DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 02 de febreiro de 2006 Páx. 1.603

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de xaneiro de 2006 pola que se modifica a do 19 de novembro de 2003, pola que se fai pública a composición do Consello Social da Universidade de Vigo.

Pola Orde do 19 de novembro de 2003 (Diario Oficial de Galicia do 24 de novembro) fíxose pública a composición inicial do Consello Social da Universidade de Vigo.

De acordo co artigo 10.1º b) da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, os membros dos consellos sociais cesarán por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento.

A renuncia deberá presentárselles por escrito á autoridade, entidade ou institución designante e ao presidente do consello social, quen lla comunicará á consellería competente en materia universitaria, e publicarase no Diario Oficial de Galicia, data desde a que producirá efectos.

Segundo o artigo 10.2º da dita Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, as vacantes deberán cubrirse pola autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de 3 meses. En todo caso, o membro substituto entenderase nomeado polo período que reste do anterior mandato.

O artigo 7.3º da devandita lei regula a representación dos intereses sociais no Consello Social e na letra f) establece que serán membros do consello un membro designado polas corporacións dos concellos nos que se localizan os campus.

De acordo co artigo 7.4º da citada Lei 1/2003, os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados ao conselleiro competente en materia universitaria, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

O 6 de setembro de 2005 Guillermo Antonio Meijón Couselo comunica ao alcalde do Concello de Pontevedra a súa renuncia á condición de concelleiro.

O Concello de Pontevedra, por escrito que tivo entrada na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o 3 de novembro de 2005, achegou acordo de designación de José Antonio García Lores como representante no Consello Social da Universidade de Vigo, como consecuencia do cesamento por renuncia da súa condición de concelleiro de Guillermo Antonio Meijón Couselo, que tiña ese mesmo cargo.

O 23 de decembro de 2005 o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo achega acordo polo que o Concello de Pontevedra nomea a José Antonio García Lores como representante no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución de Guillermo Antonio Meijón Couselo.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Nomear a José Antonio García Lores como representante designado pola corporación local do Concello de Pontevedra, no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución de Guillermo Antonio Meijón Couselo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria