DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 08 de febreiro de 2006 Páx. 1.865

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 26 de xaneiro de 2006 pola que se regulan os carnés de acreditación da inspección en materia agroalimentaria.

O 11 de marzo de 2005 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, que dedica o artigo 54 ao persoal inspector, incluíndo tamén na regulación o persoal dos consellos reguladores das denominacións xeográficas que realice funcións de inspección e control e facultando o conselleiro competente en materia de agricultura para regular o sistema de acreditación deles.

Pola súa banda, a Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, recolle no seu artigo 50 as competencias do persoal ao servizo das administracións públicas que exerzan as funcións de inspección e control previstas na citada lei.

Tamén a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, dedica o seu artigo 78 ao persoal inspector, así como á habilitación temporal e non definitiva, para situacións de grave risco sanitario, do persoal ao seu servizo que non teña a condición de funcionario para a realización de funcións inspectoras.

Así, en virtude da competencia que o artigo 34.6º, da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, relativa ao exercicio polo conselleiro da potestade regulamentaria nas materias propias da súa consellería, coa presente orde preténdese desenvolver as citadas normas regulando a forma de acreditación do persoal que realiza funcións de inspección en materia de defensa contra fraudes e da calidade alimentaria e de sanidade e produción vexetal e animal.

Á vista do anterior, procede regular nesta orde os carnés de acreditación da inspección en materia de defensa contra fraudes e da calidade alimentaria, de sanidade e produción vexetal e animal, e os de habilitación e acreditación do persoal que realiza funcións de inspección e control nas denominacións xeográficas de calidade.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a regulación dos carnés de acreditación do persoal que realiza funcións de

inspección en materia agroalimentaria que comprende a defensa contra fraudes e da calidade alimentaria e da sanidade e produción vexetal e animal, como medio de identificación nas actuacións inspectoras.

Así mesmo, é obxecto desta orde a habilitación e acreditación do persoal que realiza funcións de inspección e control nas denominacións xeográficas de calidade, tuteladas por esta consellería, e a habilitación e acreditación temporal para a realización de funcións inspectoras en situacións de grave risco sanitario.

Artigo 2º.-Ámbito.

Esta orde será de aplicación a:

-Persoal inspector que con esa consideración conste na relación de postos de traballo da consellería competente en materia de agricultura.

-Funcionarios da antedita consellería que desenvolven funcións de inspección.

-Demais persoal ao servizo da Administración autonómica debidamente habilitado.

-Persoal dos consellos reguladores que realice funcións de inspección e control.

Artigo 3º.-Acreditación da inspección.

1. A acreditación do persoal que realiza funcións de inspección farase mediante carné que será expedido polo director xeral competente na materia. A dirección xeral con funcións en materia de inspección e control levará un rexistro da inspección no cal se inscribirán as persoas que realizan as anteditas funcións e no cal se anotarán as altas e baixas.

2. O formato e o contido dos carnés para o persoal inspector en materia de defensa contra fraudes e da calidade alimentaria, de sanidade e produción animal e de sanidade e produción vexetal, serán, respectivamente, os recollidos nos anexos I, II e III desta orde.

Artigo 4º.-Habilitación de persoal.

1. A habilitación como inspectores do persoal da consellería para situacións excepcionais farase mediante autorización expedida polo director xeral competente na materia, para o período de tempo en que se estime a duración da situación excepcional, e poderanse renovar mentres persistan tales circunstancias.

2. O formato e o contido dos carnés dos habilitados en materia de defensa contra fraudes e da calidade alimentaria e de sanidade e produción animal e do persoal habilitado dos consellos reguladores serán,

respectivamente, os recollidos nos anexos IV, V e VI desta orde.

3. As anteditas habilitacións constarán nunha sección específica do rexistro de inspección da dirección xeral que corresponda.

Artigo 5º.-Utilización dos carnés.

1. Os carnés serán documentos persoais e intransferibles.

2. Os carnés do persoal que realiza funcións de inspección en materia de defensa contra fraudes e da calidade alimentaria, e de sanidade e produción vexetal e animal, serán de duración ilimitada, en canto realicen funcións de inspección. Soamente se renovarán en caso de deterioración, extravío, perda ou roubo, após a correspondente denuncia do persoal posuidor.

3. Os carnés correspondentes ao persoal dos consellos reguladores con funcións de inspección e control ou o persoal habilitado de forma temporal para o exercicio de funcións inspectoras nos distintos ámbitos de actuación desta consellería terán duración limitada que se recollerá no documento, e renovaranse, ademais de polos mesmos motivos sinalados no parágrafo anterior, cando se produza a súa caducidade.

4. No acto dunha inspección, os titulares dos carnés deberán mostralos, xunto co de identidade ou, de ser o caso, o de funcionario, se así llo solicitase o titular ou o encargado da instalación ou explotación inspeccionada.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto na presente orde e, en particular, a Orde do 1 de outubro de 1998 pola que se crean os carnés de inspectores de sanidade e produción vexetal, sanidade e produción animal e do servizo de defensa da calidade agroalimentaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral competente en materia de calidade alimentaria e de produción e sanidade animal e vexetal para ditar as resolucións, instrucións e directrices que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA