser o caso, que este poida designar unha nova entidade financeira.

5.3. Previamente á disposición dos fondos descontados, a entidade financeira colaboradora deberá requirir do beneficiario a seguinte documentación:

-A acreditación da condición de produtor de mexillón domiciliado en Galicia, que poderá xustificarse alternativamente, ben cunha certificación da asociación de produtores de mexillón á que pertenza ou ben con copia da concesión administrativa en vigor do punto de fondeo da batea.

-A declaración da condición de PEME da solicitante, segundo o modelo I deste convenio

-Copia do CIF ou NIF do solicitante.

-A factura orixinal e o documento de pagamento aprazado aceptado polo cliente do beneficiario, que cumpran os requisitos establecidos no convenio.

-No caso de descontos efectuados pola asociación de produtores: a relación de primeiros produtores relacionada coas vendas.

5.4. A entidade financeira conservará e custodiará á disposición do Igape a documentación citada anteriormente, segundo o establecido na cláusula 6ª.3 deste convenio.

Clausula 6ª.-Compromisos dos partícipes no convenio.

6.1. O Igape comprométese a:

a) Realizarlle ás entidades financeiras, en concepto de compensación de custos, as achegas establecidas neste convenio por cada operación financeira xustificada correctamente.

b) Desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións e difundir este programa entre os posibles beneficiarios.

6.2. As organizacións representativas dos intereses dos produtores poderán colaborar establecendo os procedementos internos que resulten necesarios para asegurar a maior axilidade na tramitación das operacións, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

6.3. As entidades financeiras adheridas comprométense a:

a) Conceder as operacións financeiras nos termos e condicións establecidas neste convenio ou xus

tificar, diante do Igape, os motivos da súa denegación segundo modelo II deste convenio.

b) Manter á disposición do Igape a documentación relativa aos requisitos dos beneficiarios e ao destino da operación financeira durante un prazo de, polo menos, cinco anos desde a disposición dos fondos, e remitirlle ao Igape as aclaracións que solicite respecto destes.

c) Desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles para facilitarlle o acceso a esta liña de financiamento aos produtores galegos de mexillón, e colaborar na difusión deste programa.

d) Para os efectos dun axeitado seguimento do convenio, emitir informe por solicitude do Igape, das operacións concedidas e denegadas.

Cláusula 7ª.-Liquidación das achegas do Igape ao convenio.

7.1. Previamente á disposición dos fondos, a entidade financeira comprobará a documentación (acreditación da condición de produtor galego de mexillón, declaración de condición de PEME, facturas e documentos de pagamento) que acredite a condición de beneficiario, a operación de venda e o instrumento para o seu pagamento aprazado.

7.2. Antes do 30 de abril de 2006, as entidades financeiras remitiranlle ao Igape unha certificación asinada por apoderado con poder suficiente comprensiva das operacións de desconto acollidas a este convenio, dentro dos importes máximos previamente autorizados polo Igape, e que reflictirá polo menos: beneficiario, cliente, importe, data da factura, data de desconto, e data do vencemento do documento de pagamento xirado para o seu aboamento, segundo modelo III deste convenio.

No caso dos descontos a favor das asociacións de produtores, xuntarase para cada operación, unha relación dos primeiros produtores implicados nas vendas facturadas.

7.3. O Igape procederá ao pagamento das liquidacións correspondentes nos quince días seguintes a aquel no que recibise as correspondentes liquidacións.

Cláusula 8ª.-Control.

8.1. Tanto as entidades financeiras como os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a este convenio.

8.2. En caso de comprobación de incumprimento das condicións deste convenio respecto das obrigas de depósito e custodia de documentación e comprobación do destino dos fondos, para algunha das

operacións financeiras acollidas a el, procederá o reintegro das cantidades percibidas polas entidades financeiras, xunto cos xuros de mora producidos desde o seu pagamento.

8.3. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, e resultará de aplicación para o seu recobramento, se é o caso, a vía executiva.

Cláusula 9ª.-Denuncia do convenio.

9.1. Será causa suficiente para a resolución deste convenio o incumprimento por algunha das partes de calquera das súas cláusulas, tras a denuncia cun mínimo de 30 días de aviso previo.

9.2. A resolución do convenio suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte aos beneficiarios as obrigas xa contraídas por calquera das partes.

Cláusula 10ª.-Adhesión de entidades financeiras ao convenio.

10.1. As entidades financeiras establecidas en Galicia que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido neste convenio e nos seus anexos e manifesten o seu interese en colaborar no seu ámbito, poderán instar a súa adhesión perante o Igape dentro dos 10 días seguintes á entrada en vigor do convenio.

10.2. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como modelo IV a este convenio. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio.

cláusula 11ª.-Seguimento do convenio.

O Igape habilitará os mecanismos necesarios que aseguren a axeitada coordinación entre os partícipes do convenio e resolverá todas as incidencias que poidan xurdir da interpretación das súas cláusulas.

Cláusula 12ª.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estenderá a súa vixencia ao longo do exercicio 2006, ata a liquidación das operacións formalizadas ao seu abeiro.

Cláusula 13ª.-Dotación orzamentaria.

A dotación orzamentaria do Igape para o financiamento deste convenio elévase a 400.000 A, que se imputarán á partida 02.01 01/06/08 656700 dos seus orzamentos para o ano 2006.

Cláusula 14ª.-Natureza.

Este convenio ten natureza administrativa, correspondéndolle ao presidente do Igape a interpretación do seu contido.

En Santiago de Compostela, a ...

Pola entidade financeira, polo Igape:

...

Asdo.: José Ramón Fernández Antonio

DNI: Presidente do Igape

MODELO V

Relación de entidades financeiras adheridas

BBVA

Banco de Galicia

Banco Gallego

Banco Popular

Caixa de Pensións La Caixa

Caixa Galicia

Caixanova