DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2006 Páx. 1.422

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2006 pola que se convocan vinte cursos básicos de protección civil.

Dentro do programa de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2006, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, de creación do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a celebración de 20 cursos básicos de protección civil que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o persoal voluntario de protección civil dos coñecementos teórico-prácticos mínimos e xerais para o correcto desenvolvemento das súas actividades.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso é de 30.

2. Duración e datas: os cursos terán lugar durante o primeiro cuadrimestre do ano 2006 e cunha duración de 20 horas lectivas, en datas que se confirmarán coa suficiente antelación ao seu inicio.

3. Lugar: determinarase en función da localización das solicitudes recibidas.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 24 de febreiro de 2006.

4. As instancias deberán estar asinadas polo presidente da agrupación e co selo desta, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas por orde de preferencia. Isto será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia: avenida da Cultura, s/n, 36680

A Estrada, ao fax nº 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

O curso básico de protección civil está dividido en varios módulos, que abarca os seguintes contidos:

Módulo I: a protección civil.

Módulo II: os riscos, accidentes e autoprotección.

Módulo III: loita contra os incendios.

Módulo IV: comunicacións.

Módulo V: actuacións básicas ante emerxencias médicas.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 16 de xaneiro de 2006.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia