DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2006 Páx. 2.870

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 20 de febreiro de 2006 pola que se convocan e regulan programas formativos e de fortalecemento dos vínculos sociais da Galicia emigrante coa Galicia territorial para os residentes no exterior durante o ano 2006.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no título preliminar, no seu artigo 7, o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A Secretaría Xeral de Emigración, centro directivo que segundo o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, depende funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, é o órgano ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e as relacións coas comunidades galegas no exterior.

A Xunta de Galicia afronta na nova lexislatura retos ambiciosos, mais o salto definitivo do país cara á súa modernidade pasa por consolidar previamente a calidade de vida dos seus cidadáns, e polo tanto tamén o benestar das comunidades galegas asentadas fóra da comunidade. A Secretaría Xeral de Emigración non entende a nova andaina do país sen a execución dun completo programa asistencial, formativo, laboral, educativo e cultural, cun cumprimento que exixirá equilibrar a concesión de fondos para que beneficien os cidadáns con menor poder adquisitivo, e mellorar o acceso á información que lles permite aos beneficiarios acollerse aos programas.

A emigración non debe ser nin será un capítulo pechado da historia de Galicia, que no ano 2006 encara tamén a revisión da Lei da galeguidade, que está pendente de adecuar a dinámica organizativa das entidades galegas no exterior á realidade social, asegurando unha participación e un funcionamento máis áxil e plural, que permitirá o fomento dos programas e as axudas públicas tanto ás entidades, como ocorre agora, como aos proxectos para a emigración.

A atención prioritaria dos galegos e galegas máis necesitados, que atravesan unha situación de maior debilidade e desamparo, e para os que se reforzará a programación socioasistencial, potenciando os programas que permitan o achegamento a Galicia, cun incremento considerable de prazas no programa volver á terra, prestando especial atención á impartición de manualidades terapéuticas para aqueles que pola súa avanzada idade así o necesitan. Isto non será un obstáculo para a confección duns programas sociais, formativos e culturais como os de formación especializada, mestrías e tradicións galegas e os

obradoiros para a Galicia exterior que contribúan a dinamizar o día a día das entidades galegas.

Tamén trataremos de que as novas xeracións desenvolvan o seu papel como un elemento axitador da vida das comunidades galegas no exterior. Deste xeito a mocidade galega na emigración, que debe actuar como embaixadora natural da comunidade, permanecerá no punto de mira da secretaría, que impulsará a súa participación no tecido asociativo da Galicia exterior, e favorecerá os cursos a eles dirixidos, destacando o curso básico de dinamización de entidades e oficinas de información.

A imaxe de Galicia no exterior será obxecto dunha revisión a fin de transmitir a súa idiosincrasia moderna, plural, emprendedora, dinámica e creativa. Traballar por esa nova imaxe implicará crear novos lazos, e por iso as novas xeracións na diáspora configuraranse como un elemento de enganche entre o país e os seus cidadáns no exterior.

Estreitar vínculos, afondar na formación da xuventude, contar cun capital humano ata agora non suficientemente valorado, serán os retos para a lexislatura que fará dos mozos e mozas galegos no exterior os embaixadores dun país novo, moderno, formado e intelixente. Na consecución dese obxectivo refórzanse as partidas destinadas a accións de carácter formativo, e procédese á diversificación das actividades de formación, xa articulando convenios coas universidades xa activando iniciativas propias. Promociónase, coa impartición de novas modalidades no mundo do folclore galego, os cursos de baile-gaita, instrumentos novidosos (frauta, requintas) e o curso de confección de palletas.

A Galicia da sociedade da información intégrase no horizonte cara ao que mira a Secretaría Xeral de Emigración. Nunca a emigración dispuxo dunha ferramenta tan eficaz e útil da que servirse. Primeiro porque lima distancias que antes eran insalvables, e segundo porque se configura como un instrumento para facilitar a inserción social e laboral dos nosos galegos se desde aquí contribuímos a informar, formar e transferir os coñecementos axeitados. Propoñémonos abrir novas vías formativas no eido da sociedade do coñecemento que impulsen liñas de acción catalizadoras de novos proxectos que permitan fidelizar segmentos de usuarios máis novos. Créase neste campo o obradoiro de «Novas tecnoloxías e a internet».

Galicia será máis Galicia cando, sen renunciar ao seu pasado, constrúa un presente axeitado aos novos retos para os que deamos as respostas que permitan deseñar o futuro.

O desenvolvemento dos programas que a continuación se expoñen e regulan cumprirán os requisitos da transparencia, a obxectividade, a igualdade e a xustiza social.

Estableceremos pois un novo modelo de relación entre administración e administrado equitativo e

cristalino, neste senso, as relacións de beneficiarios de programas e cursos que aquí se relacionan serán obxecto de publicación e difusión no portal da internet www.galiciaaberta.com.

Os programas que se expoñen son froito do estudo e análise da realidade actual e por iso son adaptados ás novas necesidades tendo en conta un elemento clave que é a eficacia.

Por todo isto e desde os principios e obxectivos expostos, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse os programas que a continuación se establecen:

Programa 1: cursos de mestrías e tradicións galegas

Artigo 2º.-Obxecto e características.

Os cursos de mestrías e tradicións galegas teñen por finalidade formar nas técnicas, oficios e artesanías propias de Galicia tanto na súa vertente tradicional como nas novas correntes anovadoras aos galegos e aos seus descendentes, no ámbito das entidades galegas da Galicia do exterior. Atenderase especialmente modalidades que promovan a transmisión de costumes e tradicións de orixe galega -encaixe de palillos, cociña galega, ...- así como noutras de carácter cultural como as técnicas artísticas e de interpretación propias do teatro con selo de identidade galega.

A duración dos cursos non será superior ás oitenta horas e o número de participantes será superior a vinte en cada modalidade.

Artigo 3º.-Solicitantes.

Poderán solicitar os cursos de mestrías e tradicións galegas as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador. Poderán anotarse nos cursos os socios, colaboradores e persoas de orixe galega residentes na área xeográfica na que se asenta a entidade.

Artigo 4º.-Financiamento dos cursos.

1. A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo:

a) Do custo do desprazamento do profesorado ao lugar de realización do curso.

b) Do custo de material necesario para a súa impartición e, se é o caso, do seu envío.

c) Do custo da compensación económica do profesorado.

2. As entidades galegas faranse cargo:

a) Con carácter ordinario, dos gastos de estadía e manutención do profesorado.

b) Da xestión e dotación das instalacións axeitadas.

c) Doutro material funxible necesario.

Artigo 5º.-Documentación.

A documentación necesaria para os cursos de mestrías e tradicións galegas será:

a) Solicitude da entidade segundo o modelo do anexo 1 desta orde.

b) Relación nominal dos participantes en que constará apelidos e nome, número do DNI ou do pasaporte.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación.

1. Lugar de presentación.

As entidades galegas presentarán as solicitudes, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración (Os Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela, A Coruña) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2006.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. A Secretaría Xeral de Emigración valorará as solicitudes en función dos criterios de alcance, difusión do curso e participación do conxunto da comunidade na que se asenta a entidade e do número de alumnos interesados.

2. A secretaría resolverá sobre a concesión do curso e notificarallo á entidade galega. Comunicará as datas en que se vai realizar, o nome do profesorado e a súa chegada. Así mesmo, publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de cursos concedidos.

Artigo 8º.-Seguimento.

1. Ao remate do curso a entidade remitirá á Secretaría Xeral de Emigración unha memoria informativa e acreditativa sobre o seu desenvolvemento.

2. A solicitude de realización dun curso supón o compromiso de aceptar as comprobacións que a secretaría considere necesarias para asegurar a correcta execución destas normas.

Programa 2: cursos de lingua, literatura, historia e cultura galegas

Artigo 9º.-Obxecto.

1. O programa ten como finalidade promover a realización de accións que eleven o nivel cultural dos emigrantes de orixe galega e manteñan viva a súa identidade, así como difundir e potenciar a cultura galega nos contornos dos seus asentamentos.

2. Poderá participar nalgunhas fases deste programa a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 10º.-Características.

1. Estes cursos van dirixidos, preferentemente, a maiores de 14 anos que sexan socios de entidades galegas aínda que poden participar tamén todos os membros da colectividade galega e os seus descendentes, así como aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia.

2. Cada curso, de carácter intensivo, terá unha duración de 60 horas de teoría e 15 de práctica. O horario das clases axustarase ás necesidades dos solicitantes é terá unha duración ordinaria dun mes ou, excepcionalmente, de tres a seis meses para os casos en que existan profesores de galego xa desprazados aos lugares nos que se impartan, debendo completarse sempre a realización do curso dentro do ano natural.

3. Os cursos poden ter tres modalidades:

-Unha de lingua galega con valor académico e dous niveis distintos de coñecementos: cursos de iniciación e cursos de perfeccionamento. O diploma de aproveitamento concederase só aos maiores de 18 anos declarados aptos.

-Outra de extensión ou integración cultural, para persoas interesadas en manter o achegamento a Galicia, á súa realidade cultural actual, á súa historia, literatura, lingua e resto de expresións sociais e culturais da nosa terra.

-E a terceira, de animación ao coñecemento da lingua e cultura galega, para nenos de 8 a 14 anos.

4. Para que o curso poida ser concedido é necesario que conte cun número mínimo de 20 alumnos, agás casos excepcionais debidamente xustificados. Varias entidades poderán presentar unha solicitude conxunta para a realización dun único curso que acade o nivel de alumnado requirido.

Artigo 11º.-Solicitantes.

Poderán solicitar a realización destes cursos as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador. Poderán anotarse nos cursos os socios, colaboradores e persoas de orixe galega residentes na área xeográfica na que se asenta a entidade.

Artigo 12º.-Financiamento dos cursos.

1. A Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá participar na realización deste programa.

2. A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo:

a) Do custo do desprazamento do profesorado ao lugar de celebración do curso.

b) Do custo do material para a realización do curso e do seu envío.

3. As entidades proporcionarán as instalacións axeitadas para a realización do curso e faranse cargo, con carácter ordinario, do custo da estadía do profesor (aloxamento e manutención) no lugar onde se desenvolva ata un máximo de 30 días.

Artigo 13º.-Documentación.

A documentación necesaria para solicitar estes cursos será:

a) Solicitude da entidade segundo o modelo do anexo 2 desta orde.

b) Relación nominal dos participantes preinscritos na que constarán: apelidos e nome, idade, número do DNI ou do pasaporte e grao de ascendencia galega, se é o caso.

Artigo 14º.-Lugar e prazo de presentación.

1. Lugar de presentación.

As entidades galegas presentarán as solicitudes, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración (Os Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela, A Coruña) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2006.

Artigo 15º.-Tramitación e resolución.

A Secretaría Xeral de Emigración valorará as solicitudes en función dos seguintes criterios:

-Número de persoas solicitantes do curso.

-Número de cursos concedidos á entidade solicitante.

-Número de persoas solicitantes de orixe galega.

A secretaría resolverá sobre a concesión do curso e notificarallo á entidade galega. Comunicará as datas en que se vai realizar, o nome do profesorado e a súa chegada tendo en conta o acordado coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así mesmo, publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de cursos concedidos.

Será preceptivo que a entidade ou conxunto de entidades solicitantes designen unha persoa que coordine as xestións desta actividade coa secretaría, debendo indicar o seu nome e apelidos, número de teléfono e horario de localización.

Artigo 16º.-Seguimento.

1. Ao remate do curso, a entidade remitirá á secretaría unha memoria informativa e acreditativa sobre o seu desenvolvemento.

2. A solicitude de realización dun curso supón o compromiso de aceptar as comprobacións que a Secretaría Xeral de Emigración estime necesarias para asegurar a correcta execución destas normas.

Programa 3: cursos de manualidades terapéuticas

Artigo 17º.-Obxecto.

Promover a realización de accións que posibiliten a impartición de actividades para o desenvolvemento de capacidades e aptitudes con finalidade de carác

ter terapéutico e formativo-ocupacional a grupos de persoas da terceira idade de orixe galega residentes no exterior. Este curso contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas de máis avanzada idade mediante o ensino de técnicas que lles permitan ser máis útiles e participativos nos quefaceres diarios e desenvolver as súas capacidades manuais e intelectivas.

Artigo 18º.-Características dos cursos.

a) Duración: máxima de 40 horas, impartidas como máximo en dúas semanas.

b) Lugar: as residencias de anciáns ou as instalacións das entidades galegas.

c) Modalidades: clases presenciais teórico-prácticas coa finalidade de desenvolver as capacidades manuais e intelectuais sobre artesanía, moldeado, pintura, barro, tecidos, vimbio, entre outras especialidades.

d) Desenvolvemento curricular: os contidos que se impartirán seguirán a programación das unidades didácticas editadas para este programa pola Secretaría Xeral de Emigración, e os materiais necesarios para as clases prácticas axustaranse ás relacións que se acorden, segundo os traballos que se van realizar.

e) Requisito de concesión: mínimo 20 participantes por curso.

Artigo 19º.-Solicitantes.

Poderán solicitar os cursos as entidades galegas que desenvolvan labores de tipo asistencial, que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador. Estas entidades poderán solicitar estes cursos para a súa impartición tanto na mesma entidade como en asilos ou centros da terceira idade radicados na súa área xeográfica de influencia e que teñan un número significativo de residentes galegos. Poderán anotarse nos cursos os socios, residentes nos asilos ou centros da terceira idade, colaboradores e persoas de orixe galega residentes na área xeográfica na que se asenta a entidade.

Artigo 20º.-Financiamento dos cursos.

1. A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo:

a) Do custo de desprazamento do profesorado ata o lugar de celebración do curso.

b) Do custo da compensación económica do profesorado.

c) Excepcionalmente, poderanse atender os gastos de estadía do profesorado no lugar de celebración do curso.

d) Do custo do material e do seu envío para impartir o curso.

2. As entidades faranse cargo:

a) Do custo da manutención e do aloxamento do profesorado. Con carácter de excepcionalidade, de ausencia de medios e instalacións debidamente fun

damentada, a secretaría poderá facerse cargo de todo ou parte destes custos de estadía.

b) Da xestión e dotación das instalacións axeitadas.

c) De proporcionar o material funxible necesario.

Artigo 21º.-Documentación.

A documentación deberá estar integrada por:

a) Solicitude da entidade segundo o modelo do anexo 3 desta orde.

b) Relación das persoas que desexan participar no curso, expresando apelidos e nome, número do DNI ou pasaporte, idade, lugar de nacemento e a súa residencia efectiva.

Artigo 22º.-Lugar e prazo de presentación.

1. Lugar de presentación.

As entidades galegas presentarán as solicitudes, xunto co resto da documentación na Secretaría Xeral de Emigración (Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2006.

Artigo 23º.-Tramitación e resolución.

A Secretaría Xeral de Emigración valorará as solicitudes en función dos seguintes criterios:

-Número de persoas maiores solicitantes do curso.

-Interese temático dos diversos cursos solicitados.

-Número de solicitantes de orixe galega.

A secretaría resolverá sobre a concesión do curso e notificarallo á entidade galega. Comunicará as datas en que se vai realizar, o nome do profesorado e a súa chegada. Así mesmo, publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de cursos concedidos.

Será preceptivo que as entidades designen unha persoa que coordine as xestións desta actividade coa secretaría debendo indicar o seu nome e apelidos, número de teléfono e horario de localización.

Artigo 24º.-Seguimento.

1. Ao remate do curso a entidade enviará a esta secretaría unha memoria informativa sobre o seu desenvolvemento.

2. A solicitude de celebración dun curso supón o compromiso de aceptar as comprobacións que a Secretaría Xeral de Emigración considere necesarias para asegurar o cumprimento destas normas.

Programa 4: cursos de formación especializada

Artigo 25º.-Obxecto e características.

1. O obxectivo principal deste programa é consolidar un tecido asociativo dinámico das comuni

dades galegas abrindo as súas actividades formativas a novos coñecementos de interese para a comunidade como son a promoción do turismo a Galicia, os programas de voluntariado social, a atención á terceira idade, as relacións públicas e o protocolo, a formación de informadores, a formación técnico empresarial e, en xeral, a xestión de recursos persoais e materiais.

2. Os seminarios ou cursos terán carácter intensivo e duración axustada á materia que se vai impartir e ás necesidades da comunidade beneficiaria da actividade. Serán impartidos por áreas xeográficas, apoiándose nas comunidades de galegos máis numerosas, de xeito que poida asegurarse a participación do número mínimo de alumnos que para cada modalidade se estableza.

3. As actividades formativas terán lugar nas instalacións da entidade que, dentro de cada área, designe a Secretaría Xeral de Emigración. Cando a actividade afecte un conxunto de áreas xeográficas ou países poderán programarse estes cursos para a súa realización en Galicia.

Artigo 26º.-Modalidades dos cursos.

As materias serán impartidas por persoal especializado e recollerán como contidos esenciais os seguintes aspectos, segundo a modalidade:

1. Promoción do voluntariado social.

-O voluntariado: historia e actualidade.

-Perfil, aptitudes e actitudes do voluntariado.

-Xestión de recursos humanos. Visión desde o voluntariado.

-O proceso de comunicación: concepto e elementos.

-O proxecto asociativo (proxectos sociais).

2. Xestión de recursos para asistencia á terceira idade.

-Características da terceira idade: psicoloxía da vellez.

-Problemáticas sociais da terceira idade.

-Terapia ocupacional.

-O servizo de axuda a domicilio e as residencias de día e de maiores.

-Recursos sociais e modelos de intervención.

3. Relacións públicas e protocolo para entidades asociativas.

-Ordenamento xeral de precedencias. Protocolo oficial.

-Vexiloloxía (estudo das bandeiras).

-Organización de actos de presidencia.

-Protocolo internacional.

-Anfitrión e invitados. Protocolos de mesa. Protocolos de reunións.

-Difusión da información e relación cos medios de comunicación.

4. Curso de axentes turísticos de Galicia.

-Recursos turísticos de Galicia.

-Tramos diferentes da oferta turística de Galicia.

-Diversificación de novas ofertas. (Turismo rural e turismo termal).

-Áreas naturais e itinerarios máis importantes para coñecer a paisaxe e os monumentos artísticos e históricos de Galicia.

-O Camiño de Santiago como legado histórico e as peregrinacións.

5. Formación para persoal de atención e asesoramento ao público de oficinas, entidades galegas e servizos de atención de programas socio-culturais e asistenciais.

-Servizos de atención e difusión de programas na Galicia exterior.

-Programas dirixidos ás comunidades galegas no exterior.

-Organización de servizos de información e tramitación ordinaria de documentos.

-Márketing e difusión básica de información.

-Atención ao usuario.

-Técnicas de mediación social e resolución de conflitos en entidades.

6. Xestión de recursos empresariais:

Serán cursos de xestión autónoma, programados e executados integramente polas entidades. O seu contido versará sobre as técnicas e ferramentas propias para a xestión e direción empresarial como habilidades directivas, decisións financeiras, sociedades e estruturas, deseños de plans comerciais, instrumentos para a toma de decisións, contratos de traballo e convenios colectivos, direción de equipos...

Artigo 27º.-Solicitantes.

1. Poderán solicitar estes cursos as asociacións empresariais galegas do exterior, no caso dos cursos de xestión de recursos empresariais, e, en todos os casos, as entidades galegas ou grupos de entidades que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador. Poderán anotarse nos cursos os socios, colaboradores e persoas de orixe galega residentes na área xeográfica na que se asenta a entidade.

2. As entidades solicitantes deberán realizar a selección de alumnos entre persoas maiores de idade, debendo ter en conta os seguintes criterios de preferencia:

a) Ser socio da entidade e ter aptitudes ou capacidades axeitadas para o desenvolvemento da actividade.

b) Ser persoa que teña algunha responsabilidade, dentro da súa comunidade galega, nas áreas relacionadas coa modalidade que se vai impartir.

3. O número ordinario de asistentes ao curso non será menor de 80 para a modalidade de informadores turísticos e de 20 para o resto das modalidades. A relación de alumnos poderá conformarse a partir das propostas de asistentes presentadas por diferentes entidades galegas da mesma área xeográfica.

Artigo 28º.-Financiamento dos cursos.

1. A Secretaría Xeral de Emigración, con carácter xeral, no caso dos cursos relacionados no artigo 26º, números 1, 2, 3, 4 e 5 farase cargo:

a) Dos gastos de material didáctico e de organización necesarios para impartir o curso e, se é o caso, dos de aluguer de locais.

b) Do custo da viaxe e da compensación económica do profesorado achegado pola secretaría.

c) Do custo do desprazamento e, se é o caso, da estadía dos participantes que residan dentro da zona de influencia, pero fóra da área metropolitana, en que se vai impartir o curso.

2. As entidades galegas, no caso dos cursos relacionados no artigo 26º, números 1, 2, 3, 4 e 5 faranse cargo:

a) Con carácter ordinario, dos gastos de estadía e manutención do profesorado.

b) De proporcionar as instalacións axeitadas.

c) De proporcionar o material funxible necesario.

3. A Secretaría Xeral de Emigración, no caso dos cursos de xestión de recursos empresariais citados no artigo 26º.6 poderá facerse cargo dun máximo do 75% do custo dos cursos concedidos.

4. As entidades ou asociacións de empresarios galegos da Galicia do exterior no caso dos cursos de xestión de recursos empresariais citados no artigo 26º.6, faranse cargo do custo restante.

5. Poderán colaborar neste programa, segundo a modalidade de que se trate, as distintas consellerías da Xunta de Galicia e outras entidades públicas ou privadas de Galicia, ou dos países de asentamento das comunidades galegas, coas achegas de medios materiais ou persoais que se poidan acordar para un mellor cumprimento dos fins e obxectivos deste programa.

Artigo 29º.-Documentación.

A documentación precisa para solicitar a participación nestes cursos será:

1. Solicitude da entidade, asociación ou conxunto deles, segundo o modelo normalizado que aparece no anexo 4 ou 4 bis desta orde, dependendo da modalidade solicitada coa relación nominal de participantes. No caso de recibirse varias solicitudes dunha mesma área xeográfica, e de ser posible, poderán

acumularse estas para integrar os participantes en unidades cun número de alumnos que garanta a eficiencia e eficacia na realización da actividade e na xestión dos recursos dispoñibles.

2. No caso dos cursos de xestión de recursos empresariais deberán engadir a seguinte documentación:

a) Programa das materias que se van impartir.

b) Currículo do profesorado

c) Horario do curso, indicando os lugares e as datas da súa realización

d) Orzamento pormenorizado do curso.

Artigo 30º.-Lugar e prazo de presentación.

1. Lugar de presentación.

As entidades galegas presentarán as solicitudes, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración (Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2006.

Artigo 31º.-Tramitación, resolución e seguimento.

1. A Secretaría Xeral de Emigración valorará as solicitudes en función dos seguintes criterios:

a) Características das entidades ou asociacións solicitantes e necesidade do curso na área en que este se asenta.

b) Número efectivo de destinatarios dos cursos.

2. A secretaría resolverá sobre a concesión do curso, notificarallo á entidade galega e comunicará as datas en que se vai realizar o curso. Así mesmo, publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de cursos concedidos.

3. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral de Emigración faga as comprobacións que considere precisas para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

4. As entidades quedan obrigadas a comunicarlle á secretaría, calquera alteración das circunstancias que orixinaron a selección, podendo a devandita secretaría ditar a resolución que coide oportuna.

Programa 5: cursos de danza e música tradicional galega

Artigo 32º.-Obxecto.

Este programa ten por obxecto promover a realización de accións que eleven o nivel artístico dos grupos folclóricos das entidades galegas.

Artigo 33º.-Características.

1. Os cursos versarán sobre folclore galego atendendo ás modalidades de baile, gaita, baile-gaita, percusión, pandeireta, canto, outros instrumentos do folclore galego novidosos (frauta, requintas,...), confección de palletas e confección de traxes tradicionais galegos.

2. Estarán dirixidos ás entidades galegas que teñan grupo folclórico ou que manifesten a súa vontade de crealo.

3. A duración de cada curso será de 15 días intensivos e o horario das clases axustarase ás necesidades dos solicitantes.

4. Ao comezo do curso realizarase unha sesión informativa de introdución dedicada, exclusivamente, a dar a coñecer Galicia desde o punto de vista socioeconómico, cultural, histórico e monumental.

5. Agás en casos excepcionais, debidamente xustificados, para que poida ser concedido un curso, é necesario que conte cun número mínimo de 15 participantes

6. As entidades interesadas poderán solicitar conxuntamente a modalidade de baile e gaita. O número de alumnos mínimo para esta modalidade debe ser de 30, cun número de participantes suficiente tanto en baile como en gaita. O obxectivo desta modalidade é que o grupo de gaiteiros e bailaríns da entidade poidan montar un espectáculo conxunto ademais de actuar por separado.

7. Para os casos en que existan profesores de gaita que residan na localidade de impartición, a entidade galega poderá propoñer que se dean clases de forma contínua cunha duración mínima do curso de catro meses e máxima de oito meses, ás que poderán asistir alumnos procedentes das distintas entidades galegas existentes na dita localidade.

Artigo 34º.-Solicitantes.

Poderán solicitar estes cursos as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades, co fin de poñer en común os medios e recursos dispoñibles.

Valorarase para participar nestes cursos ser galego ou descendente de galego preferentemente. Poderán participar igualmente aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia e que participen nas actividades do grupo folclórico do centro.

Artigo 35º.-Financiamento dos cursos.

1. A secretaría farase cargo:

a) Do custo do desprazamento do profesorado ata o lugar onde se realice o curso (agás que o profesor xa resida na localidade de impartición do curso).

b) Do custo da compensación económica do profesorado.

c) Do custo, se fose o caso, do material que figure na lista correspondente que se una como anexo á resolución nos cursos de confección de traxes tradicionais.

2. As entidades proporcionarán as instalacións axeitadas para a realización do curso e faranse cargo, con carácter ordinario, dos gastos da estadía e manutención do profesorado durante os 15 días de duración do curso.

Artigo 36º.-Documentación.

A documentación precisa para solicitar estes cursos será:

a) Solicitude da entidade ou agrupación de entidades segundo o modelo do anexo 5 desta orde.

b) Relación nominal dos participantes preinscritos en que constarán apelidos e nome, número do DNI ou do pasaporte e idade dos solicitantes.

c) No caso do artigo 33º punto 7 é preciso enviar currículo dos profesores que impartirán as clases.

Artigo 37º.-Lugar e prazo de presentación.

1. Lugar de presentación.

As entidades galegas presentarán as solicitudes, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración (Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2006.

Artigo 38º.-Tramitación e resolución.

1. A Secretaría Xeral de Emigración valorará as solicitudes en función dos seguintes criterios:

-Número de persoas solicitantes do curso.

-Alcance, difusión do curso e participación do conxunto da comunidade na que se asenta a entidade.

-Número de persoas preinscritas de orixe galega.

2. A secretaría resolverá sobre a concesión do curso, notificarallo á entidade galega e comunicará as datas en que se vai realizar, o nome do profesorado e a súa chegada. Así mesmo, publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de cursos concedidos.

Artigo 39º.-Seguimento.

1. Ao rematar o curso, a entidade á que se lle concedeu, remitirá á Secretaría Xeral de Emigración unha breve memoria informativa sobre o seu desenvolvemento.

2. A solicitude para realizar un curso supón o compromiso de aceptar as comprobacións que a secretaría coide necesarias para asegurar o cumprimento destas normas.

Programa 6: viaxes de lecer

Artigo 40º.-Obxecto.

1. O programa ten por obxecto ofrecer un tempo de lecer aos galegos e aos seus cónxuxes asentados noutras comunidades autónomas de España ou noutros países de Europa, para desfrutaren e coñeceren a realidade actual da terra onde naceron, con actividades de convivencia e culturais referidas á nosa lingua, historia, así como os nosos costumes tradicionais; constitúe un achegamento á súa terra, á que están vinculados por lazos permanentes, familiares e sentimentais.

2. Poderá participar nalgunhas fases deste programa a Dirección Xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Artigo 41º.-Características.

As características do programa son as seguintes:

a) Desprazamento dos seleccionados desde os lugares de partida fixados pola Secretaría Xeral de Emigración ata o lugar de residencia en Galicia.

b) Estadía durante un período de 14 días nunha residencia de tempo libre de Galicia ou noutro establecemento hoteleiro, coa correspondente programación de actividades recreativas e culturais.

Artigo 42º.-Solicitantes.

Poderán solicitar este programa:

1. As persoas que cumpran as seguintes condicións:

a) Ser natural de Galicia.

b) Residir noutra Comunidade Autónoma de España ou noutro país de Europa.

c) Ter máis de 60 anos de idade. De presentar a solicitude xunto co seu cónxuxe, deberán ter cumpridos, polo menos un deles, os 60 anos de idade.

d) Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa nin secuelas irreversibles discapacitantes e estar en condicións físicas para realizar a viaxe programada.

e) Non ter participado, nos últimos seis anos, en anteriores edicións deste programa.

f) Non ter recursos económicos suficientes.

2. Os cónxuxes das persoas que soliciten o programa por aplicación do punto anterior, cumprindo así mesmo o contido das alíneas b), d), e) e f).

Artigo 43º.-Documentación.

A documentación deberá estar integrada por:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo 6 desta orde, de ser o caso, selada pola entidade galega correspondente.

b) Fotocopia do DNI ou do pasaporte.

c) Fotografía actual tamaño carné.

d) Fotocopias da declaración da renda correspondente ao ano 2004. Se o solicitante reside noutro país presentará documentación equivalente. Esta documentación poderase presentar en sobre pechado e lacrado, se así o desexa o solicitante.

e) Certificado médico, segundo o modelo do anexo 6 desta orde, conforme as condicións imprescindibles establecidas no artigo 42º alínea d) deste programa.

f) Se é o caso, documento xustificativo de estar xubilado.

Artigo 44º.-Lugar e prazo de presentación.

1. Lugar de presentación.

As entidades galegas presentarán as solicitudes, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderán canalizar a súa solicitude a través das entidades galegas aquelas persoas que residan nas súas áreas de influencia ou sexan socias delas. Neste caso será á entidade galega a encargada de remitilas tal e como se indica neste mesmo parágrafo.

Naquelas áreas xeográficas onde non existan entidades galegas os solicitantes deberán presentar as solicitudes na Secretaría Xeral de Emigración ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2006.

Artigo 45º.-Tramitación e resolución.

1. As entidades galegas revisarán a documentación e coordinarán a súa presentación e envío, xuntando certificado, segundo o modelo do anexo 6-B, no que se relacionen as solicitudes presentadas, mencionando o coordinador do programa designado pola entidade respectiva.

2. A selección dos participantes efectuarase, entre as persoas que presentaron solicitude en cada entidade galega de acordo cos seguintes criterios:

2.1. Establecendo o número de prazas por entidade en proporción ao número de solicitudes válidas presentadas, procurando que todas as entidades estean representadas.

2.2. Estimando na orde que segue como preferente:

a) Non ter participado en edicións anteriores deste programa.

b) Os casos en que polo menos un dos cónxuxes posúa a condición de xubilado ou que teña máis de 65 anos de idade.

2.3. A Secretaría Xeral de Emigración valorará, tendo en conta o informe que para os efectos remitan as entidades como coñecedoras da realidade social da comunidade galega na que se asentan e dentro de cada un dos grupos de prelación establecidos no punto anterior, ás solicitudes en función dos criterios que a continuación se sinalan:

a) Situación económica, social e participativa na entidade galega dos solicitantes.

b) Idade dos solicitantes.

c) Estado de saúde.

4. A secretaría resolverá sobre a concesión das prazas e notificarallo aos beneficiarios. Así mesmo, publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de beneficiarios.

Artigo 46º.-Seguimento.

1. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral de Emigración efectúe as comprobacións que crea necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa, no caso de concesión.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, podendo a dita secretaría ditar a resolución que considere oportuna.

Programa 7: volver

Artigo 47º.-Obxecto e características.

1. Obxecto: ten por obxecto promover a consecución do reencontro das persoas de orixe galega residentes no estranxeiro e con carácter ordinario en Iberoamérica, cos seus familiares e a súa terra, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia. Este programa poderá realizarse de acordo coas modalidades seguintes:

a) Á terra, destinada a aqueles galegos que polas súas circunstancias socioeconómicas e máis o afastamento e características sociais do país en que residen non puidesen visitar Galicia nos últimos 15 anos. Esta modalidade é executada pola Secretaría Xeral de Emigración, podendo nalgunhas fases participar a Dirección Xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

b) Á casa, executada pola Secretaría Xeral de Emigración, dirixido a conceder viaxes a Galicia a custo reducido aos galegos e aos seus cónxuxes e fillos, pertencentes á terceira idade que permitan o reencontro coa súa terra e a súa familia.

c) En enlace, ten por obxecto programar o achegamento a Galicia e o encontro coas súas familias dos galegos residentes en Iberoamérica que se atopan disfrutando do programa 13 do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, Axudas para viaxes a España de emigrantes maiores organizado polo Imserso en colaboración coa Dirección Xeral de Emigración e

que ten lugar en diferentes datas en distintos puntos das costas españolas. Realizarase o programa naquelas datas e lugares nas que o número de galegos participantes sexa suficientemente numeroso.

2. Características básicas das modalidades:

a) Á terra:

-Pasaxe de avión de ida e volta para os seleccionados desde os lugares de partida fixados pola secretaría ata os aeroportos de Galicia.

-Estadía durante un período máximo de 14 días, preferentemente no mes de outubro, nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia, programándose actividades e excursións que favorezan o reencontro coa súa terra.

-Estadía cos seus familiares en Galicia, ata completar un período máximo de 3 meses, sendo pola súa conta durante este tempo os gastos de aloxamento, manutención, etc.

-Serán por conta da Secretaría Xeral de Emigración os gastos derivados da selección dos beneficiarios e os de traslado incluíndo as pasaxes de avión de ida e volta para os seleccionados desde os lugares de partida ata os aeroportos de Galicia.

-Poderá participar neste programa, a través das estadías dos participantes, a Dirección Xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

-Poderán organizarse accións destinadas a persoas ou grupos con vínculos familiares directos mantendo como obxectivo prioritario o reencontro en Galicia.

b) Á casa:

-O financiamento consistirá ordinariamente no pagamento do 60% do custo do traslado a Galicia. Con carácter extraordinario, e para os residentes en Cuba, o financiamento poderá chegar ao 80% do custo do traslado. Á súa chegada a Galicia iniciarán o reencontro coa súa familia galega nos lugares de residencia delas.

-As datas da viaxe a Galicia coas correspondentes programacións aéreas estableceranse con preferencia na segunda quincena do mes de xuño.

-A Secretaría Xeral de Emigración, á vista das solicitudes presentadas, establecerá as datas en que se desenvolverá o programa. Así mesmo, establecerá a forma e prazo en que os interesados deberán achegar a cantidade en concepto de porcentaxe de custo e en proba da conformidade da viaxe. Entenderase que os que non cumpren este requisito desisten da solicitude.

c) En enlace:

-Viaxe desde os hoteis situados nos lugares das costas españolas en que están aloxados ata Santiago de Compostela.

-Aloxamento en réxime de pensión completa e en cuarto dobre nun hotel da cidade e comezo dunha xornada de carácter cultural de reencontro con Galicia despois da que se dará por finalizada a actividade e comezo do período de reencontro cos familiares nos seus lugares de orixe.

-Unha vez finalizada a fase de reencontro familiar, o retorno aos lugares de residencia nos distintos países, será por conta dos participantes de acordo coas especificacións da pasaxe que teñan concertada coa Dirección Xeral de Emigración do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.

3. Cobertura sanitaria: os beneficiarios de calquera modalidade deste programa gozarán durante a súa estadía específica en Galicia da cobertura sanitaria do Servizo Galego de Saúde en casos de urxencia, nos termos establecidos no correspondente convenio de asistencia sanitaria e por un período non superior a tres meses.

4. A secretaría poderá nomear, naquelas accións do programa volver co maior número de participantes, persoal capacitado en asistencia médica e social para a súa participación no programa en funcións sanitarias, asistenciais e de organización.

Artigo 48º.-Número de prazas.

A asignación do número de prazas, en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países, queda fixada para o ano 2006, nas modalidades que se mencionan a continuación, tendo en conta que de non cubrirse o número de prazas asignadas a un país poderán reasignarse a outro con suficiente número de solicitantes.

a) Á terra:

PaísesNº de prazas

Arxentina:73

Brasil:12

Cuba:07

Uruguai:30

Venezuela:12

Outros países:06

Total:140

Unha das prazas correspondentes a cada un dos países de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai e Venezuela asignarase a un facultativo médico por proposta da comisión de avaliación que se menciona no artigo 52º.1.2 desta orde.

b) Á casa:

PaísesNº de prazas

Arxentina:148

Brasil:24

Cuba:21

Uruguai:78

Venezuela:33

Outros países:06

Total:310

Unha das prazas correspondentes a cada un dos países de Arxentina, Cuba e Uruguai asignarase a un facultativo médico por proposta da comisión de

avaliación que se menciona no artigo 52º.1.2 desta orde.

Un 90% das prazas asignadas a cada país destinarase a naturais de Galicia e o restante 10% a fillos de galegos. Estas prazas poderán redistribuírse no caso de que nalgún país non se cubrise algunha das porcentaxes anteriores.

Artigo 49º.-Solicitantes.

a) Á terra: poderán ser solicitantes desta modalidade do programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Seren naturais de Galicia.

2. Residiren con carácter ordinario en Iberoamérica.

3. Ter sesenta ou máis anos de idade contados na data de remate do prazo de presentación de solicitudes. No caso de que dous solicitantes sexan matrimonio, será suficiente con que un deles cumpra a idade sinalada.

4. Levar polo menos os últimos 15 anos naturais sen volver a España.

5. Que estean en condicións físicas para realizar unha viaxe de longa duración, non padecendo enfermidade infecto-contaxiosa nin secuelas irreversibles discapacitantes.

6. Que non teñan recursos económicos suficientes.

b) Á casa:

Poderán ser solicitantes desta modalidade do programa:

1. Aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Seren naturais de Galicia.

1.2. Residiren con carácter ordinario en Iberoamérica.

1.3. Teren máis de 55 anos de idade, contados na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, podendo, por razóns extraordinarias alegadas e con carácter de excepcionalidade, nos casos de persoas que nunca regresasen a Galicia, ser menores da dita idade. No caso de que o cónxuxe sexa tamén solicitante, bastaría con que un deles cumpra este requisito de idade.

1.4. Estaren en condicións físicas para realizar a viaxe programada, non padecendo enfermidade infecto-contaxiosa nin secuelas discapacitantes.

1.5. Non teren participado nos últimos cinco anos naturais en anteriores edicións deste programa.

1.6. Non teren viaxado a España nos dous últimos anos naturais.

1.7. Teren familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia.

2. Os cónxuxes das persoas que soliciten o programa por aplicación do punto anterior, sempre e cando cumpran, así mesmo, o contido dos puntos 1.2, 1.3, 1.4, 1.5 e 1.6.

3. Os fillos de galegos, con máis de 60 anos de idade, contados na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, que posúan a nacionalidade española no momento da presentación da solicitude e cumpran ademais os requisitos sinalados nos puntos 1.2, 1.4, 1.5, 1.6 e 1.7 deste mesmo artigo.

c) En enlace: poderán ser solicitantes desta modalidade do programa os beneficiarios do programa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais Axudas para viaxes a España de emigrantes maiores, nas edicións elixidas en función do número de galegos participantes, cumprindo os seguintes requisitos:

1. Que sexan nacidos en Galicia e teñan máis de 60 anos de idade, contados na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. Os cónxuxes das persoas as que se refire o punto anterior, sendo así mesmo beneficiarias do mesmo programa.

Artigo 50º.-Documentación.

A documentación das persoas solicitantes deberá estar integrada por:

a) Á terra:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado que aparece no anexo 7 desta orde.

b) Documento en que consten os seus ingresos económicos. En caso de imposibilidade de presentalo, poderá constituír documentación suficiente unha declaración xurada responsable.

c) Documento xustificativo dos seus datos persoais e da súa condición de galego.

d) Certificado médico, segundo o modelo do anexo 7 desta orde, conforme as condicións imprescindibles establecidas na alínea a).5 do artigo 49º.

e) Fotografía actual tamaño carné.

b) Á casa:

1. Solicitude segundo o modelo normalizado que aparece no anexo 7 bis desta orde.

2. Documento xustificativo dos seus datos persoais e da súa condición de galego, de cónxuxe de galego ou, se é o caso, da súa orixe galega e da nacionalidade española.

3. Certificado médico, segundo o modelo do anexo 7 bis desta orde, conforme as condicións imprescindibles establecidas na alínea b).1.4 do artigo 49º.

4. Fotografía actual tamaño carné.

5. Documento no cal consten os ingresos económicos da súa unidade familiar. En caso de imposibilidade de presentalo, poderá constituír documentación suficiente unha declaración xurada responsable.

c) En enlace. Farase chegar aos participantes nas edicións elixidas do programa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais Axudas para viaxes a España de emigrantes maiores, información sobre a posta en marcha desta modalidade así como da documentación que hai que presentar, composta de solicitude e fotocopia do pasaporte.

Artigo 51º.-Lugar e prazo de presentación.

1. Lugar de presentación:

a) Á terra: as solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación na Secretaría Xeral de Emigración ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para a presentación destas solicitudes os interesados poderán utilizar o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

Para a presentación telemática das solicitudes os interesados deberán posuír un certificado dixital baixo a norma X.509 V3, expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda.

Non obstante, os interesados que non teñan ese certificado dixital e así o desexen, poderán dirixirse aos centros coordinadores que se sinalan a continuación, onde hai persoas habilitadas para o efecto:

* En Arxentina:

-Oficina de emigración-Centro Gallego de Buenos Aires.

* En Brasil:

-Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

-Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Bahía.

* En Cuba:

-Oficina de emigración-Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Uruguai:

-Oficina de emigración-Casa de Galicia de Montevideo.

* En Venezuela:

-Oficina de emigración-Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

Neste caso, a utilización desta vía requirirá unha autorización que o interesado lle outorga á persoa habilitada do centro coordinador de que se trate para que proceda á remisión da súa solicitude vía telemática. Esa autorización poderase facer constar no modelo de solicitude correspondente a este programa e modalidade.

b) Á casa: as solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, do mesmo xeito que o indicado no punto 51º.1 a).

c) En enlace: as solicitudes presentaranse na Secretaría Xeral de Emigración ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo.

a) Á terra: o prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2006.

b) Á casa: o prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2006.

c) En enlace: establecerase o prazo de presentación en función das datas de desenvolvemento do programa por parte do ministerio.

Artigo 52º.-Tramitación e resolución.

1. Nas modalidades de á terra e á casa.

1.1. As entidades galegas comprobarán que as solicitudes estean completas e correctamente cubertas, coordinando cos solicitantes o seu envío.

1.2. En cada un dos países en que existan centros coordinadores a Secretaría Xeral de Emigración poderá constituír unha comisión, para a que nomeará un representante na persoa dun funcionario e na cal estarán, así mesmo, representadas as entidades galegas en función do número de solicitudes presentadas baixo o seu abeiro polos residentes na súa área de influencia e o seu peso específico dentro da colectividade galega. Así mesmo, poderá asistir un representante do consello de residentes correspondente á demarcación en que se celebra a comisión, preferentemente galego, por razóns de coñecemento e integración na comunidade galega asentada nese país e, polos mesmos motivos, preferiblemente pertencente e representante dalgunha das entidades constituíntes da comisión.

1.3. De constituírse, a comisión avaliadora reunirase preferentemente dentro do prazo de 70 días contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de instancias, e levantará acta da relación provisional de persoas seleccionadas, que terá valor de proposta de selección. Esta relación publicarase na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración, www.galiciaaberta.com e expoñerase ao público nos taboleiros de anuncios das entidades durante sete días naturais. Durante este período os interesados poderán presentar as correspondentes reclamacións e o centro coordinador poderá pedirlles aos preseleccionados canta documentación coide oportuna para comprobar a veracidade dos datos citados nas solicitudes. No oitavo día natural, o centro coordinador elevará informe e, se é o caso, a proposta de modificacións xunto coa oportuna documentación xustificativa e informe da entidade na que foi presentada a correspondente solicitude, á Secretaría Xeral de Emigración que, despois

dos trámites legais

oportunos, notificará a correspondente resolución aos interesados e aos centros coordinadores. Expoñerase, así mesmo, na devandita páxina web da Secretaría Xeral de Emigración.

1.4. De non constituírse a dita comisión, os centros coordinadores deberán remitir á Secretaría Xeral de Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo de 5 días a partir do remate do prazo de presentación.

2. Nas modalidades de en enlace, farase a tramitación das solicitudes na Secretaría Xeral de Emigración.

3. Selección dos participantes:

a) Na modalidade de á terra, efectuarase en función:

-Do período de tempo sen volver ao país.

-Da idade dos solicitantes.

-Da situación económica.

-Do grao de consanguinidade ou de afinidade dos familiares que residan en Galicia.

-Do bo estado de saúde.

-Realidade social do solicitante.

Terán prioridade aqueles solicitantes que, cumprindo as condicións da convocatoria, teñan ao seu cónxuxe seleccionado.

b) Na modalidade á casa farase en función:

-Da idade dos solicitantes.

-Do período de tempo sen volver ao país.

-Do bo estado de saúde.

-Da orixe galega, con preferencia os naturais de Galicia reservando un 10% das prazas para solicitantes fillos de galegos que cumpran os requisitos sinalados no artigo 49º b).3. No caso de quedar prazas baleiras dentro desta porcentaxe acumularanse ás correspondentes a naturais de Galicia.

-Da situación económica.

-Do grao de consanguinidade ou de afinidade dos familiares que residan en Galicia.

-Realidade social do solicitante.

Terán prioridade aqueles solicitantes que cumprindo as condicións da convocatoria teñan ao seu cónxuxe seleccionado.

c) Na modalidade de en enlace:

-Tempo sen volver a Galicia

-Estado de saúde.

-Situación económica.

d) Os centros coordinadores presentarán as solicitudes co informe e de acordo co baremo que, para a avaliación dos anteditos criterios, establecerá por circular a Secretaría Xeral de Emigración e que poderá consultarse na súa páxina web www.galiciaaberta.com.

4. Concesión.

Na modalidade de á terra a concesión ten carácter de provisionalidade en canto non sexa avalada polo doutor encargado dos recoñecementos médicos. Así mesmo, nesta modalidade a concesión é de carácter individual.

Na modalidade de á casa a concesión ten carácter de provisionalidade mentres non sexa avalada polos familiares do solicitante residentes en Galicia e, así mesmo, en canto non sexa aboada, dentro do prazo establecido no seu momento, a porcentaxe correspondente da pasaxe de avión. Nesta modalidade a selección do beneficiario levará consigo a do seu cónxuxe, no caso de ser solicitante.

As prazas ofertadas que non sexan cubertas debido a renuncias serán, sempre que o tempo de tramitación o permita, ofertadas aos correspondentes reservas.

Artigo 53º.-Seguimento.

1. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral de Emigración efectúe as comprobacións que crea necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa, no caso de concesión.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicar á Secretaría Xeral de Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, podendo esta secretaría ditar a resolución que considere oportuna.

Programa 8: descubre a túa orixe

Artigo 54º.-Obxecto e características.

1. O programa ten por obxecto a inserción na vida social e cultural do pobo galego dos mozos e mozas pertencentes ás comunidades galegas da Galicia do exterior, achegándose ás raíces ancestrais do noso pobo, á nosa cultura etnográfica e ao noso medio rural e desenvolvendo ao mesmo tempo actividades recreativas, culturais, turísticas, deportivas e de tempo libre.

2. Convócanse 325 prazas en campamentos e albergues xuvenís da Comunidade Autónoma de Galicia, preferentemente na modalidade itinerante Coñece Galicia en determinadas quendas quincenais nos meses de xullo e agosto. Os seleccionados residirán en cada quenda consecutivamente en tres das seguintes instalacións: Eijo Garay de Lugo, Florentino López Cuevillas de Ourense, Altamar de Vigo, Gandarío e Mariña Española da Coruña e Monte do Gozo en Santiago de Compostela. Os participantes integraranse con mozos residentes en Galicia e noutras comunidades españolas.

3. Poderá participar nalgunhas fases deste programa a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar.

4. Cobertura sanitaria: os beneficiarios deste programa gozarán durante a súa estadía específica en Galicia da cobertura sanitaria do Servizo Galego de

Saúde en casos de urxencia, nos termos establecidos no correspondente convenio de asistencia sanitaria e por un período non superior a tres meses.

5. As prazas para participantes de América e Oceanía poderán incluír un financiamento completo da viaxe, ou ben do cincuenta por cento do seu custo, de acordo coas cotas que para cada país se establezan por resolución da Secretaría Xeral de Emigración.

Artigo 55º.-Solicitantes.

Poderán solicitar este programa as persoas que, residindo no exterior, cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser galego, fillo ou neto de galego.

b) Ter unha idade entre 14 e 20 anos, contados a 30 de xuño de 2006.

c) Para participar nas prazas que teñan achega para a viaxe, non poderá ter participado en edicións anteriores deste programa nin ter viaxado a España nos últimos 10 anos, agás para residentes en Europa.

Artigo 56º.-Financiamento.

A secretaría farase cargo do custo da parte da viaxe que se estableza, tendo en conta o disposto no artigo 54º.5.

Artigo 57º.-Documentación.

1. Os solicitantes de países americanos onde se constitúa a comisión avaliadora a que se fai referencia no artigo 52º.1.2 desta orde deberán presentar, inicialmente, antes do 31 de marzo de 2006, os seguintes documentos:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo 8.

b) Fotocopia dos documentos oficiais acreditativos da orixe galega do solicitante.

c) Dúas fotografías tamaño carné.

d) Fotocopia do seu documento nacional de identidade ou do pasaporte, no caso de que xa os teñan expedidos.

e) Anexo 8-B no caso dos solicitantes residentes en América e Oceanía, indicando a quenda de preferencia para o seu regreso.

f) Todos os participantes menores de idade presentarán o modelo anexo 8-B e cubrirán a autorización para viaxar, asinada polos pais ou titores legais.

g) Os participantes menores de idade de Europa e América que desexen quedar coa súa familia en España ao rematar a actividade, deberán cubrir, así mesmo, a autorización asinada polos seus pais ou titores legais, incluída no mesmo modelo anexo 8-B.

2. Os solicitantes preseleccionados pola comisión avaliadora á que se refire o artigo 52º.1.2 deberán presentar, na semana seguinte á exposición da acta de preseleccionados, os seguintes documentos:

a) Certificado médico de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa e de ser apto para participar, con

normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

b) Se é o caso, fotocopia do documento necesario para unha posible asistencia sanitaria que exceda da establecida no convenio asinado coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para programas culturais e asistenciais destinados á Galicia exterior.

3. Os solicitantes de España, Europa, Oceanía e países americanos onde non se constitúa comisión avaliadora deberán presentar, coa coordinación da entidade galega á que están asociados, toda a documentación indicada nos puntos 1 e 2 deste artigo de acordo co indicado no artigo 58º. Os descendentes de galegos residentes en lugares onde tampouco existan comunidades galegas, poderán presentar as súas solicitudes remitíndoas directamente á Secretaría Xeral de Emigración.

Artigo 58º.-Lugar e prazo de presentación.

1. Lugar de presentación.

As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para a presentación destas solicitudes os interesados poderán utilizar o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

Para a presentación telemática das solicitudes os interesados deberán posuír un certificado dixital baixo a norma X.509 V3, expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda.

Non obstante, os interesados que non teñan ese certificado dixital e así o desexen, poderán dirixirse aos centros coordinadores que se sinalan a continuación, onde hai persoas habilitadas para o efecto:

* En Arxentina:

-Centro Galicia de Buenos Aires.

* En Brasil:

-Peña Galega da Casa de España do Río de Janeiro.

-Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Bahía.

* En Cuba:

-Oficina de emigración-Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Uruguai:

- Oficina de emigración - Casa de Galicia de Montevideo.

-Unión de Sociedades Galegas de Montevideo.

* En Venezuela:

-Oficina de emigración-Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

Neste caso, a utilización desta vía requirirá unha autorización que o interesado lle outorga á persoa habilitada do centro coordinador de que se trate para que proceda á remisión da súa solicitude vía telemática. Esa autorización poderase facer constar no modelo de solicitude correspondente a este programa.

2. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2006.

Artigo 59º.-Tramitación e resolución.

1. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Secretaría Xeral do Benestar da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderá participar neste programa indicando as prazas dispoñibles en cada quenda así como os tramos de idade posibles para cada campamento.

2. A Secretaría Xeral de Emigración asignará as prazas que corresponderán, para cada tipo de achega da viaxe, a cada unha das áreas xeográficas, e dentro da área de América a cada un dos países.

3. As entidades galegas poderán comprobar que as solicitudes estean completas e correctamente cubertas, tramitándoas do seguinte xeito:

a) As entidades galegas de España, Europa, Oceanía e países americanos onde non se constitúa comisión avaliadora, coordinarán cos solicitantes o seu envío.

b) As entidades galegas dos países americanos onde se constitúa comisión avaliadora farán a tramitación das solicitudes polo mesmo método e comisión avaliadora que as sinaladas no artigo 52º, alíneas 1.1 a 1.4 desta orde.

4. A Secretaría Xeral de Emigración valorará as solicitudes en función dos seguintes criterios:

a) Idade.

b) Grao de ascendencia galega.

c) Tempo sen visitar Galicia.

d) Situación económica da familia.

e) Grao de integración e participación na vida asociativa da comunidade por parte do solicitante e da súa familia.

f) Interese amosado polo participante no coñecemento da cultura e realidade galegas a través da súa participación en concursos culturais, traballos de investigación, cursos de distintas especialidades convocados por esta secretaría para a Galicia exterior, etc.

Os centros coordinadores presentarán as solicitudes co informe e de acordo co baremo que, para

valoración dos anteditos criterios establecerá por circular a Secretaría Xeral de Emigración e que poderá consultarse na súa páxina web www.galiciaaberta.com.

5. A secretaría resolverá sobre a concesión da praza, adxudicando directamente as prazas reservadas a España, Europa e demais países onde non exista comisión avaliadora, segundo as quendas e tramos de idade dispoñibles e polo número de solicitudes presentadas por entidade.

6. A secretaría notificaralles aos interesados e aos centros coordinadores a adxudicación definitiva das prazas. Así mesmo, publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de beneficiarios.

7. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados deberán asistir ás sesións informativas que se realizarán nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e da actividade de campamento en particular.

Artigo 60º.-Seguimento.

1. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral de Emigración efectúe as comprobacións que considere necesarias sobre as circunstancias dos solicitantes que teñan incidencia na concesión de praza para participar neste programa.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, podendo a devandita secretaría ditar a resolución que considere oportuna.

Programa 9: obradoiros para a Galicia exterior

Artigo 61º.-Obxecto e características.

1. Dous son os obxectivos que se pretenden con estes obradoiros, por unha banda, adestrar e perfeccionar os mozos e mozas nas técnicas necesarias para mellorar a expresión, dramatización e escenificación nos nosos grupos teatrais, así como a calidade e interpretación dos instrumentos musicais e a coreografía e execución das danzas tradicionais galegas. Pola outra, formar a mozos e mozas maiores de 18 anos nas novas tecnoloxías e na internet e na dinamización de entidades e oficinas de información.

2. A metodoloxía dos obradoiros será dinámica e participativa utilizando, sempre que se poida, recursos audiovisuais que fagan referencia a Galicia.

3. Estes obradoiros deberán ter como introdución unha sección informativa dedicada exclusivamente a dar a coñecer Galicia desde o punto de vista cultural, histórico, patrimonial, etc.

4. Os obradoiros serán de formación intensiva, terán lugar con preferencia en Galicia e contarán cunha duración mínima de 40 horas lectivas; o número de participantes en cada unha das modalidades non será superior a 25. En todo caso, o número

total de prazas e o desenvolvemento de cada un dos cursos serán obxecto da oportuna resolución da Secretaría Xeral de Emigración.

5. Nos obradoiros de técnicas de teatro, así como nos de danza e música tradicional galega poderá colaborar nalgunhas fases desas modalidades o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellería de Cultura e Deporte, baseándose para tal fin nas súas unidades de produción:

-Centro Dramático Galego.

-Grupo de Gaitas da Comunidade Autónoma de Galicia e outros especialistas.

6. Cobertura sanitaria: os beneficiarios destes obradoiros gozarán durante a súa estadía específica en Galicia da cobertura sanitaria do Servizo Galego de Saúde en casos de urxencia, nos termos establecidos no correspondente convenio de asistencia sanitaria e por un período non superior a tres meses.

Artigo 62º.-Modalidades dos obradoiros.

1. Obradoiro en técnicas de teatro, que poden abarcar os contidos seguintes:

a) Texto teatral: natureza, análise e texto de representación.

b) Repartición, ensaios e traballo do director de escena.

c) Espacio escénico: escenografía, movemento, iluminación e espazo sonoro.

d) Os estilos escénicos, produción na posta en escena, últimos ensaios e ensaios xerais.

e) Calquera outra técnica de representación teatral (construción e posta en escena de marionetas e monicreques, etc.), que poida ser de interese para os grupos das nosas comunidades.

2. Obradoiro de novas tecnoloxías e a internet, que abarcará os seguintes contidos:

a) Introdución ao manexo de ordenadores e equipamento informático.

b) Conceptos básicos do manexo de ferramentas ofimáticas.

c) Nocións previas da internet.

d) O portal Galicia Aberta.

3. Obradoiro básico de dinamizadores de entidades e oficinas de información, cos seguintes contidos:

a) Habilidades sociais.

b) Liderado e condución de grupos.

c) Técnicas de mediación social e resolución de conflitos en entidades.

d) Busca, canalización e difusión da información.

e) Atención ao usuario.

f) Protocolo básico.

g) Participación social e movemento comunitario.

h) Márketing e difusión básica da información.

i) Programas da Secretaría Xeral de Emigración.

4. Obradoiro de técnicas de danza e baile folclórico galego, cos seguintes contidos:

-Técnicas de danza clásica e de carácter: aplicación ao folclore galego.

-Colocación e movemento corporal. Música, ritmo e mimo.

-Escenario e vestiario.

-Técnica dos puntos: danzas e coreografías galegas. Percusión.

5. Obradoiro de música tradicional galega, co seguinte contido, a nivel medio:

-A gaita galega, principios xerais. Afinación do roncón e do punteiro.

-Interpretación de muiñeiras, xotas, danzas festivas e danzas gremiais.

-Nocións de percusión

6. Obradoiro de confección de compoñentes da gaita, cos seguintes contidos:

-Coñecemento e utilización dos materiais e ferramentas necesarias para a construción de palletas e pallóns. Modos de fabricación.

-Afinado do roncón e do punteiro.

7. Obradoiro de técnicas de pandeireta e canto, cos seguintes contidos:

-Visión global do canto e da percusión en Galicia.

-As distintas maneiras de tocar e cantar o ritmo da muiñeira, da xota e do valse.

-Os distintos xeitos de tocar agarrados.

-Presentación doutros tipos de percusión relacionándoos co canto.

Artigo 63º.-Solicitantes.

1. Poderán solicitar este programa as entidades galegas que teñan recoñecida a súa galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, coa correspondente proposta de participantes. As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e socios ou colaboradores das ditas entidades.

2. As entidades solicitantes de prazas para estes obradoiros, ao facer a preselección que figurará na súa solicitude, deberán valorar os seguintes criterios nos aspirantes:

a) Grao de ascendencia galega.

b) O grao de responsabilidade dentro da entidade galega na modalidade que se solicita.

c) Pertencer ao grupo teatral, folclórico ou ser colaborador desa entidade ou das oficinas de información.

d) Para os obradoiros de folclore valorarase a participación noutros cursos desenvolvidos nos países de residencia ao amparo dos correspondentes programas da secretaría.

e) Para o obradoiro básico de dinamizadores de entidades e oficinas de información valorarase traballar activamente en programas de dinamización nas súas entidades ou ser proposto como monitor acompañante no programa «descubre a túa orixe 2006».

3. Terán preferencia para asistir aos obradoiros aquelas persoas que acrediten ter algunha responsabilidade, dentro da súa comunidade galega, nas áreas de novas tecnoloxías, información, teatro, ou folclore.

4. Por cada entidade non poderán participar nos obradoiros máis de dúas persoas en cada unha das modalidades.

Artigo 64º.-Financiamento dos obradoiros.

A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo do custo da viaxe dos participantes procedentes de fóra da península, resto de Europa e América, de ida e volta, desde os lugares de partida fixados pola secretaría ata os aeroportos de Galicia.

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, no caso dos obradoiros de música, teatro e danza tradicional galega, poderá participar proporcionando as correspondentes instalacións e coa selección e dotación do profesorado.

O resto do financiamento necesario para poñer en funcionamento os obradoiros será a cargo da secretaría, sempre tendo en conta os acordos entre as diferentes entidades e organismos colaboradores.

Artigo 65º.-Documentación.

A documentación necesaria para solicitar a participación nestes obradoiros será:

a) Solicitude da entidade, segundo o modelo normalizado que aparece no anexo 9 desta orde, totalmente cuberta en todos os seus puntos. Para cada modalidade de obradoiro na que se desexe presentar participantes, deberase cubrir unha solicitude-proposta. Se a entidade presentase solicitudes para participar en varias modalidades, deberá indicarse en cada unha delas no lugar establecido para o efecto, a orde de preferencia na adxudicación das distintas modalidades de obradoiros.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade ou do pasaporte e breve currículo de cada aspirante con referencia especial aos coñecementos, títulos, experiencia, etc. na materia obxecto do curso.

c) Dúas fotografías tamaño carné de cada aspirante.

Artigo 66º.-Lugar e prazo de presentación.

1. Lugar de presentación.

As entidades galegas presentarán as solicitudes, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración (Os Basquiños, 2, 15704 Santiago

de Compostela, A Coruña) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de marzo de 2006.

Artigo 67º.-Tramitación e resolución:

1. A Secretaría Xeral de Emigración valorará as solicitudes en función do alcance, difusión do obradoiro e participación do conxunto da comunidade na que se asenta a entidade, así como de acordo cos criterios sinalados no artigo 63º.

2. A secretaría resolverá sobre a concesión do obradoiro e notificarallo á entidade galega. Así mesmo, publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de obradoiros concedidos.

3. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral de Emigración efectúe as comprobacións que crea necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

Disposicións comúns para os distintos programas convocados nesta orde

Artigo 68º.-Prazo de resolución e recursos.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común. Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, en caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no

caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 69º.-Obriga de reintegro.

O falseamento de datos ou da documentación achegada pola persoa ou entidade beneficiaria dalgún dos programas desta convocatoria comportará a obriga do reintegro da contribución económica realizada pola secretaría xeral con esa finalidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Secretaría Xeral de Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta orde. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral de Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas ás que van dirixidos os programas regulados nesta orde prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

Segunda.-A Secretaría Xeral de Emigración poderá requirir en todo momento a documentación orixinal ou copia compulsada que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes programas previstos nesta orde.

Terceira.-As entidades asociativas galegas que antes da entrada en vigor desta orde teñan en tramitación un procedemento, ben para o recoñecemento como centro colaborador desta Secretaría Xeral de Emigración ao amparo do Decreto 195/1991, do 30 de maio, ou ben para o recoñecemento da galeguidade ao amparo do Decreto 3/1987, do 8 de xaneiro, e reúnan os requisitos exixidos na lexislación aplicable para o recoñecemento como centros colaboradores poderán solicitar ou participar nos programas establecidos nesta orde.

Cuarta.-Os gastos en bens correntes e servizos que se ocasione con motivo da realización dos programas a que se refire esta orde realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.213-A.226.07 (actuacións derivadas da Lei de galeguidade). O crédito inicialmente destinado para estas finalidades é de 1.200.000 euros sen prexuízo das modificacións que legalmente poidan efectuarse ao longo do exercicio.

As resolucións de concesión derivadas da execución dos distintos programas estará sempre condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente na referida aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Secretaría Xeral de Emigración para ditar as resolucións que tecnicamente sexan necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2006.

José Luís Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza