DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 31 de xaneiro de 2006 Páx. 1.526

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2006 pola que se convocan as bases do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro dos programas de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2006, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, de creación do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a convocatoria das bases do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas, que deberá desenvolverse conforme as seguintes condicións:

Obxectivos.

-Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 34.4º do Decreto 204/2000, de destreza no manexo das armas regulamentarias.

-Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

-Controlar a práctica anual e regulamentaria de cada membro do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

-Establecer distintos niveis para categorías de tirador segundo a seguridade e habilidade que amosen no manexo das armas.

Destinatarios.

Dirixido aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 34.4º do Decreto 204/2000, relativo a lograr a destreza e seguridade necesarias no manexo das armas regulamentarias para os membros dos corpos da policía local.

Para tal fin, a Dirección Xeral do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia establece un plan anual de adestramento, en que se inclúe unha práctica cuadrimestral para o persoal de cada un dos concellos interesados.

Solicitudes.

Os concellos interesados deberán remitir o anexo que se xunta ao Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, avenida da Cultura, s/n, A Estrada, ou ben poden entregalo en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Este anexo estará asinado polo alcalde, concelleiro ou xefe de persoal, se é o caso.

Unha vez recibidas no Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia as solicitudes dos concellos, establecerase unha quenda ou programa cuadrimestral para que cada concello escolla a data e a hora que mellor se acomode á disposición do servizo do seu corpo de policía local.

Ademais, todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Medios.

Para o desenvolvemento da actividade, os alumnos deberán traer cada un a súa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia nomeará os profesores e instrutores necesarios.

Calendario anual.

Cada ano establecerase un calendario e un plan de prácticas por cuadrimestre, que no caso actual queda como segue:

1º cuadrimestre: meses de marzo e abril (do 13 de marzo ao 12 de abril).

2º cuadrimestre: mes de xuño.

3º cuadrimestre: mes de outubro.

Determinación da data das prácticas.

Unha vez efectuados os axustes necesarios para as prácticas dos concellos que o soliciten, e notificados disto os concellos, estes deberán comunicar coa antelación suficiente a relación nominal dos participantes en cada práctica, sinalando o día e a hora desta.

Control e cartilla de tiro.

Por outra banda, o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia efectuará un control das prácticas que desenvolva cada concello, sen que poida efectuar cada policía máis dunha por cuadrimestre. Para estes efectos, ben o xefe de policía, ou persoa en quen este delegue, levará o mesmo tipo de control.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis a que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Lugar.

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sito na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 23 de xaneiro de 2006.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia