DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 2006 Páx. 2.279

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de febreiro de 2006 pola que se convocan licenzas por estudos para o curso 2006-2007 destinadas a funcionarios docentes non universitarios e se aproban as súas bases de concesión.

O artigo 55 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que os poderes públicos prestarán unha atención prioritaria ao conxunto de factores que favorecen a calidade e mellora do ensino, citando entre estes factores a cualificación e a formación do profesorado.

Pola súa vez, a citada lei, no seu artigo 56, determina que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros. Indica que, periodicamente, o profesorado deberá realizar actividades de actualización científica, didáctica e profesional nos centros docentes, en institucións formativas específicas, nas universidades e, no caso do profesorado de formación profesional, tamén nas empresas.

A mesma lei mencionada, na disposición adicional terceira, indica que as administracións educativas, co fin de asegurar a necesaria calidade do ensino, proverán os recursos necesarios para a inclusión de licenzas por estudos ou outras actividades nos plans institucionais de formación permanente do profesorado, para asegurarlles a todos os profesores ao longo da súa vida profesional a posibilidade de acceder a períodos formativos fóra do centro escolar.

No momento actual cobra unha especial importancia a formación do profesorado a través de períodos longos nos cales se reforce, complete ou actualice a súa formación inicial. Nalgúns colectivos a formación programada a través de actividades curtas e puntuais non parece suficiente, polo que se considera conveniente ofertar esta modalidade formativa de máis longa duración para favorecer que os profesionais amplíen a formación na súa especialidade, realicen proxectos de investigación e mesmo acaden unha nova titulación, especialmente naqueles casos nos que é exixida pola normativa vixente.

Por todo o exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Convocatoria

Artigo 1º

Convócanse licenzas por estudos retribuídas para o curso 2006-2007, dirixidas a funcionarios docentes de carreira que pertenzan aos corpos detallados no artigo terceiro, destinados actualmente e durante o próximo curso 2006-2007 en centros docentes, en equipos de orientación específicos, en centros de formación e recursos, nos servizos centrais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos servizos provinciais de Inspección Educativa, dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo as condicións e a distribución por corpos e modalidades que se establecen e relacionan no anexo I desta orde.

Artigo 2º

Convócanse, así mesmo, licenzas sen retribución para os devanditos funcionarios, que poderán ser concedidas por períodos de seis ou de doce meses ininterrompidos cada tres anos, sempre que non o impidan as necesidades do servizo. Así, outorgarenselles todas as licenzas sen retribución económica aos aspirantes que cumpran os requisitos xerais establecidos nesta convocatoria agás os sinalados nos puntos cinco e sete do artigo catro.

Candidatos

Artigo 3º

Os corpos aos que se refiren os artigos precedentes son os que se detallan a continuación:

a) Mestres.

b) Profesores de ensino secundario.

c) Catedráticos de ensino secundario.

d) Profesores técnicos de formación profesional.

e) Mestres de taller de artes plásticas e deseño.

f) Profesores de artes plásticas e deseño.

g) Catedráticos de artes plásticas e deseño.

h) Catedráticos de música e artes escénicas.

i) Profesores de música e artes escénicas.

k) Profesores de escolas oficiais de idiomas.

l) Catedráticos de escolas oficiais de idiomas.

ll) Corpos e escalas docentes declaradas a extinguir.

m) Inspectores de Educación e inspectores ao servizo da Administración educativa.

Condicións

Artigo 4º

Os candidatos ás licenzas deberán reunir os seguintes requisitos agás as excepcións do artigo 2º:

1. Estaren en situación de servizo activo e prestando servizos ininterrompidos durante os cursos 2004-2005 e 2005-2006, e no 2006-2007 seguiren tendo destino en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nos servizos provinciais de Inspección Educativa.

2. Agás nas licenzas non retribuídas, ter, como mínimo, tres anos de antigüidade como funcionario de carreira nos corpos e escalas que se detallan no artigo 3º desta orde. Para estes efectos computaranse os servizos ata o 31 de agosto de 2006.

3. Non estar destinado en comisión de servizos durante o curso académico para o que se solicita a licenza. Para tales efectos será de aplicación o disposto no artigo 14º.4 desta convocatoria.

4. Non estar destinado en adscrición temporal no exterior durante o curso 2005-2006 nin durante o período para o que se solicita a licenza. Para tales efectos será de aplicación o disposto no artigo 14º.4 desta convocatoria.

5. Obter como mínimo catro puntos no epígrafe 1.2 do baremo que figura no anexo III a esta convocatoria.

6. Non ter gozado de licenza por estudos retribuída outorgada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

7. O gozo dunha licenza por estudos é incompatible con programas europeos, estadías formativas en empresas e actividades formativas no estranxeiro; polo que se un solicitante obtén praza en calquera destas convocatorias, deberá notificarlo con carácter de urxencia e por escrito á directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Solicitudes e documentación

Artigo 5º

Os candidatos ás licenzas por estudos retribuídas que se convocan deberán presentar a súa solicitude segundo o modelo do anexo II e segundo o procedemento establecido nos artigos 6º e 7º.

Os candidatos ás licenzas non retribuídas deberán presentar unicamente a solicitude (anexo II), na que indicarán o período solicitado.

Artigo 6º

Para os solicitantes das licenzas retribuídas, á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

1. Proxecto de estudos ou de traballo de investigación que se pretenda realizar durante o período da licenza, segundo o contido do anexo IV.

2. No caso de solicitudes de licenzas por estudos para obter por primeira vez o título de licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou estudos equivalentes; diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou estudos equivalentes, deberá presentarse promesa ou declaración xurada de non ter previamente unha titulación equivalente ou superior.

3. Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que se considere conveniente alegar. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no anexo III desta orde.

4. No caso das licenzas por cuadrimestres (modalidade 4 e 5) deberase especificar o cuadrimestre que se prefire; de non facelo, adxudicaráselle automaticamente o primeiro.

Prazo de presentación

Artigo 7º

As solicitudes, xunto coa documentación expresada anteriormente, deberán presentarse no prazo dun mes, contado a partir do seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certifi

cación. Todos os participantes deberán presentar relación numerada e asinada da documentación entregada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo III. Non serán tidos en conta nin valorados os méritos e servizos alegados e non xustificados debidamente, nin os que aleguen fóra do prazo ao que se refire este artigo.

Valoración profesional

Artigo 8º

O Servizo de Inspección de Educación da delegación provincial correspondente emitirá un informe segundo o modelo que aparece como anexo V a esta orde.

Artigo 9º

No caso dos inspectores de Educación ou inspectores ao servizo da Administración educativa, o informe expedirao a Subdirección Xeral de Inspección, segundo o anexo VI desta orde.

Artigo 10º

1. Os informes aos que se refiren os artigos 8º e 9º deberán remitirse á presidencia da comisión seleccionadora dentro dos dez días naturais seguintes ao da recepción da súa solicitude. A dita solicitude será realizada previamente pola presidenta da comisión de selección.

2. O informe dos profesores solicitantes que estean destinados en comisión de servizos, liberados sindicais, etc. referirase ao período docente anterior ao destino en comisión de servizos.

3. O resultado deste informe traducirase nunha valoración global de 0 a 1 punto, segundo se especifica no apartado 2.2 do anexo III.

Comisión de selección

Artigo 11º

1. A selección dos candidatos realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-Presidenta: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

-Vogais: ata un máximo de catro vogais, con categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou membros da Inspección Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear un representante para asistir ás sesións da comisión.

-A comisión poderá solicitar a incorporación de asesores especialistas aos seus traballos, limitándose os devanditos asesores a prestaren a súa colaboración.

2. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 2, 3 e 5 do baremo do anexo III.

Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

3. Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, esta comisión considérase incluída na categoría primeira.

Resolución da convocatoria

Artigo 12º

Para as licenzas retribuídas, a comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo III desta convocatoria e tendo en conta, ademais, os seguintes criterios prioritarios, para efectos de outorgar a puntuación correspondente:

1. Na modalidade 1 (tese de doutoramento) terase en conta como criterio prioritario a súa relación co currículo das áreas ou materias de todas as etapas educativas. Excluiranse automaticamente aquelas teses de doutoramento que non se atopen na fase final da súa elaboración, polo que a persoa que dirixe a tese deberá xustificar que a súa presentación, para a súa defensa, se realizará durante o período da licenza, segundo o modelo que aparece como anexo VII desta orde.

2. Nas modalidades 2, 3 e 4 (primeira licenciatura, enxeñaría ou arquitectura; primeira diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica; segunda licenciatura, enxeñaría ou arquitectura) daráselles prioridade a aquelas solicitudes relacionadas con algunha das distintas áreas do currículo da educación secundaria obrigatoria, materias do bacharelato ou módulos dos ciclos formativos así como ás de pedagoxía, psicoloxía ou psicopedagoxía.

Excluiranse os solicitantes que no momento de presentaren a documentación:

a) Teñan só pendente unha ou dúas materias para rematar a licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes; primeira diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes.

b) Teñan pendente, para rematar, ademais dun curso completo (ou número equivalente de materias) outras tres ou máis materias.

Para estes efectos consideraranse superadas todas as materias das que o solicitante estea matriculado no momento de presentar a documentación ata un máximo dun curso completo.

Considerarase como unha materia aquela que ten a duración dun curso académico ou entre doce e quince créditos. A comisión poderá facer as equivalencias pertinentes segundo a duración deles.

3. Na modalidade 5, licenzas de proxectos, estes centraranse en traballos de investigación directamente relacionados co ámbito de traballo docente dos solicitantes e coas necesidades do sistema educativo, tendo en conta o seguinte:

a) Realizaranse, preferentemente, sobre algún dos seguintes ámbitos:

-Elaboración de materiais curriculares relacionados coas distintas áreas e materias do currículo.

-Elaboración de materiais curriculares ou recursos educativos para favorecer a integración do alumnado inmigrante.

-Elaboración de recursos educativos multimedia interactivos.

-Elaboración de materiais curriculares que contribúan á utilización da lingua galega no ensino.

-Atención á diversidade.

-Orientación educativa, psicopedagóxica e profesional.

-Mellora da calidade da educación.

-Dirección e organización dos centros docentes.

-Aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación ás áreas, materias e módulos do currículo.

-Temas transversais do currículo no ensino non universitario.

-Mellora da competencia comunicativa nas linguas estranxeiras. Neste caso, primarase a inmersión lingüística nun país da Unión Europea, para adquirir o dominio da súa lingua e coñecer a súa realidade sociocultural.

b) No caso de que o proxecto de investigación ou innovación, nesta modalidade, sexa realizado por un equipo só poderá dispoñer de licenza retribuída o/a coordinador/a del.

c) A elaboración do proxecto deberá facerse segundo se indica no anexo IV.

d) A comisión poderá convocar os interesados para a realización dunha entrevista.

No caso das licenzas de proxectos para os funcionarios dos corpos de inspectores, poderán centrarse, ademais dos temas referidos anteriormente, en temas relacionados coas funcións da Inspección Educativa.

4. En caso de empate entre os funcionarios, este dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no epígrafe 1.2 do baremo.

b) Maior puntuación no epígrafe 2.1 do baremo.

5. No caso de se produciren vacantes nalgunha das modalidades ofertadas, poderán acumularse a outras modalidades, atendendo aos criterios seguintes:

a) No corpo de mestres, as vacantes da modalidade 1 poderán acumularse á modalidade 2 e viceversa.

b) Para os corpos de inspectores, as vacantes poderán acumularse entre as modalidades 4 e 5 e viceversa.

c) Para o resto dos corpos poderán acumularse entres si as vacantes das modalidades 1, 2 e 3 e viceversa; e, por outra parte, as vacantes das modalidades 4 e 5 e viceversa.

6. En ningún caso poderá excederse o número total de licenzas retribuídas establecido coa distribución indicada no anexo I.

Artigo 13º

1. A relación dos preseleccionados, tanto para as licenzas retribuídas como non retribuídas, farase

pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e das delegacións provinciais, así como no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (www.edu.xunta.es) na internet, abríndose un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ante a presidenta da comisión. Transcorrido este prazo, unha vez resoltas as reclamacións, a comisión seleccionadora remitiralle á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da concesión de licenzas por estudos, xunto coa acta ou actas definitivas nas cales se indicarán as valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final dos seleccionados para as licenzas retribuídas; engadirase á acta unha lista cos beneficiarios das licenzas non retribuídas.

2. No mesmo prazo establecido no parágrafo anterior, poderán presentarse renuncias á concesión das licenzas por estudos perante a mencionada comisión seleccionadora.

Artigo 14º

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará a resolución definitiva de licenzas por estudos no Diario Oficial de Galicia, expedindo, así mesmo, as credenciais singulares correspondentes.

2. Unha vez resolta esta convocatoria non se admitirán renuncias ás licenzas concedidas, agás casos de excepcional gravidade e libremente apreciados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

4. No caso de que un profesor obtivese simultaneamente un posto en réxime de comisión de servizos, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria concederá a licenza ou ben a comisión atendendo ás necesidades do servizo.

5. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses desde a data de publicación desta orde.

Períodos de duración das licenzas

retribuídas por estudos

Artigo 15º

1. O período improrrogable de duración das licenzas dun curso completo será, como máximo, do 1 de setembro de 2006 ao 31 de agosto de 2007, para o profesorado de educación infantil e de educación primaria, e desde o 15 de setembro de 2006 ao 14 de setembro de 2007, para os corpos do profesorado de ensino secundario, mestres que impartan docencia no primeiro ciclo da educación secundaria

obrigatoria, ensinos do réxime especial e inspectores.

2. Nas licenzas cuadrimestrais das modalidades 4 e 5, a duración dos cuadrimestres establécese do seguinte xeito:

a) Para o profesorado de educación infantil e de educación primaria:

-Primeiro cuadrimestre: do 1 de setembro de 2006 ao 31 de decembro de 2006.

-Segundo cuadrimestre: do 1 de xaneiro de 2007 ao 30 de abril de 2007.

-Terceiro cuadrimestre: do 1 de maio de 2007 ao 31 de agosto de 2007.

b) Para o profesorado que imparta docencia no ensino secundario e nas ensinanzas de réxime especial:

-Primeiro cuadrimestre: do 15 de setembro de 2006 ao 14 de xaneiro de 2007.

-Segundo cuadrimestre: do 15 de xaneiro de 2007 ao 14 de maio de 2007.

-Terceiro cuadrimestre: do 15 de maio de 2007 ao 14 de setembro de 2007.

c) Para funcionarios dos corpos de inspectores:

-Segundo cuadrimestre: do 1 de xaneiro de 2007 ao 30 de abril de 2007.

-Terceiro cuadrimestre: do 1 de maio de 2007 ao 31 de agosto de 2007.

Documentación xustificativa

Artigo 16º

Ao longo do período de licenzas por estudos, os profesores beneficiarios das licenzas retribuídas presentarán perante o Servizo de Formación do Profesorado da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a seguinte documentación:

1. Para a modalidade 1 enviarase entre o 16 e o 31 de marzo resumo do traballo realizado ata esa data.

2. Para as modalidades 2, 3 e 4 enviarase:

a) Durante os meses de outubro e novembro de 2006, orixinal ou fotocopia compulsada do xustificante da matrícula no centro no que se realizarán os estudos e pagamento das taxas desta.

b) Para as modalidades 2 e 3 certificado de asistencia ás clases feito por cada profesor referido ata o 15 de marzo de 2007, que se remitirá entre o 16 e o 31 do dito mes, ou declaración xurada de non ter clases presenciais, se é o caso.

c) No caso da modalidade 4, ao ser cuadrimestral, certificado de asistencia ás clases feito por cada profesor ou declaración xurada de non ter clases presenciais, se é o caso, que se enviará do 1 ao 8 do terceiro mes no que goce a licenza.

d) Para a modalidade 5, ao ser cuadrimestral, enviarase do 1 ao 8 do terceiro mes no que goce a licenza resumo do traballo realizado ata esa data.

3. No prazo dun mes, contado desde a finalización do período da licenza por estudos e como documen

tación xustificativa dela, enviarase, segundo a modalidade, a seguinte documentación:

a) Para a modalidade 1: orixinal ou fotocopia compulsada do xustificante de ter depositada a tese para a súa lectura.

b) Para as modalidades 2, 3 e 4: certificación académica orixinal ou fotocopia compulsada dos estudos realizados. No caso dos beneficiarios da modalidade 4, o prazo de presentación estenderase ata o remate do curso académico.

c) Para a modalidade 5: un orixinal da memoria do proxecto realizado e unha copia dela en soporte informático, que comprenderá o conxunto de disquetes ou CD-ROM necesarios. Os arquivos de texto estarán elaborados cun procesador estándar para ordenador persoal. Tamén poderán incluírse arquivos de follas de cálculo, de base de datos, de ilustracións, debuxos ou gráficos.

4. Unha vez rematado o prazo de presentación das documentacións xustificativas das licenzas, reunirase a comisión para facer a avaliación destas. O resultado acadado comunicaráselles aos interesados por escrito.

Situación administrativa e compromisos

dos seleccionados

Artigo 17º

Durante o tempo de duración da licenza por estudos os profesores seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias, agás no caso das licenzas non retribuídas.

Os beneficiarios dunha licenza por estudos consideraranse, para todos os efectos, en situación de servizo activo. O profesorado beneficiario de licenza sen retribución deberá aboar as cotizacións correspondentes ao funcionario e á Administración.

Artigo 18º

A concesión de licenzas por estudos con retribución implicará a incompatibilidade con calquera outra actividade pública ou privada, excepto para aqueles funcionarios docentes que teñan concedida unha compatibilidade con anterioridade á publicación desta orde. A concesión dunha licenza non retribuída admitirá simultaneidade con outras axudas económicas.

Artigo 19º

O incumprimento do disposto nesta convocatoria poderá dar lugar á rescisión da licenza por estudos ou á posible incursión en responsabilidades disciplinarias de acordo co vixente Regulamento do réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Seguimento

Artigo 20º

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa efectuará o adecuado seguimento e control dos estudos e traballos que se realicen durante o período da licenza e poderá solicitar directamente, a través de entrevista, ou por medio da Inspección Educativa, información sobre o traballo realizado e sobre o que queda pendente, de tal xeito que o

non cumprimento do establecido no proxecto inicial poida dar lugar á rescisión da licenza.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria disporá das memorias e dos traballos realizados de acordo coa lexislación vixente sobre propiedade intelectual.

2. Os autores, para poder publicar pola súa conta os devanditos traballos, deberán solicitar e contar coa autorización previa da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, facendo constar na correspondente publicación que o traballo foi realizado durante unha licenza por estudos retribuída pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta mención figurará tanto no caso de que a publicación do traballo sexa total como parcial.

3. Co fin de que as investigacións poidan ser coñecidas polo profesorado, para contribuír á mellora do ensino, os traballos que coide de especial interese a comisión de avaliación poderán ser difundidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Retirada de documentación

Artigo 21º

Unha vez transcorridos tres meses desde a data de publicación da resolución definitiva, os interesados, ou os seus representantes legais, poderán retirar a documentación ante a presidenta da comisión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Distribución das licenzas por estudos retribuídas que se convocan para o curso 2006-2007 segundo as modalidades e corpos ou escalas do profesorado:

Modalidades

Todos os corpos agás mestres

e inspectores

Corpo

de mestres

Corpos de

inspectores

1. Teses de doutoramento (curso completo)841

2. Primeira licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes

(curso completo)

525-

3. Primeira diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes (curso completo)5--

4. Segunda licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes (cuadrimestral)10-1

5. Proxectos (cuadrimestral)60501

Totais88793

ANEXO IV

Esquema do contido do proxecto de estudos e da documentación complementaria, segundo o caso

Modalidade:

1. Teses:

1.1. Título da tese.

1.2. Informe da persoa que a dirixe, segundo o modelo do anexo VII, no que se especifique a data do comezo do traballo e que este se atopa na fase final da súa elaboración.

1.3. Traballo xa realizado.

1.4. Traballo que realizará durante o período da licenza.

1.5. Certificación académica orixinal ou fotocopia compulsada de ter aprobados os créditos correspondentes á tese de doutoramento.

1.6. Certificación orixinal ou fotocopia compulsada do departamento no que estea inscrita a tese.

2. Primeira licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes.

2.1. Escrito no que se especifique claramente as materias que lle faltan para obter a licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes, concretando a que curso pertencen.

2.2. Certificación académica orixinal do curso 2005-2006 dos estudos realizados ata a data, correspondentes á licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes que solicita, na que conste, se é o caso, as materias nas cales estea matriculado no curso 2005-2006.

2.3. Fotocopia do plan de estudos que está a seguir.

2.4. Centro no que proxecta realizar os estudos: nome, enderezo, localidade, provincia, país e teléfono.

3. Primeira diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes:

3.1. Escrito no que se especifique claramente as materias que lle faltan para obter a diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes, concretando a que curso pertencen.

3.2. Certificación académica orixinal do curso 2005-2006, dos estudos realizados ata a data, correspondentes á diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes que solicita, na que conste, se é o caso, as materias nas cales estea matriculado no curso 2005-2006.

3.3. Fotocopia do plan de estudos que está a seguir.

3.4. Centro no que proxecta realizar os estudos: nome, enderezo, localidade, provincia, país e teléfono.

4. Segunda licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes:

4.1. Escrito no que se especifique claramente as materias que lle faltan para obter a licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes, concretando a que curso pertencen.

4.2. Certificación académica orixinal do curso 2005-2006, dos estudos realizados ata a data, correspondentes á licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes que solicita, na que consten, se é o caso, as materias nas que estea matriculado no curso 2005-2006.

4.3. Fotocopia do plan de estudos que está a seguir.

4.4. Centro no que proxecta realizar os estudos: nome, enderezo, localidade, provincia, país e teléfono.

4.5. Especificar claramente o cuadrimestre que se prefire; de non facelo adxudicaráselle automaticamente o primeiro.

5. Proxectos:

Presentarase un proxecto sobre o estudo que se vaia realizar durante o período da licenza no que os profesores concretarán o traballo que van iniciar, determinando os aspectos do deseño e, de xeito especial, como serán levadas a cabo as fases de implementación e avaliación.

Neste proxecto, que poderá ser tanto de carácter organizativo como curricular, farase constar:

-Título do proxecto.

-Participante/s. Datos persoais e profesionais.

-Deseño do traballo que se vai realizar: xustificación baseada no contexto, obxectivos, contidos, metodoloxía, temporalización, recursos, organización de responsabilidades e tarefas para a posta en marcha e síntese do proceso de avaliación. Se se tratase de elaboración de materiais e non fose posible contrastalos na aula, especificaríanse as condicións para a súa aplicación. No caso de que xa existise un traballo persoal (ou de equipo) previo, en relación co proxecto que se presenta, engadirase un breve resumo das realizacións previas, indicarase a fase na que se atopa e desenvolverase o resto dos aspectos.

-Mencionarase de xeito explícito a relación co traballo de aula ou coa organización do centro, se é o caso.

-Os traballos ou investigacións que supoñan unha actuación en centros docentes ou noutras institucións públicas ou privadas, xuntarán certificado de

conformidade da dirección do/s centro/s co visto e prace da Inspección educativa, ou autorización dos responsables das institucións, se é o caso.

-O proxecto terá unha extensión máxima de 20 páxinas.

-Deberase especificar claramente o cuadrimestre que se prefire; de non facelo adxudicaráselle automaticamente o primeiro.

ANEXO V

Modelo de informe

Curso 2006-2007

Servizo de Inspección da Delegación Provincial

da Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria

Don/Dona

Corpo

NRP

DNI Centro de destino

Teléfono Localidade

Provincia

a) Organización da súa actividade docente:

b) Participación no funcionamento do centro:

c) Participación en programas educativos de innovación:

Total da valoración outorgada (de 0 a 1 puntos):

En , de de 2006.

O/a inspector/a

Visto e prace

O delegado provincial

ANEXO VI

Modelo de informe para inspectores

Curso 2006-2007

Subdirección Xeral de Inspección Educativa

da Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria

Don/Dona

Corpo

NRP

DNI Sede de destino

Teléfono

Localidade Provincia

a) Función de avaliación:

b) Función de asesoramento e información:

c) Función de control:

d) Colaboración na formación permanente do profesorado:

Total da valoración outorgada (de 0 a 1 puntos):

En , de de 2006.

O subdirector xeral de Inspección Educativa

Visto e prace

A directora xeral de Ordenación

e Innovación Educativa

ANEXO VII

Modelo de informe

Curso 2006-2007

Director/a da tese de doutoramento

Don/a, director/a

da tese de doutoramento,

presentada por Don/a,

informa do seguinte:

a) O traballo de investigación comezou con data do

b) Nestes momentos o traballo atópase na fase final da súa elaboración.

c) A presentación da tese para a súa defensa terá lugar, previsiblemente, antes do (1) de de 2007.

E, para que conste para os efectos de solicitude dunha licenza por estudos, asino a presente certificación en, de de 2006.

(sinatura)

(1) 31 de agosto de 2007, para o profesorado de educación infantil e primaria.

14 de setembro de 2007, para o profesorado de ensino secundario, mestres que impartan docencia no primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, ensino de réxime especial e inspectores.