DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 31 de xaneiro de 2006 Páx. 1.527

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2006 pola que se convoca un curso de monitores de tiro para o plan anual de tiro.

Dentro das actividades programadas para o ano 2006, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a realización dun curso de monitores de tiro para o plan anual de tiro, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Adquirir os coñecementos que lles permitan:

a) Controlar adecuadamente o estado, uso e mantemento das armas de dotación de cada cadro de persoal.

b) Establecer os programas das correspondentes prácticas de tiro do seu concello.

c) Intervir na adquisición de munición para a realización das prácticas de tiro do seu concello.

d) Levar o control de realización individualizada das prácticas de tiro programadas polo concello, mediante o correspondente caderno persoal de tiro.

-Determinar as técnicas de manexo e control dos alumnos-tiradores, para que lles permitan actuar como apoio ou auxilio do instrutor das prácticas de tiro que, se é o caso, se realizase no Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

Destinatarios.

1. Persoal funcionario da policía local que cumpra os requisitos dos puntos seguintes, que pertenza a

concellos con 15 ou máis policías no seu cadro de persoal, e que carezan dunha figura semellante nel.

2. O concello que precise dun monitor de tiro designará directamente un membro do corpo de policía local, quen deberá cubrir a instancia para o efecto, que asinará o concelleiro delegado ou xefe do cadro de persoal, no correspondente punto 3 do anexo da solicitude. Os así nomeados estarán exentos da obriga de participar na selección previa de acceso ao curso.

3. O persoal que actualmente estea realizando funcións de mantemento do armamento ou de dirección das prácticas de tiro naqueles concellos que o precisaran, ou que o pretendan facer no futuro, poderá solicitar a súa participación nas probas de selección previas ao comezo do curso, achegando a instancia do anexo, que neste caso non precisa ser cuberta no seu punto 3º.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é de 10: 5 para os destinatarios do número 2 do punto anterior e 5 para os destinatarios do número 3 do punto anterior. Non obstante, convocarase a estes últimos solicitantes para facer unha proba de aptitude inmediatamente antes do comezo do curso, que permita seleccionar os aspirantes de xeito adecuado.

No caso de non cubrirse as 5 prazas reservadas para a designación directa, as prazas sobrantes incrementaran o número das que se ofertan no punto 3.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, de acordo coas indicacións explicitadas anteriormente.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 22 de febreiro de 2006, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse ao Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia; avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Lista de admitidos ao proceso de selección.

O día 23 de febreiro farase pública a lista daqueles solicitantes mencionados no punto 3 da epígrafe «destinatarios», que teñan que superar unha proba teórico-práctica relacionada coa materia do curso, para poder acceder a el.

Tamén se fará pública a relación dos alumnos seleccionados directamente polos concellos.

Data e hora do proceso de selección.

Os admitidos ás probas do proceso de selección deberán presentarse ás 10.00 horas do día 27 de febreiro na aula nº 3 do Cexesga.

Relación definitiva de admitidos.

Unha vez concluídas as probas teórico-prácticas deste proceso, ás 13.00 horas do día 27 de febreiro, comunicaráselles aos alumnos se están ou non admitidos para participar no curso.

Datas e horario.

O curso desenvolverase en datas do 27 de febreiro ao 24 de marzo, en dúas fases: unha a distancia e outra presencial, coa seguinte temporalización:

a) Fase de distancia: aos alumnos designados directamente polos seus concellos e aqueles que superen o proceso de selección previo, entregaráselles documentación e material para o alumno na fase de distancia, polo que deben presentarse para estes efectos na aula nº 3 do Cexesga ás 16.00 horas do día 27 de febreiro.

b) Fase de presencia: todos os alumnos, rematada a fase de distancia, deberán superar un exame teórico, que terá lugar o día 15 de marzo ás 12.00 horas no Cexesga.

Nesta fase de tipo eminentemente práctica, os alumnos deberán aprender e dominar técnicas básicas de manexo de liñas de tiro e de monitorización de tiradores.

Lugar.

Sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sita na avda. da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as correspondentes probas.

O máximo permitido de faltas de asistencia ao curso é dun 10% das horas presenciais, e sempre que se acrediten documentalmente as causas.

Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 23 de xaneiro de 2006.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia