DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 2006 Páx. 2.271

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2006, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se delegan competencias en materia de medios persoais e materiais da Administración de xustiza en Galicia a favor das delegacións provinciais desta consellería.

O Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Xustiza a competencia en materia de xestión do persoal ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia.

O artigo 46.1.1.2 deste decreto crea nas delegacións provinciais da consellería o Servizo de Xestión Técnico-Administrativa que desenvolverá as funcións propias que sobre a organización e xestión de medios persoais e materiais da Administración de xustiza lle corresponden á Dirección Xeral de Xustiza. Así mesmo, suprímese o Servizo de Xerencia de Xustiza que realizaba ata agora funcións de xestión en relación co persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

A reforma da Lei orgánica do poder xudicial levada a cabo pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, introduciu un novo modelo de oficina xudicial. Nesta nova estrutura organizativa, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza asume a xefatura de persoal respecto dos funcionarios destinados nos tribunais, fiscalías, xulgados

e servizos da Administración de xustiza en Galicia. O volume de xestión administrativa que resultou desta reforma legal fixo preciso ditar a Resolución do 27 de abril de 2004 (DOG do 6 de xuño), pola que a Dirección Xeral de Xustiza delegou funcións relativas a dita xefatura de persoal nas delegacións provinciais da consellería.

A entrada en vigor do novo decreto de estrutura orgánica fai precisa a aprobación dunha nova resolución de delegación de competencias que, por unha banda, substitúa a anterior e, por outra, desconcentre nas delegacións ás funcións que ata agora viña realizando o desaparecido Servizo de Xerencia de Xustiza. Medida que consolida un proceso de desconcentración da xestión de medios da Administración de xustiza, que aproxima o centro de decisión ás unidades xudiciais co obxecto de acadar maior axilidade e eficacia na xestión.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro.-Delegación de competencias.

Deléganse en favor das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza:

1. En relación co persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia:

a) A confección e pagamento das nóminas, a xestión dos seguros sociais e demais funcións de habilitación.

b) A provisión temporal de postos de traballo dos corpos de médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial a través do nomeamento de interinos dentro dos límites e criterios que estableza a Dirección Xeral de Xustiza.

c) Os acordos administrativos de aplicación do artigo 39.2º do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional, apro

bado por Real decreto 1451/2005, cando se trate de atribucións de funcións de xestor, tramitador ou auxilio xudicial en unidades distintas á do posto de traballo do funcionario pero dentro do mesmo centro de destino, segundo os criterios que aprobe a Dirección Xeral de Xustiza.

d) As comisións de servizo para suplir ausencias de funcionarios nas secretarías de xulgados de paz.

e) A determinación dos días de horario reducido por festividades locais, segundo os criterios que estableza a Dirección Xeral de Xustiza.

f) O control horario e os descontos en nómina en caso de incumprimento das xornadas.

g) Aprobación do plan de vacacións da oficina xudicial e concesión ou denegación das vacacións.

h) Concesión ou denegación de permisos por asuntos particulares e permisos por causa xustificada, incluídos os permisos de maternidade e paternidade en suposto de parto, adopción e acollemento, e os permisos de lactación por un fillo menor de doce meses, así como as reducións de xornada, con excepción da concesión de permisos para realizar funcións sindicais, de formación sindical e de representación do persoal.

i) Concesión ou denegación das licenzas de matrimonio.

j) Concesión ou denegación das licenzas por asuntos propios sen dereito a retribución ningunha.

k) Concesión das licenzas iniciais de enfermidade e sucesivas prórrogas ata os dezaoito meses.

l) As actuacións administrativas e sancións previstas no Regulamento xeral de réxime disciplinario do persoal ao servizo da Administración de xustiza, aprobado por Real decreto 796/2005, en relación coas faltas leves.

2. En relación con outras materias da competencia da Dirección Xeral de Xustiza:

a) A fiscalización dos acordos municipais de nomeamento de persoas idóneas para o desempeño de secretarías de xulgados de paz de conformidade co previsto no artigo 50.3º da Lei de planta e demarcación xudicial, así como o pagamento das compensacións económicas aplicables.

b) O/A repartición de tarefas, organización do traballo e supervisión da súa execución respecto do persoal laboral da consellería ao servizo da Administración de xustiza, así como o control de asistencia e puntualidade.

c) A xestión que lles sexa encomendada en materia de gastos de funcionamento da Administración de xustiza, para o que desenvolverán funcións de habilitación e de xestión das oportunas contas que se van xustificar.

d) A tramitación das reclamacións económicas de profesionais e técnicos privados por motivo da súa colaboración coa Administración de xustiza en cali

dade de peritos, depositarios, intérpretes e tradutores.

e) A xestión que lles sexa encomendada en materia de medios materiais da Administración de xustiza, en particular, respecto da subministración de material de oficina, material non inventariable, outras subministracións e servizos varios, conservación e reparacións das instalacións e material, así como o control da recepción, implantación e funcionamento dos medios materiais da Administración de xustiza.

f) A recepción e trámite das comunicacións e solicitudes dos órganos xudiciais, fiscalías, oficinas xudiciais e servizos da Administración de xustiza sobre necesidades de medios.

Segundo.-Avogabilidade.

A delegación de competencias efectuada pola presente resolución enténdense sen prexuízo de que, en calquera momento, a Dirección Xeral de Xustiza poida avogar para si o coñecemento e resolución de cantos asuntos comprendidos nestas considere oportunos.

Terceiro.-Control de delegacións.

A Dirección Xeral de Xustiza poderá solicitar dos órganos delegados a remisión periódica dunha relación dos actos que diten no exercicio das atribucións delegadas.

Cuarto.-Efectos.

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, agás a delegación de funcións de habilitación do persoal ao servizo da Administración de xustiza que terá efectos a partir do 1 de marzo de 2006.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2006.

Santiago Antonio Roura Gómez

Director xeral de Xustiza