DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2006 Páx. 2.914

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de febreiro de 2006 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de cinco bolsas de colaboración en diversos proxectos de museísmo pedagóxico, que se están a desenvolver no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), e se anuncia a súa convocatoria.

O Decreto 114/1982, do 1 de setembro, sobre asunción de transferencias en materia educativa, establece que as competencias transferidas en virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, serán exercidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; entre esas competencias figuran a elaboración e desenvolvemento de proxectos de experimentación e investigación educativos.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2006, figura a convocatoria pública de bolsas de investigación e colaboración para realizar proxectos concretos sobre museísmo pedagóxico.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 268/2000, do 2 de novembro (DOG do 13 de novembro), polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia, coa finalidade de recuperar, estudar, mostrar e difundir o legado pedagóxico da nosa comunidade autónoma.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de cinco bolsas de colaboración nos proxectos concretos de museísmo pedagóxico que se están a desenvolver no Museo Pedagóxico de Galicia, (en adiante Mupega), e que se inclúen como anexos a esta orde, nos que se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 900 euros, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta existe crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 09.01.321A.480.0 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do coordinador científico do Mupega, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Terceira.-Duración.

A data de incorporación ao centro será dentro dos dez días seguintes ao da notificación da adxudicación. As/os bolseiras/os que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de atraso apreciada polo coordinador científico do Mupega.

A concesión da bolsa será ata o día 31 de decembro de 2006, e poderase prorrogar anualmente ata un máximo total, incluídas as prórrogas, de tres anos, á vista do traballo realizado polo/a bolseiro/a, sempre que o proxecto ao que estea vinculado requira do seu labor e así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga, a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos ao consumo que se estableza para cada ano.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de licenciado/a.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter sido separado do servizo de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

e) Non poderán participar nesta convocatoria persoas que reunindo estes requisitos resultasen beneficiarias dunha bolsa ou contrato en concursos anteriores do Mupega.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ao secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e entregaranse no rexistro xeral desta consellería, ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Entregarase unha solicitude por cada proxecto ao que a persoa queira presentarse. Só será necesaria unha única documentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta (40) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Curriculum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras

remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de que o solicitante non foi separado do servizo de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Declaración xurada de non percibir outras axudas ao inicio e ao remate da bolsa.

-Declaración do conxunto de todas as solicitudes, efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Todos os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Vistas as solicitudes daráselle un prazo de 10 días para emendar a falta de documentación. Transcorridos estes días sen a correspondente corrección arquivaranse os devanditos expedientes, logo de resolución nos termos previstos no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-Comisión de valoración.

A selección dos/as candidatos/as será realizada por unha comisión presidida polo secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou persoa en quen delegue, e composta por tres vogais, un deles será o coordinador científico do Mupega e os outros serán nomeados polo presidente da comisión, dos cales un actuará como secretario.

O secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria elevará a proposta de resolución dos candidatos e candidatas seleccionados e de suplentes, se é o caso, á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, que será o encargada de resolver. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia. Esta resolución que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998,

do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sétima.-Baremo para a selección dos/as bolseiros/as.

-Titulación do solicitante e expediente académico: ata un máximo de catro puntos.

-Curriculum vitae do solicitante e formación investigadora en proxectos de investigación similares: ata un máximo de catro puntos.

-Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convocar os solicitantes a unha entrevista persoal para valorar os seus coñecementos sobre o tema de investigación: ata un máximo de dous puntos.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente.

En caso de empate terase en conta o expediente académico, en segundo lugar o curriculum vitae e, complementariamente, a entrevista persoal co/a candidato/a.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o beneficio doutro tipo de bolsas ou axudas.

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria poderá conceder, por unha vez, a interrupción da bolsa por petición razoada do/a interesado/a, logo do informe do coordinador científico do Mupega. A interrupción non poderá ser nunca superior a 3 meses ao longo da duración da bolsa e as posibles renovacións, e non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido. O/a interesado/a nesta interrupción temporal da bolsa non terá dereito a percibir as mensualidades correspondentes ao período que dure a súa renuncia.

Se algún/algunha dos/as beneficiarios/as destas bolsas decidise renunciar a ela, fose seleccionado para outra bolsa, axuda ou proxecto, ou se producise algunha circunstancia determinante de incompatibilidade con esta bolsa, deberá comunicarllo ao secretario xeral da consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. Caso de que esta suspensión se producise no prazo dun ano a partir da data de publicación da resolución de nomeamento das bolsas convocadas nesta orde, a bolsa vacante poderá ser adxudicada ao/á candidato/a seguinte da lista de suplentes sempre que as necesidades do proxecto sigan sendo as mesmas. En tal caso, o período máximo de que poderá beneficiarse o/a segundo/a candidato/a non poderá exceder o prazo de tres anos contados a partir da data do primeiro nomeamento.

Oitava.-Aceptación das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesións das bolsas polos/as beneficiarios/as, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicarán por escrito ao Mupega a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos eses cinco días non se fixera a manifestación en ningún sentido, entenderase como renuncia á bolsa.

Novena.-Obrigas.

Os/as bolseiros/as permanecerán na sede do Mupega, en horario habitual de presenza de mañá e/ou tarde, segundo as necesidades dos proxectos e coordinado co responsable do Servizo de Coordinación Administrativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a quen compete a Administración do Mupega. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa, e en todo caso a obtención concorrente de bolsas ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

O incumprimento por parte do/a bolseiro/a dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida, e de ser o caso, o reintegro das cantidades xa cobradas e poderáselle atribuír ao aspirante que ocupe o primeiro lugar na lista de suplentes, ou o seguinte ou seguintes cando os chamados non puidesen prestar a súa colaboración por calquera motivo, tendo en conta as necesidades do proxecto.

A condición de bolseiro/a non dará lugar a relación contractual ningunha, nin laboral nin administrativa, coa Xunta de Galicia.

En todo caso, tendo en conta o artigo 78.8º letra j da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o/a bolseiro/a ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Unha vez finalizada a bolsa presentarase un informe da actividade realizada, co visto e prace do coordinador científico do Mupega.

Décima.-Recursos.

Esta orde poderá ser recorrida, potestativamente, a través de recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa modificación operada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de adaptación aos aspectos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Aplicarase o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no que non se opoña.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Dúas bolsas para colaborar no proxecto de inventario e catalogación de fondos mobles do Mupega.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en historia ou humanidades.

-Coñecemento instrumental de idiomas.

-Manexo de procesadores de texto e base de datos no nivel de usuario.

ANEXO II

Unha bolsa para colaborar no proxecto de catalogación dos fondos bibliográficos e documentais do Mupega.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en historia.

-Coñecementos de documentación e bibliotecas.

-Coñecementos de informática en calidade de usuario.

-Coñecementos no manexo de programas informáticos de catalogación bibliográfica e documental.

ANEXO III

Dúas bolsas para colaborar no proxecto de investigación e documentación histórico-educativa.

Requisitos específicos dos solicitantes:

-Ser licenciado en pedagoxía, historia ou humanidades.

-Coñecemento instrumental de idiomas.

-Coñecementos de informática en calidade de usuario.

-Coñecementos de fotografía, museoloxía, biblioteconomía e arquivística.