DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 2006 Páx. 2.774

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 8 de febreiro de 2006 pola que se establece o procedemento e requisitos para a obtención do carné profesional de operador de guindastre torre ao abeiro da disposición transitoria primeira, e punto 4.2 do anexo VI, do Real decreto 836/2003, do 27 de xuño.

Por orde da Consellería de Innovación, Industria e Comercio do 13 de xaneiro de 2004 (DOG nº 36, do 20 de febreiro), modificouse a da Consellería de Industria e Comercio, do 27 de decembro de 2000 (DOG nº 11, do 16 de xaneiro de 2001), pola que se estableceu o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais no ámbito desta comunidade autónoma.

Tal modificación tivo, entre outras finalidades, a de incluír no ámbito de aplicación da citada norma a expedición do carné profesional de operador de guindastre torre, que fora establecido e regulado polo Real decreto 836/2003, do 27 de xuño, polo que se aproba unha nova Instrución técnica complementaria MIE-AEM-2 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, referente a guindastres torre para obras ou outras aplicacións.

No que atinxe aos requisitos para a obtención deste carné, a citada orde (anexo I) limítase a efectuar unha remisión ao establecido no número 3 do anexo VI do real decreto que se ven de citar. Por iso, o propio real decreto prevé un réxime transitorio para a obtención deste título polos operadores de guindastres torre con experiencia demostrada ou que dispoñan da formación específica adecuada, existentes ao tempo da súa entrada en vigor (disposición transitoria primeira), así como un réxime excepcional para as persoas que no prazo dun ano acrediten experiencia profesional no manexo destes aparellos (anexo VI, punto 4.2).

Dado que corresponde á comunidade autónoma a competencia para a expedición dos carnés de operador de guindastre torre, faise necesario regular o procedemento e requisitos para levar a cabo as referidas previsións dentro do prazo previsto na disposición transitoria primeira do real decreto citado.

A Orde do 17 de agosto de 1992 (DOG nº 201, do 15 de outubro), mediante a que se ditaron normas de procedemento para a aplicación da instrución técnica complementaria MIE-AEM-2 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención referentes a guindastres torre desmontables para obra, atribuíu ás delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria a competencia relativa ao control da aptitude profesional das persoas designadas como operadores de guindastre torre. Os seus contidos pasaron a integrarse, posteriormente, no Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade industrial (DOG nº 129, do 6 de xullo).

Tendo en conta tales antecedentes, o réxime transitorio que mediante esta orde se aplica comprende os operadores que, reunindo tales condicións, acrediten, ademais, unha experiencia mínima de dous anos ininterrompidos, ou tres con interrupción, no manexo de guindastre torre, con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 836/2003, do 27 de xuño.

Finalmente, esta orde precisa, tanto o ámbito subxectivo, como o procedemento de aplicación do réxime excepcional para a obtención deste carné profesional previsto no punto 4.2 do anexo VI do real decreto a que se ven facendo referencia.

Na súa virtude, e en uso das competencias que a Consellería de Innovación e Industria ten atribuídas na materia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento e requisitos a que se suxeitará, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a expedición do carné profesional de operador de guindastre torre, en execución do previsto na disposición transitoria primeira do Real decreto 836/2003, do 27 de xuño.

Igualmente, mediante esta orde regúlase o procedemento para a acreditación da experiencia profesional que faculta para optar a obtención do referido carné profesional de conformidade co previsto no punto 4.2 do anexo VI da instrución técnica complementaria MIE-AEM-2 aprobada polo referido real decreto.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O disposto nesta orde será aplicable:

1. Aos operadores de guindastre torre existentes na Comunidade Autónoma de Galicia que acrediten, ao tempo da entrada en vigor do Real decreto 836/2003, do 27 de xuño, unha experiencia de dous anos ininterrompidos, ou tres con interrupción, no manexo dos referidos aparellos, e dispoñan de formación específica adecuada.

2. Ás persoas que acrediten ter adquirido, antes do 17 de outubro de 2004, experiencia profesional mínima dun ano no manexo de guindastre torre, conforme o previsto no artigo 4.

Artigo 3º.-Obtención do carné profesional de operador de guindastre torre en aplicación da disposición transitoria primeira do Real decreto 836/2003.

1. Os operadores de guindastre torre a que se refire o punto 1º do artigo 2 desta orde poderán obter o carné profesional a que se refire o anexo VI do Real decreto 836/2003, do 27 de xuño, mediante a acreditación dos seguintes requisitos:

a) Estar en posesión de certificación ou habilitación de operador de guindastre torre anterior ao

17 de outubro de 2003, dunha Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria expedida no marco do establecido no artigo 39 do Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade industrial, ou constar documentalmente nos arquivos correspondentes das delegacións provinciais como operador de guindastre torre nas mesmas condicións.

b) Dispor, na mesma data, dunha experiencia de dous anos ininterrompidos, ou tres con interrupción, no manexo de guindastres torre, o que se acreditará documentalmente por, cando menos:

-Vida laboral do traballador, expedida polo Instituto Nacional da Seguridade Social.

-Certificación das empresas titulares dos guindastres torre nas que se exerceu a actividade ou das empresas para as que traballasen como operadores de guindastre.

c) Superar un exame médico sobre agudeza visual, sentido da orientación, equilibrio e agudeza auditiva, e aptitudes psicolóxicas.

2. Os interesados solicitarán a expedición do carné profesional de operador de guindastre torre na delegación provincial correspondente da Consellería de Innovación e Industria. Para isto deberán presentar unha solicitude, segundo o modelo oficial que figura no anexo I desta orde, xunto co resto da documentación acreditativa, antes do 15 de abril de 2006.

3. As solicitudes tramitaranse en procedemento, que instruirá o Servizo Provincial de Administración Industrial, e ao que se incorporarán de oficio, cantos antecedentes e datos consten na delegación provincial permitan verificar a exactitude dos requisitos alegados polos interesados.

4. No prazo máximo de seis meses contados a partir da publicación desta orde, o delegado provincial ditará resolución debidamente motivada, autorizando ou denegando a expedición dos carnés solicitados.

En caso de que non se ditara resolución expresa no prazo sinalado, os solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. Os carnés serán emitidos nos termos da Orde do 27 de decembro de 2000, modificada pola Orde do 13 de xaneiro de 2004, na que se establece o procedemento unificado para a obtención dos carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial.

Artigo 4º.-Procedemento excepcional para a obtención do carné profesional de operador de guindastre torre establecido no punto 4.2 do anexo VI, do Real decreto 836/2003.

1. A obtención do carné profesional de operador de guindastre torre polas persoas que acrediten unha experiencia profesional dun mínimo dun ano no manexo destes aparellos, adquirida con anteriori

dade ao 17 de outubro de 2004, suxeitarase ao réxime xeral previsto no anexo I da Orde do 27 de decembro de 2000, modificada pola Orde do 13 de xaneiro de 2004, coas seguintes especialidades:

a) Eximirase da realización do módulo práctico ordinario do curso, que se substituirá por outro de 15 horas de duración.

b) Non será exixible que o solicitante se atope en posesión dun certificado de estudos primarios.

2. A experiencia profesional xustificarase mediante:

-Vida laboral do traballador, expedida polo Instituto Nacional da Seguridade Social.

-Certificación das empresas titulares dos guindastres torre nas que se exerceu a actividade ou das empresas para as que traballasen como operadores de guindastre.

3. Os interesados poderán solicitar na delegación provincial o recoñecemento da experiencia profesional presentando antes do 15 de abril de 2006, unha solicitude segundo o modelo oficial que figura no anexo II desta orde, xunto coa documentación que acredite a experiencia requirida.

4. A delegación provincial, despois das verificacións que procedan, e no prazo de tres meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, expedirá ou denegará motivadamente o certificado acreditativo da experiencia, para efectos de que o interesado poida realizar o curso previsto no punto 1 a) deste artigo.

Artigo 5º.-Recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro do establecido nesta orde serán recorribles en alzada ante o conselleiro de Innovación e Industria conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Para efectos do disposto na disposición transitoria primeira do Real decreto 836/2003, do 27 de xuño, os operadores de guindastre torre que dispoñan da formación específica adecuada poderán solicitar o recoñecemento da mesma na Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas da Consellería de Innovación e Industria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para ditar cantos actos sexan necesarios para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA