DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2006 Páx. 2.911

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN conxunta do 20 de febreiro de 2006, do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convoca a fase autonómica do concurso de premios sobre consumo responsable Consumópolis.

Promover a educación para o consumo nos centros educativos da comunidade autónoma é un interese común do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co obxectivo de que o alumnado adquira coñecementos e desenvolva capacidades e hábitos que lle permitan exercer os seus dereitos como consumidores e consumidoras. Nesta liña de actuación, os temas relacionados co consumo responsable, así como o coñecemento e achegamento dos consumidores e consumidoras ás novas tecnoloxías ocupan un lugar destacado.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria participan na organización do concurso Consumópolis, promovido polo Ministerio de Sanidade e Consumo a través do Instituto Nacional de Consumo, coa participación de quince comunidades autónomas, e que ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades que promovan, entre os máis novos, hábitos de consumo reflexivo, saudable e crítico, que teña en conta o respecto ao contorno ambiental e ao noso contorno social, fomentando daquela a participación dos centros educativos a través do profesorado e alumnado, en actividades relacionadas coa educación para o consumo. Este concurso vai dirixido a escolares de idade comprendida entre 10 e 16 anos.

A primeira fase do concurso desenvolveuse a través da internet entre os meses de outubro e decembro pasados.

Corresponde agora organizar a fase autonómica do concurso co obxecto de seleccionar os gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.

Por todo iso,

DISPOÑEMOS:

Convocar a fase autonómica do concurso Consumópolis, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto deste concurso é a realización dunha serie de actividades de carácter pedagóxico e lúdico, que ofrezan como produto final a realización dun xogo de mesa relacionado co consumo responsable.

Cada equipo participante deberá deseñar o xogo, redactar as instrucións, as especificacións didácticas e demais requisitos necesarios para poder xogar. O xogo poderá realizarse en calquera tipo de soporte.

Segunda.-Destinatarios.

Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por 5 alumnos ou alumnas de idades comprendidas entre 10 e 16 anos coordinados por un profesor ou profesora que estivesen inscritos previamente e que rematasen a primeira parte realizada a través da páxina web do Instituto Galego de Consumo (www.igc.xunta.es).

Os niveis de participación establecidos son:

-Escolares de 3º ciclo de educación primaria (de 10 a 12 anos).

-Escolares de 1º ciclo de educación secundaria obrigatoria (de 12 a 14 anos).

-Escolares de 2º ciclo de educación secundaria obrigatoria (de 14 a 16 anos).

Terceira.-Premios.

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada un dos niveis de participación.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada un dos niveis representarán a comunidade autónoma na fase estatal a celebrar en Madrid.

3. Se é o caso, os gastos ocasionados polo desprazamento dos equipos gañadores en cada unha das categorías para participaren na fase estatal serán pola conta do Instituto Galego de Consumo.

4. O pagamento dos premios farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.513B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2006, nos cales existe crédito axeitado e suficiente.

Cuarta.-Xurado.

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

Presidenta:

A xerente do Instituto Galego de Consumo ou persoa en que delegue.

Vicepresidenta:

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en que delegue.

Vogais:

Un funcionario do Instituto Galego de Consumo.

Un asesor docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Un funcionario do Instituto Galego de Consumo, que actuará como secretario, con voz pero sen voto.

2. O xurado, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

3. O xurado terá facultades para resolver todas as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

4. A decisión do xurado, que será inapelable, será publicada no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, comunicarase aos gañadores e ao resto de participantes antes do día 10 de abril de 2006. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos.

Quinta.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos traballos comezará o día seguinte á publicación desta resolución e rematará o día 20 de marzo de 2006.

Sexta.-Requisitos das solicitudes.

1. A solicitude irá dirixida á presidenta do Instituto Galego de Consumo, asinada pola dirección do centro escolar, segundo o modelo que figura como anexo I.

2. Os concursantes presentarán os traballos por duplicado nos rexistros dos servizos provinciais do Instituto Galego de Consumo ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ao envío certificado por correo, a instancia que se debe xuntar ao traballo estará datada e selada pola oficina de correos previamente á súa certificación.

3. Os traballos que se presenten a esta convocatoria deberán de ir acompañados da seguinte documentación:

a) Xogo de mesa elaborado (orixinal e copia) que se presenta á convocatoria.

b) Memoria descritiva de como se realizou o traballo (orixinal e copia) cun mínimo de 5 e un máximo de 10 páxinas, en soporte papel e dixital, e na cal se describirán polo miúdo todas as actividades desenvolvidas incluíndo a relación ou descrición das fontes documentais utilizadas. Xuntarase anexo fotográfico das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

c) Os traballos presentaranse en idioma galego normativizado, facéndose cargo o Instituto Galego de Consumo da tradución para o castelán dos traballos que representen a comunidade autónoma na fase estatal.

Sétima.-Criterios de selección.

Para a selección dos traballos con dereito a premio, o xurado terá en conta os seguintes criterios:

a) A puntuación obtida no xogo da internet Consumópolis, que representará o 60% da puntuación total que conseguirá por cada equipo.

b) O xogo de mesa suporá o 35% da puntuación total que conseguirá cada equipo, téndose en conta para a súa avaliación os criterios seguintes:

-Adecuación do xogo ao tema Consumo responsable.

-A orixinalidade e creatividade do traballo.

-O atractivo lúdico do xogo.

-Os obxectivos de participación e non de penalización do xogo.

c) A calidade e claridade da memoria explicativa presentada, que suporá un 5% da puntuación total que conseguirá cada equipo.

Oitava.-Publicación dos traballos.

1. O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder conxuntamente á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade, agás os clasificados en primeiro lugar de cada categoría, que concursarán na fase estatal.

2. Os gañadores quedan na obriga de asumir as responsabilidades que puideren resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados polos mesmos na realización do traballo e nos cales a propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas á presente convocatoria.

3. A participación na convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, nos cales poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas para a súa finalidade.

Novena.-Certificación.

Para os traballos presentados e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria, a administración educativa poderá recoñecer ao profesorado coordinador, se a calidade do traballo así o xustifica, e mediante a expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas ao abeiro da presente convocatoria.

Estas últimas terán, ao abeiro do número 23 do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro), a consideración de actividades de formación permanente do profesorado cunha equivalencia de 10 horas lectivas.

Décima.-Recursos.

Contra esta resolución poderase interpor recurso potestativo de reposición, de acordo cos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante a presidenta do Instituto Galego de Consumo e a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, entendéndose desestimado polo transcurso dun mes sen que se dite e notifique a resolución do recurso.

Así mesmo, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente de acordo co disposto no artigo 8.3º, en relación co 14.1º primeira, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que coiden oportuno.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos na presente convocatoria haberá que aterse ao disposto do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ambas na súa actual redacción.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2006.

Laura Sánchez PiñónAna María Rúa Souto

Conselleira de EducaciónPresidenta do Instituto

e Ordenación UniversitariaGalego de Consumo